Manuel Bragado
ogalego.eu
Textos 5
Textos 3
qr
Foto: Manuel Bragado, persoeiro da cultura galega, amigo de ogalego.eu

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

TEXTOS 4: variados

1.- A pega e a andoriña
2.- Un home moi especial
3.- Vigo
4.- A angustia
5.- O delegado de clase

6.-Noticia de prensa 1
7.- Noticia de prensa 2
8.- Noticia desordenada
9.- Noticia de prensa 3
10.- Noticia de prensa 4


PEGA

É un paxaro moi abundante nos campos galegos, sobre todo por onde hai terras de labor e árbores. É moi fácil de recoñecer polo seu rabo longo e as plumas brancas e negras con irisacións azuis e verdes. Aliméntase de insectos, vermes, miñocas, grans, pebidas, cobras pequenas, ovos de outros animais, etc. Ten un berrar moi típico e cando se xunta unha bandada producen un forte balbordo. Fai o niño de garabullos nas árbores.

 

ANDORIÑA

Chega a Galicia en grandes bandadas todas as primaveras procedente de África, a onde volta no outono fuxindo do frío. É fácil de identificar polas súas cores: azul escura a parte superior do corpo, a inferior branca e a testa e a gorxa vermellas. Tamén é característico o seu longo rabo rematado en dúas afiadas puntas.É difícil vela pousada na terra, normalmente voa a rentes do chan a grande velocidade para pillar insectos. Fai o niño na parte superior das paredes, xunto ás madeiras do teito, con pallas e herbas mesturadas con lama deixando un oco pola parte superior.

EXERCICIOS:

1.- Observar nun libro ou lámina os seguintes paxaros: carrizo, papuxa, lavandeira, andoriña, vencello, peto, bubela, cuco, pardal, paporroibo, xílgaro, cotovía, laverca, paspallás, merlo, ouriolo, corvo, pombo, rula, pita do monte, perdiz, cegoña, gaivota, corvo, mascato, curuxa, moucho, miñato, lagarteiro. Que outros paxaros comúns no país coñecemos ?

2.- Facer unha descrición de catro paxaros comúns en Galicia indicando todos os dados que poidamos.

3.- Observar ben unha ave -nunha fotografía, libro, parque da cidade, casa propia, etc.- e facer unha descrición completa tendo en conta polos menos estes puntos: tamaño, cabeza, rabo, cores, patas, forma de camiñar e de voar, alimentación.

4.- Composición: a viaxe dunha ave migratoria ata terras africanas contada por ela mesma.


Era un home moi especial. Só estivemos xuntos dúas veces, unha boa conversa cada unha, mais quedoume gravado para moitos anos. Dixo que se chamaba Fuco e que xa non lembraba cando cumprira os vinte anos; eu calculo que andaría polos setenta. Era alto, sobre l'80. Levaba un pantalón vaqueiro moi usado, camisa escura, chaqueta de pana marrón e botas altas de coiro de becerro. Cando o atopei alí fronte á cova, fiquei aparvallada ante a súa inesperada aparición; eu estaba sentada na area e a súa figura víase ampliada polo sol que caía polas súas costas. Sorriu, sentou na peneda e estivo un anaco calado ollando as ondas. Lémbroo ben, cuns ollos pequenos –tal vez verdes- pero moi profundos, enmarcados por unhas cellas grises e grandes. Desde eles baixaban unhas engurras curtidas e ben marcadas, sen rastro ningún de olleiras. ¿Canta vida estaba escrita nelas! Levaba unha pequena pucha colocada descoidadamente cara atrás e que deixaba ver dúas amplas entradas; no medio un feixe de cabelos grises ben recortados que parecían querer avanzar pola súa fronte engurrada. A súa boca era pequena e os beizos secos, da cor da nicotina, case non se deixaban ver por culpa dun bigote ben poboado. O nariz longo e estreito nin se notaba porque chamaban máis as orellas, grandes e ben pegadas á cabeza.

