Foto: Lorenzo Varela, escritor galego Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel -ogalego.eu // ogalego.gal |
Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados |
Dependendo do libro de texto ou do profesor/a utilízanse terminoloxías diferentes (nos exames de acceso á Universidade, probas de acceso a ciclos, etc. admítense todas sempre que estea ben analizado).
Escoller a opción A ou B e non mesturar as dúas
OPCIÓN A: baseada na frase e na cláusula (espazo Abalar, Xunta de Galicia)
Frase: substantiva, adxectiva, adverbial, nominal, preposicional
Cláusula: núcleo verbal. Funcións sintácticas: suxeito, atributo, complemento directo, complemento indirecto, complemento circunstancial, suplemento, complemento predicativo
Tipos de cláusulas: simple e complexa. Complexa subordinada: substantiva, adxectiva, adverbial
Oración: bipolar (adversativa, condicional, causal, concesiva, consecutiva, comparativa) e coordinada (copulativa e disxuntiva)
Cláusulas segundo o predicado: atributiva e predicativa (activa -transitiva, intransitiva, impersoal- e pasiva)
OPCIÓN B: baseada no sintagma e a oración
Sintagma: nominal, adxectival, verbal, adverbial, preposicional
Enunciado: frase e oración
Oración: suxeito e predicado. Funcións sintácticas: suxeito, atributo, CD, CI, CC, CPVO, suplemento.
Oracións polo significado (aseverativa, exclamativa, desiderativa, imperativa, interrogativa), polo verbo (atributiva e predicativa -activa e pasiva: transitiva, intransitiva, reflexiva, recíproca-), segundo o suxeito (persoal e impersoal), pola estrutura (simple e composta).
Oración composta: xustaposta, coordinada (copulativa, disxuntiva, adversativa, distributiva, explicativa) e subordinada (substantiva, adextiva, adverbial -tempo, lugar, modo, cantidade, condicional, causal, comparativa, concesiva, consecutiva, final-).
1. A FRASE
1. Frase substantiva. O núcleo é un substantivo e todo o que non é núcleo chámase modificador. Ex: pombas brancas // neno feliz.
2. Frase adxectiva. O núcleo é un adxectivo e todo o demais é o modificador. Para que exista frase adxectiva unicamente é necesaria a presenza dun adxectivo. Ex: branco azulado // grande abondo.
3. Frase adverbial. O núcleo é un adverbio e as palabras ou frases que empreguemos para ampliar a información sobre el desempeñarán a función de modificador. Ex. moi lonxe // ben cerca.
4. Frase nominal. Está formada por un substantivo (ou un pronome que o substitúe) pero, a diferenza da frase nominal, necesita ademais que a inicie un artigo ou un adxectivo determinativo (demostrativos, posesivos, indefinidos, numerais, relativos, interrogativos ou exclamativos).
O substantivo cumpre a función de nominal e o outro elemento é o determinante. Ex: este neno // a nena.
5. Frase preposicional. Está formada por unha preposición; non obstante, este elemento indispensable non é suficiente senón que tamén é precisa a existencia dun segundo elemento, que pode ser de calquera tipo.
A preposición sempre desempeña a función de enlace ou relator (porque serve para unir ou enlazar o que está despois dela coa parte que a precedía) e o elemento que vén a seguir é o termo.
En
un libro de aventuras, a preposición de serve para unir (enlazar) os elementos libro e aventuras.
Hai frases simples (as vistas ata agora) e frases compostas que conteñen no seu interior outra frase. Ex: os libros (simple) // os libros de galego (composta)
2. A CLÁUSULA
A unidade sintáctica superior á frase é a cláusula.
A cláusula esixe a presenza dun núcleo verbal que actua como predicado. Ex: chove // eu cheguei con tempo
Funcións sintácticas dentro da cláusula que completan o significado do predicado (complementos verbais):
1. Suxeito (SUX). Indica o elemento que realiza a acción sinalada polo predicado. O suxeito concorda en xénero e número co verbo. Ex: o Aldán chora moi pouco // os nenos xogan moito na gardería.
O suxeito pode estar explícito (o Roi ri moito), estar implícito ou elidido (ri moito). Tamén hai cláusulas impersoais, non hai suxeito (Ex: chove moito // nunca nevou tanto). E mesmo hai construcións impersoais reflexivas: en terceira persoa e co pronome persoal se (Ex: aínda non se vendimou todo o viño).
2. Atributo (ATRIB). Complemento que aparece cos verbos copulativos ser, estar, parecer, semellar. Ex: o Aldán está cansiño // o inverno é moi longo.
3. Complemento directo (CD). Sobre el recae a acción verbal mais non a proagoniza. Ex: o Aldán comeu unhas uvas // intenteino moitas veces // non as vin. Ao volver a cláusula á pasiva o CD resulta ser o suxeito (Ex: hoxe non estudei galego // o galego non foi estudado por min hoxe).
Os verbos transitivos esixen complemento directo, os intransitivos non o admiten. Ex: aínda non collín o ordenador // mañá saio cedo do instituto.
4. Complemento indirecto (CI). Indica o beneficiario ou destinatario da acción verbal. Cando non é un pronome persoal vai introducido por a ou para. Ex: o Aldán mercou uns caramelos para a súa avoa // os rapaces ofreceron o seu trofeo aos adestradores.
5. Complemento circunstancial (CC). Complementa ou modifica a acción verbal expresando o lugar, tempo, cantidade, compañía, etc. Responde ás preguntas cando? onde? canto? como? etc. Ex: onte saín moi cedo -CC tempo-// inauguraron un novo parque en Marín -CC lugar- // conduce con coidado -CC modo-.
6. Complemento predicativo (CPVO). É unha frase adxectiva (substantiva) que concorda co SUX ou co CD. Ex. hoxe chegamos cansos // a festa deixou os nenos desfeitos. Pode confundirse co ATRIB ou co CC modo. Ex: os rapaces están cansos (ATRIB, verbo estar) // as rapazas quedaron cansas (CPVO) // as nenas aprenderon rápido (CC modo: non concorda co SUX).
7. Suplemento (SUPL). É unha frase preposicional esixida polo verbo para completar o seu signficado. Pode confundirse co CD pero o verbo neste caso esixe unha preposición concreta (falar de, precisar de...). Ex: onte falaron de balonmán // lémbrate do móbil.
Cláusulas segundo a estrutura:
-Simples: un só predicado cos seus complementos
-Complexas: máis de un predicado.
a) Cando un predicado se inclúe dentro de outro a cláusula é subordinada.
Hai tres clases de complexa subordinada:
1. Subordinada substantiva: a subordinada cumpre a mesma función que un substantivo na cláusula (SUX, ATRIB, CD, CI, PVO, SUPL). Normalmente van introducidas por que. Ex: dixo que chegaría tarde (CD) // que gañase hoxe non quere dicir nada (SUX).
2. Subordinada adxectiva ou de relativo: vai introducida por un relativo e desempeña a mesma función que un adxectivo. Ex: o coche que viches é o meu // a alumna que marchou aprobou todo.
3. Subordinada adverbial: desempeña a mesma función que o CC nunha cláusula (modo, tempo, lugar, etc.) Ex: marcha cando queiras (tempo) // faino como queiras (modo).
b) Cando os predicados teñen unha relación ao mesmo nivel falamos de oracións, unidades superiores á cláusula: bipolares e coordinadas
1. Oracións bipolares: hai unha relación de interdependencia entre as cláusulas, unha non pode existir sen a outra.
1.1. Oracións bipolares adversativas. Hai entre elas unha relación de oposición, atenuación, etc. Conxuncións adversativas: mais, pero, porén... Ex: xa chegou pero aínda non a vin.
1.2. Oracións bipolares condicionais. Expresan unha relación de implicación entre dous feitos, de xeito que se supón que o cumprimento de un deles (condicionado) depende do cumprimento do outro (condicionante). Conxuncións condicionais: se, como, con tal que, de (+ inf.), etc. Ex: se bebe non conduza.
