ogalego.eu
Xesús Constela, amigo de ogalego.eu
As almas escravas, Eduardo Pondal
Do mar pola orela, Curros Enríquez
qr
Foto: Xesús Constela, escritor galego, amigo de ogalego.eu

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

O testamento do bardo

Sepultade piadosos
o bardo dos gaélicos destinos,
baixo os dereitos troncos rumorosos
de esvelto grupo de soantes pinos,
nos eidos saudosos
que habitaron os celtas brigantinos.
Que diga o camiñante
que alí dirixe os pasos pelegrinos:
"Este cantou con voz harmoniosa
de Breogán a raza xenerosa".

EDUARDO PONDAL


COMENTARIO MORFO-SINTÁCTICO

Este é un texto pertencente á poesía cívica de Eduardo Pondal, no que desenvolve o motivo do bardismo, tan constante en toda a súa obra. Non está incluído en ningunha edición de Queixumes dos pinos, senón que é unha poesía solta; parece ser variante de outra publicada no libro antes citado, mais non podemos afirmalo con seguridade.
Expón a petición do bardo de ser soterrado baixo os piñeiros, para que alí o poidan visitar as xentes; polo tanto podemos dicir que o tema, como case toda a obra cívica de Pondal, reflicte a súa concepción do poeta como bardo: dirixente do pobo cara a súa liberación, que aínda despois de morto guiará os pasos das multitudes e se converterá nun novo apóstolo, guieiro dos seus destinos.
Estamos ante un pequeno poema de dúas estrofas desiguais cada unha das cales conforma unha parte temática:
- na 1ª o propio poeta (aínda que utilizando a 3ª persoa) formula un desexo dirixido ao futuro
- na 2ª explica cal é a finalidade dese desexo; e esta á súa vez podemos dividila en dúas subpartes, atendendo ao suxeito-falante e ao estilo empregado.
O poema está enmarcado nun futuro, que non aparece expresado como tal futuro gramatical, senón como imperativo e presente de subxuntivo, o que recalca aínda máis o matiz de petición, de desexo do que xa falabamos antes: non nos presenta como algo real o que vai suceder á súa morte, senón como algo que quere que suceda. Dentro deste marco xeral, futuro, achamos dous pasados, que nos sitúan en tempos diferentes:
- o pasado remoto e mítico da Galiza: habitaron -tan constante en Pondal-
- un pasado con respecto a ese futuro desexado -pero que segue a ser futuro con respecto ao mo­mento do poema-: o que dirán os que visiten o seu sartego.
Ese desexo persoal non aparece -como agardaríamos- transmitido en 1ª persoa, desde o eu. De acordo coa actitude aristocrática do poeta Pondal, que se considera superior ao pobo, ao que debe guiar, hai un sentimento distanciador da propia personalidade, e refírese a si mesmo en 3ª persoa:  o bardo, situando a súa tumba nunha distancia inconcreta alí; mais ao mesmo tempo hai unha aproximación ao ouvinte, ao que se dirixe directamente mediante o imperativo inicial sepultade. Nos dous versos finais, nunha actitude de falsa modestia (o poema non é máis que unha auto-loanza) o poeta cede a palabra ao "pobo" en peregrinación para que sexa este o que o enxalce directamente, e non o mesmo autor.
Acorde tamén con esa actitude de superioridade está o ritmo, lento, morosamente lento (por dicilo de xeito redundante e lento) na súa 1ª parte, cobrando unha relativa rapidez na 2ª. Se nos fixamos nas categorías gramaticais predominantes, vemos que na primeira hai unicamente dous verbos (polo tanto a acción será escasa) e sete substantivos, polo que poderíamos pensar nun certo dinamismo, un interese pola esencia das cousas, mais este efecto queda contrarrestado pola abundancia de adxectivos ou construcións equivalentes: oito adxectivos, tres complementos determinativos (preposición de + substantivo) e unha oración de relativo. Ningún substantivo queda sen cualificar, nun caso mesmo se acumulan dous adxectivos, e noutro temos un adxectivo sen substantivo, e esta morosidade descritiva, este desexo de cualificar, especificar sempre a "esencia", é o que lle dá a lentitude ao texto; que ademais en moitos casos son verdadeiros epítetos, polo menos no universo de Pondal, polo tanto non son imprescindíbeis, intensifican o significado do substantivo, ao que sempre se refiren na obra deste autor, chegando mesmo, en moitas ocasións, a substituílo:
PINOS = RUMOROSOS
VOZ = HARMONIOSA
RAZA = XENEROSA

Na segunda parte, o ritmo axilízase algo, dentro da morosidade predominante: temos tres verbos para menos versos (dentro do plano semántico poderíamos ver ademais que un é de movemento: DIRIXA, así como outras palabras: CAMIÑANTE, PASOS), cinco substantivos (dos que un non está modificado, porque é nome propio) e menos adxectivos ou equivalentes, proporcionalmente: tres adxectivos, un complemento determinativo e unha oración de relativo.
Podemos tamén analizar esa morosidade empiricamente, facendo o resumo das dúas partes. A 1ª di unicamente sepultade o bardo baixo calquera piñeiro da Galiza, mentres que o argumento da 2ª sería máis extenso: para que os peregrinos vaian alí e loen o ben que el cantou a raza galega.
Fronte á cargazón adxectivadora, a estrutura sintáctica do poema é sinxela e bastante clara: un único núcleo principal do que depende todo o período, seguindo a orde lóxica:
verbo – suxeito (inversión normal por ser imperativa) - outros complementos.
A única complexidade que pode aparecer a 1ª vista radica precisamente na abundancia de adxacentes e modificadores, así como a dobre localización no espazo (baixo os...troncos/nos eidos), xustaposta e con preposicións diferentes; e por último o hipérbato (única ruptura da orde gramatical) do verso final, para realzar dúas palabras: por unha parte o adxectivo xenerosa, positivo, referido aos galegos (por quedar en posición de rima e ademais final de poema) e por outra o propio antropónimo deslocado, Breogán, con esa acentuación oxítona e a obriga de efectuar pausa a continuación.
Finalmente, poderíamos sinalar un desexo de xeneralización, de inconcreción, con respecto a dous elementos básicos do poema: o lugar de enterramento e a xente que alí o visite.
- No 1º caso conseguido mediante a ausencia do artigo (baixo os troncos de calquera grupo de piñeiros).
- No 2º, mediante a utilización dun singular por un plural: non é un camiñante (descoñecido), non é o camiñante (concreto e coñecido) senón todos os camiñantes.

Comentario morfo-sintáctico de ogalego.eu en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo

2005-2024