Logo púxose en pé e dixo "que contas, meniña". Estaba moi fraco e ben rexo. Cos ombreiros erguidos e a cabeza alta púxose en crequenas e deume a man "encantado!, como te chamas?" Era unha man suave e forte ao mesmo tempo, cuns dedos longos e agarimosos que convidaban á amizade. Así comezou aquela aventura.

EXERCICIOS:

l.- Características que fan deste texto unha descrición.

2.- Procurar un deseño do corpo humano e completar aproveitando esta composición os nomes de todas as partes.

3.- Sinalar as diferenzas de uso e significado entre os pares de palabras que significan o mesmo: labios - beizos, cara - face, gorxa - garganta, nariz - napia, etc.

4.- Que clase de palabras se consideran tabú? Indicar os eufemismos máis comúns que as substitúen.

5.- Supoñamos que temos que dar os datos físicos de alguén que nos roubou a cara descuberta e demoradamente. Escribilos fixándose no aspecto de alguén coñecido e tendo en conta estes puntos: estatura, gordo/fraco, cabelo, barba ou bigote (homes), pel da cara, nariz, ollos, cellas, queixo, beizos, meixelas, ombreiros, mans, vestimenta, etc.


O tren entrou na estación ás cinco e media da mañá. Viña adormentado e acordei ao me bateren as luces da estación na face. Botei man da bolsa e saín. A sala de espera estaba baleira, a penas un rapazolo durmindo nun banco. Saín fóra e empecei a camiñar. Era a primeira vez que eu vía Vigo a esas horas, semellaba unha cidade diferente. As rúas estaban case desertas, sen ruídos e sen xente. Era unha noite quente para ser de novembro. Principiei a andar moi de vagar cara o Castro. Notaba como a humidade me ía mollando o pelo e tiven que apertar un pouco a cazadora para que non me entrase a lentura no corpo. Ás seis estaba xa na cima ao pé da áncora, agardando a Manolo para comezarmos o novo traballo. Tiven que esperar bastante, porque ese día precisamente non conseguira acender o coche e tivo que vir no autobús. Fun embobando o tempo ollando a cidade e a ría que desde alí ofrecen unha vista marabillosa. As luces de Vigo xuntábanse no espello da ría coas de Cangas e Moaña, semellando unha inmensa cidade que se espallaba diante dos meus ollos. Canto tempo había que non vía nacer o Sol!; seguro que desde a última acampada do colexio. Cando cheguei era só unha levísima claridade que xurdía polo leste tras os montes próximos, foise facendo luz paseniño, mostrando xa os contornos das corcovas que tapan a entrada da ría e as liñas dos cumes que se erguen no Morrazo. En moi pouco tempo, eu diría que foron só uns segundos, a luz fíxose dona de toda a paisaxe. O porto, os edificios, os barcos amarrados e tantas outras cousas semiocultas estaban aí diante de min. Aínda tardou moito en saír a raia do Sol, en palabras do poeta medieval, e dominar o ceo e a terra. Foi entón cando me decatei de que o ruído do ambiente era outro: coches, camións, pitos de barcos e de automobilistas apresados. Agora parecía como se respirase présa e movemento; a quietude e a lentura da alba xa non estaban, tamén agora o Sol camiñaba con présa e xa non era o señor da paisaxe.

EXERCICIOS:

1.- Indicar a que tipo de lingua corresponde este texto: exposición, argumentación, descrición, etc., razoándoo.

2.- Sinalar todas as palabras e construcións que cremos pertencen a un rexistro culto, non coloquial.

3.- Lembrar como cae a tarde e comeza a noite no lugar onde vivimos e anotar as sensacións. Logo procurar fixarse ben un día para captar novos matices. Finalmente redactar unha composición onde se recollan estas experiencias.

4.- Sinalar as sensacións visuais e as acústicas no texto que compuxemos.