1.3. Oracións bipolares causais. Transmiten unha relación de causa e efecto nas cales o nexo introduce o efecto. Conxuncións causais: como, xa que, posto que, porque, etc. Ex: como moitos legumes porque me gustan.
1.4. Oracións bipolares concesivas. Conxuncións concesivas aínda que, a pesar de que ... Unha indica un feito que non impide que se cumpra a outra. Ex: vouno facer aínda que te enfades.
1.5. Oracións bipolares consecutivas. Conxuncións consecutivas: conque, de maneira que, de xeito que... Expresan a consecuencia como resultado dunha situación detallada como antecedente. Ex: púxose tan alterada que marchamos axiña.
1.6. Oracións bipolares comparativas. Entre as dúas cláusulas establécese unha relación de contraste ou comparación. A comparación pode ser de igualdade, de superioridade e de inferioridade. Ex: leu tantos libros como puido conseguir.
2. Oracións coordinadas: as cláusulas manteñen unha relación de coordinación; pode existir unha sen a presenza da outra, a diferenza das bipolares.
2.1. Oracións coordinadas copulativas. A relación establecida transmite a idea de acumulación, sucesión ou concatenación. Conxuncións copulativas: e, nin, e mais, mais. Ex: comeron algo e xa marcharon.
2.2. Oracións coordinadas disxuntivas. A relación establecida transmite a idea xeral de elección entre dúas ou máis ideas propostas. Conxunción disxuntiva: ou. Ex: podes entrar por Marín ou acceder por Vialaboa.
Cláusulas segundo a natureza do predicado.
1. Atributivas. Teñen un predicado nominal (ser, estar, parecer e semellar), e un complemento que cualifica o suxeito. Ex. o Aldán é moi agudo.
2. Predicativas. Teñen un predicado verbal. Tipos: activas e pasivas.
2.1. Activas: as que non son pasivas, verbo en voz activa.
***2.1.1. Transitivas:
2.1.1.1. Propias: o verbo esixe un CD para completar o significado. Ex. onte vendín un móbil vello.
2.1.1.2. Reflexivas: o suxeito realiza e tamén recibe a acción expresada polo verbo (coinciden o SUX e o CD). Ex: o Aldán peitéase sempre moi cedo.
2.1.1.3. Recíprocas: hai varios suxeitos e cada un realiza a acción sobre os outros. Ex: Manolo e María quérense moito.
***2.1.2. Intransitivas: o verbo non admite un CD. Ex: onte saín cedo.
***2.1.3. Impersoais: sen suxeito. Tipos:
2.1.3.1. Os verbos impersoais (fenómenos atmosféricos...). Ex: moito nevou onte
2.1.3.2. Haber, ir, facer en 3ª persoa de singular. Ex: hai que sufrir moito nesta vida
2.1.3.3. Construcións impersoais reflexivas que se constrúen sempre en terceira persoa e levan o pronome persoal se. Ex: alúgase coche de segunda man.
2.2. Pasivas: verbo en voz pasiva.
2.2.1. Construídas con ser + participio. Ex: o xogador foi expulsado polo cuarto árbitro.
2.2.2. Pasiva reflexa ou impersoal: se + verbo en 3ª persoa concordando co suxeito. Ex: alí traficouse con droga.
3. ENUNCIADO
O enunciado considera as intencionalidades do discurso e analiza os valores comunicativos. Posúe autonomía funcional, expresa sempre unha idea completa e posúe un sentido pleno. O enunciado pode ser unha palabra, unha frase, unha cláusula ou unha oración. Tipos:
Afirmativo e negativo. Os máis comuns. Ex: xa chegou // aínda non chegou.
Aseverativo ou enunciativo. Ex: as vacas comen herba.
Interrogativo. Unha pregunta. Ex: cando vai volver?
Desiderativo ou optativo. Un desexo. Ex: ogallá chova pronto!
Imperativo. Unha orde ou mandado. Ex: pechade os libros!
Exclamativo. Sentimentos, emocións. Ex: síntoo moito!
Dubitativo. Algo dubidoso ou probable. Ex: tal vez chova pronto.
