Miriam Ferradáns
Foto Miriam Ferradáns, escritora e amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 2. A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas.


-Recomendan unhas 250 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos

-Nesta pregunta espérase unha resposta breve, pero redactada, non contestada de xeito esquemático.

-Isto é o complemento teórico, revisa os exames propostos no curso 2022 para ver como tes que responder (preguntas sobre un texto)


-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

É o Grupo "Nós", co seu labor restaurador da cultura e a súa visión universalizadora, quen abre as portas á incorporación das vangardas á literatura galega. A vangarda é un conxunto de movementos artísticos europeos (1910-1930), con afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... Non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. En poesía prescinden dos moldes tradicionais, ordenando os versos a xeito de caligramas, o poema baséase en imaxes vangardistas. Os vangardistas galegos nacen cara ao ano 1900 (Xeración do 25), supoñen unha ruptura e actitude crítica coa poesía anterior: coa tradición de sentimentalismo, folclorismo (romarías, costumes, rural) e paisaxismo do século XIX, e por primeira vez hai unha integración na poesía europea.

Liñas principais nas vangardas galegas:
* SurrealismoÁlvaro Cunqueiro. Poemas do si e non: unha interpretación moi persoal, co fluír da asociación de ideas e a influencia dos soños pero cun pouso sentimental, sen a carga dramática que soen ter os textos surrealistas. Hai algo de cubismo en Mar ao norde (1932).
* Creacionismo: Manuel Antonio. Personalidade rebelde que representa o mellor expoñente vangardista en Galicia. A súa obra principal (única publicada en vida) é De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo. Son 19 poemas estruturados como unha viaxe marítima, case sempre de noite, simboliza a súa concepción absolutamente pesimista da vida: monótona, repetitiva, en completa soidade (como perdido no mar), e continua despedida. Estrutura superficial: unha viaxe marítima (desde a súa preparación ata a súa finalización, con parada intermedia) monótona, repetitiva e contraditoria: o tempo pasa pero está parado, só existe o presente. Estrutura profunda: viaxe interior, iniciática; visión desilusionada, negativa, da vida desde a soidade.
* Hilozoísmo: o movemento de máis éxito na época, con multitude de seguidores. Baixo unha forma tradicional (non é vangarda plena) -estrofas populares, rima asonante, versos medidos, lingua popular- preséntanos, a base de imaxes vangardistas, unha natureza viva, aberta ás sensacións, ao auditivo, ao visual, fronte ao sentimentalismo e a anécdota. O poema deshumanízase e a paisaxe humanízase. O seu iniciador e representante máis destacado é Luís Amado Carballo:  Proel  e O galo. Entre os múltiples seguidores destaca Eduardo Blanco Amor.
* Neotrobadorismo:  non é propiamente vangarda, senón unha reformulación de estilos e temas da tradición medieval, engadindo imaxes da poesía moderna. Liñas:
- Unha máis innovadora, con Bouza Brey –o seu iniciador-: Nao senlleiraÁlvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama RiveiraDona do corpo delgado).
- Outra máis imitadora das cantigas medievais, que rematará con Xosé María Álvarez Blázquez cando en 1953 fai pasar o seu Cancioneiro de Monfero por un verdadeiro cancioneiro medieval.

(452 palabras)

vangardas


Versión máis longa (883 palabras)

A vangarda é un conxunto de movementos artísticos europeos (1910-1930), con afán de ruptura con todo o anterior, unha actitude provocativa que se aplica a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura... Non conciben a arte como imitación da realidade, senón como nova interpretación persoal desta. En poesía prescinden dos moldes tradicionais, ordenando os versos a xeito de caligramas, o poema baséase en imaxes vangardistas. 
Os –ismos europeos foron abundantes e pouco duradeiros: 
*Futurismo: iníciase coa publicación en 1909 dun manifesto de Marinetti, no que exalta a violencia e a luxuria, a velocidade e o maquinismo, a técnica e o progreso. Imprimen aos seus escritos dinamismo e rapidez verbal, suprimindo adxectivos e adverbios.
*Cubismo: nace como escola pictórica cara a 1907. Procura a percepción intelectual da realidade descompoñendo os obxectos en liñas e planos xeométricos que no cadro se presentan recompostos libremente. Un proceso semellante prodúcese na literatura, mesturando conceptos ou imaxes, distorsionando a sintaxe e revolucionando a tipografía cos Calligrammes de G. Apollinaire, poemas nos que se crean "imaxes visuais" grazas á disposición dos versos na páxina.
*Dadaísmo: nace en Zurich en 1916 da man de Tristán Tzara como repulsa violenta contra a "racionalidade" que conduciu á devastación e horror da 1ª Guerra Mundial. Rebélase contra a lóxica e a racionalidade, contra as convencións estéticas e sociais para liberar a fantasía mediante unha linguaxe mesmo incoherente. As súas manifestacións públicas son actos provocadores.
*Surrealismo (superrealismo): constitúe a grande revolución estética e ideolóxica do século XX. Encamíñase a unha transformación liberadora do home (influencia da psicanálise de Freud: primacía do soño, a loucura, o inconsciente, a hipnose) dando vía libre ás manifestacións do subconsciente coa escritura automática, defendendo o acto gratuíto. O seu primeiro manifesto é de 1924.
*Creacionismo: o seu abandeirado é Vicente Huidobro, para quen a arte non debe imitar a realidade xa que o poeta é un pequeno Deus que pode "crear un poema como a Natureza crea unha árbore". Deste xeito, o poema é unha realidade autónoma froito da intelixencia (ao contrario do surrealismo), servíndose para isto dos xogos de palabras e mais das imaxes fundamentadas nunha relación arbitraria.

