VERBAS

Por Espiñeira

CAN

O nome xenérico do mellor amigo do home procede do latín canis, -is. Do home e da muller. Xenericamente, falando do can e máis da cadela. Disque pode provir o animal do canis lupus, o lobo. E a loba. Lupus é tamén o nome dunha enfermidade autoinmune que pode afectar tecidos e mucosas e que se manifesta pola inflamación do nariz e meixelas de quen a padece. Esta doenza causa nos rostros unhas feridas que os deixa como rabuñados por un lobo, lupus. Principalmente nas mulleres, nove veces máis propensos cós homes a padeceren lupus.

O primeiro termo deste canis lupus deixou descendencia en moitas linguas romances: no italiano cane, no francés chien, no provenzal ca, no portugués cão, ou no romanés câne. O español substituiu a forma can por perro, unha voz de orixe onomatopeica que foi empregada primeiro para chamar polos cans, e polas cadelas, ou encirrar neles, e nelas, nun principio de xeito pexorativo e vulgar. Así e todo, non se constrúen perródromos senón canódromos e tampouco se adxectiva ningún dente como perrino senón canino. Emprégase asemade o xenérico cánido para toda a familia de mamíferos carnívoros na que se inclúen lobos coiotes, raposos, chacais cans e outros máis; cánidos todos, non pérridos.

Cans atopámolos ata no ceo. E non se trata de crenzas relixiosas nin de extravagantes personificacións destes animais, simplemente é astronomía. Existe unha constelación chamada Can Maior que contén, entre outras moitas, a estrela Sirio, a máis brillante despois do sol. E, loxicamente, se hai unha Maior é porque hai outra, a constelación do Can Menor. A que se debe esa denominación? Pois a que as dúas simbolizan cans a correr detrás de Orión, o cazador. Na época clásica, representábase a Canis Major coa forma do Cerbero, o can de tres cabezas que conforme a mitoloxía grega gardaba as portas do Hades, o inferno. Derivado dese nome estelar de can temos hoxe canícula, o período do ano no que Sirio -isto é, canícula- se acha en conxunción co sol.

E o canario provén de can? Pois non, pero si, ou viceversa. O paxaro que ten por nome científico serinus canario e que se adoita criar pola súa beleza e polo seu canto faise merecente do xentilicio canario porque ten nas illas Canarias a súa xénese e berce principal. Agora ben, isto remítenos ao propio nome das illas. Dende Plinio tense relacionado o topónimo co nome do can e esta hipótese, aínda que rifa con outra que asenta a orixe de Canarias na etnia canarii do Norte de África, se non é vera é ben trovata e chegou a corporeizarse mesmo no escudo oficial das Illas Canarias. Segundo a propia descrición que fai o Estatuto das Illas Canarias: “en campo de azur trae siete islas de plata bien ordenadas, dos, dos, dos y una esta última en punta. Como timbre una corona real de oro, surmontada de una cinta de plata con el lema «Océano» de sable y como soportes dos canes en su color encollarados". Repárese no cultismo “canes” tan nobre e acaído na fachendosa prosa heráldica.

É ben sorprendente os encerellamentos que fan as palabras ao cruzárense entre si. Unhas lévannos cara outras sen solución de continuidade, pero, ollo, ás veces establécense falsas relacións. Canarias, como queda dito, pode vir de can, aínda que esa derivación non sexa directa nin segura. E caniche, vén de can? O caniche é un dos considerados cans acuáticos porque resulta moi axeitado para meter na auga a cobrar presas de caza como os parrulos. Esta calidade queda ben enunciada no idioma francés, de onde provén o nome da raza, caniche. Agora ben, lembremos que can dise en francés chien. Daquela, entre can e caniche non hai ningunha relación léxica ou lóxica, por máis que o pareza. Caniche é en francés diminutivo de cane ‘parrula, femia do parrulo’, emparentada con canard. Con este significado de caniche tamén din en francés chien canard, isto é, ‘can parrulo’. O enganosas que son as apariencias.

Pouco se pode ilustrar nestas páxinas acerca do dogging, por se chegaren ás mans dalgún cativo lector, pero si que resulta curiosa a rápida adaptación que se fixo do anglicismo dogging no termo romance cancaneo. Atribúeselles aos ingleses a invención desta sorte de práctica orxiástica en lugares públicos. Pero cancaneo e dogging en por si seica non refiren nada acerca da relación sexual, senón que tan só aluden á escusa máis socorrida que dan os que se atopan sorprendidos ao merodearen in situ: eu só andaba a pasear o meu can, ou a miña cadela. Que canalla!

Can

Can


Verba seguinte: CAPELA // Verba anterior: CADEIRA // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com