Paulo González Ogando
Foto de PAULO GONZÁLEZ OGANDO, escritor galego, autor de Bocados matemáticos.

ogalego.eu - ogalego.gal son

Vitoria Ogando Valcárcel//Anxo González Guerra catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Exames de 2022

Xuño -- Xullo


XUÑO 2022

O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.


TEXTO

Luis naceu en Malpica en 1999. O 13 de novembro de 2002 tiña tres anos. Cando lle pregunto que lembra do afundimento do Prestige, contesta que unha conversa no coche dos seus pais. El vai na parte de atrás. É pequeniño, ten os ollos grandes e cústalle ver fóra. Ao mellor conducen preto do mar, pero non se ve o mar. Na conversa dos adultos podería aparecer a palabra chapapote. Na conversa dos adultos hai un fedor e unha negrura. É viscosa a conversa dos adultos. Iso é todo canto lembra Luis.

Dezanove anos despois, teño a sensación de que a memoria da catástrofe foi borrada. Que ninguén nos dixo nada, que ninguén nolo repetiu as veces suficientes. Hai un par de semanas acudía en Compostela á representación de N.E.V.E.R.M.O.R.E., a peza de teatro documental coa que a Chévere reivindica o relato das voces baixas ao tempo que pon en escena o argumento pesado da burocracia que xerou o caso. Durante dúas horas respirei no público rodeado de persoas que si lembraban os días agónicos do Prestige, que si tiveran que decidir hai case dúas décadas entre acudir a limpar chapapote ou quedar na casa, entre manifestarse ou facer como que non pasaba nada. Ao final, sentín que parte daqueles espectadores emocionados eran tamén culpables da miña, da nosa desmemoria.

Non hai monumentos, non hai loito nacional ou lembranza anual. En Noia, na vila onde medrei, un grafiti enorme miraba á ría e berraba: NUNCA MÁIS. Quedounos o slogan coma un símbolo. Pero haberá dentro de cinco, dez anos, adolescentes capaces de interpretalo? Xente nova capaz de saber que aquilo é un signo de identidade? Que o nunca máis é a memoria dun pobo en pé cos ósos feitos de chuvia, unha manifestación de paraugas negros? Saberemos transmitir esa lección de dignidade?

Prestige puido ser a grande lección de mobilización social, de política non partidista. O exemplo a seguir para todos os que viñamos despois. Pero non o foi. A desmemoria é proba diso. No N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere, ao final da obra, ocupan o fondo do escenario pancartas e frases das manifestacións da época. No centro, unha saba negra di: “O futuro non é o que vai pasar senón o que imos facer”. Que fixemos?, pregunto hoxe.

Ismael Ramos. ElDiario.es. 14/11/2021 (adaptación)

PREGUNTA 1. Comprensión do texto de Ismael Ramos
1.1. Indique, nunha liña como máximo, cal é o tema do texto. (0,5 puntos)
1.2. Elabore un breve resumo coa información máis relevante do texto. (1 punto)
1.3. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras e expresións: “viscosa”, “burocracia”, “loito nacional”, “slogan”. Non son válidas as respostas só con sinónimos. (1 punto)

PREGUNTA 2. Produción textual (sobre o texto de Ismael Ramos)
2. Redacte un texto no que manifeste a súa opinión persoal sobre o tema do texto. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de e Ismael Ramos)
3.1. Sinale a que clase de palabra pertence cada unha das que conforman o seguinte enunciado do texto: “Dezanove anos despois, teño a sensación de que a memoria da catástrofe foi borrada”.
(1 punto)
3.2. Indique a función sintáctica que desempeñan no interior da súa cláusula ou oración as seguintes unidades subliñadas no texto: “tres anos”, “ver fóra”, “hai un par de semanas”, “proba diso”. (1 punto)
3.3. Localice no texto tres palabras que presenten un fonema vocálico tónico medio-aberto e dúas que presenten un fonema vocálico tónico medio-pechado. (0,5 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
Escolla un dos dous apartados.

4.1. Explique a situación que denuncia Marilar Aleixandre no seguinte artigo, empregando os conceptos técnicos de normalización e axentes de transmisión lingüística. Sinale dúas posibles medidas de normalización que poidan contribuír á súa superación. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

Nestes días fíxose viral un vídeo no que Moraima ten unha conversa con Siri a través da tableta. A nena, pacientemente, atende a Siri, repetindo en galego o que a asistente virtual di en castelán: "estou aquí para axudarte", "puedo ayudarte en algo más?" pregunta Siri, ao que Moraima responde, con toda lóxica: "pois... si, en recoller as cousas", facendo un aceno en dirección a mochila, xoguetes e roupa estrados polo chan. "Creo que no te entiendo", di Siri, e Moraima, "Porque eu falo en galego, sabes Siri?" Galegofalante consciente de que lingua fala, de que é diferente da da máquina. Nun intre de perigo tanto da transmisión do galego, como da preservación polas nenas e nenos que reciben o galego na casa e corren risco de perdelo na escola –na meirande parte dos casos non polas mestras, senón polas outras crianzas–, o de Moraima é un exemplo a seguir. E mostra por que demandamos asistentes virtuais e produtos informáticos en galego. Porque, sabes Siri? Eu falo galego e quero seguir falándoo.

Marilar Alexandre. Nós Diario. 25/09/2021 (adaptación).

4.2. Sitúe o seguinte texto na época correspondente da historia da normativización e indique dúas características lingüísticas fundamentais do galego escrito nela, sempre a partir de exemplos do propio texto. Explique brevemente os avances para a normalización da lingua deste período e por que acontecemento histórico se viron truncados. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

Por amaina-la concencia guindei co meu tiduo de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial, mais unha noite foron requerído-los meus servizos. Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Doume as “boas noites” e rompeu a chorar, e por antre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que somentes logrou decirme que tiña un fillo a morrer. O probe pai turraba por min, i eu deixábame levar, enfeitizado pola súa door. Dispois de todo eu era médico tiduado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de complacelo que sentín xurdir nos meus adentros unha gran cencia…

Castelao. “O retrato”. Retrincos (1934).

PREGUNTA 5. Educación literaria
Contextualice o texto de Neira Vilas na época literaria correspondente e identifique e explique dúas características da súa narrativa apoiándose no propio fragmento. Indique outros dous narradores destacados deste período, así como unha obra de cada un deles e os motivos da súa relevancia. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

Tódolos días a mesma andaina. Unha legua ben chea de camiño. E unha botella de leite morno, acabado de muxir. Tódalas mañás a mesma peregrinaxe. (…)

Tivera que deixa-la escola para atender ese trafego. Dáballe súa nai un codelo cada mañá, e sen outro amparo botaba pés ó camiño. Todo para levarlle aquel gurrucho de leite mal pagado a don Pedro, o feirante.

A lapra do sol atafegaba ó pequeno Alfredo. Caíalle a suor polas fazulas. Non podía máis. Sentouse na beira do camiño, ó pé dun carballizo. As follas estaban quedas; coma se non existise o aire. Todo semellaba morto. Alfredo deuse a cavilar. Pensou na “Vermella” mal mantida, e no pouco que pagaba o miserento don Pedro. Pensou na escola deixada, e no caldo augacento, mantenza pobre de tódolos días. E pouco a pouco foi achegando contra de si a botella de vidro escuro. Mirou derredor, coma se ventase algo, e comenzou a beber. O corazón latexáballe á presa. Cando rematou, colleu a botella polo bico e guindouna. Esfachicouse ó bater nos croios que había preto. Os seus anacos relucían agora coma espellos, debaixo do sol.

X. Neira Vilas. “Vidro e sol”. Xente no rodicio (1965).

PREGUNTA 6. Educación literaria

6. Contextualice este poema na época correspondente. Destaque e analice dúas características do poema que permitan situar o seu autor nas novas tendencias deste xénero. Engada o nome doutras dúas voces poéticas representativas desta época e un poemario de cada unha. (Ext. aprox. 250 palabras) (2,5 puntos) (2,5 puntos)

Quérennos caladas,
submises,
escravas sen futuro,
obxectos tan fermosos
ollando cara abaixo.

Por iso é que nos matan.

Daniel Asorey. Transmatria (2019).


XUÑO 2022

CRITERIOS DE AVALIACIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II (Cód. 02)

Pregunta 1. Comprensión do texto.

1.1. (0,5 puntos)

Tema do texto: valórase que o alumnado sexa quen de captar a esencia da temática do texto nunha única liña. Por exemplo: A desmemoria das novas xeracións, que provoca non aprender dos erros do pasado.

1.2. (1 punto).

Valórase que o alumnado redacte un resumo no que recolla as ideas principais do texto, con coherencia e cohesión.

1.3. (1 punto).

0,25 puntos cada palabra / expresión adecuadamente definida. Se responde só cun sinónimo, 0 puntos.

Pregunta 2. Produción textual (2,5 puntos).

Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.

Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto.

Valórase:

- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns), como a “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.

- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións. O adecuado emprego dos signos de puntuación.