As vangardas na Galiza.
É o grupo "Nós" co seu labor restaurador da nosa cultura e a súa visión universalizadora quen abre as portas á incorporación das vangardas á literatura galega. Especialmente Vicente Risco, que será quen informe a Manuel Antonio dos "ismos" europeos e trate de orientalo.
Os vangardistas galegos son mozos nacidos ao redor do ano 1900 que reciben tamén o nome de Xeración do 25, supoñen unha ruptura e actitude crítica coa poesía anterior: coa tradición de sentimentalismo (saudade, bágoas, queixas), folclorismo (romarías, costumes, rural) e paisaxismo do século XIX, e por primeira vez hai unha integración na poesía europea. Danse a coñecer en revistas como AlfarRonselCristal...
Por un lado podemos atopar -ismos claramente seguidores das modas europeas e por outro movementos especificamente galegos:
1. SurrealismoÁlvaro CunqueiroPoemas do si e non (1933), é unha interpretación moi persoal, co fluír da asociación de ideas e a influencia dos soños pero cun pouso sentimental, gozoso, sen a carga dramática que soen ter os textos surrealistas. Tamén se pode ver algo de cubismo en Mar ao norde (1932).
2. Creacionismo: O seu único cultivador é Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930). Personalidade rebelde que representa o mellor expoñente vangardista en Galicia. En 1922 publicou o manifesto Máis Alá, novidoso polas alusións políticas e a non adscrición a un –ismo concreto.
A súa obra principal (e única publicada en vida) é De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo (1928). Son 19 poemas estruturados como unha viaxe marítima, case sempre de noite, simboliza a súa concepción absolutamente pesimista da vida: monótona, repetitiva, en completa soidade (como perdido no mar), e continua despedida.
Poderiamos falar dunha estrutura superficial: unha viaxe marítima (desde a súa preparación ata a súa finalización, con parada intermedia) monótona, repetitiva e contraditoria: o tempo pasa pero está parado, só existe o presente. E unha estrutura profunda: viaxe interior, iniciática; visión desilusionada, negativa, da vida desde a soidade.
-ismos autóctonos ou vangardismo matizado:
3. Hilozoísmo: Foi o movemento poético de máis éxito na época, con multitude de seguidores. Baixo unha forma tradicional (non é polo tanto unha vangarda plena) -estrofas populares, rima asonante, versos medidos, lingua popular- preséntanos, a base de imaxes vangardistas, unha natureza viva, aberta ao sensorial, ao auditivo, ao visual, fronte ao sentimentalismo e a anécdota. O poema deshumanízase e a paisaxe humanízase. O seu iniciador e representante máis destacado é Luís Amado Carballo (1901-1927), Proel (1927) e O galo (póstumo, 1928). Entre os múltiples seguidores destaca Eduardo Blanco Amor. Segue despois da guerra.
4. Neotrobadorismo: No ano 1928 José Joaquim Nunes publica as cantigas medievais que acadan unha grande difusión e provocan a aparición desta corrente que non é propiamente vangarda, senón unha reformulación de estilos e temas da tradición medieval, engadindo imaxes da poesía moderna. Tamén continúa despois da guerra.
Podemos distinguir dúas tendencias:
- Unha máis innovadora na que destacan Bouza Brey –o seu iniciador- (Nao senlleira, 1933), Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama Riveira, 1933, Dona do corpo delgado, 1950).
- Outra máis mimética que rematará con Xosé María Álvarez Blázquez cando no ano 1953 fai pasar o seu Cancioneiro de Monfero por un verdadeiro cancioneiro medieval.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.