1. SINTAGMA
Os sintagmas son unidades sintácticas formadas por palabras que se comportan de maneira conxunta dentro doutra unidade superior, que desempeñan unha función sintáctica na oración.
Sintagma: núcleo e adxacentes (determinante, modificador). Ex: un neno grande // o pequeno Aldán.
1- (S.N.) Sintagma nominal: o núcleo é un substantivo, unha palabra substantivada ou un pronome. Ex: o coche vermello // ese azul precioso // nós mesmos.
Poden desempeñar a función de suxeito -as ovellas (comen herba)-, complemento directo -(os leóns comen) carne-, complemento indirecto -(dei)lle (unha galleta)-, adxacente -(Pondal), o poeta, (naceu alí)-, atributo -(o Aldán é) un rapaz divertido-, vocativo -Aldán, (ven axiña!)-, complemento circunstancial -(anda con) xeito!-
2- (S.V.) Sintagma verbal: o núcleo é un verbo e funciona como predicado. Ex: (Aldán) xoga coa pelota // está ben // comeu unha mazá.
3- (S.Adx.) Sintagma adxectival: o núcleo é un adxectivo. Ex: (Aldán está) moi feliz // (Aldán corre) demasiado rápido
Pode desempeñar a función de adxacente dun substantivo -(xoguete) moi divertido-, atributo -(Aldán está) contento-, complemento predicativo -(traballo) contento (alí)-
4- (S.Adv.) Sintagma adverbial: o núcleo é un adverbio. Funciona como complemento circunstancial: Ex: (O Aldán vive) lonxe de Galicia // (marcharei) despois das catro.
5- (S.Prep.) Sintagma preposicional: o 1º elemento é o relator –enlace- (preposición) seguido do termo (un S.N. ou un S.Adv.). Ex: (o Aldán xa saíu) de Medina // (o avó) do Aldán.
2. ENUNCIADO
O Enunciado é a unidade mínima de comunicación que permite transmitir unha mensaxe. Hai dous tipos:
1. A Frase: é un enunciado que non ten verbo. Pode ser:
2. A oración: é un enunciado con verbo en forma persoal. Pode ser:
-Oración simple: só un verbo. Ex: hoxe non chove nada.
-Oración composta: máis dun verbo. Ex: onte choveu, pero escampou e hoxe xa está de sol.
3. ORACIÓN
Funcións sintácticas. Os sintagmas desempeñan diferentes funcións dentro da oración. O suxeito e o predicado son os elementos principais da oración
-Suxeito (SUX): informa quen realiza, causa ou padece a acción do verbo. Ex: o Roi come moi ben.
O suxeito pode estar explícito (aparece na oración), implícito ou elidido (sobreenténdese) e indeterminado (non está determinado, non se coñece). Ex: a Maia é moi lista -explícito- // non xoguei co Roi (eu) -implícito- // roubaron no supermercado -indeterminado-.
Na oración pasiva hai un suxeito axente (aquel que realiza a acción do verbo) e un suxeito paciente (o que recibe ou padece a acción realizada polo axente). Ex. o libro (paciente) foi lido polos alumnos (axente).
-Predicado: o núcleo é o verbo. Predicado nominal (núcleo un verbo copulativo: ser, estar, parecer, semellar) e predicado verbal (verbo non copulativo). Ex: o lobo é moi feroz (nominal) // o lobo comeu unha ovella (predicativo).
Atributo: aparece no predicado de oracións con verbos copulativos (ser, estar, parecer, semellar) e atribúe unha propiedade ou característica ao suxeito. Ex: o ferido está mal // o tempo é variable.
Complemento directo (CD): recibe directamente a acción dun verbo transitivo. Ao pasar a oración á pasiva o CD pasa a ser suxeito paciente. Ex: as ovellas comen herba (en pasiva: a herba é comida polas ovellas).
Complemento indirecto (CI): sobre el recae a acción do verbo de forma indirecta (a quen/que, para quen). Ex: María botou esterco ás plantas. O CI pode aparecer como duplicado (pronome + sintagma): María botoulle esterco ás plantas.