- 1.c) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).

- 1.d) Uso pertinente de diversidade de conectores.

2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 puntos.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan un estilo requintado e afectado, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).

Marcar e penalizar: coloquialismos, palabras comodín, repeticións...

Tamén se penalizarán cuestións de presentación e formato, como non subliñar os títulos das obras.

3. Corrección lingüística. 0,75 puntos. Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 3. Lingua e gramática.

3.1. (1 punto).

Cada palabra mal identificada, resta 0,10. Polo tanto, 10 palabras mal implican unha puntuación de 0 neste apartado. Dezanove: Determinante numeral (é necesario indicar determinante) / anos: substantivo / despois: adverbio / teño: verbo / a: artigo (determinado) / sensación: substantivo / de: preposición / que: conxunción / a: artigo (determinado) / memoria: substantivo / da: contracción de preposición + artigo (se non indican as palabras que conforman a contracción, descóntase por cada unha delas) / catástrofe: substantivo / foi: verbo / borrada: participio (“foi borrada” tamén se pode identificar como perífrase ou forma verbal en voz pasiva).

3.2. (1 punto) 0,25 cada función ben identificada.

- tres anos: complemento ou obxecto directo.

- ver fóra: suxeito.

- hai un par de semanas: complemento circunstancial de tempo (se só indica CC = 0,1).

- proba diso: atributo (tamén é válido suxeito).

3.3. (0,5 puntos). 0,1 cada palabra correcta.

Exs.: Fonema vocálico tónico medio-aberto: dezanove / fóra / tamén.

Fonema vocálico tónico medio-pechado: aparecer / fondo.

En caso de dúbida, consultamos o Dicionario de pronuncia da lingua galega

Pregunta 4. Lingua e sociedade (2,5 puntos).

4.1.

O texto denuncia a ausencia do galego de ámbitos de prestixio como as tecnoloxías dixitais, o que tamén se pode estender a outros medios de comunicación, como a prensa ou a televisión. Isto indica que a lingua galega non está normalizada, xa que non se encontra presente en todos os ámbitos sociais. Ademais, ten repercusión na transmisión interxeracional do galego, pois, como lle ocorre á protagonista da anécdota, Moraima, aínda que recibe a lingua galega por parte da súa familia, algúns dos outros axentes de transmisión ofrecen só ou maioritariamente input lingüístico en castelán ou inglés. Esta situación pode provocar que nenos e nenas de familias galegofalantes, ao ir medrando e incorporándose á sociedade, vaian abandonando a súa lingua inicial.

As medidas de normalización destinadas a intentar superar esta situación relaciónanse co aumento da súa presenza nos ámbitos de maior prestixio para a infancia e a xuventude. Temos recentemente exemplos co fenómeno das Tanxugueiras ou a demanda da Mesa pola Normalización Lingüística dunha canle temática infantil da Televisión de Galicia. Ademais, con respecto ao ámbito escolar, sería necesario contemplar a aplicación de programas de inmersión lingüística na Educación Infantil (0-6 anos), sobre todo nos ámbitos urbanos, tal como, de feito, recolle o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade do Parlamento de Galicia en 2004.

4.2.

Castelao pertence ao Grupo Nós e é, xunto con Vicente Risco e Otero Pedrayo, un dos creadores da narrativa moderna en lingua galega. Cronoloxicamente situámolos no primeiro terzo do século XX, período no que encontramos desde un punto de vista lingüístico un desexo de afastarse do castelán, polo que son moi habituais os hiperenxebrismos, como “concencia” (1ª liña), en lugar de “conciencia”, ou “cencia” (7ª liña), en lugar de “ciencia”; e os arcaísmos, como “tiduo” (1ª liña), en lugar de “título”, ou “door” (6ª liña), en lugar de “dolor” ou “dor”. De todos os xeitos, tamén se manteñen características máis propias do período anterior (Rexurdimento), como as vacilacións vocálicas propias da oralidade: “doume” (4ª liña), en lugar de “deume” ou “antre” (4ª liña), en lugar de “entre”; ou os castelanismos, como “decirme” (5ª liña), en lugar de “dicirme”.

O principal avance deste período con respecto á normalización lingüística radica na súa extensión de usos aos diferentes xéneros literarios e non literarios, grazas ao labor da Revista Nós (1920) e o Seminario de Estudos Galegos (1923). Ademais, tamén se comeza a empregar o galego en actos orais públicos, como mitins ou actos institucionais. O Estatuto de Autonomía, aprobado en 1936, contemplaba avances tan relevantes como a introdución do galego no ensino ou a obriga de coñecer o galego para os funcionarios destinados a Galicia. Non obstante, este progreso viuse truncado pola guerra civil e a posterior ditadura franquista e, de feito, o Estatuo non chegou a entrar en vigor.