A angustia é a reacción ao perigo. É imposíbel rexeitar a idea de que, se a angustia pode conquistar na economía anímica un lugar excepcional, é porque se acha intimamente ligada á esencia do perigo. Mais os perigos son comúns a todos os humanos e os mesmos para todos. Aquilo que nos cómpre e non achamos é un factor que nos explique por que existen individuos que poden subordinar a angustia, a pesar da súa singularidade, á actividade anímica normal, ou determine cales son os que fracasarán en tal empresa. Toda tentativa de atopar tal factor ha de ser tomada con simpatía por responder a unha verdadeira necesidade científica. Ata nós fixéronse dúas tentativas deste xénero. A primeira foi emprendida por Alfred Adler, quen afirma, en síntese, que os que fracasan no labor planeado polo perigo son aqueles individuos aos que a inferioridade dos seus órganos crea dificultades excesivas.... A crítica dos últimos dez anos demostrou a insuficiencia desta explicación que, por outra banda, reborda os múltiples feitos descubertos pola psicanálise. A segunda foi realizada por Otto Rank. Non se pode equiparar á de Adler e debe ser considerada como un esforzo lexítimo para resolver os problemas analíticos. Na relación dada entre o individuo e o perigo prescinde Rank da debilidade orgánica do individuo e oriéntase cara a variábel intensidade do perigo. O proceso do nacemento é a primeira situación perigosa, e a axitación económica por el producida constitúese no prototipo da reacción angustiosa.

(Sigmund Freud, Inhibición, síntoma e angustia).

EXERCICIOS:

1.- En que tipo de lingua encadrariamos este texto?: descrición, argumentación, exposición ... Razoar a resposta.

2.- En que nivel de lingua encadrariamos este texto?: culta, coloquial, familiar, vulgar ... Razoar a resposta.

3.- "non se pode equiparar á de Rank". Substituír non por: xamais, quizais, agora, sen embargo, desde logo, sempre, xa e indicar as variacións que sofre a colocación do pronome e o verbo.

4.- Composición: as angustias dos alumnos: notas, exames, selectividade, a familia, o ambiente ...


Compañeiros: coido que debemos propor á Dirección deste centro educativo e público unha serie de reformas que vaian mellorando o noso rendemento académico. O que eu propoño, compañeiros, non pode ser rexeitado pola Dirección nin polo Consello Escolar: primeiro, porque é moi barato; supón para cada aula un investimento menor que unha pizarra dixital -o último que pretenden meternos-; segundo, porque é pedagóxico e vouno demostrar aquí e agora. O que eu propoño, compañeiros, é algo tan sinxelo como pintar de novo a aula, porque estamos fartos de ver branco e máis branco; isto parece un hospital.

Primeiro, hai que pintar o teito de negro. O negro é a cor menos atractiva, da que instintivamente foxe o noso ollar. Que mellor solución para evitar que se nos vaia o santo ao ceo, que fiquemos ollando para os biosbardos mentres os profesores e profesoras nos abren os camiños das ciencias? Esixamos teitos negros e as cualificacións sufrirán os efectos beneficiosos do noso maior aproveitamento.

Segundo, sabemos todos que as longas explicacións no encerado propician que as nosas olladas se dirixan cara ao teito e as xanelas. Xa vimos como evitar o teito. Non podemos facer o mesmo coas xanelas, convén que sexan grandes e deixen entrar ben luz para escapar á claustrofobia. A solución estará en pintar o encerado de vermello, é a cor máis rechamante de todas. Así, se escribimos con xeso azul sobre un fondo vermello non perderemos unha explicación. Alguén pode dicir que logo seguiremos a mirar para o encerado cando non debemos. Certo, mais isto soluciónase cunha cortina gris que o cubra cando non cómpre.

