Tamara Andrés
Foto: Tamara Andrés, escritora e amiga de ogalego.eu

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 4. O teatro do primeiro terzo do XX: Irmandades, vangardas e Grupo Nós.


-Recomendan unhas 250 palabras e será valorada cun máximo de 2,5 puntos

-Nesta pregunta espérase unha resposta breve, pero redactada, non contestada de xeito esquemático.

-Isto é o complemento teórico, revisa os exames propostos no curso 2022 para ver como tes que responder (preguntas sobre un texto)


 

-Escoitar o texto camiñando, no deporte, cociñando...:

 

Coas Irmandades da Fala o teatro deixa de ser un divertimento para converterse nunha arma política, reivindicativa. Diversifícase a oferta teatral: teatro histórico, social (denuncia da emigración e caciquismo), señorial (de pazo fidalgo), cómico, infantil e comedia burguesa. En 1919 a Irmandade da Coruña crea o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, que fará máis de cen representacións por ano, e outras Irmandades organizan tamén as súas "agrupacións artísticas".
Os autores máis destacados son:
-Ramón Cabanillas. A man de Santiña: unha comedia en prosa na que por primeira vez as clases señoriais falan en galego. O Mariscal: escrito por iniciativa de Vilar Ponte, drama histórico en verso que nos presenta o mariscal Pero Pardo de Cela como abandeirado da oposición galega ao centralismo polo seu enfrontamento cos Reis Católicos.
-Armando Cotarelo Valledor. Hostia. Autor dunha variada obra destacando a traxedia histórica sobre a execución de Prisciliano.
-Xaime Quintanilla. Escribiu Alén para demostrar a universalidade da lingua galega, que en galego se poden tratar temas non galegos. O escenario físico é Nova York; o ambiente, unha sesión de espiritismo, aínda que a acción decorre no interior das personaxes.

O Grupo Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica pero si lle deu un pulo extraordinario desde o punto de vista literario, facéndoo participar tamén das correntes europeas.
-Vicente Risco escribiu unha única peza teatral, O bufón de El Rei, drama simbolista que relaciona deformidade física e moral.
-Ramón Otero Pedrayo escribiu unha extensa obra teatral. As súas obras teatrais son máis apropiadas para a lectura que para a representación escénica.
*A lagarada é unha traxedia rural na que se evoca o poder demoníaco do viño. As forzas dominantes no drama son todas primitivas e elementais; os personaxes son populares, campesiños, vendimadores, cregos... retratados cun enfoque naturalista. Como contrapunto poético, introduce varias escenas líricas de carácter fantástico, onde os personaxes son as pipas da adega, a sombra dun arrieiro morto ou as fadas dos montes.
*Teatro de máscaras. Son 16 pezas a xeito de guións ou bocexos esquemáticos para pezas teatrais; o seu carácter esquemático e incompleto é compatible cunha concepción dramática moi moderna.
-CastelaoOs vellos non deben de namorarse (estreada en Bos Aires). Concibía o teatro como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música. O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.

-Rafael Dieste é o autor teatral da Xeración dos vangardistas. A fiestra baldeira é unha comedia simbólica sobre a identidade (individual e colectiva). O ambiente é mariñeiro.
(481 palabras)


Versión máis ampla (798 palabras)

O teatro é o xénero menos cultivado da literatura galega, por dúas razóns fundamentais:
*A exclusión da lingua galega dos espazos públicos cultos debido á diglosia (o teatro é un espectáculo social fundamentalmente burgués). 
*As sucesivas prohibicións de representar en linguas diferentes ao castelán.
A fonte do xuramento (1882) marca o inicio do teatro moderno; de temática case exclusivamente rural; de extensión breve, dominado polo costumismo, con diálogos choqueiros e personaxes tópicos.
Coas Irmandades da Fala o teatro deixa de ser un divertimento para converterse nunha arma política, reivindicativa. Diversifícase a oferta teatral: teatro histórico, social (denuncia da emigración e caciquismo), señorial (de pazo fidalgo), cómico, infantil e comedia burguesa. En 1919 a Irmandade da Coruña crea o Conservatorio Nazonal de Arte Galega, que fará máis de cen representacións por ano, e outras Irmandades organizan tamén as súas "agrupacións artísticas".
Pero aínda así, o teatro non tivo verdadeira tradición na nosa literatura, polas razóns xa expostas e porque axiña tivo que competir co cine.
Os autores máis interesantes son:
-Ramón CabanillasA man de Santiña (1921), no debut do Conservatorio, é unha comedia en prosa na que por primeira vez as clases señoriais falan en galego. En 1926 publicou O Mariscal, escrito por iniciativa de Vilar Ponte, drama histórico en verso que nos presenta o mariscal Pero Pardo de Cela como abandeirado da oposición galega ao centralismo polo seu enfrontamento cos Reis Católicos.
-Armando Cotarelo Valledor, dominador da técnica teatral, foi autor dunha variada obra destacando a traxedia histórica sobre a execución de PriscilianoHostia (1926). Toda a súa obra ten unha grande preocupación pola psicoloxía das personaxes e unha complexa construción teatral, decote cunha grande poetización e riqueza léxica.
-Xaime Quintanilla é autor de Alén (1921), escrita para demostrar a universalidade da lingua galega, que en galego se poden tratar temas non galegos: o escenario físico é Nova York, o ambiente, unha sesión de espiritismo, aínda que a acción decorre no interior das personaxes.

O Grupo Nós non utilizou o teatro como arma política ou pedagóxica pero si lle deu un pulo extraordinario desde o punto de vista literario, facéndoo participar tamén das correntes europeas. Con eles aparecen os primeiros elementos simbolistas e surrealistas, superando o realismo do anterior: a partir de agora non só van falar galego labregos e caciques, senón tamén fidalgos e princesas, bocois e sapos, pipotes e penedos, os santos do Pórtico da Gloria, os fantasmas etc.
1. Vicente Risco escribiu unha única peza teatral, O bufón de El Rei, drama simbolista que relaciona deformidade física e moral.
2. Ramón Otero Pedrayo escribiu unha extensa obra teatral, na que podemos destacar A lagarada (1928) e Teatro de Máscaras. As súas obras teatrais son máis apropiadas para a lectura que para a representación escénica.
-A lagarada (1928) é unha traxedia rural de fondo dionisíaco (relacionado co viño), na que se evoca o poder demoníaco do viño. As forzas dominantes no drama son todas primitivas e elementais; os personaxes son populares, campesiños, vendimadores, cregos... retratados cun enfoque naturalista. Como contrapunto poético, introduce varias escenas líricas de carácter fantástico, onde os personaxes son as pipas da adega, a sombra dun arrieiro morto ou as fadas dos montes.
-Teatro de máscaras (escritas no 1934 e publicadas no 1975). Son 16 pezas a xeito de guións ou bocexos esquemáticos para pezas teatrais; o seu carácter esquemático e incompleto é compatible cunha concepción dramática moi moderna e allea ao teatro-texto tradicional, pois son obras que só acadan a súa plenitude e naturalidade a través da montaxe e da representación escénica.
3. Castelao estreou en 1941 (exilio, Buenos Aires), Os vellos non deben de namorarse comezada moitos anos antes. 
Non concibía o teatro como un simple texto senón como un espectáculo global, polo que adquiren unha grande importancia os artificios escenográficos (iluminación, decorados, máscaras dos personaxes...) e utiliza tamén outras artes, como a música.
O motivo do vello namorado repítese tres veces, en tres versións diferentes, nos tres lances. En cada un hai un vello namorado, unha moza e un mozo rival. A morte intervén como personaxe para advertir aos vellos. Finaliza cun epílogo no que aparecen os tres vellos xuntos, mortos, no cemiterio para arrepentírense do seu namoramento e coñecer novas das súas mozas.

Rafael Dieste é o autor teatral da Xeración dos vangardistas. A fiestra baldeira (1927) é unha comedia simbólica sobre a identidade (individual e colectiva).
Un mariñeiro volve rico da emigración e encarga un retrato diante dunha ventá. O pintor quere situar como fondo da fiestra unha paisaxe mariñeira, símbolo do pasado humilde do retratado. A muller e a filla opóñense. O pintor continuará o cadro arrincando a fiestra. Así aparece a “fiestra baldeira” como símbolo da anulación da identidade individual e colectiva. Ao final o conflito resólvese coa aceptación da realidade e do pasado humilde.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.