Anxo Rajó
Foto de Anxo Rajó Pazó, escritor galego, amigo de ogalego.eu

ogalego.eu - ogalego.gal son

Vitoria Ogando Valcárcel//Anxo González Guerra catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade: Proposta da Comisión para 2024


O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.


TEXTO

Numerosos grupos de presión invisten centos de millóns de euros todos os anos para contrarrestar a evidencia científica sobre a situación. A ciencia do cambio climático ten máis de 150 anos e é, probablemente, a área máis estudada de todas cantas conforman a ciencia moderna. Con todo, a industria enerxética e os grupos de presión políticos, entre outros, levan 30 anos sementando a dúbida sobre o cambio climático onde non a hai. As últimas investigacións estiman que as cinco compañías petroleiras e de gas máis grandes do mundo dedican ao redor de 200 millóns de dólares ao ano ao mantemento de lobbies que controlan, atrasan ou impiden o desenvolvemento de políticas climáticas de obrigado cumprimento.
A
negación organizada do cambio climático está contribuíndo ao estancamento na redución de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) ata desembocar no estado de emerxencia climática global en que nos atopamos. Como consecuencia, que os negacionistas se vallan de certos mitos (no mellor dos casos, noticias falsas; no peor, descaradas mentiras) para desautorizar á ciencia do cambio climático pode facer que as persoas do común non saiban a que aterse. A continuación expoñemos dous destes mitos e as probas científicas que os desacreditan.
1. O cambio climático non é máis que unha parte do ciclo natural
O clima da Terra nunca deixou de cambiar, pero o estudo da paleoclimatoloxía ou, o que é o mesmo, os “climas antigos”, demostra que os cambios acontecidos durante os últimos 150 anos (desde o comezo da Revolución Industrial) non poden ser naturais pola súa excepcionalidade. (…)
2. Os cambios débense ás manchas solares ou aos raios cósmicos
As manchas solares son rexións da superficie da estrela que albergan unha intensa actividade magnética e poden ir acompañadas de erupcións solares. Aínda que estas manchas posúen a capacidade de modificar o clima da Terra, desde 1978 os científicos están a usar sensores en satélites para obter un rexistro da enerxía solar que chega ao planeta e non observaron a existencia dunha tendencia ascendente, polo que non poden ser a causa do quecemento global recente.

Mark Maslin. GCiencia. 27/09/2019 (adaptación)

PREGUNTA 1. Comprensión do texto de GCiencia. Responda os seguintes apartados:
1.1. Indique, nunha liña como máximo, cal é o tema do texto. (0,5 puntos)
1.2. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras: “negación”, “emerxencia”, “mito”, “desacreditar”, localizadas no segundo parágrafo. (1 punto)
1.3. Localice no texto catro conectores textuais e indique o tipo. (1 punto)

PREGUNTA 2. Produción textual
2. Redacte un texto no cal exprese a súa opinión sobre o tema do artigo de GCiencia. (Extensión aprox. 250 palabras) (2,5 puntos)

PREGUNTA 3. Reflexións sobre a lingua (texto de GCiencia). Responda os seguintes apartados:
3.1. Indique se os catro infinitivos indicados en letra grosa poden ser conxugados e explique por que; en caso positivo, escriba a oración resultante.
(1 punto)
3.2. Localice no texto catro palabras nas que aparezan os mesmos sons que os representados polas grafías que se subliñan nestas: peixe e exame; quero e queres e explique se se trata de fonemas distintos. (1 punto)
3.3. Identifique a función sintáctica dos dous fragmentos subliñados no texto -centos de millóns de euros, As manchas solares- (sen analizar os seus compoñentes). (0,5 puntos)

PREGUNTA 4. As linguas e os seus falantes. Responda un dos dous apartados:

4.1. Analice esta viñeta, de xeito que inclúa na explicación o significado técnico dos conceptos “prexuízo”, “lingua dominante” e “lingua mino- rizada”. Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Xaquín Marín

 

4.2. Analice o seguinte gráfico sobre a lingua inicial en Galicia en función da idade (IGE, 2018) e sinale dúas posibles medidas de normalización en relación coa situación descrita. Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Enquisa

 

PREGUNTA 5. Educación literaria

Contextualice o texto de Ánxel Fole na época correspondente e identifique e explique catro características do seu autor, recorrendo sempre a exemplos tirados do propio texto. Sinale dúas tendencias narrativas máis da mesma época, os seus autores máis representativos e dúas obras de cada un. Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

“Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan ás persoas. E isto non é certo. (…) Todos coñecedes coma min ó Emilio, o castrador de Rugando. Atendede ben e xa sabereis que é certo todo canto levo dito encol dos lobos. (…) Dous lobos grandismos fórono acompañando. Iban sempre de par dil, ás dúas maos. Cáseque parecían dous cas que foran con seu amo. Se il se paraba, tamén iles se paraban. Algunhas veces púñanselle diante. Entón, o capador guindáballes un coio.”

Ánxel Fole, “Os lobos”, Á lus do candil (1953)

PREGUNTA 6. Educación literaria

Analice dúas características deste poema que permitan situalo no seu movemento literario. Contextualíceo historicamente e indique outras dúas correntes poéticas da mesma época, así como un dos seus autores máis representativos e unha das súas obras. Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
E andar primeiro de río.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama Riveira (1933)


2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.