PREGUNTA 5. Educación literaria:

Neira Vilas pertence á narrativa de posguerra, onde non encontramos unha xeración propiamente dita, debido á presión da ditadura, senón autorías individualizadas, cada unha con características específicas. No caso de Neira Vilas, destaca por converter o campesiñado en protagonista das súas obras, coa intención de denunciar as malas condicións de traballo e de vida no ámbito rural, é dicir, a explotación dos humildes, como vemos no texto na figura de Alfredo, un rapaz que se ve obrigado a abandonar a escola e a realizar un traballo duro e mal pagado. Canto ao seu estilo narrativo, fronte a outros autores desta época, como Blanco-Amor ou os integrantes da Nova Narrativa Galega, na maioría das súas obras non busca experimentar, senón que segue unha liña tradicional, co emprego do narrador en terceira persoa omnisciente. Vémolo moi claramente no texto, pois o narrador reproduce os pensamentos do protagonista (“Alfredo deuse en cavilar”), a través do uso do verbo “pensou”.

Outros dous escritores desta época son:

- Eduardo Blanco-Amor, cuxa obra A Esmorga destaca polo estilo narrativo experimental, así como pola escolla de protagonistas urbanos e marxinais.

- Ánxel Fole, con obras como Á lus do candil e Terra brava, nas que reproduce o estilo dos contos orais tradicionais.

Tamén poderían citar a Álvaro Cunqueiro ou incluso algún autor da Nova Narrativa Galega.

PREGUNTA 6. Educación literaria:

Este poema sitúase na época actual (S. XXI), na tendencia lírica que reivindica as desigualdades sociais, neste caso centrada na figura da muller. En concreto, denuncia a violencia de xénero, desde unha primeira persoa colectiva feminina, fronte a un eles opresor (“queren”, “matan”), que prohibe a muller ser suxeito, pois valora unicamente o seu aspecto exterior e provoca a súa submisión.

Desde o punto de vista da forma, fronte á tendencia culturalista doutros períodos, esta nova poesía está caracterizada pola presenza dunha linguaxe máis próxima e accesible. Con isto, conséguese unha mensaxe clara e directa, contundente nestes escasos seis versos, nos que a muller non aparece como suxeito, pola súa posición de oprimida, pero a súa forza late nos pronomes “nos”, de xeito que o autor consegue converter o poema nunha denuncia cara a ese suxeito opresor. Ademais, Daniel Asorey introduce un exemplo de linguaxe non binaria, a través do adxectivo “submises”, co que visibiliza esa loita contra as imposicións sociais dos estereotipos de xénero.

Outras voces poéticas representativas desta época poden ser Marta Dacosta, coa súa obra Notas sobre a extinción, ou Fran Alonso, con Terraza.

Outros exemplos: Carlos Negro, con Penúltimas tendencias, ou María do Cebreiro con obras como O deserto.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 2. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Unha palabra escrita incorrectamente de forma reiterada só se contabilizará unha vez. Isto non é aplicable á incorrecta colocación dos pronomes, ao emprego de tempos compostos nin á acentuación diacrítica.

Tipos de erros:

- Moi graves: Desconto 0’2 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel morfolóxico e sintáctico, por exemplo o uso de tempos compostos ou a incorrecta colocación dos clíticos. Tamén se considerarán faltas moi graves outro tipo de erros sintácticos, como por exemplo os anacolutos.

- Graves: Desconto 0’1 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel léxico, por exemplo o emprego de formas como *silla, *hasta ou *random… Tamén se considerará falta grave a incorrecta acentuación diacrítica.

- Leves: Desconto 0’05 puntos cada un. Solucións ortográficas contrarias ao estándar vixente (b/ v, h, *ourense), acentuación non diacrítica, contraccións, etc. Cada dous erros deste tipo descontan, polo tanto, unha décima (0,1).

IMPORTANTE: Na liña de “iluminar” ben os exames e co fin de facilitar o proceso de revisión, recoméndase marcar as faltas de ortografía localizadas de acordo coa seguinte convención: -

Faltas leves: subliñadas. Exs.: corazon, silla, hasta.

- Faltas graves: rodeadas cun círculo/óvalo. Exs.: pe

- Faltas moi graves: inseridas nun rectángulo. Exs.: He comido Te botarei de menos



XULLO 2022

LINGUA GALEGA E LITERATURA II

O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as 4 primeiras respondidas.

