ogalego.eu - ogalego.gal

Pablo Rubén Eyré
Foto de Pablo Rubén Eyré, escritor chantadino, amigo de ogalego.eu
Vitoria Ogando Valcárcel - Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados, son ogalego.eu

ABAU - Lingua Galega e Literatura

Consellos para preparar a pregunta 2

(Coa axuda de Xosé Manuel Calvo)



PREGUNTA 2. Produción textual.
Redacte un texto no que exprese a súa opinión sobre… / Redacte un texto expositivo no que dea información sobre… (Extensión aprox. 250 palabras) (2 puntos)

Deberiamos desenvolvela en 25 minutos. Aquel alumnado que deixe algunhas cuestións en branco, por exemplo as nº 4 e 5, podería dedicarlle algún tempo máis xa que vale tanto coma elas. Nas indicacións recomendan desenvolvela nunhas 250 palabras, mesmo sería mellor algo máis. É moi importante ler con atención as recomendacións e as normas de valoración de cada apartado. Non esquecer que o corrector está obrigado a especificar: parte para a construción textual, parte para a adecuación e parte para a corrección ortográfica e gramatical (aínda non sabemos canto a cada apartado). Se non se cometen faltas de ortografía, pódese facilmente gañar a metade da puntuación cunha redacción espontánea e pouco planificada, mais para conseguir os dous puntos débese coidar a selección de información, a súa organización en parágrafos debidamente conectados, a coherencia discursiva, a cohesión, a selección do léxico apropiado, a pertinencia da argumentación e a revisión de ortografía e puntuación.

Ter en conta:

- Dar a opinión, facer un comentario crítico, facer un texto expositivo non é parafrasear ideas e argumentos do propio texto. Trátase de entender ben o texto (malamente sairá un bo comentario do tema do texto se non se interpretou debidamente o tema ou se fala doutra cousa que non é o que se pide), e dar a propia opinión ou razoar con argumentos propios. Arguméntase con datos, con exemplos coñecidos ou sacados da propia experiencia ou con autoridades, no caso de coñecer os argumentos ou mesmo unha cita literal sobre o tema dalgunha autoridade, ou un dito ou frase popular.

- É moi recomendábel facer unha reflexión previa  á escrita, decidir a postura que se vai tomar e concebir mentalmente ou elaborar nunha marxe sobre o papel das opcións un esquema estruturado. Mesmo se debería facelo notar en catro ou cinco parágrafos introducidos polo conector adecuado. Convén facer unha lectura crítica do texto, procurando outros puntos de vista que o autor non tivo en conta e tratar de contraargumentar a súa postura, aínda que se poida coincidir en boa medida coa postura que el defende. A seguir redactaríase cada idea coa maior claridade e sinxeleza posíbel e cos argumentos apropiados. Procurar fuxir dun estilo requintado con excesiva adxectivación. Pódese coincidir en todo ou parcialmente coa opinión do autor; mais, insistimos, débense achegar argumentos propios. A velocidade a que escribimos permite ir seleccionando palabras e buscando o sinónimo máis preciso, porén sempre se debe ao final reler o texto e revisar forma e contido, puntuación e acentuación. E rematado este proceso, podemos aínda engadir unha conclusión a xeito de resumo ou na que poñamos a énfase nalgunha idea que non quedase suficientemente clara ou debidamente argumentada. Só na conclusión nos poderiamos permitir unha opinión subxectiva sen argumentala. Se unha idea ou argumento se nos ocorre nesta segunda lectura, debemos engadila cunha cita/chamada nunha marxe para que o corrector a lea no seu debido contexto; engadila doutro xeito denotaría desorde.

No 2022 valoraban:

Pregunta 2. Produción textual (2,5 puntos).

Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente.

Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito: OLLO! Marcar no exame a nota de cada un dos tres apartados.

1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto.

Valórase:
- 1.a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido, evitando tanto a súa excesiva previsibilidade (clixés, estereotipos, lugares comúns), como a “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.
- 1.b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións. O adecuado emprego dos signos de puntuación.
- 1.c) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
- 1.d) Uso pertinente de diversidade de conectores.

2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 puntos.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan un requintamento afectado, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).

Marcar e penalizar: coloquialismos, palabras comodín, repeticións... Tamén se penalizarán cuestións de presentación e formato, como non subliñar os títulos das obras.

3. Corrección lingüística. 0,75 puntos. Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta. Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.