ogalego.eu
Xulio L. Valcárcel, amigo do ogalego.eu
O testamento do bardo, Eduardo Pondal

O Maio, Curros Enríquez

 

qr
Foto: Xulio López Valcárcel, escritor galego

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.

E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…

Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Manuel Curros Enríquez

Termos non normativos hoxe: orela (beiramar), frente (fronte), sola (soa), sin (sen), vade (ides)
Comesta: comida

Sartego de Rosalía

Comentario:

Este é un poema solto, incluído no volume III das Obras Completas publicadas no 1910, en Madrid; escrito no 1885 con motivo da morte de Rosalía de Castro, e talvez destinado a un futuro libro titulado Brétemas, que chegou a anunciarse mais que nunca se publicou. É unha poesía lírica, na que o autor dá renda solta aos seus sentimentos máis íntimos.
O tema poderíamos dicir que é "a angustia causada pola soidade".
No referente á estrutura podemos facer dúas divisións diferentes e non equivalentes, e este desaxuste estrutural xa nos dá unha pista do profundo desacougo interior do poeta. Por un lado, se atendemos á forma, vemos dúas partes simétricas e nas que se repiten as construcións paralelísticas; hai unha repetición reiterativa dos mesmos elementos formais. Por outro lado, atendendo ao significado, a división estrutural é diferente: as tres primeiras estrofas (o pasado) fronte á cuarta (o presente): as lembranzas fronte á situación actual.
Polo que se refire ao punto de vista, á actitude do autor, tal e como corresponde a un poema intimista utiliza a primeira persoa, alternando o pasado co presente: a lembranza da soidade e incomprensión de Rosalía en vida e a visión "presente" do seu enterro, co desacougo que isto produce nel.
Angustia e desacougo dominantes no texto e expresados como xa dixemos polo desaxuste estrutural, mais tamén polos suaves hipérbatos e sobre todo polas rupturas rítmicas producidas polos versos longos, e esta ruptura dáse tanto pola súa lonxitude e as exclamacións, que imprimen maior intensidade e subxectividade (fronte aos versos curtos moito máis descritivos e obxectivos), como polo cambio de ritmo acentual (2-5/1-4-7-9).
O ritmo do poema, bastante lento, de dor contida, vénnos dado pola acentuación uniforme (fóra desa ruptura da que acabamos de falar) e acentúase no estancamento que producen eses versos longos, pola abundancia de pausas (os encabalgamentos son moi suaves e case permiten facer pausa ao final dos versos), ademais moitas destas pausas son longas (á parte dos puntos, temos puntos suspensivos nun caso, e antes das exclamacións a pausa tamén ten que ser máis acentuada).
No plano morfo-sintáctico vemos a lentitude na construción paralelística, cargada de anáforas, e no plano semántico correspóndese coa ausencia de narración: non se nos conta practicamente nada, hai case exclusivamente exteriorización dun sentimento. Ao ser un berro de dor, que xorde espontáneo, o que interesa é a esencia, o punto central que provoca esa dor, e por iso non hai practicamente ningún adxectivo no texto.
Vaiamos agora desentrañando o poema verso a verso:
Comeza cunha 1ª estrofa de caracterización positiva da poetisa, non hai aquí ningún elemento negativo: ela paseaba á beira do mar, sitúaa polo tanto nun dos escenarios preferidos de Rosalía (lembremos a súa saudade en Castela, e o desexo, que se viu cumprido, de pasar os últimos anos da súa vida na casa natal, para poder morrer contemplando o mar); talvez por esta situación debamos pensar xa en algo negativo, pois cando ela puido vir para a Galiza, viña xa enferma, pero estas son connotacións extratextuais; dentro do texto, repetimos unha vez máis, non hai aínda nada negativo.
No 3º e 4º versos, totalmente paralelísticos na forma e concentrados de emoción (sen verbos, e cos acentos nos catro substantivos), descríbenos, metaforicamente, as principais características da protagonista, que en realidade se funden nunha soa: a predestinación para a poesía; a estrela na fronte é a marca dos elixidos, o que a coloca por riba do conxunto da humanidade e esa elección divina é para interpretar, mediante a poesía, os sentimentos humanos.
Na 2ª estrofa vemos xa a presenza de elementos negativos (soa, noite sen fin, pobre da tola). Aquí imos ver fundidas varias perspectivas de visión sobre a protagonista: por unha parte a soidade, a saudade intrínseca da poetisa, a súa angustia vital, que a caracterizou (soa, no universo negativo representado pola noite sen fin); por outra, a incomprensión das xentes, que acentúa esa soidade (tola); e tamén a comuñón do poeta con Rosalía, a simpatía cara ela por identificación: caracterízaa mediante o adxectivo tola, negativo para todo o mundo, mais non para el, que o cualifica (utilizando ademais unha construción intensificativa) con esoutro adxectivo cariñoso de POBRE DA TOLA (e notemos ademais que é case o único adxectivo do poema). A identificación de Curros con Rosalía está claramente expresada nos versos 3 e 4 desta estrofa: sentiuna tan soa que el se puxo a rezar por ela, e iso que tamén el está na mesma situación; ou sexa, precisamente porque está na mesma situación, porque a entende e se identifica con ela. A angustia que esa soidade compartida produce nel, á parte de vir indicada polas exclamacións e o cambio de acentos rítmicos, tamén a podemos ver no feito de que o leve a "rezar": el, anticlerical convencido, excomungado e procesado poucos anos antes, séntese nunha situación tan límite que se pon a rezar!
Na 3ª estrofa clarifica máis a oposición entre a poetisa e os que non a entenden, que xa aparecía expresada no tola da anterior. Temos outra volta a elixida "a musa dos pobos", pero insistentemente (e esa insistencia vén marcada pola anáfora) atacada polos demais: comesta dos lobos (eses ataques aos que ela fai referencia cando fala das vicisitudes da muller escritora, eses ataques dirixidos pola Pardo Bazán e anos despois recollidos polo mesmo Curros en O Divino Sainete,...).
E neste momento de grande tristeza ante a incomprensión cara Rosalía interrómpese o fío das lembranzas do autor (os puntos suspensivos) para volver bruscamente a unha aínda máis crúa realidade: ela, a predestinada, morreu.
E novamente se produce a fusión dos males da poetisa cos do autor, tamén incomprendido coma ela; e novamente se expresa cunha ruptura de ritmo, paralelismo evidente e reforzo admirativo.
Como conclusión poderíamos dicir que nos achamos ante un poema intimista, profundo, no que o poeta se identifica cos males da protagonista (de aí a maior angustia), dunha grande beleza e musicalidade, que resoa nesa rima consoante na que alterna graves con agudas e ta´mén reforzada co hiperbato dos dous primeiros versos.
O autor consegue transmitirnos a súa angustiosa dor, apoiándose fundamentalmente en dous recursos populares (paralelismo e anáfora), pero ao mesmo tempo dálle unha elaboración culta, sobre todo nos elementos métricos: rima consoante, cambio de ritmo acentual e desaxuste entre estrutura formal e estrutura semántica, todo o cal nos fai percibir a nós, lectores, intuitivamente o seu desacougo interior.

(comentario en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo)

Escoitar unha versión musicada do poema por Carmen Penim

2005-2024