ogalego.eu - ogalego.gal

Xosé Manuel Calvo
Foto: Xosé Manuel Calvo Muras

Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Exame ABAU.


ALGUNHAS RECOMENDACIÓNS PARA SACÁRESLLE O MÁXIMO PARTIDO AOS TEUS COÑECEMENTOS

Por: Xosé Manuel Calvo Muras, profesor da materia en 2º BACH e corrector de Selectividade moitos anos


O obxectivo desta actividade é achegarche uns cantos consellos tirados da miña experiencia como docente e corrector durante moitos anos, ofrecerche algunhas reflexións para que saques o máximo rendemento aos teus coñecementos.
Ler todo isto coa máxima atención é transcendental para saberes enfocar cada pregunta e organizáreste na preparación da proba e, moi especialmente, nos noventa minutos do exame. Este TEMPO, o uso que fagas del, vai ser determinante. Aínda máis, non abandones a aula ata o finaĺ, fóra non podes revisar nada nin é o momento de te poñeres a estudar outra materia. Falar do exame xa entregado só fará que descubras erros que xa non teñen remedio e che baixen a moral.
Comezamos.
Xa temos o exame diante, sempre o reloxo enriba da mesa, e comezamos por ver as cuestións 6 e 7 (iguais nas opcións A e B) e escollemos a opción segundo os nosos coñecementos; nesa decisión habemos de ter en conta que hai cuestións que son fáciles de desenvolver con menos extensión ca outras. Aconsellamos comezar por estas cuestións escribindo sobre contidos que si sabes, o que che permitirá perder os nervios, centrarte e darche seguridade para afrontares aqueloutra parte do exame da que a priori non sabes as cuestións.

Tamén convén que xa leves sabido da casa cantas liñas da túa escrita son 250 palabras e cantas 400. Así non perderás tempo logo contando as palabras.


Cuestión nº 6. (sociolingüística)

O ideal sería que  levases un esquema estudado da casa, onde debes ordenar os contidos que vas desenvolver. A pregunta vale 1 punto e é doado conseguir 0,50 puntos, mais é moi difícil conseguir 1 punto cando nos piden 200/250 palabras (folio/folio e  medio aproximadamente). Nesta pregunta pódese perder máis por faltas de ortografía do que se  gaña por contidos. Esta cuestión non debería levarche máis de 10 minutos en ningún caso. Quen aspire a nota debe levala moi ben pensada, levar ben seleccionados os contidos fundamentais e non perderse en digresións O que non teña que pelexar por unhas décimas mesmo debería deixala para o final e , en función de como vaia de tempo, atreverse con ela.

OLLO: debes usar unha terminoloxía culta adecuada ao rexistro lingüístico. Non ter  claras as ideas e confundir, por exemplo, normalización con normativización, ou lingua maioritaria con maiorizada pode facer que a túa resposta sexa considerada errónea e  che sirva só para perderes puntos polas faltas de ortografía.


Cuestión nº 7 (literatura)

Recomendan unhas 400 palabras e será valorada cun máximo de 2 puntos. Non debería ocuparche máis de 15/20 minutos e tamén deberías ser consciente de que algunha cuestión se pode desenvolver suficientemente en menos liñas ca outras que requiren máis espazo. Daquela tamén debemos facer a pre-escrita na casa e levar sabido un esquema persoal cos contidos que pensamos desenvolver, conscientes asemade de que aquelas exposicións que denoten unha reprodución puramente memorística poderían ser penalizadas ao igual que na sexta pregunta. O alumnado que aspire á puntuación máxima debe ter moi claro o que vai responder en cada unha das 12 cuestións en que se pregunta sobre a historia da nosa literatura no século XX. Ao contrario, aquel alumnado que non aspire a nota ou non leve ben preparadas estas cuestións teóricas podería ao final do exame, se lle sobrar tempo, elaborar unha redacción con aqueles contidos que recorde sabendo que hai autores e obras que poderían entrar en máis dunha das 12 cuestións propostas e, non deixando a pregunta en branco, optar a parte da súa puntuación.

