VERBAS

Por Espiñeira

BO

O bo é bo en calquera parte, ou iso é o que di a sabedoría popular. Pero o que para nós é bo vai ser bom en portugués (máis explosivo), e tamén é bo para os cataláns, mais os vascos e as vascas din que é on (sexan de hare krisna ou non), para os franceses é bon e tamén é bon para os alemáns. E Bonn? Non. Segundo parece, o nome da cidade alemá onde tivo berce Beethoven, Bonn, ten orixe nun celta bonna que tan só significa ‘cidade’.

Se queremos referirnos a algo aínda mellor que bo, temos moitos procedementos lingüísticos para expresarmos ese grao superlativo da calidade, desde boísimo ata óptimo, pasando por ben bo, ou o máis urbanita hippiechic superbo, ou o de toda a vida máis bo có pan (de cando o pan era bo) ou mesmo bo bo (non confundir con bobo). Os franceses tamén empregan esta mesma reduplicación enfática de bo e do seu superlativo bonbon ‘máis ca bo’ fannos saborear o máis bo có pan, bo bo, o bombón.

Ben preto do bo anda o belo. Todo o que é bo é belo? E viceversa? Todo o belo é bo? Pois na orixe, en termos lingüísticos, seica si. Belo parece vir dun diminutivo de bonus -latín das aseguradoras- do diminutivo benus. Falando axiña, de benus a belus hai un paso, pero houbo que dalo. Por esa vía chegou o noso belo, e copiáronnolo os portugueses, os cataláns din bell, bello din en italiano, bel en provenzal e mesmo no inglés ten algún uso a forma belle. Desta xorde outra, beladona, que orixinalmente procede do italiano belladona ‘planta velenosa e, por extensión, a droga que se extrae dela’.

Na Francia despois da primeira guerra mundial falaban con nostalxia da “Belle Époque”, o tempo de paz que gozaron dende 1890 a 1914. A nostalxia dun tempo pasado que daquela si que fora mellor, bo e belo.

Con base no significante ben hai unha chea de termos derivados, moitos e de formación bastante transparente. Bendicir, bento (como o do Mesón) ‘bendito’, benfeitor ‘que fai o ben’, beneficiencia, beneficio ‘ben que se fai ou recibe’, benéfico, benevolente, benigno e outros. Tamén como derivados de bonus, bo, temos abonar e, a través do francés, bono como ‘vale ou débeda’. Todos estes termos teñen un significado e unha formación doados de explicar a partir de ben. O que xa non resulta doado de explicar nin entender é que para chamar á cuñada en francés se diga belle-soeur!

Carrasco

As inflorescencias do carrasco son antidiarreicas e moi boas contra as afeccións renais e das vías urinarias


Verba seguinte: CADEIRA // Verba anterior: ARTIGO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com