Terceiro, fica o problema das paredes, que tamén son foco de dispersión das miradas dos aborrecidos. Eu propoño, compañeiros, que se pinten de rosa. Si, de rosa; porque é unha cor que cansa ao pouco tempo (sobre isto pode lerse o tratado de Marta Lobelle As cores e a intelixencia. Experiencias). Deste xeito conseguiremos tamén afastar a atención das paredes brancas que tantas veces levan a nosa imaxinación por outros roteiros. Hai outra posibilidade mais resulta moi custosa, o que non impide que nun futuro se teña en conta. Esta sería que as paredes estivesen recubertas de espellos. Isto permitiría unha grande intercomunicación entre nós, colegas, un maior coñecemento; e tamén diminuiría a competencia desleal, pois sería un fiel aliado dos profesores á hora de vixiaren aos "copións".

Cuarto, as mesas si deberían ser brancas para facilitar a sensación de nos atopar nun sitio cómodo, agradábel e limpo. Tampouco estaría mal que unha raia azul nun dos cantos da mesa nos lembrase o país en que vivimos.

Eu, compañeiros, non propoño máis mudanzas. Xa vexo que alguén se está a referir ao chan; creo que é mellor deixalo como está, total como sempre está a chover, vai ficar decote luxado. Ademais tampouco se pode rachar coa tradición tan rotundamente.

Creo sinceramente, porque o levo ben estudado, que isto é o mínimo que podemos esixir. Se me dades o voso apoio total, este delegado que vos fala levará o asunto á próxima reunión do Consello Escolar e tentará conseguir a adhesión dos outros cursos. Mesmo se eles non queren, proporei que se faga nesta aula a nivel experimental un ano e se non resulta, para o próximo curso contade coa miña dimisión irrevogábel.

EXERCICIOS:

1.- De que tipo de lingua se trata?: exposición, argumentación, descrición, narración. Xustificar e razoar a resposta.

2.- Como podemos apreciar no texto, un delegado diríxese aos compañeiros. Sinalar todos os trazos que reflicten a función apelativa.

3.- Repasar todos os infinitivos e sinalar os que poden levar as formas persoais ou conxugadas.

4.-"soluciónase cunha cortina". Encabezar esta frase coas seguintes palabras, facendo os cambios precisos en cada caso: e, quizais, tampouco, onte, despois, nunca, quen? cando?

5.- Supondo que somos unha alumna desa clase, facerr unha versión oral, coloquial, resumida para lla contar a un amigo doutro colexio. Despois unha versión escrita que sirva de informe do acontecido.

6.- Construír unha argumentación escollendo un destes temas: imos cara un mundo mellor - imos cara un mundo peor - os alumnos deste centro son xente feliz - os alumnos deste centro son xente infeliz.


Traballadores contratados pola Consellaría de Ordenación do Territorio e Obras Públicas pecháronse onte desde as 12 da mañá na sé da citada Consellaría en Ourense en solidariedade co seu compañeiro Roi Ruíz Ruibal, de 25 anos, despedido improcedentemente polo delegado provincial da COTOP, André Míguez Míguez. Onte pola mañá preto dun cento de traballadores de dito colectivo fixeron tamén unha concentración de protesta e unha sentada perante o local da Consellaría, acción repetida á mesma hora en Lugo, Vigo e Ferrol. Roi Ruíz ameazou cunha folga indefinida de fame de non acadar unha resposta axeitada ás súas esixencias.

Roi Ruíz, contratado temporalmente na COTOP de Ourense, viu de repente rescindido o seu contrato pola súa antiga condición de heroinómano en período de rehabilitación. A causa é ausentarse durante 16 días para someterse a un tratamento médico nas dependencias da Asociación Galega para a Rehabilitación de Drogodependentes en Samos, polo que o delegado da COTOP en Ourense considerou que non procedía a renovación do contrato.

A raíz deste feito instruíuse un expediente disciplinario no que o xuíz instrutor concluíu propondo a suspensión de emprego e soldo durante tres meses e non a rescisión de contrato. Alén disto, a Maxistratura de Traballo fallou o despido como improcedente deixándolle á empresa a opción de readmitir ou indemnizar o traballador. A COTOP decidiu indemnizar e renunciou ao recurso da sentenza, opóndose así a todas as posíbeis vías para solucionar o conflito.

"Axiña que coñeceron o meu problema coa droga, aconselláronme que renunciase ao meu posto de traballo e eu negueime a facelo. Iso vai en contra dos propios proxectos da Xunta contra a droga (Plano Nacional galego contra a Droga) que insisten na reinserción dos extoxicómanos como obxectivo básico. É unha contradición entre a teoría e a práctica deste goberno".

No mes de maio Roi Ruíz levaba dous meses e medio suspendido de emprego e soldo como consecuencia dun expediente disciplinario por unha falta laboral "moi grave". Días máis tarde presentou un xustificante de baixa selado polo SERGAS, polo que a falta pasaría de moi grave a leve por atraso na xustificación e o expediente xa non tería sentido, segundo asegurou á nosa redacción Roi Ruíz.

EXERCICIOS:

1.- Unha vez lida a composición responder ás preguntas Quen? Como? Onde? Por que?

2.- Construír un texto tendo en conta estes datos:
¿Quen?: unha parella de mozos de nome ....
¿Como?: nunha lancha con motores de grande potencia.
¿Onde?: na ría de Arousa por membros da Garda Civil
¿Porque?: contrabando de tabaco.

3.- ¿Poden os xornais dar visións diferentes do mesmo feito? Comparar as versións que dan os xornais, radios e TV galegas dunha manifestación de obreiros, das declaracións dun membro do Goberno ou da oposición, dun feito importante de política internacional, etc.


UN PIRATA INFORMÁTICO SABOTA A REDE DE ORDENADORES DA GUERRA DAS GALAXIAS.

Iria e Antía Xaneiro, Washington.

A rede de miles de ordenadores que une o Pentágono cos laboratorios que traballan no programa da guerra das galaxias e as principais universidades dos EE.UU. foi sabotada por un descoñecido pirata electrónico.

O sucedido pon de relevo a vulnerabilidade do sistema informático deste país, que sufriu o que se considera o "maior ataque da historia". "O grande tema é que un programa de software relativamente benigno foi capaz de pór de xeonllos a comunidade electrónica", explicou onte un experto dos laboratorios Livermore, en California, onde se investiga o Sistema de Defensa Espacial (SDE). Só en Livermore houbo que deter 8OO ordenadores ata conseguir curalos do virus.

Parece que o culpábel foi un estudante de informática que tentaba introducir un virus inofensivo nunha rede de ordenadores chamada Arpanet, que é utilizada para intercambiar información e mensaxes comúns nos centros militares, universidades, laboratorios de investigación e mesmo empresas privadas. O problema estendeuse tamén a algúns ordenadores de institucións financeiras europeas e a laboratorios de investigación en Australia.

Unha voz anónima que dixo falar no nome do sabotador, chamou a The New York Times para explicar que o experimento se lle foi das mans por un pequeno problema de programación que fixo que o virus -que se comporta de maneira similar aos biolóxicos- se multiplicase a través da rede informática centos de veces máis rapidamente do previsto. O bichiño atacou as máquinas que utilizan o sistema operativo Unix embotellando os seus almacéns electrónicos e obrigando a fechar os ordenadores por falta de memoria.

Aínda que a maioría dos afectados xa foran curados onte, o virus continua durmindo nas contas electrónicas de centos de outros ordenadores.

Unha empresa de California que fora atacada distribuíu ás vítimas da sabotaxe un programa especial cun antídoto para acabar co virus. "Isto está causando moitas dores de cabeza e enormes perdas de diñeiro", dixo un experto da Universidade de Harvard.

O autor, segundo o comunicante anónimo, está abraiado polas consecuencias do seu experimento. O Pentágono estableceu o xoves un centro de emerxencia para resolver o problema e reforzar as partes máis débiles da rede electrónica que permitiron a entrada do virus.

