ÁRBORE
Escríbese árvore en portugués, arbre en catalán, arbole en éuscaro, arbore en romanés, e arbre en francés e en provenzal. Daquela, imos deixar de empregar nós en galego a forma propia que presenta unha harmonía tan vizosa con estoutras linguas? Estamos na póla ou que? Árbore. Mesmo en inglés teñen a forma arbor á beira da máis común tree. En botánica emprégase o cultismo arboreto, ou o latín cru arboretum, co significado de xardín no que se cultivan árbores para levar adiante o seu estudo científico. Hai que ver canta ciencia se pode albiscar dende a raíz.
Grave sería estar na póla e non ver a árbore. Grave aínda que non nolo pareza. Porque a gravidade existe aínda que non se chegue a percibir ou, peor, aínda que non se queira recoñecer. Isaac Newton sabíao moi ben e coa teoría científica que formulou foi quen de explicar a gravidade a partir da observación dun fenómeno natural: a caída dunha mazá. Pero as mazás xa caían antes del e seguirían a caer igual, caen de maduras dende as maceiras, aínda que Newton non reparase niso nin formulase a lei universal da gravitación. Co fenómeno da diglosia ocorre exactamente o mesmo. Hai quen non o quere ver, pero habela haina. Non precisa para a súa existencia que ningún Newton dea explicacións científicas. Os prexuízos e os estereotipos lingüísticos allean a percepción da realidade. O fenómeno da diglosia vai deixando oco ao seu paso e un pouso de sabor amargo, como o verme que anda a furar nunha mazá. A remuda da autóctona árbore pola esóxena árbol no arboreto da lingua propia non é máis ca un exemplo de gravidade. A maioría de nós se vemos caer unha mazá, mirámola, se nos gorenta metémoslle o dente, e máis nada. Hai que estar ben farto para pensar noutras cousas ao ver a mazá. Newton debía estar ben mantido e debía ter a cabeza ben amoblada cunha chea de ideas. Unha mazá é unha mazá aínda que estea a caer da maceira. Pero non para os Newtons. Por iso ten que se deixar para eles, os científicos, as análises e explicacións científicas. Se din que hai substitución lingüística, pois haberaa, como se din que hai gravidade, pois haberaa. A nós que máis nos ten. O caso é non darmos co becho nos dentes. Ou, peor aínda, atoparmos medio becho.
Poden as propias mazás formularen elas en por si teorías científicas? E se fosen quen de opinar e decidisen por maioría? No plano da realidade sociolingüística, as mazás somos nós, simplemente, o fenómeno obxecto de estudo. Vivimos nunha especie de arboreto onde os sociolingüistas, os científicos que estudan o uso e o estátus das linguas, miden a forza gravitatoria, é dicir, o peso, e cuantifican e definen outras características, físicas, organolépticas e mesmo condutuais, ao observárennos. Mentres tanto, caemos en contradicións, caemos en prexuízos, caemos en estereotipos. Como caen as mazás, moitas co becho a furar por dentro.
Imos madurando, pero así e todo non damos caído da póla. Teimamos en xogar aos científicos e en teorizar sobre a nosa propia conduta lingüística. Xa o dicía o toureiro ao que lle presentaron a Ortega y Gasset, o filósofo, tié que haber gente pa tó. A formulación de teorías científicas para os científicos, non para as mazás, nin para as árbores. Que detrás de Newton veu Einstein e, xa se sabe, todo é relativo.
Árbores nevadas
Verba seguinte: ARTIGO // Verba anterior: AÑO // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |