ogalego.eu
Antolín Faraldo
 

Foto: Antólín Faraldo, escritor galego

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados


Xunta de Galicia
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
2022



LINGUA GALEGA

-Formato
A proba consta de dous textos e vinte cuestións, distribuídas deste xeito:
.Texto 1: dez cuestións tipo test.
.Texto 2: dez cuestións tipo test.
As cuestións tipo test teñen tres posibles respostas das que soamente unha é correcta.
-Puntuación
.0,50 puntos por cuestión tipo test correctamente contestada.
.Cada cuestión tipo test incorrecta restará 0,10 puntos.
.As respostas en branco non descontarán puntuación.
.No caso de marcar máis dunha resposta por pregunta considerarase como unha resposta en branco.
-Duración
.Este exercicio terá unha duración máxima de 60 minutos.


Convén tomar do número de respostas acertadas á primeira, das erradas e das que non se responden para poder calcular a puntuación final

Para poder ver as respostas correctas cómpre ter activado JavaScript no navegador


Texto 1

Día da Muller e a Nena na Ciencia: "Se che gusta, vas atopar o camiño"

Eu son Cristina Álvarez, técnica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC. Traballamos en ámbitos marítimos, unha área tradicionalmente con máis homes que mulleres pero desde hai un tempo somos xa bastantes mulleres. [...]
Eu son Lara García, e son técnica de apoio á investigación no Grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) en Vigo.
Nós adicámonos a este campo porque é o que nos gusta. Desde sempre, e aínda que o camiño non foi doado, cando unha traballa no que lle gusta vai conseguir avanzar e cumprir o que quere. Por iso, se podemos ser referentes para as nenas que queiran facer ciencia, investigar ou traballar en calquera campo tecnolóxico ou dixital, xenial para nós!
Lara García: “Ás nenas que queiran dedicarse a carreiras de ciencias ou tecnolóxicas diríalles que loiten polos seus soños, que son posibles, que sigan o camiño para cumpriren as súas metas. Sobre todo que non se poñan limitacións, que son tan capaces elas como calquera [...]..
"Para embarcar importa que non te marees, non o xénero". “Levo xa seis anos traballando como técnica no grupo de Ecoloxía e Biodiversidade Mariña do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. O meu traballo consiste en ir ao mar nun barco oceanográfico, capturar o plancto animal cunhas redes moi tupidas e xa no laboratorio identificar todos eses animais microscópicos baixo a lupa., di Lara García.
Ela estudou a Licenciatura de Ciencias do Mar na Universidade de Vigo e o Ciclo Superior de Produción Acuícola no Instituto Galego de Formación en Acuicultura. Curiosamente, na carreira, en Ciencias do Mar, Lara lembra que eran máis alumnas que alumnos e no ciclo superior “máis ou menos o mesmo número.. “Agora mesmo no grupo de investigación no que traballo somos seis mulleres e seis homes. En traballos anteriores, relacionados coa mostraxe en bancos marisqueiros, había máis homes., comenta Lara. “Se algunha vez tiven un sentimento de incomprensión non foi por causas de xénero" [...]
Cristina Álvarez: “A miña nai dicíame que o mar é un mundo de homes. E eu dicíalle que é o que me gusta. Entón díxome que adiante. Se ti es forte e estás decidida, vas atopar o camiño. Hoxe seguimos tendo ás veces xente ou grupos de traballo onde a muller está un pouco de lado, pero tamén atopas xente que che dá oportunidades e o apoio que necesitas., conta Cristina Álvarez, na actualidade técnica da Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC. Ela licenciouse no seu día en Navegación Marítima en Vigo. Logo cursou un Mestrado en Oceanografía.
Nos barcos Cristina Álvarez tivo experiencias “de todo tipo.. [...] “Que facía no barco? Pois nas prácticas para ser oficial, desde mirar presións, cálculos de carga, de descarga, temas de navegación, rutas..... Navegou en distintos tipos de barco por toda España, Italia, África e os Estados Unidos da América. Eran petroleiros, gaseiros... [...]

Fonte

1. Segundo o texto, Cristina Álvarez estudou:

A Náutica e Oceanografía, pensa que as nenas non deben ter límites nas súas metas, estivo a traballar nun grupo dedicado á ecoloxía e no seu emprego actual hai máis homes ca mulleres. Correcto?

B Biodiversidade Mariña, dedícase ao cultivo de plantas e animais acuáticos, recibiu unha excelente formación marítimo-pesqueira e está a pensar en continuar os seus estudos superiores. Correcto?

C Navegación Marítima, a súa nai animouna a estudar o que lle gustaba, viviu todo tipo de experiencias, para chegar a ser oficial fixo prácticas e traballa como técnica en ámbitos marítimos. Correcto?

2. No texto, a palabra oceanografía [en vermello no texto] significa “Ciencia que ten por obxecto....:

A o estudo e descrición das características físicas, químicas, biolóxicas e xeolóxicas dos mares e dos océanos. Correcto?

B estudo dos materiais do globo terrestre e as características implicadas nos procesos mariños e atmosféricos dos océanos. Correcto?

C o estudo sistemático dos corpos de auga planetarios, sobre todo os recursos hídricos situados nas placas dos océanos. Correcto?

3. Segundo o texto, Lara García:

A Estudou Navegación Marítima na USC, pensa que o mar é un mundo de homes, realiza cálculos de carga e descarga no porto e considera que as alumnas prefiren non facer estudos de tipo científico. Correcto?

B Estudou Tecnoloxía Mariña no CSIC, anima as nenas a non se poñeren limitacións nas súas metas, coñece grupos de traballo onde a muller está un pouco de lado e fixo un curso de ecoloxía no mar. Correcto?

C Estudou Ciencias do Mar en Vigo, considera que non importa o xénero para ter un emprego nos barcos, coida que as alumnas deben loitar polos seus soños e xa leva seis anos a traballar como técnica. Correcto?

4. No texto, a palabra acuicultura [en vermello no texto] significa “Conxunto de....:

A actividades, tarefas e coñecementos de crianza de especies que viven na auga. Correcto?

B técnicas aplicadas ás masas forestais para obter unha produción continua e sostible. Correcto?

C operacións destinadas a producir a enerxía que se consegue aproveitando as mareas. Correcto?

5. Segundo o texto, cal é a resposta correcta?

A As carreiras de náutica permiten analizar a vida dos océanos en laboratorios especializados. Correcto?

B A navegación, as rutas, as presións e os cálculos son tarefas de prácticas que se fan nos barcos. Correcto?

C As alumnas eran máis numerosas que os alumnos no Ciclo Superior de Produción Acuícola. Correcto?

6. Cal é a afirmación correcta sobre as alternancias vocálicas no radical do verbo?

A Sirvo, sirves, sirve son formas correctas debido a que este verbo non ten variación na raíz. Correcto?

B Querer, quecer e poder teñen vocalismo radical tónico aberto no presente de indicativo. Correcto?

C Vou, vas, vai presentan unha alternancia vocálica no lexema do presente de indicativo. Correcto?

7. Cal é a serie de palabras correcta?

A Primaveira, sonido, urbán, sinceiro, extrano, abandoar. Correcto?

B Hourizonte, inconvinte, destiño, brilar, humán, sonar. Correcto?

C Coiraza, voitre, noivo, agoiro, soidade, augadoiro. Correcto?

8. No enunciado “É preciso podermos falar”:

A Prodúcese o encontro de dous infinitivos, dos cales só o primeiro pode conxugarse. Correcto?

B Emprégase un infinitivo persoal e un pronome átono para expresar unha probabilidade. Correcto?

C Úsase unha forma nominal e outra flexionada con valor modal hipotético. Correcto?

9. Cal destes usos do pronome persoal átono NON é correcto?

A Lavouse a cara con xel hidratante. Correcto?

B Enfeitácheste para saíres de noite. Correcto?

C Escribiádesvos todos os meses. Correcto?

10. Cal destas oracións é incorrecta?

A Teño ido con el a esa festa moitos anos. Correcto?

B Había feito a comida cando nós chegamos. Correcto?

C Leva dito moitas veces o que hai que estudar. Correcto?

 



Texto 2

Centos de mariñaos foron durante 300 anos á migración temporal da sega en Castela

Era unha migración estacional. Marchaban uns meses, gañaban algúns reais e volvían. Así sucedeu durante tres séculos, desde o XVII ata 1950. Centos de mariñaos —de Ribadeo, A Pontenova, Trabada, Mondoñedo e Riotorto, sobre todo— foron segadores ocasionais en Castela. Algúns quedaron alá, outros volvían enfermos, hóuboos con boas experiencias e poucos, como o mindoniense Díaz Cayón, primeiro foi neno de sega e logo millonario e filántropo.
O proceso iniciábase cando algún segador recibía carta dun castelán que lle apalabraba traballo. Entón —a finais de abril ou de maio— formaba unha cuadrilla cun maioral, doce fouciños e catro nenos para daren servizo e ataren mollos. Marchaban a pé con saco e pau ás costas, chapeu portugués, grandes zocos e fouce na cintura. Cando chegou o tren, viaxaban en terceira clase con tarifa especial para temporeiros agrícolas.
Adoitaban saír o Día de Santo Antonio (13 de xuño) e regresaban a finais de agosto. Un informe de 1767 dá a cifra de 25.000 ao ano, na Descrición do Reino de Galicia en 1775 fálase de 40.000 e Murguía, Bernaldo de Quirós e outros cren que entre 30.000 e 50.000 galegos ían cada ano a esa migración que durou tres séculos. As rutas dese tráfico humano, segundo Alfonso Vázquez, eran cinco. Por Lugo, o camiño real utilizado por xentes da Mariña e Terra Chá, e o francés, para os da zona central. Os outros eran por Pontevedra e Ourense. Chegaban a Medina del Campo, Segovia, Madrid, Toledo, Estremadura... Desde o século XVI ían mulleres, pero no XVIII a Igrexa prohibiuno por inmoral.
Traballaban de sol a sol. O maioral abría o corte, detrás os segadores e, tras eles, os nenos atando gavelas. Na tempada, Galicia ingresaba uns 300 mil ducados ao ano, os xornais dos emigrantes: unha media de 10 ducados e un vestido por cabeza. (...)
Ao anterior, uníanse os frecuentes roubos. O verinés José Mª Pereda relata o regreso dunha vintena de segadores que foron atacados no camiño por catro asaltantes que, tras apuntar con revólveres, arrebatáronlles o diñeiro (...).
As enfermidades eran habituais. O Rexional, diario de Lugo, escribía o 20 de agosto de 1885: «Chegan os coches de 3ª atestados de infelices segadores que baixaron a Castela en busca de pan e adoitan regresar coa morte no fardo. En Pedrafita e Monforte detéñense os trens dúas horas para desinfectar equipaxes e fumigar viaxeiros...».

Fonte

11. Segundo o texto:

A Os atracadores de Verín asaltaban os emigrantes cando se dirixían a Castela, por cinco rutas terrestres, para arrebatarlles o diñeiro que levaban para viviren nos campos. Correcto?

B Os maiorais de Lugo ordenaban aos nenos cargar as gavelas de trigo de Castela, dándolles dez reais polo seu traballo, mentres os segadores abrían o corte e segaban as espigas cos fouciños. Correcto?

C Os xornaleiros da Mariña ían varios meses a Castela cada ano, entre xuño e agosto, para segaren nos campos de cereais e despois regresaren con algúns cartos. Correcto?

12. Cal é a serie de afirmacións correcta?

A Un segador tiña que comprar os apeiros para a cuadrilla, o ferrocarril permitiu incrementar o número de migrantes, os atracos eran pouco frecuentes e cada grupo levaba mulleres para cociñar. Correcto?

B Un maioral dirixía cada grupo, recibían unha vestimenta por persoa, no tren viaxaban en terceira clase e tiñan que ser desinfectados tanto os viaxeiros como as súas equipaxes. Correcto?

C Un xornaleiro gañaba dez moedas de prata, as mulleres nunca foron autorizadas a iren á sega, os trens paraban unha hora e os revisores aproveitaban para fumigaren os fardos dos segadores. Correcto?

13. Segundo o texto, os segadores galegos en Castela:

A Padecían enfermidades, ao principio desprazábanse a pé e viaxaban por cinco rutas. Correcto?

B Migraron durante séculos, traballaban alí de xeito permanente e todos ingresaban moito diñeiro. Correcto?

C Traballaban oito horas por día, botaban cinco meses na sega e regresaban nun tren especial. Correcto?

14. Na oración “Díaz Cayón foi neno de sega e filántropo” [en vermello no texto], a palabra filántropo significa:

A Individuo que elabora normas éticas e sistemas de pensamento. Correcto?

B Persoa que se dedica a facer obras en favor da humanidade. Correcto?

C Coleccionista que compra, reúne e estuda selos de correo. Correcto?

15. Cal destas informacións NON aparece no texto?

A Rosalía de Castro escribiu: «Van pobres e tornan pobres, / van sans e tornan enfermos». Correcto?

B Bernaldo de Quirós calculou que varias decenas de miles de galegos traballaban na sega cada ano. Correcto?

C José Mª Pereda relatou que varios atracadores asaltaron máis de vinte segadores que regresaban. Correcto?

16. Cal é o pretérito perfecto de indicativo correctamente conxugado?

A Leín, leíches, leeu, leemos, lestes, leron. Correcto?

B Andei, andaches, andou, andamos, andastes, andaron. Correcto?

C Reín, reíches, rieu, reímos, reístes, reiron. Correcto?

17. Na oración “Galicia ingresaba uns 300 mil ducados” [en vermello no texto], a palabra ducado significa:

A Nobre de rango inmediatamente superior ao marqués. Correcto?

B Territorio ou lugar sobre o que exerce xurisdición un duque. Correcto?

C Antiga moeda cuñada en distintos países con diferentes valores. Correcto?

18. Cal é a serie de palabras que contén SÓ adverbios de modo, cantidade e precisión?

A Amodo, paseniño, bastante, abondo, demasiado, soamente. Correcto?

B Agora, decote, adrede, daquela, apenas, xustamente. Correcto?

C Acaso, deseguida, quizais, dabondo, axiña, mesmamente. Correcto?

19. Cal é a oración que contén un uso incorrecto por interferencia do castelán?

A Os nenos cántanvos como os anxos. Correcto?

B Estouche farto desta situación. Correcto?

C Linme todo o libro. Correcto?

20. Cal é a división silábica correcta destas formas verbais?

A A-fí-o, a-fí-as, a-fí-a, a-fia-mos, a-fia-des, a-fí-an. Correcto?

B Cam-bio, cam-bias, cam-bia, cam-bia-mos, cam-bia-des, cam-bian. Correcto?

C Min-gü-o, min-gü-as, min-gü-a, min-gü-a-mos, min-gü-a-des, min-gü-an. Correcto?


Nº de respostas correctas (C)
Nº de respostas incorrectas (Z)
Puntuación do test = C×0,5-Z×0,10
Nas preguntas de test, por cada resposta incorrecta descontaranse 0.10 puntos. As respostas en branco non descontarán puntuación.

2005-2024