Complemento circunstancial (CC): informa das circunstancias nas que se realiza a acción verbal. Tipos: lugar, tempo, modo, causa, finalidade, compañía, materia, cantidade... Ex: Irei ao cine co Aldán -compañía- // irei ao cine na Coruña -lugar-
Complemento predicativo (CPVO): sintagma adxectival (ou nominal) similar a un atributo ou complemento circunstancial de modo, concorda en xénero e número co SUX ou o CD. Ex: quedaron parvos con iso // respondeu nervioso ás cuestións.
Suplemento (complemento de réxime): vén esixido polo verbo que pide unha preposición concreta cando queremos engadir un CD ou CI. Ex: falou mal de ti // confía sempre en min
***Consellos para analizar os elementos dunha oración: suxeito, núcleo do predicado, complemento directo, suplemento, complemento indirecto, complemento circunstancial, complemento predicativo, axente da pasiva, pronome de solidariedade, pronome de interese.
1.- Procuramos o suxeito, (quen? realiza a acción verbal) que ha de concordar co verbo. En moitos casos estárá oculto (elidido) e hai verbos impersoais . O sol sae por alí. Chove moito
2.- Predicado
--2.2.- Se é un verbo copulativo (atributivo) -ser, estar, parecer, semellar- procuramos o atributo: Aldán está canso
--2.3.- O verbo é predicativo (resto dos verbos)
***2.3.1.-Se o verbo é transitivo ha de levar complemento directo (que?). Se temos dúbidas de cal é o complemento directo podemos volver a frase a pasiva e o complemento directo resultará suxeito. Exemplo: onte vinte na rúa = onte ti fuches visto por min na rúa. En moitos casos o complemento directo é un pronome persoal.
***2.3.2.- Se observamos que o verbo esixe (nese significado) un sintagma preposicional teremos un suplemento: o can bebía no leite
***2.3.3.- Procuramos o complemento indirecto (a quen? para quen?) nos verbos intransitivos (non é obrigatorio) e tamén o podemos atopar nos transitivos acompañando o complemento directo. En moitas oracións atoparemos un complemento indirecto duplicado, un pronome átono e outro sintagma: deilles o mando aos meus pais.
***2.3.4.- O verbo é predicativo mais encontramos un adxectivo ou similar nunha función semellante ao atributo dos verbos copulativos..., estamos diante dun complemento predicativo (que podemos confundir cun complemento circunstancial de modo): María quedou parada alí.
--2.4.- Procuramos o complemento circunstacial (cando? onde? como? canto?; adverbios, sintagmas preposicionais...): tempo, lugar, modo, cantidade...
--2.5.- Se nos quedan pronomes persoais átonos que non son complemento directo nin indirecto, poderán ser de solidariedade ou interese (propios da lingua falada). O pícaro non che me come nada estes días.
--2.6.- Se a oración está en pasiva (ser+participio), podemos encontrar o axente de pasiva (encabezado pola preposición por): Aldán non foi educado polos avós.
2.7.- Valores de SE (me,te,se,nos,vos,se). Resume.
- Reflexivo: é complemento directo. A acción que realiza o suxeito recae sobre el mesmo. O can lámbese. Pode ser nalgún caso complemento indirecto: preguntouse a razón diso.
- Recíproco: con suxeito múltiple. A acción que realiza cada un recae sobre os demais. Antón e Helena quérense. Maia e Aldán mándanse correos.
- Compoñente verbal: en verbos que esixen o pronome, forma parte do verbo. Raquel queixouse da cabeza.
- Na pasiva reflexa, impersoal. Aínda non se recolleu o millo.
Modalidades de oracións
0.- Modalidades de oracións polo significado.
0.1. Aseverativas (enunciativas ou declarativas): expresan ou informan dun feito ou pensamento obxectivo. Poden ser afirmativas ou negativas. Ex: onte vin o partido // non atopei o móbil na cociña // é un vídeo interesante // a min non me gusta a pizza.
