ogalego.eu
Xoán Manuel Pintos, homenaxe de ogalego.eu
Desigualdade home/muller: textos
Textos 4
Imaxe: Xoán Manuel Pintos, escritor galego

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados e Premios Xoán Manuel Pintos

TEXTOS 5: variados 2

1.- Como mudan os tempos
2.- Vigo
3.- Noticia deportiva 1
4.- DOG
5.- Xulgado
6.- Carta familiar

7.- Texto filosófico
8.- Noticia deportiva 2
9.- Física
10.- Vendedor
11.- Curiosidades
12.- Comentario de foto

13.- Comentario de texto xornalístico (con proposta incluída)


COMO MUDAN OS TEMPOS

Vehículos motorizados, argalladas que imitan a vida dos maiores e xogos interactivos van ser os "produtos estrela" nas vindeiras festas do Nadal, segundo un traballo feito por un xornal lugués entre as máis importantes empresas do sector. Unha das máis interesantes novidades que presentan as empresas especializadas en enredos para os cativos é permitirlles imitaren a vida dos adultos; poden reproducir costumes, xeitos e maneiras que están afeitos a ver nos seus pais.

Mais unha boa parte dos enredos e xogos que se presentan nesta tempada son interactivos; quere dicir, permítenlles aos meniños manteren pequenas conversas coas bonecas, responder as adiviñas dun macaco, montar e facer funcionar a súa cociña ou o seu automóbil e construír diferentes xogos a partir dun produto inicial.

Alén destas novidades, os fabricantes confían na continuidade do xoguete clásico, sobre todo as bonecas con nome, das que moitas xa atinxiron unhas cifras de vendas espectaculares no sempre difícil mercado dos Estados Unidos de Norteamérica. Unha empresa que se ven dedicando a fabricar coches ten grandes expectativas postas nunha serie de deportivos para pequenos; vainos reproducir a escala dotados cun sistema de automoción, luces intermitentes e de freo, bucina, ruído de motor, etc.

Outra empresa puxo no mercado unhas bonecas que darán bicos ao contacto coa face do cativo e iluminaranse con diversos tons mentres se oe unha música previamente escollida. Pero aínda veremos cousas máis sofisticadas, como unha boneca acompañada dun monicreque que permitirá aos meniños xogaren con tres voces: a propia, a da boneca e a da marioneta.

Por outra banda, os brinquedos seguen a reproducir a sociedade á que van dirixidos, con papeis diferentes para o neno e a nena. Así temos verdadeiras series ou "familias" dirixidas ás pequenas, todas con "bos" prezos e moi completas: vestidos de todas as clases, cociñas, caravanas, tendas, xardíns, cuartos, etc. O pequeno poderá escoller entre sofisticadas armas intergalácticas, automóbiles totalmente equipados, pistas para rápidos deportivos, horríbeis bonecos que representan os maos das series de televisión, etc. Pais, avós, padriños e demais portadores de regalos cumprirán coa súa obriga entregando uns, os primeiros, á nena e outros, os segundos, ao neno. Pasado o apuro dos primeiros días poderemos observar como o pequeno xoga coa irmá e as súas bonecas ou a pequena bota man dos coches. Hai unha terceira clase de enredos que poderíamos chamar neutra, valen para el e para ela: construcións, quebracabezas, mecanos, xogos clásicos como o xadrez, dominó, etc., que agora meten ata 30 no mesmo aparello. Algúns chámanlles xogos educativos, mais educativos son todos porque todos axudan a formar en maior ou menor medida as mentes infantís.

Mañá falaremos da publicidade, que ese é un cantar moi longo.

Despoxar o texto de todos os elementos que se poida sen que perda o principal


VIGO.

A moza Lucía Biéitez Rozas, de 24 anos de idade e veciña de Vigo, foi condenada a cumprir dúas penas de dous meses de arresto por un delito de estafa e outro por un cheque descuberto. Lucía vendera viaxes imaxinarias a diferentes lugares do mundo facéndose pasar por azafata de Iberia. A Audiencia Provincial de Pontevedra desestimou na conduta da procesada a atenuante de trastorno mental transitorio; tentaba conseguir diñeiro para manter un nivel de vida alto, o que a levou a cometer o delito.

Intentar realizar o proceso contrario ao do texto anterior ampliando as frases sen desvirtuar o contido.


O PARTIDO.

