ogalego.eu - ogalego.gal

Xosé Randolfe
Foto de Xosé Randolfe Vilariño, pintor galego, amigo de ogalego.eu
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados, son ogalego.eu

ABAU - Lingua Galega e Literatura

Consellos para preparar o punto 1.1

(Coa axuda de Xosé Manuel Calvo)


1.1.: Resumo / esquema / ideas principais e secundarias / intención comunicativa / tema. (1 punto)

-RESUMO do texto. Esta pregunta debe responderse en catro ou cinco liñas, coas propias palabras e nun único parágrafo. Se che saen máis liñas ou estás a copiar frases ou expresións do texto, a non ser que estas sexan verdadeiramente significativas, posibelmente esteas a facer unha paráfrase e non un resumo. Outro erro moi habitual é introducir a túa opinión cando o que che piden é que interpretes ou resumas a opinión do autor do texto. A túa opinión debes gardala para a pregunta 2. Esta cuestión mesmo deberías deixala para ao final; despois de ter traballado moito o texto, serache máis fácil resolvela en moi pouco tempo.

-ESQUEMA: se o que che piden é un esquema, isto suporía algo máis de tempo. Trátase de subliñar ideas principais e secundarias. Consello: non debes subliñar na primeira lectura, todo che parece importante. Faino logo da segunda e reflexiva lectura. Se o texto tiver título, fíxate nel; é parte a miúdo moi importante do texto. Se non se che pide xustificación non tes que achegala. Podes facelo en forma de chave, satélite, cun gráfico ou simplemente clasificándoas en principal e secundarias.

-IDEAS PRINCIPAIS E SECUNDARIAS / ESTRUTURA: esta cuestión tamén pode ter máis dificultade ca o resumo ou o esquema; non debemos confundir esquema e estrutura. Para entender ben cales son as ideas principais é importante entender a estrutura do texto. O obxectivo na estrutura é detectares as partes en que podemos dividir o texto e a súa  interrelaciónintrodución/argumentación/conclusión; problema/solución; pregunta/resposta; tese/antitese/(síntese); distribución diacrónica etc. Cada texto ten a súa singularidade e o importante é que ti xustifiques a túa interpretación. Unha vez máis cómpre lembrar que, se ten título, debemos telo en conta. A xustificación da estrutura pode ser un bo resumo do texto.

-INTENCIÓN COMUNICATIVA: o alumnado deberá comprender o sentido real do texto, máis alá da súa literalidade, percibindo recursos como, por exemplo, a ironía, as implicaturas, presuposicións... Que quere comunicarnos o autor e que recursos usa para ese fin.

-TEMA: é a unidade de información xenérica que lle outorga unidade de sentido ao texto, é unha información xeral, sen detalles nin especificacións. O mellor é preguntarse de que fala o texto, de que trata? Poden ser exemplos de temas: ensinanzas da pandemia do coronavirus, o cambio climático en Galicia, a alimentación sa na mocidade, os beneficios de facer deporte...


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.