ÁNCORA
Na lingua latina mantívose o termo ancora do grego, e como grecismo latinizado foi legado ás linguas romances que o acolleron, en moitos casos, case sen mudanza. Deste xeito, o resultado romance galego áncora presenta, máis alá de semellanzas, case identidade morfolóxica cos resultados do catalán áncora, do italiano ancora ou do provenzal ancora. A ascendencia común latina ben se deixa ver nestes descendentes romances e mesmo no francés ancre. Indo fóra do ámbito das linguas romances, os termos anchor do inglés e anker do alemán botan áncoras no mesmo ancoradoiro ou fondeadoiro do substrato grecolatino común. Levando áncoras o galego vai permitir doadamente facernos a todo un mar de coñecementos.
Áncora é verba feminina, como son femininas auga e águia. En todo momento. Non mudan cara ao artigo masculino e mantéñense en calquera contexto moi femininas elas, a áncora, a auga, a aguia. Convén subliñalo porque é erro pórlles en expresións como estas a forma masculina do artigo. Débese evitar, xa que logo, o castelanismo *o áncora ou *o auga, calcos de “el ancla” e “el agua”. No castelán utilízanse os chamados alomorfos, variantes morfolóxicas do artigo para evitaren as cacofonías no encontro, en singular, de vogais *la ancla e *la agua. Non son, así e todo, artigos masculinos senón tan só disfraces masculinos do artigo que manteñen por baixo o xénero feminino do substantivo. Ninguén di *el agua fresco. Por que se produce, logo, este exemplo de hermafroditismo lingüístico? No castelán para evitar o que se ten por cacofónico ou malsoante. Pero aquela cacofonía non se produce no caso da lingua galega co encontro acústico do artigo co nome: a áncora e a auga son máis ben exemplos de eufonía, de harmonía de sons. O contrario da eufonía, a cacofonía, tense definido como unha desagradable repetición de sons. Pero mellor ca ningunha definición é o exemplo daquela pronuncia entrecortada e atropelada que facía un mestre cando explicaba o significado da historia: “la historia no es lo cagas tu o lo caga yo, es lo cagamos todos”.
Recoller a memoria dos nosos é botarlle unha áncora ao pasado.
Verba seguinte: AÑO // Verba anterior: AGRE // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |