ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra (catedráticos de Lingue Galega e Lit. xubilados


Xunta de Galicia
Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio
Maio 2019


Web da Xunta de Galicia


LINGUA GALEGA

Formato da proba
A proba consta de dous textos e vinte cuestións, distribuídas deste xeito:
–Texto 1: cinco cuestións tipo test.
–Texto 2: cinco cuestións tipo test.
–Bloque de cuestións: dez cuestións tipo test.
As cuestións tipo test teñen tres posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
* Puntuación: 0.50 puntos por cuestión tipo test correctamente contestada.
* Por cada cuestión tipo test incorrecta restarase 0.125 puntos.
* Polas respostas en branco non se descontará puntuación.
* No caso de marcar máis dunha resposta por pregunta considerarase como unha resposta en branco.
Duración
* Este exercicio terá unha duración máxima de: 40 minutos.


Convén tomar do número de respostas acertadas á primeira, das erradas e das que non se responden para poder calcular a puntuación final

Para poder ver as respostas correctas cómpre ter activado JavaScript no navegador


Texto 1

O final do Camiño

María Josefa Wonenburger Planells naceu en Oleiros o 19 de xullo de 1927. Filla de Julio e Amparo, tiña unha irmá pequena. O seu pai ocupábase da fundición familiar, negocio que lles permitía vivir con fartura. Naquela época, as mulleres non adoitaban cursar carreiras superiores. Non estaba mal visto que estudasen maxisterio e se dedicasen ao ensino, pero á maioría delas esperábaas o matrimonio e o coidado do fogar. A súa familia quería que estudase unha enxeñaría para continuar co negocio familiar. Pero as matemáticas cruzáronse no seu camiño e, aínda que sabía que as súas posibilidades de dedicarse a elas profesionalmente eran limitadas, Wonenburger non quería arrepentirse no futuro de abandonar unha das súas paixóns.

Para María Josefa as matemáticas eran á vez sinxelas e divertidas. Tras acabar o bacharelato en 1944, debía trasladarse a Madrid para seguir a carreira de matemáticas. Pero era un momento de gran crispación política e non era conveniente vivir lonxe de casa. Tivo que esperar ata 1945 para comezar os seus estudos na Universidade Central de Madrid. María Josefa nunca tomaba apuntes na aula. Só escoitaba para non perder ningún detalle. Pola noite, xa na residencia, reproducía as explicacións que dera o profesor. Tralos cinco anos de carreira, entre 1950 e 1953, desenvolveu os seus estudos de doutoramento.

Algúns dos seus profesores recomendáronlle viaxar ao estranxeiro para completar a súa formación. Grazas á concesión dunha bolsa Fullbright puido viaxar aos Estados Unidos en 1953. Tras unha longa viaxe en barco chegou á Universidade de Siracusa (Nova York, EUA) para realizar un curso previo antes de comezar os seus estudos. O seu seguinte destino foi a Universidade de Yale, onde o seu supervisor foi o coñecido alxebrista Nathan Jacobson. Con el realizou a súa tese doutoral titulada On the Group of Similitudes and its Projective Group en 1957.

Fonte

1.Segundo o texto, cal é a afirmación correcta sobre María Josefa Wonenburger?

A Estudou matemáticas para continuar a profesión que a familia dela quería. Correcto?

B Foi vivir aos EUA onde fixo unha tese de doutoramento cun profesor de álxebra. Correcto?

C A partir dos anos 50 estudou en universidades españolas grazas a unha bolsa dos EUA. Correcto?

2.Segundo o texto, cal é a afirmación falsa sobre María Josefa Wonenburger?

A Cando era nova estaba ben visto que as mulleres estudasen a carreira de matemáticas. Correcto?

B Para estudar a carreira tivo que ir vivir a Madrid, logo de rematado o bacharelato. Correcto?

C Dedicouse a estudar matemáticas porque esa era unha das súas paixóns na vida. Correcto?

3.A palabra “crispación” (vermello no texto) significa “acción e efecto de”:

A Escoller unha ou máis persoas para un cargo. Correcto?

B Provocar unha forte irritación. Correcto?

C Privar dunha satisfacción a alguén por non dar de si o esperado. Correcto?

4.Segundo o texto, cal é a afirmación correcta sobre os estudos universitarios?

A Os seus profesores non lle aconsellaron que fose estudar ás universidades dos EUA. Correcto?

B Na universidade tomaba moitas notas durante as clases para estudar polas noites. Correcto?

C Que algunhas alumnas estudasen para seren profesoras non estaba mal considerado. Correcto?

5.No texto, a palabra “bolsa” (vermello no texto) significa:

A Axuda económica que recibe unha persoa para estudar ou investigar. Correcto?

B Masa de mineral ou fluído existente nunha cavidade do terreo. Correcto?

C Obxecto que serve para gardar ou transportar todo tipo de obxectos. Correcto?


Texto 2

O assasinato do conde Andeiro é unha película portuguesa, que narra as aventuras do personaxe máis famoso de Cambre. Trátase de Xoán Fernández de Andeiro, unha figura lendaria do século XIV, que se namorou da raíña de Portugal e conspirou con ela ata que morreu asasinado. A súa pegada histórica máis significativa remóntase ao 1369, ano no que se produce unha sanguenta guerra civil entre Pedro I de Castela, que era o rei, e o seu medio irmán, Henrique, que tamén aspiraba a ser monarca. De feito, acabará sendo o futuro Henrique II, primeiro da dinastía dos Trastámara. Pedro morre, Henrique é o novo rei e case toda a nobreza galega se opón. É entón cando chaman aos reis veciños. Acoden a Fernando I, rei de Portugal e dos Algarves, que acaba entrando en Galicia pola Coruña, cidade que lle foi fiel entre os anos 1369 e 1373 (...).

Toda esta historia está reflectida no cadeirado do salón de plenos do Concello da Coruña, situado no palacio municipal de María Pita. Alí vese ao conde Andeiro recibindo ao rei de Portugal na Coruña. Nos anos seguintes, na urbe herculina chegarase incluso a emitir moeda portuguesa [na casa da moeda] e A Coruña foi corte portuguesa durante tres anos. Pero as cousas complícanse, o rei vese obrigado a regresar a Lisboa e alí é onde se produce o desenlace tráxico da vida do conde Andeiro. O de Cambre, un elemento destacado xa na corte lusa, namorouse da raíña, Leonor Teles. Morre o rei de Portugal e ambos conspiran ata o punto de que Andeiro estivo a piques de converterse no monarca portugués. E é que o nobre galego, odiado polos cortesáns portugueses, ía casar con Dona Leonor, pero acaba sendo asasinado.

Non hai unha certeza absoluta sobre o lugar onde pode estar enterrado o conde Andeiro. Os portugueses din que está alá, pero o seu descendente, o poeta do Rexurdimento Evaristo Martelo, sempre defendeu que está na colexiata de Santa María, na Coruña. De feito, Martelo compúxolle un poema que di así: Detrás da túa pedra fría / da Colexiata / Dormes ti / Sen que ninguén se acorde de ti.

Fonte

6.Segundo o texto, Andeiro foi:

A Un poeta do Rexurdimento que compuxo versos na Coruña no século XIX. Correcto?

B Un nobre galego que estivo namorado dunha raíña portuguesa no século XIV. Correcto?

C Un asasino de Cambre que fuxiu a Portugal co rei Henrique no século XIII. Correcto?

7.No texto, a palabra “cadeirado” (en vermello no texto) significa:

A Lugar onde se celebran actos públicos nun concello ou nunha universidade. Correcto?

B Corporación que ten ao seu cargo a administración dun municipio. Correcto?

C Conxunto de asentos unidos uns aos outros e fixados na parede ou no chan. Correcto?

8.Cal é a información falsa?

A Xoán Fernández de Andeiro está soterrado nunha ermida situada en Cambre. Correcto?

B Nun edificio da Coruña pode verse unha representación da historia de Andeiro. Correcto?

C A casa da moeda da Coruña cuñou moedas de Fernando I, rei de Portugal. Correcto?

9.A palabra “lusa” (en vermello no texto) ten como sinónimo:

A Atlántica. Correcto?

B Portuguesa. Correcto?

C Lisboeta. Correcto?

10.Cal é a información correcta?

A A nobreza galega acudiu ao rei Fernando I de Portugal para que lle axudase na loita en contra de Henrique. Correcto?

B A raíña Leonor Teles casou con Henrique, con que tivo dous fillos que fundaron a dinastía da familia Trastámara. Correcto?

C A aristocracia portuguesa axudou a Pedro a gañar a guerra e despois levouno a Lisboa, onde foi rei de Portugal. Correcto?

Cuestións

11.Cal é a serie de palabras que contén substantivos abstractos?

A Chuvia, area, calor. Correcto?

B Rabaño, vaixela, exército. Correcto?

C Vergoña, abraio, liberdade. Correcto?

12.A oración “Eu convencino para facermos unha viaxe xuntos” contén:

A Un infinitivo conxugado cuxo suxeito propio non está expreso. Correcto?

B Unha perífrase temporal que indica futuridade na acción. Correcto?

C Unha forma nominal que carece de tempo, modo, número e persoa. Correcto?

13.Desde o punto de vista léxico, a sinonimia total dáse cando dúas palabras son:

A Substituíbles unha pola outra só en certos contextos, como “postura” e “posición”. Correcto?

B Intercambiables en calquera contexto, como “bágoa” e “lágrima”. Correcto?

C Admisibles dúas formas en todos os contextos, como “fútbol” e “football”. Correcto?

14.Os adxectivos epítetos son aqueles que designan:

A Unha limitación do significado do substantivo, como en “catedral románica”. Correcto?

B Unha anteposición respecto da colocación habitual, como en “verdes campos”. Correcto?

C Unha calidade que xa é propia do substantivo, como en “noite escura”. Correcto?

15.Cal é a serie de palabras correcta?

A Exixir, exumar, exaxerado, excavar, estensión. Correcto?

B Esixir, exhumar, extenso, escavar, exclamación. Correcto?

C Esaxerar, extender, extirar, extensivo, exumación. Correcto?

16.Cal é a serie de palabras correcta?

A Bacallau, albanel, mexillón, engano, adiviño, coello. Correcto?

B Bacalao, albañil, mexilón, engaño, adivino, conexo. Correcto?

C Bacallao, albañel, mexilón, engaño, adiviño, conello. Correcto?

17.Cal é a oración correctamente escrita?

A Aí está o ovo para faceres a maionesa antes de saíres para a baía. Correcto?

B Aínda non te deshinchou o brazo desde que rompiches o húmero? Correcto?

C Aquela tarde meu irmán exibía unha pegatina adesiva no hombro. Correcto?

18.Cal é a serie de palabras correctamente acentuada?

A Circunstanciáis, mentíu, ademáis, druída. Correcto?

B Materiáis, asubio, bonsái, proteína. Correcto?

C Cambiéillelo, puido, axóuxere, diúrno. Correcto?

19.Cal é a oración correctamente escrita e acentuada?

A Botóume fora da estrada a drede en esa curva. Correcto?

B Choveu tanto que a presa rebordou por fóra. Correcto?

C Sinte moito duelo pola morte de un ser querido. Correcto?

20.Na oración “Malgasta moito, porque lle choven os cartos” a palabra en negra:

A Posúe un significado recto, dado que conserva a definición que ten en orixe, mantendo o seu sentido primario. Correcto?

B Adquire un significado figurado a partir da asociación establecida entre o sentido primitivo e outras realidades. Correcto?

C Presenta un fenómeno denominado sinonimia que consiste na pluralidade de significados ou de acepcións dunha palabra. Correcto?



N.º de respostas correctas (C)
N.º de respostas incorrectas (Z)
Puntuación do test= C×0,5-Z×0,125
Nas preguntas de test, por cada resposta incorrecta descontaranse 0,125


2005-2024