Rosalía Fer. Rial

Foto: Rosalía Fernández Rial, homenaxe de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 10. A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín (xunto con Mesteres de Arcadio López Casanova) marcou un novo rumbo. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político social, redescobre a linguaxe, e aparece un novo estilo máis culturalista.

Entre os moitos autores podemos destacar nestes anos:
-O social-realismo e as novas tendencias. Darío Xohán Cabana, moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e a linguaxe.
-Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente (poesía rompedora de Antón Reixa, Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo (Rodríguez Barrio, Ramiro Fonte).

A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos, non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Destacamos:
Manuel Vilanova, mítico e simbolista. E direivos eu do mester de cobras.
Xosé Mª Álvarez Cáccamoaberto á realidade a través de vivencias familiares. Praia das furnas.
Miguel Anxo Fernán-Vello: o amor, corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
- Lois Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade. Desde que foi o autor do Día das Letras Galegas (2011) converteuse nun dos poetas de culto para as novas xeracións (igual ca Manuel Antonio para os anteriores) pola orixinalidade, modernidade e autenticidade da súa poesía.

A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta.
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: Insubmisión, ecoloxismo, feminismo...

Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Pilar Pallarés, Marta Dacosta, Lucía Aldao, María Lado, Chus Pato con A ponte nas poldras, poeta traducida a varios idiomas. Ademais de Xela Arias (Letras Galegas 2021).

Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos poetas: Claudio Rodríguez Fer, Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar etc. E a poesía para nenos, A. García Teijeiro, premio nacional 2017 con Poemar o mar e Fran Alonso, Poemas virollos pra ler cos ollos.
A poesía galega goza nos últimos anos dun dos mellores momentos da súa historia en calidade e cantidade. A chegada da Internet supuxo unha grande axuda xa que facilita novas canles de publicación: blogs, redes sociais, portais específicos de poesía. Ademais permite a difusión de recitais e videopoemas.
(468 palabras)


Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.

Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis longa (822 palabras):

1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e comeza para Galicia –e para España- a etapa democrática máis extensa de toda a súa historia. A presenza da lingua e a literatura galegas no ensino e a oficialidade do noso idioma supoñen un impulso sen precedentes para a promoción da literatura en galego: multiplícanse as empresas editoriais, os premios e revistas literarias.
No campo da poesía, Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín (xunto con Mesteres -1976- de Arcadio López Casanova) foi quen marcou ese cambio. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político social, redescobre a linguaxe e aparece un novo estilo máis culturalista.

Nos anos oitenta as principais características definitorias da poesía galega son:
- Ruptura co social-realismo. Prodúcese un distanciamento entre o poeta e a sociedade.
- Busca de novos suxeitos líricos (=negación da perspectiva autobiográfica)
- Experimentación e interdisciplinariedade (coa música, a plástica...)
- Culturalismo e intertextualidade (emprego de referencias culturais variadas: literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais...)
- Integración de elementos da cultura urbana e marxinal: drogas, depresións, etc.
- Incorporación do erotismo explícito.
- Recreación mítica.
- Preocupación formalista, barroquismo. A poesía é a arte da linguaxe.

É moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) e unha clasificación dos mesmos, por iso faremos unha selección moi subxectiva e persoal.
A cabalo aínda entre o social-realismo e as novas tendencias está Darío Xohán Cabana (1952), con poesías cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, e nome recoñecido na narrativa actual.
Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de colectivos poéticos de curta duración: Rompente (poesía rompedora de Antón Reixa, Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo (Rodríguez Barrio, Ramiro Fonte). A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos, non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Destacamos:
Manuel Vilanova (1944), mítico e simbolista: E direivos eu do mester de cobras (1980).
Xosé Mª Álvarez Cáccamo (1950)aberto á realidade a través de vivencias familiares: Praia das furnas (1983)
Miguel Anxo Fernán-Vello (1958): o amor, corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.
- Lois Pereiro (1958), Poesía última de amor e enfermidade (1995). Desde que foi o autor do Día das Letras Galegas en 2011 converteuse nun dos poetas de culto para as novas xeracións pola orixinalidade, modernidade e autenticidade da súa poesía.
A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Ao lado da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...)
Algunhas características máis ou menos compartidas poderían ser:
- Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
- Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
- Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: Insubmisión, ecoloxismo, feminismo..
- Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo.

Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Yolanda Castaño, Lupe Gómez, Pilar Pallarés, Marta Dacosta, Lucía Aldao, María Lado, Chus Pato con A ponte nas poldras, poeta traducida a varios idiomas. Tamén hai que destacar a Xela Arias, figura a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas en 2021.
Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores: Claudio Rodríguez Fer, Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc., etc. E a poesía para nenos, A. García Teijeiro, premio nacional 2017 con Poemar o mar e Fran Alonso, Poemas virollos pra ler cos ollos.
A poesía galega goza nos últimos anos dun dos mellores momentos da súa historia en calidade e cantidade. A chegada da Internet supuxo unha grande axuda xa que facilita novas canles de publicación: blogs, redes sociais, portais específicos de poesía. Ademais permite a difusión de recitais e videopoemas (Vimeo, YouTube...). Hoxe é moi difícil publicar un libro en papel con poemas, máis é moi doado compartir na rede (seguramente con máis lectores) as creacións poéticas.


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 5/6 (literatura):

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos. Non debería ocuparche máis de 25 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.