TEXTO

Mónica Marcos era muller, tiña 52 anos e foi asasinada, presuntamente, pola súa parella. Mónica tiña 2 fillos e rexentaba unha panadaría no barrio coruñés do Birloque. Unha veciña afábel, atenta; unha persoa "marabillosa", segundo a describían onte, ao saber do asasinato, veciños e veciñas.

A Mónica non a acoitelaron por ser afábel, ou quizás si. Nin por ser atenta, ter 52 anos, ser nai de 2 fillos ou rexentar unha panadaría. Ou quizás pode que tamén a matasen por todo iso. Mais a Mónica asasinárona por ser muller. Non é unha novidade. As cifras do feminicidio e da violencia machista están aí para quen non queira fechar os ollos.

O presunto asasino, a parella de Mónica, tiña antecedentes por violencia de xénero en relación a outras 2 mulleres. Un dato que, por arte de maxia, nunca falta quen o empregue para deitar sospeitas ou culpabilizar a propia vítima. En vez de empregalo para nos preguntar até que punto os machistas con antecedentes manteñen a súa rutina, a súa vida, a súa normalidade. Normalidade, esa é a palabra que nos debería aterrar.

Xesús M. Piñeiro. Nós Diario (17/09/2021)

PREGUNTA 1. Comprensión do texto de Xesús M. Piñeiro.

1.1. Explique brevemente a intención do autor ao escribir este artigo. (0,5 puntos)
1.2. Indique dous recursos de cohesión de diferente tipo (un gramatical e outro léxico) que empregue o autor para referirse a Mónica. (1 punto)
1.3. Comente o sentido que teñen no texto as seguintes expresións: “para quen non queira fechar os ollos” e “Normalidade, esa é a palabra que nos debería aterrar” (subliñadas no texto). (1 punto)

PREGUNTA 2. Produción textual (sobre o texto de Xesús M. Piñeiro)

Redacte un texto no que exprese a súa opinión persoal sobre o tema do texto. (Extensión aprox. 200-250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua (sobre o texto de Xesús M. Piñeiro)

3.1. Segmente morfoloxicamente estas palabras do texto e indique o tipo de cada morfema, así como o significado que acheguen os morfemas derivativos e flexivos: acoitelaron, matasen, feminicidio, culpabilizar (Marcadas no texto) (1 punto)
3.2. Sinale a que clase de palabra (categoría gramatical) pertence cada unha das que conforman o seguinte enunciado do texto: A Mónica non a acoitelaron por ser afábel, ou quizás si. (1 punto)
3.3. Indique catro palabras que pertenzan ao mesmo campo semántico que panadaría e cal é o hiperónimo correspondente. (0,5 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
Escolla un dos dous apartados:

4.1. Explique o cambio que supuxo para a lingua galega a aprobación do Estatuto de Autonomía, a partir dos dous primeiros puntos do seu artigo 5: “5.1. A lingua propia de Galicia é o galego. 5.2. Osidiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar”. Indique dúas consecuencias prácticas da aplicación deste artigo. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

4.2. Analice o seguinte gráfico sobre a lingua habitual en Galicia en función do número de habitantes do municipio (IGE, 2018) e indique o prexuízo que historicamente se orixinou a raíz desta situación e un argumento para desmontalo. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

Imaxe

PREGUNTA 5. Educación literaria:
Contextualice o texto de Castelao na época literaria correspondente e identifique e explique dúas características da súa narrativa, recorrendo sempre a exemplos tirados do propio texto. Sinale e explique brevemente unha obra narrativa doutros dous autores diferentes, da mesma época literaria que Castelao. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

“Chámanlle a Marquesiña e os seus peíños endexamáis se calzaron. Vaí á fonte, depelica patacas e chámanlle a Marquesiña. Non foi á escola por non ter chambra que pór, e chámanlle a Marquesiña. Non probou máis lambetadas que unha pedra de zucre, e chámanlle a Marquesiña.A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués.
¡E aínda lle chaman a
Marquesiña!”

Castelao, Cousas (1934).

PREGUNTA 6. Educación literaria:
Contextualice historicamente o seguinte poema, explicando a visión de Galicia que transmite. A partir do propio texto, indique en que tendencia poética se inclúe o seu autor, así como dous representantes máis dela. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol como unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

Xosé Mª Díaz Castro, “Penélope”, Nimbos (1961).


 

Criterios de Avaliación de XULLO 2022

Pregunta 1. Comprensión do texto.

