ogalego.eu
Anxo Angueira
O medo, Celso Emilio Ferreiro
Penélope, Díaz Castro
qr
Foto: Anxo Angueira, profesor, escritor e máximo especialista en Rosalía de Castro

Poema comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

ROSALÍA DE CASTRO

Quíxente tanto, meniña

«Quíxente tanto, meniña,       
            tívenche tan grande amor,      
            que para min eras lúa,
            branca aurora e craro sol;       
            augua limpa en fresca fonte,  
            rosa do xardín de Dios,          
            alentiño do meu peito,           
            vida do meu corazón».           
            Así che falín un día    
            camiñiño de San Lois,            
            todo oprimido de angustia,    
            todo ardente de pasión,         
            mentras que ti me escoitabas  
            depinicando unha frol,           
            porque eu non vise os teus ollos         
            que refrexaban traiciós.          
            Dempois que si me dixeches,
            en proba de teu amor
            décheme un caraveliño           
            que gardín no corazón.           
            ¡Negro caravel maldito,         
            que me fireu de dolor!           
            Mais a pasar polo río,
            ¡o caravel afondou!...
            Tan bo camiño ti leves           
            como o caravel levou.    
        

É un romance de Rosalía de Castro, da súa primeira obra en galego "Cantares Gallegos". De acordo co contido deste libro, é unha composición sinxela, de resonancias populares, tanto pola métrica como polos recursos empregados, mais non exenta de elaboración poética. Responde tamén ao método de composición de todo o libro, ao figurar ao final dous versos populares, perfectamente integrados no texto, nos que se baseou a autora.
O tema é amoroso (como outros varios), e seguindo igualmente a tónica xeral da obra, a autora non se identifica co narrado: recorre a un protagonista masculino (para maior distanciamento) que será o que relate as súas propias penas.
O argumento é sinxelo, como sinxela é a forma: o narrador rememora unha declaración pasada, a aceptación e posterior traizón e o seu actual desexo de vinganza; e está estruturado en dúas partes, aínda que dentro da primeira hai unha subdivisión clara (1-8/9-l6). Todo dito cunha grande musicalidade fónica que lle vén dada polo predominio de consoantes sonoras e abundancia de nasais.
Como xa dixemos, a autora sitúase fóra do texto, polo que este, aínda que narrado en 1ª persoa, non responde á súa interioridade, senón á dunha personaxe inventada que se comunica cunha 2ª persoa, que tampouco corresponde (como é máis usual) ao destinatario do poema, ao ouvinte ou lector, senón que se trata dun destinatario interno, dentro do poema: a que foi meniña, moza dos seus soños.
Comeza a composición "in media res", no medio da acción, e a localización desa situación só nos será dada na segunda subparte.
Os oito primeiros versos van entre aspas, fannos pensar logo que son unhas palabras textuais que o protagonista pronunciou, pero máis adiante comprobaremos que non é exactamente así, e poderemos ver a sutil elaboración de Rosalía, que deste xeito nos dá xa pistas desde a primeira palabra sobre cal vai ser o desenlace do poema.
Despois destas consideración xerais, podemos comezar a analizar o poema verso a verso.
Os dous primeiros, de construción semiparalelística, son como un resumo de toda a 1ª subparte: expoñen directamente o grande amor do protagonista cara á meniña: o feito de estaren en pasado (=acabado) e que 3 dos 4 acentos recaian sobre i (vogal de timbre agudo) fai que nos soe como un berro desesperado e intenso, que contrasta coa placidez do imperfecto seguinte (=acción durativa) e a estampa idílica que presenta neses seis versos.
A acción queda totalmente estancada, estamos ante un cadro idílico de recreación, non hai verbos e practicamente temos aquí acumulados todos os adxectivos do poema. É a idealización da amada, e para iso válese de símiles cos máis fermosos (e  ao mesmo tempo tópicos) elementos da natureza, acumulándoos e enlazándoos coa axuda de numerosas figuras retóricas que intensifican o significado supremo que para el tiña a moza: comeza identificándoa -mediante unha gradación ascendente- coa luz (gradación que pode querer plasmar o progresivo aumento do amor: desde a pálida lúa ate o sol, fonte de calor e vida); a esa gradación hai que lle engadir primeiro a ausencia de adxectivos e logo a construción paralelística, intensificativa de adxectivo + substantivo (“branca aurora e claro sol”), con esa anteposición subxectiva que expresa os seus sentimentos: a brancura, a claridade, os símbolos de pureza da moza, que era o máis perfecto que el nunca vira.
