|
ogalego.eu - ogalego.gal son Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados |
Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 8. O teatro galego entre 1936 e 1975: a Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia.
-Recomendan unhas 250 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos
-Nesta pregunta espérase unha resposta breve, pero redactada, non contestada de xeito esquemático.
-Isto é o complemento teórico, revisa os exames propostos no curso 2022 para ver como tes que responder (preguntas sobre un texto)
-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:
O teatro sufriu as consecuencias da guerra e a ditadura, ao ser impensable un espectáculo público teatral en galego e a súa pervivencia é posible grazas ao labor do exilio. Castelao estreou Os vellos non deben de namorarse en Bos Aires.
En Galicia, entre 1950 e 1965, escríbese un teatro máis pensado para ler que para representar, dirixido a unha minoría intelectual galeguista e coñecedora do teatro francés, que utilizaba os mitos e personaxes da traxedia clásica grega para expoñer conflitos do mundo actual, e con influencia do existencialismo. Destaca Álvaro Cunqueiro coa súa obra O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958) na que fai unha nova lectura do personaxe shakespeariano e dos seus problemas. Ricardo Carballo Calero (Día das Letras Galegas 2020) publica en 1971 Catro pezas (que contén a coñecida Farsa das zocas: obra en dous actos que mostra ao espectador uns personaxes galegos universais, o crego, o médico, o notario… e un enredo sobre unha herdanza).
Tamén nesta época publican obras teatrais algúns dos membros da Xeración dos 50, como Franco Grande, Arcadio López Casanova ou Manuel María, que escribiu máis dunha ducia de pezas teatrais (Barriga verde, 1973...)
A mediados dos sesenta a mellora da situación social e económica propicia unha certa actividade teatral, malia ser sempre –e tamén nesta etapa- este xénero o menos cultivado da literatura galega.
No 1965 xorde o grupo teatral O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo, que será tamén o fundador, dous anos máis tarde, do primeiro grupo independente. Extraordinaria importancia terán as Mostras de Teatro de Ribadavia, iniciadas no 1973 e que continuarán ata 1980, punto de encontro para os xa abundantes grupos teatrais independentes e estímulo para os autores, que poderán ver representadas as súas obras.
Algúns dos autores vinculados a esta iniciativa, e que continuaron a súa produción posteriormente ou aínda seguen, son:
-Euloxio Rodríguez Ruibal (Zardigot), autor de teatro experimental que comezou escribindo obras influídas pola técnica cinematográfica comprometidas coa realidade social e política do país. Nunha segunda etapa ten textos máis cómicos e satíricos sobre a situación galega. Hai que mencionar tamén a súa contribución ao teatro infantil.
-Manuel Lourenzo, actor, director e autor teatral, é unha das figuras máis importantes e prolíficas dos últimos 40 anos do noso teatro. Dentro da súa extensísima obra podemos sinalar tres ciclos: mítico, histórico e experimental.
-Roberto Vidal Bolaño foi tamén autor, actor e director. O seu teatro seguiu dous camiños diferentes: por un lado atopamos textos simbólicos con raíces populares e por outro textos máis complexos cunha visión pesimista da vida.
(425 palabras)
Versión máis longa (626 palabras)
O teatro sufriu aínda máis que os outros xéneros narrativos as consecuencias da guerra e a posterior ditadura, ao ser impensable un espectáculo público teatral en galego e a súa pervivencia é posible grazas ao labor do exilio. Castelao estreou Os vellos non deben de namorarse en Bos Aires.
Manuel Varela Buxán foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. Ademais de autor teatral foi tamén director e actor. As súas obras son de corte rural-costumista e humorístico, aínda que non están exentas de crítica social. A súa compañía “Maruxa Villanueva” foi a encargada de representar Os vellos non deben de namorarse.
Tamén en Bos Aires Eduardo Blanco Amor dirixiu o Teatro Popular Galego (1957) e escribiu varias pezas que se coñeceron en Galicia recompiladas en dous volumes: Farsas para títeres (1973) e Teatro pra a xente (1974). Unhas son obriñas de realismo costumista, pensadas para “a xente do noso pobo”, público pouco afeito a ler ou ver teatro; outras son farsas, non realistas, moi imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos, que lembran o esperpento de Valle Inclán ou o teatro do absurdo europeo; están pensadas para un público culto. Unha das máis representada é A tía Lambida.
En Galicia, entre 1950 e 1965, escríbese un teatro máis pensado para ler que para representar, dirixido a unha minoría intelectual galeguista e coñecedora do teatro francés, que utilizaba os mitos e personaxes da traxedia clásica grega para expoñer conflitos do mundo actual, e con influencia do existencialismo. Destaca Álvaro Cunqueiro coa súa obra O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958) na que fai unha nova lectura do personaxe shakespeariano e dos seus problemas. Ricardo Carballo Calero (Día das Letras Galegas 2020) publica en 1971 Catro pezas (que contén a coñecida Farsa das zocas: obra en dous actos que mostra ao espectador uns personaxes galegos universais, o crego, o médico, o notario… e un enredo sobre unha herdanza).
Tamén nesta época publican obras teatrais algúns dos membros da Xeración dos 50, como Franco Grande, Arcadio López Casanovaou Manuel María (Día das Letras Galegas de 2016), que escribiu máis dunha ducia de pezas teatrais (Barriga verde, 1973...)
A mediados dos sesenta a mellora da situación social e económica propicia unha certa actividade teatral, malia ser sempre –e tamén nesta etapa- este xénero o menos cultivado da literatura galega.
No 1965 xorde o grupo teatral O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo, que será tamén o fundador, dous anos máis tarde, do primeiro grupo independente. Extraordinaria importancia terán as Mostras de Teatro de Ribadavia, iniciadas no 1973 e que continuarán ata 1980, punto de encontro para os xa abundantes grupos teatrais independentes e estímulo para os autores, que poderán ver representadas as súas obras.
Algúns dos autores vinculados a esta iniciativa, e que continuaron a súa produción posteriormente ou aínda seguen, son:
-Euloxio Rodríguez Ruibal, (Zardigot, 1973), autor de teatro experimental que comezou escribindo obras influídas pola técnica cinematográfica comprometidas coa realidade social e política do país. Nunha segunda etapa ten textos máis cómicos e satíricos sobre a situación galega. Hai que mencionar tamén a súa contribución ao teatro infantil.
-Manuel Lourenzo, actor, director e autor teatral, é unha das figuras máis importantes e prolíficas dos últimos 40 anos do noso teatro. Dentro da súa extensísima obra podemos sinalar tres ciclos:
.Ciclo mítico, no que se recrea personaxes míticos do teatro grego, como Electra.
.Ciclo histórico.
.Ciclo experimental.
A súa interpretación dun mariñeiro na serie da TVG Mareas vivas deuno a coñecer a todo o público.
-Roberto Vidal Bolaño foi tamén autor, actor e director. O seu teatro seguiu dous camiños diferentes: por un lado atopamos textos simbólicos con raíces populares e por outro textos máis complexos cunha visión pesimista da vida: Laudamuco, señor de ningures, 1976.
2005-2024 |
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional. |