1.1. (0,5 puntos)

Valórase que o alumnado sexa quen de captar a intención do autor ao escribir o editorial do xornal. Por exemplo: A partir do caso concreto dunha muller que podería ser a veciña de calquera de nós, o autor denuncia a persistencia do machismo e a violencia de xénero, así como a súa negación por unha parte da sociedade.

1.2. (1 punto).

0,5 puntos cada recurso correctamente sinalado.

Exemplos:

- Gramatical: “segundo a describían”: substitución pronominal.
- Léxico: “persoa”: substitución por hiperónimo.

1.3. (1 punto).

0, 5 cada expresión correctamente explicada.

“Para quen non queira fechar os ollos”: refírese ás persoas que non ocultan un problema, senón que se atreven a admitilo e recoñecer a súa existencia.
“Normalidade, esa é a palabra que nos debería aterrar”: a través desta expresión o autor denuncia o feito de acostumarnos a un problema social debido á súa reiteración, polo que deixa de afectarnos.

Pregunta 2. Produción textual (2,5 puntos).

Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.

Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito: OLLO! Marcar no exame a nota de cada un dos tres apartados.

1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto.

Valórase:
- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns), como a “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.
- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións. O adecuado emprego dos signos de puntuación.
- 1.c) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
- 1.d) Uso pertinente de diversidade de conectores.

2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 puntos.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).

Marcar e penalizar: coloquialismos, palabras comodín, repeticións... Tamén se penalizarán cuestións de presentación e formato, como non subliñar os títulos das obras.

3. Corrección lingüística. 0,75 puntos. Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

Pregunta 3. Lingua e gramática.

3.1. (1 punto). 0,25 cada palabra ben segmentada. Segmentación: 0,1 + Identificación do tipo de morfema: 0,15.
.a (prefixo) / coitel (lexema) / a (vogal temática) / ron (morfema flexivo de número e persoa)
.mat (lexema ou raíz) / a (vogal temática) / se (morfema flexivo de modo e tempo) / n (morfema flexivo de número e persoa)
.fémina (lexema) / icidio (sufixo derivativo)
.culp (lexema) / a (vogal temática) / bil (sufixo derivativo) / iz (sufixo) / a (vogal temática) / r (morfema flexivo de infinitivo)

3.2. (1 punto)
- 0,1 cada palabra mal identificada. Son 11 en total. Polo tanto, se só teñen unha ben, é un 0.

A (preposición) / Mónica (nome) / non (adverbio de negación) / a (pronome persoal) / acoitelaron (verbo) / por (preposición) / ser (verbo) / afábel (adxectivo) / ou (conxunción disxuntiva) / quizás (adverbio de dúbida) / si (adverbio de afirmación).

3.3. (0,5 puntos). 0,1 cada palabra correcta (se non está na variedade estándar, non se contabiliza) + 0,1 polo hiperónimo. Non teñen que aparecer no texto.

Pregunta 4. Lingua e sociedade (2,5 puntos).

4.1.

1,5: primeira parte: explicación dos conceptos de lingua propia (0,75) e lingua oficial (0,75).

1: segunda parte: 0,5 por cada unha das consecuencias prácticas.

A raíz da aprobación do Estatuto de Autonomía, en 1981, o galego convértese en lingua oficial da Comunidade Autónoma de Galicia, ao mesmo nivel que o castelán. Teñen, polo tanto, as dúas linguas o status legal de cooficiais. Ademais, o establecemento como lingua propia do galego supón o seu recoñecemento como lingua histórica de Galicia e en consecuencia pon en valor a súa importancia como símbolo cultural e identitario. Porén, o feito de que se estableza o dereito de coñecer e usar tanto o galego como o castelán, pero non o deber, implica unha desigualdade cara á lingua galega, pois na Constitución española, aprobada en 1978, si que se declara a obrigatoriedade do coñecemento da lingua castelá, no seu artigo 3.1. Isto provoca unha situación de xerarquía lingüística en favor do castelán, que ademais é a única lingua oficial en todo o Estado español.

Este status legal da lingua galega debe materializarse nunha serie de usos, que se recollen na Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983 polo Parlamento de Galicia. Podemos destacar algúns como o emprego polas institucións da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa Administración pública, a incorporación ao sistema educativo, do cal é a lingua oficial en todos os niveis, ou a toponimia en galego como única oficial. Por outra parte, ao converterse en lingua oficial, aumenta a necesidade de fixar unha variedade estándar ou normativa, co fin de ser usada nos ámbitos formais e na escrita. Así, en 1982 publícanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, declaradas oficiais ese mesmo ano pola Xunta de Galicia. Estas normas foron revisadas en 1995 e en 2003, versión que acadou xa un importante consenso entre as diferentes propostas, polo que se coñece como a “normativa de concordia”.