OLLO: procura centrarte antes nas características xerais de contexto histórico, cultural e literario ca en pretender dar unha lista exhaustiva de autores e obras. De non ter seguridade, é preferíbel non citar unha obra nin atribuírlla a un autor indebidamente. Nalgún caso erros de vulto deste estilo, como confundir Cuevillas con Cabanillas, atribuírlle unha obra clásica de Castelao a outro autor e un moi longo etcétera, teñen penalizado  altamente a puntuación desta cuestión. Por outra parte, tamén sucede a miúdo que alumnado normalmente moi estudoso e de gran capacidade de memorización, por estenderse demasiado nesta pregunta, perde moito tempo e logo fai  moi ás presas o resto do exame coa conseguinte perda de precisión e castigo dobre na nota final.


Non deberiamos ter consumido máis de 30 minutos para estes tres primeiros puntos posíbeis e cos 60 minutos restantes afrontamos o resto do exame.



Continuamos co exame escollemos opción

Agora toca ler moi por enriba os dous textos que se nos propoñen como opción e que tipo de cuestións se nos formulan en cada caso. Esta primeira ollada ten que servirche para saber sobre cal dos temas tes máis coñecementos para faceres o comentario crítico (aí xógaste 3 puntos) e en que medida sabes ou non respostar ás cuestións que sobre o texto se propoñen. Neste punto debes valorar non só a dificultade da pregunta, senón tamén o tempo que levaría realizala. Así, por exemplo, leva máis tempo descubrir e xustificar a estrutura do texto ou facer un esquema de ideas principais e secundarias ca facer un resumo do seu contido ou descubrir a intención do autor nun determinado parágrafo. Normalmente non leva o mesmo tempo analizar cousas concretas que nos dan subliñadas no texto (sábese  ou non) ca buscar no texto e logo analizar algo, isto suporía ler e repasar detidamente o texto para que non se che escape algún exemplo, e mesmo podería levarte a dubidar nalgún caso, consumindo en balde o tempo que che cómpre para outras cuestións. Ten en conta tamén que se  che mandan indicar o significado de palabras e expresións, mesmo non coñecéndoas a primeira vista, o contexto pode axudarche a desvelar o seu significado.
Poderías empregar ata cinco minutos nesta tarefa e debes xa escoller a opción que mellor sabes e che parece máis doada.

Agora toca ler atentamente as preguntas. Cómpre fixarse no predicado, o verbo ou verbos que conteñan as cuestións, o verbo é o núcleo do predicado, que me están a pedir en cada caso?: “analiza, segmenta, subliña, razoa a resposta”; se hai tres verbos están a pedirme tres cousas, se eu só contesto unha, estou optando só á terceira parte da puntuación.

OLLO: as cuestións 1, 2, 4 e 5 non deberían levarche máis de cinco minutos cada unha (20 minutos as 4), lembra que valen cadanseu punto e, ao telas rematadas, xa levarías cerca dos sesenta minutos consumidos.


Cuestións 4 e 5: lingua e gramática

Recomendo comezar por estas cuestións que valen 2 puntos (10 minutos)

Para gañar tempo é moi importante resolver mentalmente o exame ou en sucio sobre o mesmo texto con diferentes marcas (ese folio coas opcións non tes que entregalo; é só para ti) e logo pasar as respostas limpamente ao papel. Vexamos: se, por exemplo,  me piden que xustifique a acentuación do texto, ou a colocación dos pronomes átonos, ou clasificar as perífrases, ou xustificar o uso do infinitivo conxugado, podo agrupar varios casos, indicando entre parénteses a liña correspondente, cun único razoamento en tres ou catro liñas. Teño corrixido exames de alumnos que van caso a caso repetindo os mesmos argumentos ata escribiren máis dun folio co consumo de tempo que iso supón.
Máis exemplos: Se che solicitan que deas un número determinado de ítems (sinónimos, substantivos dun determinado campo semántico etc.) sempre debes achegar algún máis dos que piden, pois soe puntuarse en positivo sen penalizar os erros; pode que esteas dando algún castelanismo, por exemplo, ou que cites un adverbio que non o é etc.

