ogalego.eu
Aurelio Aguirre
 

Foto: Aurelio Aguirre, poeta galego en lingua castelá

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados


Xunta de Galicia
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
2021



LINGUA GALEGA

-Formato
A proba consta de dous textos e vinte cuestións, distribuídas deste xeito:
.Texto 1: dez cuestións tipo test.
.Texto 2: dez cuestións tipo test.
As cuestións tipo test teñen tres posibles respostas das que soamente unha é correcta.
-Puntuación
.0,50 puntos por cuestión tipo test correctamente contestada.
.Cada cuestión tipo test incorrecta restará 0,125 puntos.
.As respostas en branco non descontarán puntuación.
.No caso de marcar máis dunha resposta por pregunta considerarase como unha resposta en branco.
-Duración
.Este exercicio terá unha duración máxima de 60 minutos.


Convén tomar do número de respostas acertadas á primeira, das erradas e das que non se responden para poder calcular a puntuación final

Para poder ver as respostas correctas cómpre ter activado JavaScript no navegador


Texto 1

As matemáticas que xurdiron das pandemias


Séculos antes da crise da Covid-19, Europa viviu outras terribles pandemias que decimaron a súa poboación, como a peste negra e a gran peste de Londres. Naqueles períodos comezaron a desenvolverse as matemáticas que hoxe son fundamentais na modelización de enfermidades infecciosas: a noción de crecemento exponencial e o cálculo diferencial.

Os europeos que sufriron a peste negra no século XIV, especialmente entre 1347 e 1353, crían que a enfermidade era un castigo divino (...). Os máis podentes fuxiron ás súas casas de campo, afastadas dos núcleos urbanos, buscando aires máis puros e sans. Algo parecido ocorreu na gran peste de Londres no século XVII, descrita por Daniel Defoe no seu Diario da peste (1722).

Os coñecementos médicos en ambas épocas eran bastante limitados e, en referencia á microbioloxía, inexistentes. Pola súa banda, na Inglaterra do século XIV, o avance matemático debíase principalmente aos chamados “Calculadores de Merton College”, un grupo de matemáticos da Universidade de Oxford. Os principais calculadores foron T. Bradwardine, W. Heytesbury, R. Swineshead e J. Dumbleton (...). Bradwardine anticipou a noción de crecemento exponencial (...).

Máis de 300 anos despois dos calculadores, a gran peste de Londres (1665-1666) asediou a capital inglesa. Entre aqueles que fuxían ao campo estaba un mozo Isaac Newton, que abandonou a Universidade de Cambridge para refuxiarse na granxa familiar. Alí desenvolveu a maior parte das súas grandes contribucións científicas sobre a mecánica e a gravitación, e sentou os cimentos do cálculo diferencial. Os actuais modelos matemáticos de epidemias baséanse maioritariamente en ecuacións diferenciais que ditan a evolución dos continxentes de susceptibles, infectados e recuperados desde a noción de derivada.

Para chegar aos modelos epidemiolóxicos fixo falta tamén o nacemento da estatística, da man dos ingleses F. Galton e K. Pearson. E, por suposto, o coñecemento científico que permitiu entender a vida e identificar os virus como os principais axentes das epidemias, desenvolvido por Charles Darwin, G. Mendel, J. Watson (...), acompañados polos correspondentes desenvolvementos tecnolóxicos: microscopios ópticos, microscopios electrónicos, ordenadores (...).

Todos estes avances modificaron a vida dos habitantes do planeta dunha maneira espectacular e, en particular, a nosa resposta ás epidemias. Tamén cambiou a situación poboacional, determinante no avance dunha pandemia. Se na Idade Media a propagación da enfermidade era lenta ―dise que dous quilómetros por día― e saltaba dun lugar a outro principalmente por barcos ―inzados de ratas e pulgas transmisoras―, hoxe en día unha persoa infectada pode trasladarse en cuestión de horas a miles de quilómetros de distancia voando en avión. Ademais, o extraordinario crecemento da poboación mundial ―duns 300 millóns de habitantes no ano 1000 aos 7800 millóns actuais― tamén contribuíu a que o virus atope autoestradas de propagación en cuestión de días.

Fonte

1. Segundo o texto, Isaac Newton:

A Ingresou nunha universidade para investigar sobre o crecemento exponencial dos infectados. Correcto?

B Deseñou modelos epidemiolóxicos baseados en algoritmos de división e ecuacións diferenciais. Correcto?

C Aproveitou unha estancia no campo para traballar nas súas contribucións ao mundo da ciencia. Correcto?

2. Cal destas informacións SI que aparece no texto?

A O desenvolvemento dos modelos epidemiolóxicos foi posible grazas aos avances que tiveron lugar nos coñecementos científicos e no campo da estatística. Correcto?

B O algoritmo epidemiolóxico permite definir unha secuencia de estados computacionais que son fundamentais na modelización de enfermidades infecciosas. Correcto?

C O diagrama de fluxo epidemiolóxico permite realizar descricións gráficas de variables matemáticas que indican a evolución dos grupos de infectados e recuperados. Correcto?

3. Cal é a afirmación correcta?

A Na medicina medieval os doutores británicos identificaron os virus como os principais axentes das endemias, epidemias e pandemias. Correcto?

B Na universidade medieval os avances médicos debéronse ao desenvolvemento do cálculo matemático levado a cabo por profesores ingleses. Correcto?

C Na época medieval, cando se propagou a peste negra, as enfermidades estendíanse lentamente e a xente pensaba que eran un castigo divino. Correcto?

4. Na frase “a evolución dos continxentes” [vermello no texto], a palabra continxente significa:

A Extensión de superficie. Correcto?

B Número de persoas. Correcto?

C Campo de acción. Correcto?

5. Segundo o texto:

A A elaboración de modelos matemáticos e as investigacións científicas sobre bacterias permitiron cambiar a situación poboacional, determinante no avance dunha pandemia. Correcto?

B Os avances tecnolóxicos e o desenvolvemento industrial fixeron posible a construción de microscopios cando a gran peste asediou a capital inglesa. Correcto?

C A limitación dos coñecementos de medicina e a falta de desenvolvemento das matemáticas condicionaron a loita contra as epidemias nos séculos XIV e XVII. Correcto?

6. No texto, a palabra inzar (subliñado no texto) significa:

A Espallar en gran cantidade. Correcto?

B Botar a perder o navío. Correcto?

C Transmitir por contaxio. Correcto?

7. Cal é a análise morfolóxica correcta da forma verbal cantabamos?

A CANTABAMOS: Raíz (R) cant- Vogal temática (VT) -a- Morfema de modo e tempo (MMT) - ba- Morfema de número e persoa (MNP) -mos. Correcto?

B CANTABAMOS: Raíz (R) can- Morfema de modo e tempo (MMT) -tab- Vogal temática (VT) -a- Morfema de número e persoa (MNP) -mos. Correcto?

C CANTABAMOS: Raíz (R) canta- Morfema de modo e tempo (MMT) -bam- Vogal temática (VT) -o- Morfema de número e persoa (MNP) -s. Correcto?

8. Cal é a serie de palabras que contén SÓ adverbios de lugar e de tempo?

A Abofé, xamais, disque, velaí, ningures, hogano. Correcto?

B Máxime, apenas, tampouco, eis, algures, antano. Correcto?

C Velaquí, decote, acolá, acotío, xalundes, outrora. Correcto?

9. Cal é o presente de subxuntivo correcto?

A Caiga, caigas, caiga, caigamos, caigades, caigan. Correcto?

B Saiba, saibas, saiba, saibamos, saibades, saiban. Correcto?

C Traiga, traigas, traiga, traigamos, traigades, traigan. Correcto?

10. Cal é a oración que contén un complemento predicativo do suxeito?

A Os rapaces, abraiados, contemplaban os equilibristas sobre a corda. Correcto?

B Os administrativos da empresa tiñan a oficina completamente abandonada. Correcto?

C O cadro do museo foi pintado por un famoso artista galego no exilio. Correcto?

 



Texto 2

A rexeneración da carballeira da Tomada

A Tomada é unha carballeira de Calo (Teo) que recibe este nome porque historicamente a poboación da contorna aproveitaba as ramas máis grandes das árbores para leña. O concello adquiriuna (...) para desenvolver un proxecto para «xestionar espazos municipais con criterios de conservación ambiental», explica María López. Elixiu A Tomada porque «é un espazo moi visible socialmente que hai que conservar (...)». As primeiras intervencións comezaron hai meses coa limpeza e roza de parte da carballeira para eliminar especies invasoras. Vinte e catro sacos con restos delas acumúlanse á entrada da Tomada xunto aos carballos cubertos con hedras, grazas ás cales os paxaros engordan ao alimentárense cos seus froitos e así superan o inverno.

Desta zona partirá un curto itinerario cun deseño o menos invasivo posible e un percorrido delimitado que non chegará a toda a carballeira, xa que o obxectivo final é que este enclave natural se rexenere por si mesmo. Na Tomada non haberá papeleiras, randeeiras, bancos, nin mesas, pero si un espazo para que a poboación poida gozar do lugar sen comportarse como outra especie invasora. Un espazo bautizado como «A Roda» construirase soamente cos troncos de robinia pseudoacacia, outra das especies invasoras que o proxecto quere erradicar da Tomada. E os restos dun muro nun dos extremos da carballeira aproveitaranse tamén como parte da infraestrutura.

O desenvolvemento do proxecto é obra do ecólogo Nacho Munilla, que ideou «un espazo deseñado con criterios ecolóxicos cun uso público de mínima intervención para que a carballeira poida ser visitada sen estragala». Outro dos seus atractivos será a localización de tres puntos de escoita de aves, construídos tamén con restos das árbores eliminadas da carballeira. Munilla xa ten elixidos estes puntos porque neles xa identificou dezaseis especies de aves distintas, algunhas migratorias e outras aniñando e cantando nos carballos máis sans. Na Tomada tamén hai sitio para os exemplares máis danados polas numerosas tallas que sufriron anos atrás. «Estes carballos teñen a vantaxe de que son moi bo hábitat para criar moitas especies, como paxaros, roedores, morcegos e insectos», engade Munilla, que plasmou a carballeira co seu caderno cheo de bosquexos e detallistas debuxos pintados a lapis. E como chiscadela á orixe da Tomada, os restos vexetais que non se aproveiten para rexenerar o espazo quedarán a disposición da veciñanza. A longo prazo teñen en mente instalar algunha casa niño cunha cámara na que algunha especie poida criar e facer un seguimento educativo de todo o proceso. Tamén pensan en estender o proxecto para a recuperación de charcas e insectos e un plan para que as tullas de moitos peches se poidan substituír por «peches vexetais con moita biodiversidade».

Fonte

11. Segundo o texto, cal é a resposta correcta?

A A escoita de aves realízase nun espazo construído con troncos de especies invasoras. Correcto?

B As carballeiras son un bo lugar para a cría de animais que habitan os bosques. Correcto?

C A intervención que vai ter lugar nos próximos meses permitirá rozar a carballeira. Correcto?

12. Segundo o texto, para o plan de xestión da Tomada:

A Un profesor de ciencias identificou dezaseis especies de aves migradoras africanas. Correcto?

B Un gardarríos presentou un informe para a recuperación do regato que atravesa o bosque. Correcto?

C Un especialista en ecoloxía deseñou un proxecto para visitar a carballeira sen danala. Correcto?

13. No texto, a palabra randeeira [en vermello no texto] significa:

A Aparello para bambearse con cordas ou cadeas penduradas e cun asento a certa altura do chan. Correcto?

B Cadeira con rodas que permite o desprazamento de persoas que non poden camiñar por si mesmas. Correcto?

C Cuberta, en xeral con soporte metálico, destinada a protexer do sol e das inclemencias do tempo. Correcto?

14. No texto, a palabra chiscadela [subliñada no texto] significa:

A Vexetación propia do monte como toxos, fentos, herba, etc., que se aproveita para estrar. Correcto?

B Acción de cerrar e abrir rapidamente un ollo para facer algún sinal ou dar a entender algo. Correcto?

C Primeira fase do desenvolvemento dunha cousa, dunha acción ou dunha serie de feitos. Correcto?

15. Segundo o texto, cal é a serie de afirmacións correcta?

A O proxecto vaise estender á recuperación de charcas e insectos, o muro situado nun extremo vai ser aproveitado e a carballeira foi comprada para levar a cabo un plan de conservación ambiental. Correcto?

B O rego que pasa á beira será incorporado ao proxecto, as tullas dos peches poden substituír as especies invasoras e a corta de árbores danadas é imprescindible para rematar o plan de recuperación. Correcto?

C O bosque de carballos é un bo hábitat para criar mamíferos, as hedras son un lugar ideal para os niños dos paxaros e foi identificada unha ducia de especies de aves migratorias procedentes do norte. Correcto?

16. Cal destas oracións contén unha palabra incorrecta?

A O divorcio foi por mutuo acordo entre os cónxuxes. Correcto?

B O uso de mascarilla é obrigatorio e o aforo está limitado. Correcto?

C Os duros días de inverno foron quedando no esquecemento. Correcto?

17. No enunciado “Ao chegardes recollemos todo e marchamos”:

A Úsase unha preposición e un xerundio para expresar unha acción simultánea á do verbo principal. Correcto?

B Emprégase unha forma persoal e outra nominal para construír unha perífrase verbal. Correcto?

C Conxúgase o infinitivo, situado antes do verbo principal e introducido por preposición. Correcto?

18. Cal é a serie de palabras correcta?

A Urbán, brilar, estrano, inconvinte, primaveira. Correcto?

B Inconveniente, humano, abandonar, sincero, estraño. Correcto?

C Sinceiro, abandoar, hourizonte, destiño, humán. Correcto?

19. Cal destes usos do posesivo NON é correcto?

A Meu traballo é máis relaxado. Correcto?

B Ven aquí, miña prenda. Correcto?

C Meu avó está de aniversario. Correcto?

20. Cal é a afirmación correcta sobre os verbos irregulares?

A Manteñen inalterada a raíz (dixera, dixese) en todos os tempos e modos da flexión verbal. Correcto?

B Teñen variación no lexema (facemos, fixestes) e posúen un modelo propio de conxugación. Correcto?

C Presentan unha alteración do vocalismo tónico (anduven, andivese) no tema de pretérito. Correcto?


Nº de respostas correctas (C)
Nº de respostas incorrectas (Z)
Puntuación do test = C x 0.5 Z x 0.125
Nas preguntas de test, por cada resposta incorrecta descontaranse 0.125 puntos. As respostas en branco non descontarán puntuación.

2005-2024