Eva Xanim
Foto: Eva Xanim, poeta e amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 7. A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

O corpus da Nova Narrativa Galega (NNG) -calco de Nouveau Roman, movemento contemporáneo francés- abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo Rodríguez Mourullo) e 1971 (Adiós, María, de Xohana Torres). En palabras de Mª Xosé Queizán, unha das autoras, procúrase “elaborar a novela sen tema, sen andadura lóxica, sen busca; non hai heroe nin historia, nin anécdota”.
CARACTERÍSTICAS:
A) No relativo ao argumento, ao tema: abandono do antropocentrismo, localización espacial imprecisa, ambientes urbanos, ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país, mestura de realidade e mundo fantástico, situacións estrañas, opresivas e absurdas, presenza do sexo.
B) Formais: monólogo interior, distorsión temporal, pluralidade de voces narrativas.

O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. Nela podemos destacar unha primeira etapa de Nova Narrativa Galega: 1961-1971, con predominio da técnica experimental sobre o interese argumental. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo.
O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario. Pero o máis importante vai ser a violencia para mostrar situacións de opresión e miseria, é dicir, para mostrar unha realidade. A violencia, que forma parte do absurdo da existencia, prodúcese en seres atormentados e nun espazo escuro que semella ser o culpábel. Na novela Arrabaldo do norte (1964), sen seguir ningún modelo francés determinado, vese que hai unha forte vontade tecnicista (técnica obxectalista), superpondo a estrutura narrativa ao interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación, con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida que non dá conseguido.
As outras etapas posteriores da súa obra están xa fóra dos límites da NNG.

Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002, Letras Galegas 2017), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. Nesta corrente inscríbense
-O libro de relatos Vento ferido (1967). Os relatos Monólogo ou O xogo da guerra, figuran en moitas escolmas e libros de texto.
-A novela Cambio en tres (1969).
A súa prosa posterior é (tal como defendía Castelao) sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores. 

(418 palabras)


Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.

Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.

 


Versión máis longa (865 palabras), axeitada para unha redacción esquemática:

Na década dos 50, cando se inicia a recuperación da literatura galega, xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras, do mesmo xeito que os homes do grupo Nós supuxeran un achegamento ás novas tendencias culturais de Occidente, son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas, viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana. No plano literario, a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.
Aínda que o nome é un calco de Nouveau Roman –movemento contemporáneo francés-, non é esta a única influencia, nin sequera a máis destacábel. Participan da concepción desintegradora da novela tradicional practicada por escritores do século XX (desde os anos 10 até o nouveau roman) que foxen do relato da biografía -a vida literaria- dun heroe problemático. Interesa a narración sen andadura lóxica, mesmo sen protagonista individual e sen historia: recollen de M. Proust a descrición minuciosa dos estados de ánimo (novela psicolóxica), de Kafka o mundo atormentado, con protagonistas illados e impotentes ante unha realidade estraña e absurda; de J. Joyce a exploración do monólogo interior; de W. Faulkner a destrución da lóxica temporal (retrospeccións, prospeccións, minutos eternos, eternidades brevísimas...); do psicanalista Sigmund Freud a presenza do complexo mundo do subconsciente (traumas, soños, símbolos...). O Nouveau Roman propugna o obxectalismo, concédelle ás cousas a mesma importancia que aos personaxes, que deixarán de ser o centro; o protagonista fica reducido a un pronome EU, TI..., cuxa identidade non interesa, que se atopa perdido, que busca non sabe qué, que non sabe por que está aí... E para presentarnos as situacións sérvese da vista, que percorre a superficie das cousas, presentándonos as formas, límites e contornos (como unha cámara de cine). A obra de arte redúcese a un puro formalismo, a unha construción enxeñosa e artificiosamente técnica.
CARACTERÍSTICAS:
A) No relativo ao argumento, ao tema:
-Abandono do antropocentrismo.
-Localización espacial imprecisa, sen identificación física. 
-Ambientes urbanos.
-Ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país, que só se albiscan nun segundo plano en clave simbólica. 
-Mestura de realidade e mundo fantástico, onírico.
-Exploración de situacións estrañas e opresivas, nos límites do absurdo.
-Presenza do sexo (escasamente apreciable na literatura anterior) e da violencia, que moi frecuentemente leva emparellada a morte.
B) Formais:
- Monólogo interior.
- Distorsión temporal, botando man da retrospección ou "flash-back", da técnica de montaxe de diferentes planos con independencia do curso lineal en que se sucedan, ou da ralentización de acontecementos, como a cámara lenta do cine.
- Pluralidade de voces narrativas, que se alternan e superpoñen, mesturando ás veces as persoas gramaticais.
- Enfoque obxectalista no que o narrador non rexistra máis que os feitos que percibiría unha cámara.

En palabras de Mª Xosé Queizán, unha das autoras, procúrase “elaborar a novela sen tema, sen andadura lóxica, sen busca; non hai heroe nin historia, nin anécdota”.
O corpus da NNG abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo Rodríguez Mourullo) e 1971 ((Adiós, María, de Xohana Torres).

O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. Nela podemos destacar tres etapas:
-Nova Narrativa Galega: 1961-1971. Predominio da técnica experimental sobre o interese argumental. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo.
O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario. Pero o máis importante vai ser a violencia para mostrar situacións de opresión e miseria, é dicir, para mostrar unha realidade. A violencia, que forma parte do absurdo da existencia, prodúcese en seres atormentados e nun espazo escuro que semella ser o culpábel. Na novela Arrabaldo do norte (1964), sen seguir ningún modelo francés determinado, vese que hai unha forte vontade tecnicista (técnica obxectalista), superpondo a estrutura narrativa ao interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación, con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida que non dá conseguido.
As outras dúas etapas posteriores están xa fóra dos límites da NNG:
-Segunda etapa: 1971-1980. Maior riqueza temática e omnipresencia da preocupación política. 
-Terceira etapa: a partir de 1980. Caracterízase por unha volta á fantasía e ás recreacións míticas e maior preocupación estilística, con Tagen Ata -Galiza- entre fábulas imaxinarias que encerran unha denuncia social.

Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. Nesta corrente inscríbense o libro de relatos Vento ferido (1967) -Os relatos Monólogo ou O xogo da guerra, figuran en moitas escolmas e libros de texto- e a novela Cambio en tres (1969).
A súa prosa posterior é (tal como defendía Castelao) sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores. 


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 5/6 (literatura):

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos. Non debería ocuparche máis de 25 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.