Se nos aparece unha pregunta de fonética ou fonoloxía, normalmente piden marcar o timbre semiaberto ou semipechado, só debes marcalo en posición tónica e pretónica. A miúdo esta é unha cuestión moi temida e mesmo se foxe da opción na que aparece, cando é unha pregunta moi fácil e que, ademais, require moi pouco tempo; tempo que gañamos para as outras cuestións. Ben é certo que ás veces o timbre cambia nas diferentes zonas de Galicia polo que valerán semiaberto ou semipechado. Porén, incluso facédoa ao chou, nunha quiniela é difícil acertar un pleno, mais tamén fallalas todas.


Cuestións 1 e 2: comprensión textual (10 minutos)        

Se xa fixeches as cuestións 4 e 5, isto implica que xa liches repetidas veces o texto e estás familiarizado con el. Iriamos agora analizando a forma apropiada de resolveres as preguntas 1 e 2  (2 puntos) e que gardan relación coa comprensión do texto e valen dous puntos. Vexamos algunhas cuestións que soen repetirse.

- NA PRIMEIRA cuestión sobre a interpretación dos contidos do texto poden pedirche que expliques o significado de palabras ou expresións do texto, podes facelo libremente con exemplos, con sinónimos. Se che piden que definas as palabras, debes ser máis preciso; deberías facelo como se fai nun dicionario: se for un adxectivo ou substantivo abstracto podería empezar por “Dise do que...”, “Condición do que..”. Se se tratar dun substantivo concreto: “Obxecto ou utensilio que se usa ou serve para...”etc. Nesta pregunta, en concreto, fállase moito por non explicar o significado no texto, tal como a miúdo se insiste, ou ben por dar só sinónimos. O máis recomendábel é dar unha definición ou explicación o máis precisa e breve posíbel e sempre relela e revisar a claridade expositiva, canto máis breve sexa a resposta, mellor debería de ser considerada.

-RESUMO do texto. Esta pregunta debe responderse en catro ou cinco liñas, coas propias palabras e nun único parágrafo. Se che saen máis liñas ou estás a copiar frases ou expresións do texto, a non ser que estas sexan verdadeiramente significativas, posibelmente esteas a facer unha paráfrase e non un resumo. Outro erro moi habitual é introducir a túa opinión cando o que che piden é que interpretes ou resumas a opinión do autor do texto. A túa opinión debes gardala para o comentario de texto. Esta cuestión mesmo deberías deixala para ao final; despois de ter traballado moito o texto, serache máis fácil resolvela en moi pouco tempo.

-ESQUEMA: se o que che piden é un esquema, isto suporía algo máis de tempo. Trátase de subliñar ideas principais e secundarias. Consello: non debes subliñar na primeira lectura, todo che parece importante. Faino logo da segunda e reflexiva lectura. Se o texto tiver título, fíxate nel; é parte a miúdo moi importante do texto. Se non se che pide xustificación non tes que achegala. Podes facelo en forma de chave, satélite, cun gráfico ou simplemente clasificándoas en principal e secundarias.

-ESTRUTURA: esta cuestión tamén pode ter máis dificultade ca o resumo ou o esquema; non debemos confundir esquema e estrutura. O obxectivo na estrutura é detectares as partes en que podemos dividir o texto e a súa  interrelación: introdución/argumentación/conclusión; problema/solución; pregunta/resposta; tese/antitese/(síntese); distribución diacrónica etc. Cada texto ten a súa singularidade e o importante é que ti xustifiques a túa interpretación. Unha vez máis cómpre lembrar que, se ten título, debemos telo en conta. A xustificación da estrutura pode ser un bo resumo do texto.