A epidemia desatouse na noite do mércores (madrugada do xoves en Galicia) nos laboratorios Livermore, en Berkeley. De alí pasou á universidade de Stanford e á NASA. Despois saltou á Costa Leste, aos ordenadores do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e ás universidades de Harvard, Princeton e Columbia. O Mando Aéreo Estratéxico e a supersecreta Axencia Nacional de Seguridade (NSA), dedicada á espionaxe electrónica, forman parte tamén da rede infectada.

Por sorte, o virus non estaba ideado para borrar o material almacenado e só atrasou o traballo dos ordenadores ou fechou moitos deles por conxestión.

EXERCICIOS:

1.- Unha vez lida a noticia, responder ás preguntas Quen? Onde? Como? Por que? Cando? Que?

2.- Indicar as palabras propias doutros campos que se usan aquí aplicadas á informática.

3.- Composición en forma de artigo e con opinións alleas: A paz mundial e o futuro da Humanidade nas mans da Informática.

4.- Tema para discusión: a informática e o uso das linguas: o inglés, o castelán, o galego (a situación actual, a validez de cada unha, a tradición, etc.).

5.- A técnica da pirámide invertida caracteriza o estilo informativo dos xornais. Consiste en que no primeiro parágrafo da nova e co menor número de palabras debe figurar a resposta a estas preguntas: ¿que, onde, quen, como, por que, cando ...? Logo vén o corpo da información, pero non hai suspense como nas novelas, xa sabemos o final; de maneira que irán aparecendo os detalles accesorios en orde decrecente de importancia. En todo o artigo debe primar a concisión (frases curtas que aforran espazo) e a claridade que evite esforzo ao lector.

-Escoller un xornal do día e analizar en que medida se dan estas características.

-Se lembramos algunha noticia que escoitásemos o día anterior pola radio ou televisión, construír un artigo para un xornal aplicando todo o escrito ata agora.


Ordena convenientemente os apartados para que o texto teña sentido e lóxica resultando unha nova sobre un roubo ocorrido no Incio.

a) Estes, a pesar de que viven nas casas próximas, non se decataron de nada xa que estivo unha noite de invernía con forte vento e moita choiva.

b) Con este, son xa sete os roubos de obxectos artísticos levados a cabo no interior de Galicia esta semana.

c) Segundo fontes da Consellería de Cultura, detrás destas desaparicións podería estar unha mafia internacional que fornece de material cultural a certos millonarios chineses.

d) ROUBO NO INCIO.

e) Aconteceu que os ladróns desmontaron e levaron as vidreiras das paredes da igrexa, que representan as estacións do Vía Crucis, segundo nos informou o crego do Incio.

f) O venres l3 produciuse un curioso roubo no Incio, preto de Samos.

g) Sarria, Luís Cervela, correspondente.

h) Ademais as investigacións apuntan a que deberon usar dous automóbiles para fuxiren pola estrada da Ferraría e logo perdérense por pistas secundarias da serra do Caurel.

i) Segundo o Cabo da Garda Civil do Incio tiveron que usar instrumental sofisticado para desmontar e acondicionar os vidros sen que se estragasen e perdesen valor.

l) Tamén nos dixo que el ese día se atopaba realizando unhas xestións para mellorar a iluminación da igrexa románica do Hospital e foron os veciños quen o avisaron á mañá seguinte por teléfono.

Solución ao exercicio

PEÓN ATROPELADO NO PORRIÑO POR UN AUTOMÓBIL QUE SE DEU Á FUGA.

Un veciño da localidade pontevedresa do Porriño faleceu onte de madrugada ao ser atropelado por un vehículo que se deu á fuga.

Pedro Pérez Pérez, de 45 anos de idade, foi golpeado onte na estrada nacional 120 de Logroño a Vigo, dentro do concello do Porriño, parece que por irromper bruscamente na calzada.

