ogalego.eu
Morris
As onzas, Ramón Otero Pedrayo
Toda humilde belleza. Noriega Varela
qr
Foto: Antonio Durán "Morris", actor galego

Relato comentado para alumnado de Literatura Galega

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

Cousas: se eu fose autor . Castelao

cousa

Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances. A obriña duraría dez minutos nada máis.

LANCE PRIMEIRO

Érguese o pano e aparece unha corte aldeá. Enriba do estrume hai unha vaca morta. Ao redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío e enxoitan os ollos coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza. O pranto debe ter unha graza choqueira, para que estoupen de risa os do patio de butacas.
E cando se farten de rir os señoritos baixará o pano.

LANCE SEGUNDO

Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito señorío. Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa de neve. Ao seu redor chora unha fidalgona e dúas fidalguiñas novas. Todas elas fan o pranto e enxoitan as bágoas con paniños de encaixe. Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto.
E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi a modiño.

 

COMENTARIO:

1. Ilustración

En todas as Cousas unha ilustración do propio autor acompaña o texto. Debuxo e texto compleméntanse entre si neste xénero narrativo propio de Castelao, unha das xoias da literatura galega.
Neste caso vemos dúas caretas que nos levan a pensar no teatro, nunha representación. Unha delas chora e outra ri, polo que haberá ledicias e tristuras, comedia e traxedia, como a vida mesma.

2. Texto.

2.1. Introdución
Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances (dúas historias independentes lances). A obriña duraría dez minutos nada máis.
Intencións don narrador-autor: escribir unha obra teatral con dúas historias independentes e moi breves Se eu fose... escribiría: posibilidade, hipótese, polo tanto unha obra de ficción. Nos dous lances describe a obra teatral. Aínda que é un relato, o autor fálanos de teatro para dar a impresión de que non existe un narrador heterodiexético-externo, que non hai ninguén que se entrometa, que a obra é totalmente obxectiva.

2.2. Primeiro lance
Érguese o pano (comeza a acción dramática) e aparece unha corte aldeá (nas casas das aldeas as cortes do gando estaban nos baixos convivindo a xente e os animais. Aproveitábase a calor dos animais que cos seus excrementos producían o esterco ou estrume que logo fertilizaba os eidos. As cortes estrábanse con toxo, palla, fentos, etc.). Enriba do estrume hai unha vaca morta (estrume. A vaca era un dos elementos máis importantes da economía familiar: producía esterco, daba o leite para os vellos e os meniños, para vender, para facer o queixo e a manteiga; ademais cada ano viña parindo un becerro que logo se podía vender xerando un dos escasos ingresos. Por iso a súa morte era un dos maiores desastres para a familia). Ao redor da vaca hai unha vella velliña (a avoa, unha muller moi vella), unha muller avellentada (a muller da casa, avellentada polos traballos, os fillos, a vida dura), unha moza garrida (atractiva, ben feita; a filla máis vella), dúas rapaciñas bonitas (dúas mociñas), un vello petrucio (o avó, o xefe da familia, o patrón) e tres nenos loiros (tres meniños -está chorando toda a familia: os avós, a nai, os moitos fillos, porque as familias rurais eran moi numerosas. Falta o pai. Por que? Porque estaría emigrado ou quizais embarcado). Todos (todos choran porque a vaca lles importa a todos) choran a fío (choran moito e seguido) e enxoitan os ollos coas mans (a falta de panos responde á naturalidade, ao sentimento profundo, á falta de escenificación e reforza a idea da pobreza: nin panos teñen). Todos fan o pranto (cando morría unha persoa facíaselle o pranto, que era chorar por ela no velorio cantando as súas virtudes e laiándose da súa perda; mesmo había profesionais do pranto funerario, como as carpideiras do Morrazo -de aí a frase de vai chorar a Cangas-) e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos (parvos, aldeáns) de xentes labregas, angurentas (cheas de angustia) e cobizosas (que queren ter moitas cousas), que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza (semella que o narrador descualifica a reacción dos labregos, mais quen cualifica os labregos de paifocos...? Quen pensa que a morte dunha vaca non é para tanto? Este é o punto de vista do auditorio ao que vai dirixida a obra: os espectadores do patio de butacas). O pranto debe ter unha graza choqueira (propia dunha persoa pouco instruída, ordinaria), para que estoupen de risa (que rían ás gargalladas) os do patio de butacas (as entradas do patio de butacas eran moito máis caras polo que eran adquiridas pola xente rica, os únicos que as podían mercar e así tamén podían presumir da súa riqueza).
E cando se farten de rir os señoritos baixará o pano (final da primeira acción: morre unha vaca nunha casa pobre e os ricos rin vendo como expresan os pobres os seus sentimentos comportándose como se a vaca fose unha persoa).

