ogalego.eu
Xoán Montes, autor da música do poema
O medo, Celso Emilio Ferreiro
Vídeos para Lingua Galega e Literatura
qr
Foto: Xoán Montes, escritor galego

Relato comentado para alumnado de Literatura Galega por Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal-

ROSALÍA DE CASTRO

Negra sombra

Cando penso que te fuches,
Negra sombra que m'asombras,
Ô pe d'os meus cabezales
Tornas facéndome mofa.
   Cando mahttp://bvg.udc.es/textos_obra/imaxes/xis.bmpino qu'ês ida
N'o mesmo sol te m'amostras,
Y eres a estrela que brila,
Y eres o vento que zóa.
   Si cantan, ês tí que cantas,
Si choran, ês tí que choras,
Y-ês o marmurio d'o rio
Y-ês a noite y ês a aurora.
   En todo estás e ti ês todo,
Pra min y en min mesma moras,
Nin m'abandonarás nunca,
Sombra que sempre m'asombras.

É un poema do segundo libro de poemas en galego de Rosalía de Castro, Follas Novas, publicado en 1880, e dentro del pertence á segunda parte, Do íntimo, de poesía subxectiva, onde nos mostra unha reflexión sobre a existencia, moitas veces pesimista. Expresa con tal claridade os seus propios sentimentos que os fai comúns ao xénero humano. Este libro é unha renovación da súa poética en galego. Deixa a un lado a poesía costumista, o folclore, o popularismo de Cantares gallegos para profundar sobre os seus propios sentimentos e nos das mulleres galegas, de tal xeito que crea unha metafísica existencial da saudade.
O poema é o número 20 e está no medio de varios que falan da morte: O toque da alba, Aventura traidora.
A autora vese envolta por algo que a domina, que non a deixa vivir ao seu xeito, que está en todos os sitios e tamén dentro dela. Ese algo, esa sombra, non a deixará até a morte (ela decátase diso) porque forma parte dela mesma: é a saudade.
Nas tres primeiras estrofas vai mostrando a presenza constante da sombra: na intimidade (1ª) e no mundo, na natureza (2ª e 3ª), mentres que a última é como un resumo das anteriores, recolle o significado do poema, creando unha estrutura case circular ao finalizar cun verso moi semellante ao segundo, aínda que cunha nova aportación intensificadora: o adverbio SEMPRE, que ademais é unha antítese do NUNCA  que aparece pechando o verso anterior; dous versos finais que podemos considerar como o clímax (penúltimo) e o anticlí­max (último): a resignada aceptación do seu destino.
Todo isto aparece en catro estrofas de versos octosílabos con rima asonante nos pares; rima en O-A como sombra, que podería representar ese estado entre a vida (A) e a morte (O) desexada tantas veces por Rosalía para saír do estado de desesperación no que se atopa. Esta combinación vocálica O-A aparece como un eco ao longo do poema e non só na rima:
sombra que me asombras
tornas     mofa
choran     choras
sombra     asombras
O ritmo do poema é monótono  e bastante pausado, acorde co desánimo interior do suxeito lírico, coa súa convicción de que o que lle sucede é incontestábel, non hai solución até a morte, ten que aceptalo e vivir con esa presenza estraña. Esa monotonía vén producida polas pausas (practicamente en todos os versos e con frecuencia tamén no medio deles, ao ser bimembres, de dúas oracións (3ª estrofa). Mesmo nos dous únicos casos nos que non atopamos pausa gráfica cómpre facela obrigatoriamente: entre o 3º e o 4º polo hipérbato e entre o 7º e o 8º pola construción anafórica e paralelística.
E precisamente a anáfora é outra das figuras que proporciona lentitude a este texto, así como a abundancia de outras repeticións (3ª  estrofa = figura etimolóxica; última estrofa)...
Os acentos rítmicos recaen nunha serie de substantivos que teñen todos un sentido negativo de gran pesimismo, incluso algúns como: sol, estrela, vento, que noutros poemas podemos encontrar cun sentido completamente diferente, mesmo dentro da obra da propia Rosalía, pero que aquí están cubertos por esa SOMBRA que os escurece. A este sentimento pesimista axudan os verbos: pensar, tornar, zoar, chorar, que indican ademais a realidade do momento que está a pasar a narradora do poema: presente de indicativo, a excepción do penúltimo, o clímax, cando se decata da imposibilidade de desfacerse dela.
A intensidade lírica do poema despréndese das persoas gramaticais empregadas: domina a 1ª, todo o poema está subordinado a ela: Cando penso, cando maxino e está presente tamén nos pronomes me, min. Pero a máis abundante é a 2ª de singular, a sombra que todo o enche, o interlocutor interno do poema, a quen a autora personifica, tanto polo feito de dialogar con ela como polas características que lle atribúe: facer mofa, cantar, chorar...
A sonoridade do texto é rechamante, destacando sobre todo a aliteración do s e das nasais, todos eles sons suaves e que producen sensación de monotonía, culminada nos tres versos finais, cos seus 19 fone­mas nasais.
Ese constante desánimo leva a perguntarse polo porqué da existencia, ao pesimismo e a esas poucas ganas de vivir que fan pensar no suicidio adiantándose así Rosalía ao movemento existencialista do XX.
Como di noutros versos de Follas Novas:
co seu xordo e constante murmurio / atráeme a oleaxe dese mar bravío / cal atrae das sereas o can­tar / “Neste meu leito misterioso e frío / -dime-, ven brandamente a descansar”.

É a plasmación poética dun sentimento universal que converteu en universal á súa autora, porque transcende o persoal, o local e o temporal. Un dos mellores poemas da Literatura Galega.

Desde que foi musicado por Xoán Montes, o poema tivo múltiples versións, hoxe moitas delas subidas a YouTube: Carlos Núñez/Luz Casal, María do Ceo, Pucho Boedo, etc.

Comentario de ogalego.eu en colaboración coa profesora María Xesús Fernández Lopo

2005-2014