Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 6. A prosa entre 1936 e 1975: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas).

Desde 1936 a literatura galega deixa de existir durante máis dun decenio. A actividade literaria desprázase para Latinoamérica, onde os nosos exiliados manteñen viva a cultura galega.

Carballo Calero é autor da primeira novela de posguerra, A xente da Barreira.
Principais autores da etapa:
1.Álvaro Cunqueiro. Mestura realismo e fantasía: personaxes da literatura universal (Merlín, Sinbad) e xentes galegas. Predomina a oralidade no estilo: apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes. Nas novelas non hai unha estrutura clásica, máis ben son un conxunto de relatos sucesivos. Destaca Merlín e familia: recreación da materia de Bretaña desde unha perspectiva galega. Escribiu tamén libros con breves retratos de personaxes populares relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional.
2.Ánxel Fole. Libros de contos: Á lus do candil, Terra Brava. Están ambientados nas montañas luguesas e escritos coa lingua que alí se fala. Seguen a técnica dos contos populares, que se contaban antes “á luz do candil” entre varias persoas. Temas: lobos, aparecidos, a morte, lendas populares.
3.Eduardo Blanco Amor. Acción ambientada en Ourense (Auria) a principios de século.
-A esmorga. Temática renovada: protagonismo compartido, das clases populares; forma renovada: só escoitamos a voz do protagonista. É a declaración perante un xuíz dun acusado que relata a historia tráxica del e dous compañeiros, todos homes marxinais, en 24 horas de bebedela e que acabará coa morte de todos. Unha das grandes novelas galegas do século.
-Xente ao lonxe. Radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa.
4.Xosé Neira Vilas: Retrata a Galicia interior, campesiña, oprimida e pobre. Memorias dun neno labrego é o libro máis lido da literatura galega e traducido a moitas linguas. Ten unha estrutura sinxela, trata dun neno que non se conforma coa súa vida e ten que emigrar. Historias de emigrantes: a emigración forzosa, a morriña da terra, o illamento.

A partir dos 50 un grupo de mozos incorpora á narrativa novos motivos e novas técnicas, son os integrantes da Nova Narrativa Galega (estudada noutro tema): intención innovadora e desexo de ruptura formal coa tradición narrativa. O máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín. Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (Vento ferido, Cambio en tres), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. As Letras Galegas de 2017 están dedicadas a Carlos Casares.
(416 palabras)


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis longa (811 palabras), axeitada para unha redacción esquemática:

Desde 1936 a literatura galega deixa de existir durante máis dun decenio. No exilio publícanse A Esmorga, de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.
Principais liñas:
1.Continuación da prosa da Xeración Nós: Carballo Calero, autor da primeira novela de posguerra,  A xente da Barreira, 1951.
2.Realismo fantástico: Álvaro Cunqueiro. Trátase dunha literatura que mestura elementos culturalistas de orixe árabe (Simbad), greco-latina (Orestes) ou nórdica (Merlín) con recursos da cultura popular.
3.Realismo popular: Ánxel Fole. O popular ascende á categoría de culto a través dun texto que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa, da lingua dialectal.
4.Realismo social: Eduardo Blanco Amor. Situadas no Ourense (Auria) de principios do s. XX, plasman a vida das clases obreiras ou marxinais, denunciando as inxustizas que padecen.
5.Realismo rural: Xosé Neira Vilas. As penurias da vida labrega, non exentas de denuncia.
6.A Nova Narrativa Galega da man dos autores máis novos, como Méndez Ferrín ou Carlos Casares, unha prosa totalmente diferente e moderna.

Principais autores da etapa:
I.Álvaro Cunqueiro (1911-1981). Características:
*Mestura de realismo e fantasía: personaxes da literatura universal (Merlín, Sinbad...) comparten con xentes do pobo galego vivencias e preocupacións.
*Predominio da oralidade no estilo: coma os contos de súa nai e na botica do pai, o que influíu no seu gusto pola maneira tradicional de contar, cheo de apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes...
*Tendencia á disgregación da novela: Non hai unha estrutura clásica de presentación, desenvolvemento e desenlace, senón unha técnica de relato dentro do relato, ou relatos sucesivos cun débil fío argumental.
Merlín e familia (1955) é a máis coñecida: recreación da materia de Bretaña desde a particularidade dunha perspectiva galega. Escribiu tamén libros con breves retratos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa, relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional.
II.Ánxel Fole (1903-1986). A súa obra está formada case exclusivamente por libros de contos (Á lus do candil, 1953 e Terra Brava, 1955) ambientados nesas montañas de Lugo e escritos coa lingua que alí se fala. Seguen a técnica dos contos populares, que se contaban antes “á luz do candil” entre varias persoas. Tamén os temas seguen esa tradición oral: contos de lobos, de aparecidos e premonicións da morte; de lendas populares (a Santa Compaña...) combinados cun agudo sentido do humor.
III.Eduardo Blanco Amor (1897-1979). Toda a súa narrativa é en Ourense (que el chama Auria) a principios de século. Dúas das súas novelas están consideradas do mellor da narrativa galega.
-A esmorga (1959) participa da renovación na narrativa galega da época, tanto na temática (protagonismo compartido, das clases populares) como na forma (técnica telefónica). É a declaración perante un xuíz dun acusado que relata a historia tráxica del e dous compañeiros, todos homes marxinais, en 24 horas de bebedela e que acabará coa morte de todos.
-Xente ao lonxe (1972) é unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa. O personaxe principal é Suso, neno de 12 anos que vai madurando ao longo da obra.
IV.Xosé Neira Vilas (1928-2015): Liñas:
-Galicia interior: a sociedade campesiña, marcada pola opresión e pola pobreza económica, cultural e ideolóxica. Destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis lido da literatura galega e traducido a moitas linguas. Trátase dunha novela de estrutura sinxela, en boca dun neno que non se conforma con esa vida e se ve obrigado a emigrar. 
-Galicia emigrante: mostran os problemas xerados a causa da emigración forzosa: a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano, a loita por saír da miseria... Historias de emigrantes (1968).

Na década dos 50, cando se inicia a recuperación da literatura galega , xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras, son os integrantes da Nova Narrativa Galega (estudada noutro tema): intención innovadora e desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.
O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín (1938), cunha obra moi variada e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario.
Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (1941-2002), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. Nesta corrente inscríbense o libro de relatos Vento ferido (1967) e a novela Cambio en tres (1969). As Letras Galegas de 2017 están dedicadas a Carlos Casares.


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.

2005-2017
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.