0.2. Exclamativas: expresan emocións ou sentimentos como dor, ledicia, sorpresa... Ex: canto o sinto! // eu non quero vivir así! // este ano vou aprobar si ou si!
0.3. Moi similares ás anteriores son as desiderativas ou optativas: expresan un desexo en ton exclamativo. Ex: ogallá mellore a túa nai! // quen me dera convosco voar! // que che vaia ben na vida, meu!
0.4. Interrogativas: úsanse para facer preguntas e acostuman empezar por un pronome interrogativo. Ex: onde deixaches o móbil? // cantas horas lle dedicas a diario ás redes sociais?// ti como preparas os exames de Educación Física?
0.5. Imperativas ou exhortativas: expresan unha orde, un mandado, unha prohibición. Tamén similares ás exclamativas. Ex: non me volvas coller o móbil sen permiso! // deixa xa de fuchicar na tableta! // facedes os deberes agora mesmo!
1. Modalidades de oracións polo verbo.
1.1- Atributiva (copulativa): o sintagma verbal é un verbo copulativo -ser, estar, parecer, semellar- e os seus atributos. Ex: o Aldán é traballador // o Aldán está canso // o Aldán semella divertido hoxe.
1.2- Predicativa: o núcleo do predicado é un verbo predicativo -non atributivo, todos menos ser, estar, parecer, semellar-. Ex: onte o Aldán comeu caldo // mañá o Aldán irá a Burgos.
Nas oracións predicativas podemos diferenciar:
1.2.1- Activa: un suxeito axente que realiza, preside, controla a acción. Ex: o neno comeu legumes // o can caeu no río.
1.2.1.1- Transitiva: leva un CD porque o verbo (transitivo) o precisa para completar o seu significado. Ex: o Aldán deume unha galleta // escribinlle un correo ao Aldán.
1.2.1.2- Intransitiva: non leva CD porque o verbo (intransitivo) non o admite. Ex: o Aldán dorme moito // o cativo saíu cedo do colexio.
1.2.1.3- Reflexiva: leva un verbo reflexivo -a acción do verbo recae sobre o mesmo suxeito-. Ex: o Aldán bañouse no Ebro // o Aldán non se mira ao espello moito.
1.2.1.4- Recíproca: leva un verbo recíproco no que as accións do verbo son mutuas entre dous suxeitos. Ex: o Roi e o Aldán abrazáronse coma primos // a Maia e o Aldán non se enfadaron nunca.
1.2.2- Pasiva: ten o verbo en voz pasiva (ser+participio ou pasiva reflexa) e un suxeito paciente -recibe, padece, recae nel, a acción do verbo en lugar de realizala-. Ex: ese exercicio xa lle foi recomendado ao Aldán polo adestrador // nunca algo similar fora visto na nosa casa.
2. Modalidades de oracións polo suxeito:
2.1- Persoal: teñen un suxeito. Pode ser un suxeito explícito -presente- Ex: o Aldán xoga co camión; ou un suxeito implícito (non explícito). Ex: non xogou co tren.
2.2- Impersoal: levan un verbo impersoal -sen suxeito ou que non pode determinarse o suxeito- en terceira persoa. Ex: en Medina de Pomar neva ás veces // hoxe hai algo de néboa.
3. Modalidades de oracións pola estrutura:
3.1- Unimembre: non pode dividirse en suxeito e predicado. Poden ser frases sen verbo. Ex: bo día! // ata mañá! // moi ben! Ou poden ser oración impersoais. Ex: choveu pouco // vai frío.
3.2- Bimembre: ten dous membros, suxeito e predicado. Ex: as vacas teñen cornos // as cabras tiran ao monte.
As oracións compostas
1.- Xustapostas: non hai nexo, están separadas por unha pausa ou coma. Ex: chegaron as nubes, mañá chove // hoxe vou sobrada, non preciso axudas // chegaron as vacacións, esquezamos os libros .
2.- Coordinadas. Están unidas por conxuncións coordinantes, cada unha das oracións ten sentido completo e é sintacticamente independente.