Pero a intensificación poética de Rosalía continúa, acumulando de tal xeito os símbolos de pureza, que nos converten a moza en algo case sobrenatural: o verso 5 é un quiasmo pleonástico que insiste na limpeza, na frescura, e á súa vez garda -sempre co mesmo afán intensificador- un dobre xogo de quiasmo (branca aurora/auga limpa) e paralelismo (claro sol/fresca fonte) co verso anterior.
No 6º compáraa coa flor máis fermosa por excelencia, pero ademais non dun xardín calquera, senón co de Dios (e aquí aparece xa explícito o elemento sobrenatural do que antes falábamos), continuando coa ansia intensificadora por medio desa dobre construción substantivo + de + substantivo + de + substantivo (“rosa do xardín de Dios”) .
E acaba a descrición con dous versos paralelísticos, (máis estancamento, máis intensificación) que ademais son totalmente sinónimos, non engaden nada novo, e mesmo atendendo á concreción e abstracción son idénticos:
ABSTRACTO+DE+POSESIVO+CONCRETO
alentiño               peito
vida                corazón
Vemos pois como en toda esta 1ª subparte, case todos os substantivos (menos alentiño e vida) son concretos. Xoga así Rosalía a conseguir a idealización, a abstracción dos sentimentos, mediante cousas concretas, naturais e populares, que se entenden por todos, e non mediante conceptos abstractos de difícil comprensión.
Os oito versos seguintes, a 2ª subparte, constitúen, no decorrer lóxico, un momento anterior ao xa narrado: é a ambientación das palabras: o lugar (concreto), o tempo (indefinido), e a situación persoal de cada un.
Dicíamos ao comezo que aquelas non eran palabras textuais; agora temos a clave que nolo indica: "Así che falei un día" foi polo tanto unha declaración amorosa e loxicamente non se puido facer en pasado (quíxente, tívenche, eras). Se non son palabras textuais, aí está a man do poeta con algunha intención: sutilmente Rosalía fai unha superposición de planos temporais (cambia o presente lóxico por un pasado narrativamente ilóxico) para que o lector non se engane, xa desde o primeiro verso: non vai ler un amor pleno, realizado, senón algo frustrado, xa acabado no tempo.
A situación dos dous protagonistas está tamén maxistralmente plasmada:
- a del mediante dous versos paralelísticos e anafóricos, que intensifican o seu estado, recalcado ademais pola contradición semántica: como contraditorio é o seu ánimo ante a dúbida do resultado.
- a dela mediante 4 versos nos que practicamente por primeira vez fai a súa aparición o encabalgamento, suave, como se o home tivese présa por coñecer a súa resposta. A súa actitude é presentada xa como contraposta á del: non hai coordinación, senón “mentres que”, e ademais ela está depenicando unha flor (símbolo popular de indecisión) o que ao mesmo tempo lle serve de ocultación, e aparece a primeira palabra negativa e clave de todo o texto: TRAICIÓS (se ben antes aparecían palabras que poderíamos considerar negativas -“angustia”, “oprimido”-, estas estaban relacionadas cunha situación concreta e contraditoria, que encerra en si mesma o positivo e o negativo e non en relación directa co tema) non percibida naquel momento polo mozo.
A segunda parte, aínda que enlazando coa anterior, supón unha ruptura, pois aí estarán os sentimentos do presente e non só as lembranzas do pasado.
Comeza coa resposta da moza, ese ansiado si sabiamente realzado polo hipérbato e a prenda de amor regalada, ese caraveliño, ese símbolo tenramente engrandecido polo diminutivo cariñoso, que é o máis prezado para o home.
Pero o sentimento actual, a realidade, xorde bruscamente, entre exclamacións que non se poden conter, rompendo a delicia do pasado. Nela, o caraveliño perde o seu diminutivo e adquire unha dobre adxectivación (único caso en todo o texto) totalmente negativa: un paradoxal caravel negro e maldito. E só despois deste exabrupto pode explicar o que pasou (que o lector aínda descoñece): o tempo, que todo o leva, tamén levou o amor: a felicidade, o idilio, durou pouco, como xa presaxiaba o depenicar inconsciente da moza e os reflexos de traizón. E acaba o poema con eses puntos suspensivos, ferintes e tristes que seguen levando o caravel cada vez máis lonxe.
O único que lle queda por facer agora á autora é integrar a maldición popular (irónica) como desexo vingativo do mozo ferido e traizoado...
Poderíamos concluír logo, en poucas palabras, que estamos ante un poema costumista característico de Rosalía, no que partindo de elementos populares e sinxelos (o dito, os recursos, as figuras, os símbolos...) crea unha composición lírico-narrativa (conta unha situación, mais predomina o sentimento) estilisticamente elaborada (a interferencia temporal, o xogo co caravel...), dunha grande beleza e forte musicalidade.

Canción en YouTube

Comentario de ogalego.eu en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo

2005-2024