Mercedes Queixas
Foto: Mercedes Queixas, escritora e profesora, amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 5. A poesía entre 1936 e 1975: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace, a Xeración das Festas Minervais.

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

En Galicia desde 1936 non se publica un libro de poemas ata 1947, Cómaros verdes. No 1949 sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro.
Podemos falar de tres xeracións poéticas diferentes que publican ao mesmo tempo:
1. Xeración do 36. Poetas nados entre 1910-20; a guerra civil cólleos na súa xuventude. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes: Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño etc.
2. Promoción de Enlace, nados entre 1920-30. Tampouco son un grupo coherente. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea: Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás...
3. Poetas das "Festas Minervais", nados entre 1930-40, non coñecen a guerra civil: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres, ou Méndez Ferrín... Neles xa existe unha conciencia de grupo, participan nas Festas Minervais universitarias ou na creación do grupo Brais Pinto.
Estes autores seguen as tendencias anteriores: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... logo irán aparecendo formas novas como o intimismo ou o clasicismo. Destaca a Escola da tebra ou "poesía do neboeiro": poesía intimista e pesimista da vida.  A finais dos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional e explora as posibilidades da linguaxe da rúa abrindo o camiño á poesía socialrealista.
Centrarémonos nos seguintes poetas:
1. Celso Emilio Ferreiro. Liñas:
* Intimista, influenciada polo existencialismo: un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo; nostalxia da infancia perdida en Celanova. Escribiu tamén poemas amorosos para Moraima.
* Satírica, fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais, ou o Quevedo máis mordaz.
* Socialrealista, cunha linguaxe coloquial e directa. Temas: a guerra civil, a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. Longa noite de pedra (1962) é unha das obras máis reeditadas da nosa literatura. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista.
2. Uxío Novoneyra. A súa poesía é paisaxística e moi persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Hai tamén preocupación social e política.
3. Xosé Luís Méndez Ferrín. Con pólvora e magnolias (1976) supón un camiño novo na literatura galega, achegando novos temas unha nova linguaxe poética. Combina a poesía revolucionaria –a pólvora- co lirismo intimista (o pasado, o paso do tempo, o amor, a morte) e o luxo estético –as magnolias-. Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat...
4.- Manuel María. Autor de moitas obras e poemas musicados na segunda metade do século XX. Temas: o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía.

(488 palabras)


Cómpre personalizar a resposta para non reproducir exactamente o tema tal e como aquí figura: cambiar palabras, a orde, introducir algún dato novo, etc. Hai que evitar que o corrector se encontre cunha resposta igual a moitas outras.

Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis ampla (716 palabras) máis axeitada para unha redacción esquemática:

Dentro de Galicia comeza unha tímida recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes. No 1949 sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro e no ano seguinte, constitúese a Editorial Galaxia, que abre novos camiños.
Esta anómala situación provoca que vexan a luz simultaneamente as obras de tres xeracións diferentes:
I. Xeración do 36. Poetas nados entre 1910-20; a guerra civil cólleos na súa xuventude. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes: Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, etc.
II. Promoción de Enlace, nados entre 1920-30. Tampouco son un grupo coherente. Formados culturalmente en castelán, escriben primeiro nas dúas linguas. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea: Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás...
III. Poetas das "Festas Minervais", nados entre 1930-40, non coñecen a guerra civil: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres, ou Méndez Ferrín... Neles xa existe unha conciencia de grupo, implicándose en feitos colectivos como a restauración das Festas Minervais universitarias ou a creación do grupo Brais Pinto. Mantéñense en contacto e comparten afinidades ideolóxicas contribuíndo a crearen as organizacións nacionalistas de esquerdas.
Seguen as tendencias anteriores: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... Pouco a pouco irán aparecendo formas novas nesta posguerra: intimismo -seguindo a liña iniciada por Rosalía de Castro-, clasicismo... A forma poética máis característica será a Escola da tebra ou "poesía do neboeiro": poesía intimista de enfoque pesimista da vida, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas. 
A finais dos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional e explora as posibilidades da linguaxe da rúa abrindo o camiño á poesía socialrealista. Esta será a liña temática absolutamente dominante ata mediados os anos 70.

Centrarémonos nos seguintes poetas:
1. Celso Emilio Ferreiro (1912-1979). Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:
*Ten poesía intimista, influenciada polo existencialismo: un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo; nostalxia da infancia perdida en Celanova. Escribiu tamén poemas amorosos, para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo.
*Ten poesía satírica, fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais, ou o Quevedo máis mordaz.
*A súa poesía socialrealista, cunha linguaxe coloquial, quere chegar a todo o mundo. Temas: a guerra civil, a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. A obra máis representativa é Longa noite de pedra (1962), un éxito de vendas, unha das obras máis reeditadas da nosa literatura. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista e Ferreiro no poeta galego máis coñecido dentro e fóra da Galiza.
2. Manuel Cuña Novás (1926-1992) é representante da Escola da Tebra, a súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras, de escuridade.
3. Uxío Novoneyra (1930-1999). Autor de poucos libros, excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística pero profundamente persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece ás veces a preocupación social e política.
4. Xosé Luís Méndez Ferrín (1938). Comeza coa Escola da Tebra e seguiu con poesía social. O seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias (1976), que supón un camiño novo na literatura galega, aportando novos temas e unha nova linguaxe poética. Neste libro combínase a poesía revolucionaria –a pólvora- co lirismo intimista (a lembranza do pasado, o paso do tempo, o amor, a morte) e o luxo estético –as magnolias-. Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat...
5. Manuel María (1929-2004). Autor de moitas obras e de moitos dos poemas musicados na segunda metade do século XX. Entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía. Coñecido como o poeta da Terra Cha, ten unha abundante obra poética.


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.



Os consellos de Xosé Manuel Calvo para a cuestión nº 5/6 (literatura):

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos. Non debería ocuparche máis de 25 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.

 

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.