Poema comentado para alumnado de Literatura Galega ogalego.eu // ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados |
PENÉLOPE
UN PASO adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol como unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!
Nimbos, Xosé María Díaz Castro, 1961
(subliñadas as estruturas bimembres, pendulares)
PENÉLOPE
UN PASO adiante e outro atrás, Galiza, paso: os avances sociais. Metáfora
e a tea dos teus sonos non se move. tea dos...: as aspiracións da terra. Tea: a de Penélope
A esperanza nos teus ollos se esperguiza. Prosepopea
Aran os bois e chove. sempre chovendo, como acontece no país
Un bruar de navíos moi lonxanos bruar de navíos: emigración. Metonimia
che estrolla o sono mol como unha uva.
Pero ti envólveste en sabas de mil anos, sabas de: adormecemento colectivo
e en sonos volves a escoitar a chuva. de novo referencia á choiva, monotonía
Traguerán os camiños algún día acabará a emigración
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!, os sucos que vai facendo o arado tirado polos bois
e toda a cousa ha de pagar seu desmo. prosepopea: as cousas pagando impostos
Desorballando os prados coma sono, tempo lento
o Tempo vai de Parga a Pastoriza. localidades próximas a Lugo
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante e outro atrás, Galiza!. repetido o 1º verso, estrutura pechada. Elipse verbal.
O xénero do poema é lírico. O mito que dá título ao texto é o de Penélope, esposa de Ulises, que, tal como conta a Odisea de Homero, agarda pacentemente o retorno de Ulises tecendo de día o que destece de noite. Igualmente, a Galicia do poema espera pacentemente ver cumpridos os seus soños, pero o pouco que adianta é frustrado por un novo atraso. Galicia é, pois, Penélope (Claudio Rodrígeuz Fer comenta o poema en Comentário de textos literários, Ed. Alhena, 1996.
Construído sobre un mitoloxema de Penélope (a eterna e infecunda agarda) –xa marcado no título- a dorida e dramática representación que nos dá de Galicia, patria estantía, asolagada, namentres o Tempo –baleiro- vai e vén sobre ela -(Diccionario metodolóxico de análise literaria I, Arcadio López Casanova, Galaxia, 2001)
O tema é a esperanza frustrada de Galicia, sempre inmobilizada por un falso dinamismo de carácter pendular. A frustración histórica da sociedade galega.
Subtemas:
* a esperanza: se espreguiza, algún día, Deus é o mesmo.
* a intrahistoria do pobo: aran os bois e chove, sabas de mil anos, escoitar a chuva, suco vai, suco vén, desorballando os prados. Dominada polo inmobilismo: dos teus sonos non se move.
* a emigración: bruar de navíos, a xente que levaron.
Forma. Hendecasílabos polirrítmicos, menos o 4º que é heptasílabo.
Rima consoante abrazada de catro versos. Repítese a do 1º par no último. Menos a 1ª todas as estrofas son serventesios.
-Estruturas bimembres que recalcan o movemento pendular, o vaivén, o péndulo
-O campo semántico predominante é o do medio rural de: Galicia: Parga e Pastoriza
-O tempo: chove, chuva, desorballando (o típico da terra)
Estrutura interna:
Parece rexerse internamente por un principio pendular, dado o carácter alterno dos recursos fónicos, do vaivén bimembre das recorrencias gramaticais e da oscilación semántica entre a esperanza e a frustración, en consonancia co tema central, que é precisamente o da frustración histórica da sociedade galega e da súa inútil espera permanente.
Estrutura externa:
Adopta unha disposición externa de tipo circular, xa que comeza e termina coas mesmas palabras, que amurallan o resto do poema coma un couto inmobilizador, represantativo dun falso dinamismo que, en realidade, non significa avance ningún (Arte literaria. Catálogo, descricións e teoría. Claudio Rodríguez Fer, Xerais, 1991)
Homoloxía estrutural: presenta unha esctructura externamente circular e internamente rexida por un principio pendular homóloga á evolución histórica da sociedade galega, coutada polo inmobilismo e abaneada pola esperanza das posibilidades de desenvolvemento e a frustración da súa incapacidade para modernizarse.
Armando Requeixo en Criticalia:
Se hai un territorio emblemático na poética de Díaz Castro ese é o que vai de Parga ata A Pastoriza, espazos ambos os dous que, xunto ao etnotopónimo Galiza, figuran no máis célebre dos poemas do autor: “Penélope”.
No derradeiro dos serventesios hendecasílabos da composición é onde figuran Parga —que non é outra que a localidade de San Salvador de Parga— e mais A Pastoriza. E é respecto desta última onde ten xurdido certa confusión interpretativa que convén aclarar.
A Pastoriza é un haxiotopónimo que, como xa explicou algún estudoso diazcastriano (velaí, poño por caso, os traballos de Xaquín Campo Freire) non alude nin ao concello da Pastoriza norlugués nin a outras localizacións coruñesas con ese nome, senón ao santuario do San Alberte (así chamado por ser o seu padroeiro) ou da Pastoriza (tamén denominado deste xeito por celebrarse nel unha célebre romaría o primeiro domingo de agosto en honor á Divina Pastora).
A este santuario da Pastoriza ía de romeiro Díaz Castro cando rapaz, tamén de mozo e logo de adulto, tras a Guerra. Daquela, o Tempo que vai desorballando os prados coma sono percorre esa legua escasa para regresar á mandorla na que todo se envolve en sabas de mil anos, nun outono atemporal, un camiño que andan os ventos dando un paso adiante e outro atrás sempre ao carón de río Parga, guieiro fidel que á súa beira leva de San Salvador de Parga ata A Pastoriza, espazo matricial e orixe da escrita nimbada.
Xosé Lois Pereiro fíxolle unha homenaxe en 'Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995' (1995):
¿Que lle podo ofrecer a quen me intente
se son un fío solto da esperanza
tecida e destecida/ por Penélope?
Fermosa recreación audiovisual con música de Octavio Vázquez:
Claudio Rodríguez Fer escribiu un poema homenaxe a este anos despois, xa con outra perspectiva máis positiva:
Aquí pódese escoitar o recitado de Claudio Rodríguez Fer e mais a súa explicación:
2005-2022 |