4.2.

1 punto pola explicación do gráfico + 1 punto pola explicación do prexuízo.

0,5 polo argumento para desmontar o prexuízo.

Explicación do gráfico: O uso da lingua galega aumenta a medida que diminúe o tamaño do municipio, de xeito que nas sete cidades galegas (concellos de máis de 50.000 habitantes), a porcentaxe de galegofalantes, de forma exclusiva ou maioritaria, é menos da metade dos que se rexistran no hábitat máis rural (concellos de menos de 10.000 habitantes). Nas vilas de maior tamaño a porcentaxe entre galegofalantes e castelanfalantes está equiparada, mentres que nas vilas máis pequenas xa encontamos maioría de galegofalantes, cunha diferenza de 16 puntos porcentuais con respecto aos castelanfalantes.

Explicación do prexuízo: O feito de que os galegofalantes se concentrasen maioritariamente nas zonas rurais provocou que as características negativas asociadas tradicionalmente a este hábitat se aplicasen tamén a este grupo lingüístico e por extensión á lingua galega, mediante un proceso de xeneralización e atribución de causas erróneo. Dado que os habitantes do rural, en xeral, posuían menos estudos e menor nivel económico, atribuíanse estas características aos galegofalantes, dando lugar ao prexuízo de que a lingua galega era síntoma de incultura e pobreza. En realidade, a falta de estudos dos habitantes das zonas rurais e, por extensión, dos galegofalantes non se debía á súa menor capacidade, senón á falta de oportunidades, que provocaba á súa vez a escasa ou nula opción de mobilidade social e ascenso económico.

Posibles argumentos para desmontar o prexuízo: En primeiro lugar, hoxe en día non existe esa vinculación directa entre o rural e a pobreza e/ou incultura. Ademais, as connotacións asociadas ao rural mudaron, de xeito que remite a un estilo de vida en moitos aspectos mellor có do ámbito urbano, canto a tranquilidade, contacto coa natureza etc. Ademais, aínda que, como indica o gráfico, os falantes de galego son maioría no rural, tamén hai unha porcentaxe importante nas vilas, case igualados aos castelanfalantes, e incluso nas cidades representan case o 20%. En definitiva, falar unha lingua ou outra non implica en ningún caso maior ou menor capacidade intelectual ou maior ou menor nivel económico, do mesmo xeito que ocorre co xénero ou a raza. Non se trata de características intrínsecas senón circunstanciais, debidas a unha situación social de desigualdade que impide a grupos con estas características o acceso a determinados bens.

PREGUNTA 5. Educación literaria:

0,5: Contextualización 1 punto: Características da narrativa de Castelao.
0,5 cada característica, sempre que vaia acompañada dun exemplo do texto.
1 punto: Obras narrativa doutros dous autores da mesma época e breve explicación (0,5 cada unha)

Castelao conforma, xunto con Vicente Risco e Otero Pedrayo, a cerna do Grupo Nós, que foron os creadores da narrativa moderna en lingua galega. Cronoloxicamente sitúanse no primeiro terzo do século XX. É unha epoca de avances importantes para a cultura e lingua galega, grazas ás Irmandades da Fala ou o Seminario de Estudos Galegos. Creáronse varias editorias, como Lar ou Nós. Tamén se crea o Partido Galeguista, no que milita Castelao.

O estilo narrativo de Castelao e, en concreto, da obra á que pertence este conto, Cousas, caracterízase polo sintetismo, a ironía, o protagonismo do pobo e unha linguaxe sinxela pero con elementos líricos e rítmicos, características todas elas presentes neste texto.

- Sintetismo: Mediante unhas escasas liñas, Castelao consegue transmitir o problema da desprotección dunha muller pobre ante o abuso dun home de clase alta e, en consecuencia, a desigualdade de clases e a inxustiza social que implica.
- Ironía, que percibimos ao longo de todo o texto no contraste entre a denominación de Marquesiña e a descrición da nena.
- Protagonismo do pobo, neste caso da filla ilexítima dun marqués que vive en situación de extrema pobreza, sen poder desfrutar da infancia, ao ter que traballar desde nena, sen dereito a ir á escola.
- Linguaxe sinxela, lírica e rítmica. O ritmo está marcado pola recorrencia da expresión central do texto, “chámanlle a Marquesiña”, así como polas estruturas binarias nas que esta expresión se combina con diferentes elementos que denotan pobreza, nunha antítese continua que remata ao desvelarnos o motivo do alcume.