As bancadas están cheas de afeccionados que berran o nome do seu ídolo. A directiva decidiu que hoxe sexa día especial e os cativos entren de balde; aínda que o club perda unhas pesetas gañará o estadio en animación. Varios dos titulares realizan exercicios de quecemento mentres o adestrador e o resto ocupan o seu respectivo banco. Matías, a máis recente das fichaxes, coas súas características luvas e xeonlleiras marelas, tenta deter os “punteirolos” dos dianteiros granates; hoxe deberá confirmar que é un dos mellores garda redes da Primeira División.

O árbitro asubía e comeza o partido. Leva o balón Lito, que canea a dous contrarios, tenta pasar sobre Tito e a pelota pérdese xunto á bandeirola de córner.

Avanza Totó pola zona central do rectángulo de xogo, cede a Lito que realiza un disparo moi duro e axustado ao pau dereito pero rexeita o garda redes. Este cede en curto a Lolo, Lolo esvara e outra vez está Lito en posesión da pelota e pasa a Tito en moi boa posición de tiro, pero xa o xuíz de liña sinalara fóra de xogo do dianteiro local.

Outra vez Totó dirixindo o xogo granate, pase longo a Tito que gaña a posición ao defensa, vai disparar, e.. éntralle en prancha o líbero; o árbitro aplica a lei da vantaxe porque colle o balón Lito xa na área pequena cando o defensa lle mete a cambadela, cae derrubado e, que escándalo!, o árbitro deixa seguir o xogo. Comezan a caer almofadiñas ao terreo de xogo; Totó vai correndo cara o Sr. de negro, empúrrao e ... suponlle unha amoestación que vai ser o cartón vermello. Así é. Lito segue aínda no chan, entran os membros da Cruz Vermella coas padiolas e o bravo dianteiro vai ser retirado do campo.....

EXERCICIOS:

1.- Sinalar as palabras propias deste deporte e o seu significado. Tamén aquelas que teñan un significado distinto na lingua habitual.
2.- Indicar que deportes se poden practicar no lugar onde vives e os que están de moda no país e na televisión.
3.- Escribir a crónica dun partido (fragmento) de fútbol ou baloncesto. Lembrar que na crónica deportiva hai que contar o sucedido, valorar a calidade do xogo, a estratexia do adestrador, etc., nunha linguaxe asequíbel a calquera público.
4.- Tema para conversar. O deporte hoxe: negocio, desenvolvemento da persoa, o problema da o dopaxe, a violencia nalgúns deportes, etc.

5.- Para completar: lectura de O penalti de Fuco, Alfonso Eiré.


DOG

Orde do 31 de maio de 2012 pola que se acepta a renuncia á cátedra de Ciencias Ecolóxicas da Facultade de Ciencias Medioambientais da Universidade da Coruña, de dona María López López.

Ilmo Sr.: Visto o escrito de dona María López López, profesora titular de Ciencias Ecolóxicas da Facultade de Ciencias Medioambientais da Universidade da Coruña, na que expresa a súa renuncia á cátedra de Ciencias Ecolóxicas da citada Facultade e Universidade, para a que foi nomeada por Orde do 3 de xullo de 2004 (DOG do 2 de agosto) segundo a proposta elevada polo tribunal que a xulgou no concurso de acceso convocado por Orde do 2 de febreiro de 2012 (DOG do 30 de maio) para provisión de cátedras de Ciencias Ecolóxicas de diversas universidades.

Esta Consellería resolveu:

Aceptar a renuncia de dita cátedra de dona María López López, ficando, por tanto, decaída nos seus dereitos á mesma.

Que dona María López López continúe como Profesora titular de Ciencias Ecolóxicas da Facultade de Ciencias Medioambientaisda Universidade da Coruña.

Dígoo a V.I. para o seu coñecemento e efectos.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2012

Ilmo. Sr. Director Xeral de Universidades.

Indicar a que nivel ou rexistro pertence o texto explicando as características.


O XULGADO.

Moi Sr./s. Meu/s: en expediente que se segue neste Xulgado de 1ª Instancia de Ourense co nº 3923 de 2012, por resolución desta data acordouse declarar en estado de insolvencia provisional, por superar o seu activo ao seu pasivo, segundo ditame dos interventores xudiciais, á entidade Viños Gaseados de Oseira S.A., con domicilio na Rúa Santo Domingo, nº 315 desta cidade, dispóndose así mesmo a convocatoria dos acredores de dita entidade á Xunta Xeral que haberá de celebrarse na Sala de Audiencias deste Xulgado –Pazo de Xustiza- o día 2 de setembro de 2012 ás 13 horas. E figurando Vd/s. entre os acredores de Viños Gaseados de Oseira S.A. cun crédito ao seu favor de 1.325 €, pola presente cítase a Vd/s. en legal forma, para que concorra/n á indicada Xunta Xeral de acredores o día e horas que fican indicados, apercibindo/s que de non compareceren pararalle/s o prexuízo legal correspondente.