O equipo de atestados da Guarda Civil, encargado de investigar o caso, busca un automóbil branco, probabelmente un modelo Renault-5, que despois de derrubar o peón tomou a dirección de Ourense.

O suceso aconteceu en torno ás catro da mañá de onte, xoves, segundo os ocupantes do primeiro vehículo que chegou ao lugar. Non hai testemuñas directas do accidente. Unicamente L.F., porteiro nun pub próximo escoitou frear un automóbil que logo debeu fuxir a grande velocidade.

EXERCICIOS:

1.-Unha vez lido o texto, completar as seguintes frases sen ollar para el. Despois comparar o noso co primitivo:

Un veciño...... faleceu onte.......Pedro Pérez, de......, foi golpeado...... 120 de Logroño a Vigo, ..... parece que por ......... O equipo de atestados da Garda Civil, encargado......., busca un........, probabelmente....... -5, que despois de ... tomou .......... Ourense. O suceso ....... catro da mañá, xoves, segundo........... chegou ........ Non hai......... do accidente. Unicamente L.F., .......... próximo, escoitou.......... que logo debeu fuxir............

2.- Tema para conversar: que cadaquén relate un accidente, desastre ou catástrofe que teña presenciado.

3.- Conversa: as imaxes "fortes" e arrepiantes que vemos a diario nos telexornais sobre accidentes e catástrofes, deben suprimirse?, temos todos dereito a velas?

4.- As crónicas de sucesos están escritas habitualmente nun estilo directo e sinxelo, o mesmo que as crónicas xudiciais.

Analizar nun xornal se se cumpren estes requisitos. Acúsase a este tipo e noticias de sensacionalismo. Podes explicar en que consiste e pór algún exemplo?


AXENCIAS . Nova Delhi.

O goberno indio despregou onte tropas no Estado de Punjab, ao longo da súa fronteira con Paquistán, aumentando a tensión entre os dous países tralo ataque da semana pasada ao Parlamento de Nova Delhi, no que morreron 13 persoas. Funcionarios do Goberno en Punjab citados pola BBC dixeron que a medida era “unha resposta defensiva ante un movemento similar de tropas por parte de Paquistán”, o que foi inmediatamente negado por Islamabad. O despregamento indio, segundo o correspondente na zona da radiotelevisión pública británica, inclúe tropas de infantería mecanizada e algúns carros blindados.

A medida levouse a cabo horas despois de que o primeiro ministro indio, A.B.V., anunciase que intentaría resolver pola vía pacífica a crise con Paquistán. “Débense facer todos os esforzos para evitar a guerra”, declarou no Parlamento A.B.V. “Na actualidade tentamos resolver o problema pola vía diplomática, pero outras opcións están abertas”, engadiu.

A India acusou aos servizos secretos de Islamabad de estaren detrás do ataque ao Parlamento. Paquistán négao e propuxo a Nova Delhi iniciar unha investigación conxunta sobre o caso, o que A.B.V., á súa vez, rexeitou.

A Casa Branca chamou onte ao Goberno indio a evitar un empeoramento dos conflitos na rexión.

EXERCICIOS:

l.- Indicar o tipo de lingua do texto, razoándoo.
2.- Facer un resume en poucas liñas deste artigo.
4.- Redactar correctamente unha noticia sobre un crime tendo en conta estes dados:
a) Nome, apelidos, profesión e idade do autor ...
b) Detención: voluntariamente no cuartel. Día, lugar e hora en que foi xulgado ....
c) Acusación do fiscal e acusación particular: homicidio voluntario por dous disparos de escopeta de caza. Problemas de vello entre o reo e o defunto. Ameazas públicas do reo ao defunto. Escopeta ben engraxada. Arranxos para marchar para lonxe ...
d) Avogado defensor: afeccionado á caza de sempre. Estaba dentro dun monte da súa propiedade cazando coellos. Creu certamente ver un coello ou lebre. Pensaba marchar uns días xunto a un irmán que se vai operar en Barcelona.
e) Sentenza do xuíz ...


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.