Obras narrativas da mesma época:
- O porco de pé, na que Vicente Risco ridiculiza a burguesía a través do protagonista, don Celidonio, que representa ademais a superficialidade e a hipocrisía da clase política, pois chega a ser alcalde.

- Arredor de si, na que Otero Predrayo converte o protagonista, Adrián Solovio, nun trasunto dos homes do Grupo Nós, nuha viaxe de descuberta de Galicia e a súa cultura.

PREGUNTA 6. Educación literaria:

1: Contextualización histórica (0,5) e visión de Galicia que transmite o poema (0,5).
1 punto: Tendencia poética á que pertence ao autor con exemplos do propio texto.
0,5: dous representantes máis (0,25 cada un)

Contextualización e visión de Galicia: Xosé María Díaz Castro pertence á posguerra, unha época caracterizada, sobre todo nos primeiros anos, polo retroceso da sociedade e a represión exercida polo réxime. Para a cultura e a lingua galegas, a guerra e a ditadura supuxeron a ruptura de todos os avances transcorridos durante o primeiro terzo do século XX. Ademais, aumentou de forma considerable a desgaleguización, debido a diversos factores, como a industrialización e correspondente urbanización, a xeneralización do ensino obrigatorio, do que o galego estaba prohibido, e a extensión dos medios de comunicación de masa. Este poema reflicte a visión pesimista da situación de Galicia, debido a este retroceso provocado pola ditadura. Nel o tecer e destecer de Penélope representan estes avances que se ven truncados, “un paso adiante i outro atrás”, “suco vai, suco vén”. A esta mesma idea de estancamento remiten os símbolos da monotonía da chuvia ou o lento arar dos bois. Tamén observamos unha referencia á mísera situación económica que obriga a poboación a emigrar (“traguerán os camiños algún día a xente que levaron”), ou incluso ao sistema de foros (“pagar seu desmo”), que agudizaba a pobreza do campesiñado.

Tendencia poética: Dentro da poesía de posguerra, Díaz Castro inclúese no intimismo, cun ton neovirxinialista. O existencialismo propio desta corrente observámolo neste poema aplicado á dimensión colectiva de Galicia, como pobo que sofre e non acaba de ver realizados os seus soños (“a tea dos teus sonos non se move”), nese continuo ir e vir, avance e retroceso. No poema, Galicia aparece personificada e o autor diríxese a ela empregando un presene estático (“move”, “esperguiza”, “envólveste”) e na última estrofa un xerundio (“desorballando”) e unha perífrase aspectual durativa (“vaise enterrando”), que intensifican esa sensación de estancamento e falta de dinamismo. A este sentimento tamén contribúen os pares antitéticos recorrentes no poema: “un paso adiante i outro atrás, Galiza”, verso que inicia e pon fin ao poema; “suco vai, suco vén”.

Outros representantes deste intimismo existencialista de posguerra son María Mariño, Luís Pimentel, Uxío Novoneyra, Xohana Torres etc.

CORRECCIÓN LINGÜÍSTICA

Ademais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto a 2. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Unha palabra escrita incorrectamente de forma reiterada só se contabilizará unha vez. Isto non é aplicable á incorrecta colocación dos pronomes, ao emprego de tempos compostos nin á acentuación diacrítica.

Tipos de erros:

- Moi graves: Desconto 0’2 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel morfolóxico e sintáctico, por exemplo o uso de tempos compostos ou a incorrecta colocación dos clíticos. Tamén se considerarán faltas moi graves outro tipo de erros sintácticos, como por exemplo os anacolutos.

- Graves: Desconto 0’1 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel léxico, por exemplo o emprego de formas como *silla, *hasta ou *random… Tamén se considerará falta grave a incorrecta acentuación diacrítica.

- Leves: Desconto 0’05 puntos cada un. Solucións ortográficas contrarias ao estándar vixente (b/ v, h, *ourense), acentuación non diacrítica, contraccións, etc. Cada dous erros deste tipo descontan, polo tanto, unha décima (0,1).

IMPORTANTE: Na liña de “iluminar” ben os exames e co fin de facilitar o proceso de revisión, recoméndase marcar as faltas de ortografía localizadas de acordo coa seguinte convención: -

Faltas leves: subliñadas. Exs.: corazon, silla, hasta.

- Faltas graves: rodeadas cun círculo/óvalo. Exs.: pe

- Faltas moi graves: inseridas nun rectángulo. Exs.: He comido Te botarei de menos

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.