O Secretario

Indicar a que nivel ou rexistro pertence o texto explicando as características.


Ponteareas, 13 de novembro de 2012

Meu querido Alexandre:

¿Como che van as cousas? Teu pai e mais eu supomos que xa te irás afacendo en Lugo e botámoste de menos moito. Mira que te abrigues ben, que a Avenida Ramón Ferreiro é moi fría e esa néboa luguesa éntrache ata os ósos. Xa nos contarás se esa Veterinaria é tan difícil como din. Ai filliño, mira que non perdas o tempo que xa sabes o que nos custa que estudes. Se tes algunha queixa da señora da pensión, que nolo digas, oíches. Nós, xa sabes, imos indo como sempre. Mellor é que viñeses todas as fins de semana mais como dis que pasas o tempo na estrada e logo chegas canso para estudar. Parece que Lugo aínda está máis lonxe que Madrid, que o máis novo da Rosiña, que está alá de militar profesional, vénche cada venres, case coma se estivese en Figueirido. Como di teu pai, a ver se nos poñen xa a banda ancha esa para poder usar a Internet e falar co rapaz polo ordenador, que túa irmá pequena ben o entenderá.

E máis nada, meu filliño, voume onde Maruxa levarlle a mostra dun xersei e de camiño xa boto a carta. Moitos bicos de teus pais.

P.D. Mira que comas ben e en quente, que ti es ben capaz de pasar con bocadillos.

Indicar a que nivel ou rexistro pertence o texto explicando as características.


A QUALIDADE.

Non se pode deixar do mundo a “Qualidade”, para considerar só a “Quantidade” se non por un artificio. A matemática emprega a treo o artificio e ten que empregalo, pois a “Qualidade” non é mensurábel de seu, e é un emprego lexítimo xa que é útil con tal de que se decate dos seus lindeiros... Como di o P. Cianfranceschi: “ O movemento dun corpo non é ... o topar o corpo en posicións de seguida diferentes, mais é unha certa maneira de ser do corpo ou unha súa calidade ou un seu estado. O sucesivo coller posicións diferentes é un efecto daquel estado”.

Indicar a que nivel ou rexistro pertence o texto explicando as características.


OUTRO PARTIDO.

... Nestas pugnas a dobre partido xa sabemos que, por regra xeral, o equipo visitante acostuma como mínimo buscar encaixar unha curta derrota que lle permita logo superar a diferenza de goles na súa casa. Os redondeláns, pola súa condición de superior categoría, tentarán mesmo superar en Vigo a contenda, pensando que os azuis, a partir da segunda volta da pasada liga perderon de forma incomprensíbel moita da súa potencialidade, o que aparentemente pode facelos aparecer como vítimas; non obstante non deixa de ser este un deses partidos de rivalidade, onde ao coñecérense mutuamente, as forzas nivélanse e as ganas de vencer soen dar maior ilusión e ganas ao máis débil.

Hai unha semana que xa estiveron en Vigo os dous contendentes, se ben aquilo se trataba dun partido amigábel, agora ambos os dous loitan polo título e un trofeo, o primeiro dese tipo. Non hai dúbida de que ante isto veremos loita, emoción e, por que non, haberá tamén ambiente.

Indicar a que nivel ou rexistro pertence o texto explicando as características.

A ENERXÍA.

O aportamento de enerxía pode facerse por quentamento ou aumentando a enerxía de vibración das moléculas por absorción de cuantos de luz da enerxía hv requirida. A lonxitude de onda da radiación absorbida depende das diferenzas de enerxía entre os niveis de enerxía, cuantizados nas moléculas. Desde o infravermello próximo ( =104 cm.) ata o ultravioleta ( =2.10-5 cm.), a enerxía portada por un mol de fotóns vai desde 28,6 kcal. (infravermello) ata 143 kcal. (ultravioleta), así que a luz ultravioleta é moito máis capaz de dar lugar á formación de radicais libres, é dicir, de inducir reaccións por este mecanismo.

Indicar a que nivel ou rexistro pertence o texto explicando as características.


VENDEDOR.

Vendedor comisionista (M/F) de confección infantil de calidade.

