VERBAS

Por Espiñeira

ARTIGO

Artigo, artello e articulación son membros da mesma familia léxica, pero, como adoita pasar en todas as familias, uns membros son máis cultos ca outros, que non todos os parentes poden ter a mesma cultura. En calquera familia, e tamén nas léxicas, hai membros cultos, hainos semicultos e hai outros que son vulgares.

A forma articulación é tan culta que mesmo sabe (a) latín: articulus. Este latinismo é pola súa vez un diminutivo de artus ‘articulación, conxuntura ou nó’. Articular, articulado e outros derivados teñen e manteñen a mesma procedencia. Trátase de cultismos, voces que mantiveron case sen mudanza a forma da fonte etimolóxica latina.

Artigo foise xebrando algo daquel manancial latino, romanceando a voz clásica e formando unha voz semiculta, unha voz na que aínda se recoñece a voz latina mais algo tamizada polo uso que foron facendo ao longo dos séculos os falantes da lingua neolatina que agora chamamos lingua galega. E aínda máis se separou da fonte artello, ‘xoga ou articulación’, que mudou tanto o cacho que case nin semella irmá da culta articulación, pero ser éo, como tamén son os parentes do noso artello que veñen de fóra, o catalán artell, o italiano artiglio, o provenzal artelh ou o francés orteil. Estas metamorfoses dende o latín cara ás linguas romances orixinan as que se adoitan chamar formas vulgares ou, quizais mellor dito, formas patrimoniais ou populares. En español a voz correspondente ao noso artello é artejo.

Que é, pois, a cultura? Hai ducias de tratados nos que se pretende definir a noción de cultura. Se estivese claro, non habían facer falta tantos. Son tenteos. Hai á beira moreas de breviarios con enxurradas de informacións culturais que serven para aparentar cultura, saber sen aprender. Non é doado darmos cunha única definición universal da cultura. Cómpre lembrar o profundo significado das palabras coas que Saramago encetou o discurso que pronunciou cando lle deron o premio Nobel de literatura: O homem mais sábio que conheci em toda a minha vida não sabia ler nem escrever.

Sabio sen saber ler nin escribir. Nin sequera lendo ben e escribindo ben é doado chegar á sabedoría. A cultura é outra cousa diferente á aprendizaxe, quizais o que queda cando esquecemos o aprendido. En castelán non existe a voz artigo. Sabemos que en galego non existe a voz artículo. Cómpre sabelo e lembralo con claridade para o emprego da nosa lingua, cerne da cultura, artigo de primeira necesidade.

Artigo

Miña xerra é negra (incorrecto). A miña xerra é negra (correcto, con artigo)


Verba seguinte: BO // Verba anterior: ÁRBORE // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com