2.3. Segundo lance
Érguese o pano (comeza a acción) e aparece un estrado elegante (un escenario con moita elegancia), adobiado con moito señorío (adornado con moita riqueza). Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce (unha mesa de casa moi rica cos pés de bronce), hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco (almofadiña de tea moi suave e cara), enriba da almofada hai unha cadeliña morta (obsérvese a gradación na presentación do animal: enriba... hai unha bandexa... enriba da bandexa hai unha almofada... enriba da almofada hai unha cadeliña...) A cadela (primeiro aparece con diminutivo, cadeliña, para marcar o valor sentimental; despois sen diminutivo, cadela, para marcar a traxedia, a morte) morta semellará unha folerpa de neve (se a cadela é unha folerpa de neve ten que ser unha cadela de compañía, branca, pequeniña e moi bonita). Ao seu redor chora unha fidalgona (señora rica, gorda e ben conservada) e dúas fidalguiñas novas (as dúas fillas. Aquí vemos a utilización plástica de diminutivos e aumentativos para describir os personaxes sen que apareza por ningún lado a forma común fidalga. Non está o resto da familia: os avós, os irmáns, o pai. Por que? Porque a eles non lles importa a cadeliña que é un capricho da nai e as fillas). Todas elas fan o pranto e enxoitan as bágoas con paniños de encaixe (como son ricas usan panos caros de encaixe para secaren as bágoas). Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto (agora si é o narrador quen descualifica os sentimentos das fidalgas). E cando a xente do galiñeiro (o galiñeiro era a parte alta ao fondo do teatro na que sentaban os pobres porque a entrada era moito máis barata. O nome débese a que as galiñas procuran durmir nun sitio alto, o poleiro) se farte de rir a cachón (acción moi reforzada: fartarse de rir e ademais moito, como as potas cando ferven), baixará o pano moi a modiño (final da segunda acción: morre unha cadela nunha casa rica e os pobres rin vendo como expresan os ricos os seus sentimentos comportándose como se a cadela fose unha persoa).

3. Conclusión final

Non está escrita, é o lector quen debe chegar a ela. Son iguais as dúas accións? Tanto ten a morte da vaca como a da cadela? Toma partido o narrador por unha das dúas accións deste relato no que aparecen claramente enfrontados os ricos (a clase fidalga) e os pobres (os labregos)?

Comparemos os dous lances:

Lance primeiro
Lance segundo
Érguese o pano e aparece unha corte aldeá.
Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito señorío. Máis descrición no 2º para recalcar a riqueza
Enriba do estrume hai unha vaca morta. Unha vaca, sen diminutivo, porque a vaca ten valor económico, non sentimental. Escenario natural, sen decoración, onde sucedeu a morte.
Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa de neve. Unha cadeliña, con diminutivo, porque o seu valor é sentimental e non económico. Malia estaren tan sentidas pola morte da cadela as fidalgas paráronse a amañar o escenario para o pranto.
Ao redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Está toda a familia
Ao seu redor chora unha fidalgona e dúas fidalguiñas novas. Só están as persoas ás que lles interesa a cadeliña
Todos choran a fío e enxoitan os ollos coas mans. Situacións paralelas nos dous lances
Todas elas fan o pranto e enxoitan as bágoas con paniños de encaixe. Pero o uso do pano de encaixe ten tamén unha intención plástica, non choran, enxoitan as bágoas, hai máis escenificación que sentimento
Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza. Situacións paralelas nos dous lances
Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto. Pero o narrador si que toma partido, no 1º lance: pensan que...; no segundo é unha afirmación: non é para tanto
O pranto debe ter unha graza choqueira, para que estoupen de risa os do patio de butacas.
... Non existe no segundo lance porque non fai falta. Xa se entende que é normal rir co pranto da cadeliña
E cando se farten de rir os señoritos baixará o pano. Ademais xa se lles cortará o riso no lance seguinte

E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi a modiño. Agora rise máis e durante máis tempo (a modiño) polo que o narrador toma partido polos pobres

Tamén hai que ter en conta a orde dos risos. Rin primeiro os ricos, rin despois os pobres... ri máis quen ri o último. Non sería o mesmo se primeiro morrrese a cadela e despois a vaca

4. Final

Cousa de Castelao na que a ilustración nos anticipa o tema do pequeno relato. Neste descríbese unha situación teatral en dúas accións paralelas: a morte dun animal e a reacción que provoca nas familias. Semellan accións iguais con reaccións similares mais non o son. Se analizamos o texto vemos que nin son iguais as mortes nin as reaccións do público, pero si son similares os sentimentos.
Brevidade, condensación, lingua moi coidada, sentimento, poesía, humor... todas estas características da prosa de Castelao están presentes na cousa.

Comentario moi completo: Manuel Forcadela, Sobre unha "cousa" de Castelao, in Homenaxe a Xosé Luís Sánchez Ferraces, Universidade de Vigo, 2015

2005-2024