Empresa instalada na zona do Porriño e ligada a importante grupo exportador, fabricamos e comercializamos en Galiza, en réxime de exclusividade, marcas internacionalmente coñecidas de vestiario infantil. No ámbito dun proceso de consolidación e alargamento das nosas actividades, pretendemos nomear delegados comerciais para -en réxime de comisionistas, e eventualmente en acumulación con representacións compatíbeis-, promoveren no norte e sur do país a venda dunha liña de vestiario para os cativos, de grande calidade.

Para realizar estas funcións pretendemos seleccionar profesionais ben introducidos no mercado da confección infantil, do sexo masculino ou feminino, coche e móbil de seu e condicións para traballaren en réxime de grande autonomía as zonas indicadas. Residentes nas zonas referidas, as persoas admitidas terán que desprazarse á sé da Empresa cando haxa a presentación de coleccións.

Ofrecemos condición de remuneración da orde do dez por cento sobre as vendas e unha gama de artigos que, pola súa calidade e orixinalidade, reúne condicións de grande aceptación. Solicitamos aos interesados que se candidaten por escrito, Fax ou correo electrónico, indicando idade, habilitacións académicas e profesionais, experiencia, situación actual, marcas e produtos traballados, nº de teléfono para contactos e referencias.

Indicar a que nivel ou rexistro pertence o texto explicando as características.


Eso de que os homes cheguen á Luna non che pode ser verdá, eu alomenos nono creo. Se aínda fora solo nunha noite clara desas do vrao en que salen á tardiña baixa, van aló e volven, aínda bueno. Pero unha somana inteira Non pode ser! E logo que fan polo día cando non hai Luna? Eso sonche pilículas que poñen pola tilivisión. Éche coma cando hai eleciós que salen os pulíticos falando de moitas cousas que logo se ve que non son verdá. I eso que eu son ben amigo do poñer o arradio e téñolle lei ó home do tempo, pero por esas non me fan pasar.

Indicar a que nivel ou rexistro pertence o texto explicando as características.


Reparar na foto e comentar a mestura de linguas:

foto

Exercicio


Se queres a paz, prepara a guerra. Este adaxio -¡tantos outros tan sabios, tan pouco observados!- tivo un efecto maléfico ao longo da historia. Representa a lei do máis forte, responsable do comportamento baseado na imposición dos poderosos sobre os máis débiles e necesitados, que se prolonga ata os nosos días. Se se prepara a guerra chegará o día no que se faga a guerra, porque non nos temos preparado para a paz. O prezo pagado pola cultura da guerra e a violencia no século que agora remata é, sobre todo en termos de vidas humanas, a maioría novas, espantoso. Millóns de persoas –con frecuencia os que menos se aproveitaran dos períodos apracíbeis- morreron por causas que, no mellor dos casos, merecían ser vividas. Temos o deber de lembrar este tributo –e os sufrimentos e os desgarros que leva consigo- para podermos apreciar cada día a paz, premisa e froito da xustiza e do progreso dos pobos.
Se queres a par, constrúea. Cultura de paz é asumir o compromiso cotián de comportármonos pacificamente. Non docilmente. Ben ao contrario trátase dunha transformación cultural que debe levarse a cabo en todos e coa participación de todos, en particular dos principais actores sociais, educadores, parlamentarios, alcaldes, medios de comunicación social.
A cultura da paz é a cultura de compartir mellor. As disparidades sociais e as asimetrías na distribución das riquezas de toda orde –incluído, en primeiro lugar, o coñecemento- só poden compartirse e anularse compartindo mellor. O verbo compartir é a clave dunha nova era na que desde a escola persoal á parlamentaria e executiva, deben establecerse novas prioridades e repartir mellor os froitos do progreso. Tanto internacionalmente como intranacionalmente, o feito de que o 18% da humanidade posúe o 80% dos recursos de toda orde é non só unha grave inxustiza, senón raíz de radicalización e conflito. É unha bomba no tempo. Temos que profundar nas orixes da violencia e a exclusión, a pobreza, a soidade e a desesperanza. E temos que procurar que nunca se perdan as oportunidades para sempre.
É pola educación –educación para todos, ao longo de toda a vida- que se aprende a saber, a facer, a ser, a convivir. É pola educación que se adquire o propio discernimento, que se decide sen influencias externas, que se acada a soberanía persoal... A paz, o desenvolvemento e a democracia constrúense coa educación. Non coa forza.

(Federico Mayor Zaragoza, El País, 9/12/2000)

  1. Ordenar xerarquicamente as ideas do texto.
  2. Indicar a estrutura do texto.
  3. Facer un comentario crítico sobre as ideas expostas do texto.

Proposta de comentario


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.