Cuestión 3: Produción textual (comentario crítico)

Deixamos para o final esta cuestión, valorada con 3 puntos. Deberiamos desenvolvela en 25/30 minutos. Aquel alumnado que deixe algunhas cuestións en branco, por exemplo as teóricas, podería dedicarlle algún tempo máis; esta cuestión por si soa xa case te pode acercar ao aprobado. Nas indicacións aos correctores recomendan desenvolvela nunhas 200/250 palabras, eu mesmo recomendaría algo máis. É moi importante ler con atención as recomendacións e as normas de valoración de cada apartado. Non esquezas que o corrector está obrigado a especificar: un punto para a construción textual, outro para a adecuación e un terceiro punto para a corrección ortográfica e gramatical. Se non cometes faltas de ortografía, podes facilmente gañar a metade da puntuación cunha redacción espontánea e pouco planificada, mais para conseguires os tres puntos debes coidar a selección de información, a súa organización en parágrafos debidamente conectados, a coherencia discursiva, a cohesión, a selección do léxico apropiado, a pertinencia da argumentación e a revisión de ortografía e puntuación.

Ter en conta:

- Facer un comentario crítico non é parafrasear ideas e argumentos do propio texto. Trátase de que entendas ben o texto (malamente sairá un bo comentario do tema do texto se non interpretaches debidamente o tema e falas doutra cousa que non é o que se pide) e que deas a túa propia opinión e a razoes cos teus propios argumentos Arguméntase con datos, con exemplos coñecidos ou sacados da propia experiencia ou con autoridades, no caso de coñeceres os argumentos ou mesmo unha cita literal sobre o tema dalgunha autoridade, ou un dito ou frase popular.

- É moi recomendábel que fagas unha reflexión previa  á escrita, que decidas a postura que vas tomar e concibas mentalmente ou elabores nunha marxe sobre o papel das opcións un esquema estruturado. Mesmo deberías facelo notar en catro ou cinco parágrafos introducidos polo conector adecuado. Convén facer unha lectura crítica do texto, procurando outros puntos de vista que o autor non tivo en conta e tratar de contraargumentar a súa postura, aínda que poidas coincidir en boa mediada coa postura que el defende. A seguir redactarías cada idea coa maior claridade e sinxeleza posíbel e cos argumentos apropiados. Procura fuxir dun estilo requintado con excesiva adxectivación. Podes coincidir en todo ou parcialmente coa opinión do autor; mais, insistimos, debes aportar os teus propios argumentos. A velocidade a que escribimos permite ir seleccionando palabras e buscando o sinónimo máis preciso, porén sempre debes ao final reler o texto e revisar forma e contido, puntuación e acentuación. E rematado este proceso, podemos aínda engadir unha conclusión a xeito de resumo ou na que poñamos a énfase nalgunha idea que non quedase suficientemente clara ou debidamente argumentada. Só na conclusión nos poderiamos permitir unha opinión subxectiva sen argumentala. Se unha idea ou argumento se che ocorre nesta segunda lectura, debes engadila cunha cita/chamada nunha marxe para que o corrector a lea no seu debido contexto; engadila doutro xeito denotaría desorde.



MÁIS CONSELLOS xerais para o exame

- A limpeza no exame é moi importante, con todo é desaconsellábel pasar o exame a limpo; é unha perda de tempo innecesaria. Sempre é máis aconsellábel revisar, tachar e corrixir os erros que poidamos ter cometido. O corrector é consciente do contexto e do tempo do que o alumno dispón; persoalmente nunca atopei un exame ilexíbel. O que si debes facer e se agradece é deixar marxes nas que poderes facer aclaracións e nas que o corrector poida facer anotacións.

-Tamén non é recomendábel cambiar de opción; debes pensar ben antes de decidirte. Se fixeres cambio de opción, perdes ese tempo e terías que facer a outra ás presas.

-Final: se distribuíches o tempo tal como che recomendamos, deberían sobrarche os cinco derradeiros minutos para reler novamente todo o escrito. Polas faltas de ortografía poderías perder dous puntos, é dicir, o equivalente a dúas cuestións ou á pregunta de literatura. Repasa o teu punto débil: que se os acentos, que se os castelanismos, que se a colocación do pronome átono, que se os verbos... Se cadra deberías deixar algunha cuestión sen responder e dedicarlle mesmo uns dez minutos a revisar faltas e  asegurar  a cualificación global que tes gañada a esas alturas.


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.