Eli Ríos
Foto: Eli Ríos, escritora e amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 9. A literatura do exilio entre 1936 e 1975: poesía, prosa e teatro.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

Como consecuencia da guerra civil desaparece case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A actividade cultural continuada só é posible no exilio, onde poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita fan poesía crítica e de compromiso.
-Luís Seoane (1910-1979). Fardel de exiliado (1952). Polifacético (máis coñecido como pintor) en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa. Podemos caracterizar a súa poesía cos seguintes trazos:
* Estilo realista, ás veces case xornalístico.
* Poesía sobria, discursiva, mais chea de forza e de paixón comunicativa.
* Dominio do verso longo, case prosaico, seminarrativo.
* Temática preferentemente social, con predominio do tema da emigración tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes.
* Escaseza de poemas persoais, nos que fale o propio eu de Seoane.
-Lorenzo Varela. (1916–1978). Escribe dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe (1954). Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica baseada na guerra civil na que canta aos guerrilleiros antifranquistas e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra e ao exilio.

Desde 1936 a literatura galega deixa de existir durante máis dun decenio. A actividade literaria desprázase para Latinoamérica, onde os nosos exiliados manteñen viva a cultura galega. A narrativa é realista, con elementos autobiográficos que tratan o tema da guerra civil, o mundo dos fuxidos, a guerrilla antifranquista e a represión. Autores: Ramón de Valenzuela, Silvio Santiago, Antón Alonso Ríos. No exilio publícanse A Esmorga, de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.

O teatro sufriu as consecuencias da guerra e a ditadura, ao ser impensable un espectáculo público teatral en galego e a súa pervivencia é posible grazas ao labor do exilio. Castelao estreou Os vellos non deben de namorarse en Bos Aires.
Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. As súas obras son de corte rural-costumista e humorístico, aínda que non están exentas de crítica social. A súa compañía “Maruxa Villanueva” representou Os vellos non deben de namorarse.
Tamén en Bos Aires Eduardo Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia recompiladas en dous volumes Farsas para títeres  e Teatro pra a xente. Unhas son obriñas de realismo costumista, pensadas para “a xente do noso pobo”, público pouco afeito a ler ou ver teatro; outras son farsas, non realistas, moi imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos; están pensadas para un público culto.

(409 palabras)


Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.

Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis longa, 790 palabras, axeitada para unha redacción esquemática

Cando se produciu o alzamento militar contra a República comezou a represión brutal: xuízos sumarísimos, paseos, depuracións... 
Algúns optaron pola fuxida cara a Portugal, outros pola resistencia armada: a guerrilla. Durante a guerra, os fuxidos perseguían a supervivencia. Despois (ata o 1950), convértese nunha auténtica resistencia ao franquismo, organizándose en grupos dirixidos por militantes comunistas (coa esperanza de que a derrota do nazismo supuxese a fin do Réxime). Aparecen xefes guerrilleiros moi populares e carismáticos. O Partido Comunista de España retíralles a axuda a partir de 1953 e o último guerrilleiro morre en 1965.
galeguismo político foi marxinado e perseguido pola ditadura. O Partido Galeguista mantivo actividade nos 40 con Ramón Piñeiro como enlace interno e co exterior e da súa man desapareceu no 1950 para dar paso ao galeguismo cultural de Galaxia. Tamén no exilio mantivo a súa presenza a través do Consello de Galiza (1944) especie de goberno galego, presidido por Castelao. Foi o Partido Comunista a única organización antifranquista con certa presenza social na Galiza (co apoio á guerrilla).
Nos anos 40 a cultura galega mantívose unicamente fóra de Galiza cos EXILIADOS, que se estableceron onde xa había bases de emigrados (Bos Aires, Montevideo, México). Eles continuarán a produción cultural galega (editoriais, radio, revistas, teatro...) De 1940 a 1944 publícanse en América 18 libros en galego e varios en castelán sobre a nosa cultura, aquí nada de nada.
A figura máis importante será Castelao,  polo seu labor político e cultural, que en Bos Aires estrea Os vellos non deben de namorarse (1941; en Galiza publicarase no 1953 e estrearase no 1961), publica Sempre en Galiza (1944, aínda que os inicios foron escritos antes da guerra civil) e As cruces de pedra na Galiza (1950).
I. Poesía.
-Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979). Veu de neno para Galiza e en 1936, logo de meses na clandestinidade, puido saír do país. Volveu no 1963. Polifacético (máis coñecido como pintor) en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa: funda revistas (Galicia emigrante), fai radio, ilustra libros... Xa en Galiza crea con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia, orixe da cerámica de Sargadelos.
Podemos caracterizar a súa poesía cos seguintes trazos:
* Estilo realista, ás veces case xornalístico.
* Poesía sobria, discursiva, mais chea de forza e de paixón comunicativa.
* Dominio do verso longo, case prosaico, seminarrativo.
* Temática preferentemente social, con predominio do tema da emigración tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes.
* Escaseza de poemas persoais, nos que fale o propio eu de Seoane.
Fardel de exiliado (1952) é un dos seus títulos.
Escribiu tamén teatro (escrito en galego aínda que publicado en castelán).
-Lorenzo Varela. (A Habana, 1916–Madrid, 1978). Escribe dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe (1954). Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica baseada na guerra civil na que canta ós guerrilleiros antifranquistas e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra e ao exilio.
II. Narrativa: obras escritas no exilio e case todas publicadas na democracia. Son realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da guerra civil, así como o dos anos inmediatamente posteriores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla antifranquista e da represión son debuxados nuns textos directos que case sempre empregan un narrador en 1ª persoa, outorgándolle deste xeito unha confidencialidade notábel á historia:
-Non agardei por ninguén, Ramón de Valenzuela, Bos Aires, 1957.
-Era tempo de apandar, R. de Valenzuela, 1980
-O silencio redimido, Silvio Santiago, 1976
-O siñor Afranio –ou como me rispei das gadoupas da morte-, Antón Alonso Ríos, 1979
Pero tamén se publican obras clave da nosa literatura como  A Esmorga, de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego (1961) de Neira Vilas, un dos libros máis lidos de toda a narrativa galega e traducida a múltiples linguas.
III. Teatro 
Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. Ademais de autor teatral foi tamén director e actor. As súas obras son de corte rural-costumista e humorístico, aínda que non están exentas de crítica social. A súa compañía “Maruxa Villanueva” foi a encargada de representar Os vellos non deben de namorarse. (Hai que falar polo tanto desta obra tamén).
Tamén en Bos Aires Eduardo Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego (1957) e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia recompiladas en dous volumes Farsas para títeres (1973) e Teatro pra a xente(1974). Unhas son obriñas de realismo costumista, pensadas para “a xente do noso pobo”, público pouco afeito a ler ou ver teatro; outras son farsas, non realistas, moi imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos, que lembran o esperpento de Valle Inclán ou o teatro do absurdo europeo; están pensadas para un público culto.


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 5/6 (literatura):

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos. Non debería ocuparche máis de 25 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.