2.1. Coordinadas copulativas: oracións independentes unidas polos nexos e, mais, nin, que que suman, enlazan. Ex: nin o dixen nin o direi // hegou e xa marchou // fíxoo e non se arrepentiu.
2.2. Coordinadas adversativas: unha das oracións corrixe a outra; unidas polos nexos: mais, pero, porén... Ex: tirou el a falta pero fallou // ten que facer moita máis recuperación, porén non perde a ilusión // saíu cedo mais non chegou a tempo.
2.3. Coordinadas disxuntivas: presentan dúas opcións mediante os nexos: ou, ben... Ex: Aldán, recolles ou levas o lixo // ti estudas ou traballas?
2.4. Coordinadas distributivas: distribúen as accións mediante os nexos ben... ben, xa... xa, ... Ex: esa xa ri xa chora.
2.5. Coordinadas explicativas: unha explica a outra mediante os nexos é dicir, ou sexa... Ex: perdeu o tempo, é dicir, non aproveitou nada.
3.- Subordinadas. Nestas oracións compostas unha é a oración principal e outra a oración subordinada que depende estruturalmente da primeira.
A oración subordinada desempeña unha función sintactica dentro da principal. Dependendo desa función poden ser:
3.1. Subordinadas substantivas. Desempeñan as funcións sintácticas propias do substantivo:
3.2. Subordinadas adxectivas ou relativas (nexo relativo: que, cal, quen, cuxo...). Desempeñan a función dun adxectivo:
*2.1. Subordinadas adxectivas especificativas: especifican, restrinxen o significado. Ex: os nenos que non trouxeron a merenda que se poñan a este lado (restrinxe: só os que non trouxeron a merenda se teñen que poñer).
*2.2. Subordinadas adxectivas explicativas: non restrinxen o significado, explican e normalmente van entre comas. Ex: os nenos, que estaban cansos, pediron a merenda (explica que estaban cansos e pediron a merenda todos, non restrinxe)
3.3. Subordinadas adverbiais. Desempeñan as funcións sintácticas propias dun adverbio.
3.3.1.Subordinadas adverbiais en función de complemento circunstancial:
*3.3.1.1. Subordinada adverbial de tempo. Indican unha circunstancia temporal. Nexos: cando, antes de que, asemade, despois de que, mentres... Ex: pecha a porta cando saias // mentres quentas o caldo frega a louza.
*3.3.1.2. Subordinada adverbial de lugar. Indican unha circunstancia espacial. Nexos: onde... Ex: o Aldán puxo as chaves onde lle dixen.
*3.3.1.3. Subordinada adverbial de modo. Indican como se executa a acción. Nexos: como, segundo, consonte... Ex: fai os problemas como mellor che pareza.
*3.3.1.4. Subordinada adverbial de cantidade. Indican unha circunstancia de cantidade. Nexos: canto? Ex: pregunta canto custou iso.
3.3.2. Subordinadas adverbiais que non son complemento circunstancial:
*3.3.2.1. Subordinada adverbial comparativa. Nexos: ca, que, coma, como... Indica comparación de inferioridade, superioridade ou igualdade coa principal. Ex: o Aldán come mellor do eu pensaba.
*3.3.2.2. Subordinada adverbial causal. Nexos: porque, dado que, posto que, xa que ... Indica a causa, a orixe lóxica da principal. Ex: marchei porque estaba cansa.
*3.3.2.3. Subordinada adverbial condicional. Nexos: se, con tal que ... Indica unha condición con respecto á principal. Ex: se bebes non conduzas // irei eu se che parece ben.
*3.3.2.4. Subordinada adverbial consecutiva. Nexos: conque, de maneira que, de xeito que... Indica a consecuencia da principal. Ex: teño fame, así que comerei unha mazá.
*3.3.2.5. Subordinada adverbial concesiva. Nexos: aínda que, a pesar de que ... Indica un feito que non impide que se cumpra a principal. Ex: vouno facer aínda que te enfades.
*3.3.2.6. Subordinada adverbial final. Nexos: para que, a fin de que ... Indica a consecuencia última. Ex: sae xa para chegar con tempo.
2005-2024 |