Vitoria Ogando Valcárcel//Anxo González Guerra catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. ABAU


Exames de 2024

Xuño -- Xullo


XUÑO 2024

O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.


TEXTO

A denominación Día de Todos os Santos provén do cristianismo, pero na cultura celta recibía o nome de Samaín. Con esta festividade celebrábase o comezo do inverno, comezaba a temporada “escura”, a do frío e sen recolleitas. Moitos dos ritos que se celebraban en Galicia durante estes días do ano acabaron por confundirse e atribuírselle a Halloween, unha celebración anglosaxoa que deriva do Samaín e que acabou por copar todo o protagonismo. “Hai ritos ligados a Halloween, pero son nosos dende hai centos de anos”, explica o antropólogo Rafael Quintía.

Durante o Samaín existía a crenza de que os defuntos visitaban as igrexas e as súas casas para comer cos seus familiares mentres que abandonaban, por unhas horas, a friaxe dos cemiterios. Segundo moitos estudios, desta celebración pagá nacen todas as tradicións asociadas cos mortos. A palabra, que procede do gaélico ‘Samhain’, significa ‘fin do verán’, e dá a benvida ao mes de novembro. Xurdiu hai tres mil anos e foron os irlandeses os que exportaron a celebración a Estados Unidos (EUA) a finais do século XIX. Erroneamente, crese que o Samaín naceu do Halloween americano, pero foi ao revés.

Na actualidade en Galicia tampouco se celebra o Samaín, senón o Día de Todos os Santos. Ambas as celebracións son relixiosas. “A festa tradicional é a de Defuntos, que inclúe tamén os magostos e ritos de carácter funerario. Pero a palabra ‘defuntos’ parece que asusta porque vivimos de costas á morte”, sostén Quintía. Hai varias tradicións asociadas a estes días de finais de outubro e comezos de novembro, como por exemplo, acender unha fogueira para queimar pólas ou, a máis coñecida, facer caveiras con cabazas para espantar os malos espíritos.

GCiencia, 30/10/2023 (adaptación)

PREGUNTA 1. Comprensión do texto.

1.1. Indique o tema do texto en dúas liñas como máximo. (0,5 puntos)
1.2. Elabore un breve resumo coa información máis relevante do texto. (1 punto)
1.3. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras: recolleitas, crenza, xurdiu, caveiras. (1 punto) Non son válidas as respostas só con sinónimos.

PREGUNTA 2. Produción textual

2. Redacte un texto en que exprese a súa opinión sobre a celebración do Samaín, Todos os Santos ou Halloween e a concepción da morte na sociedade actual. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua

3.1. Indique se os catro infinitivos indicados en letra grosa poden ser conxugados e explique por que; en caso positivo, escriba a oración resultante. (1 punto)
3.2. “Na actualidade en Galicia tampouco se celebra o Samaín, senón o Día de Todos os Santos”. Indique a categoría gramatical da palabra subliñada e constrúa dúas oracións máis con ela. Ademais, outras dúas coa secuencia se non, da cal tamén ten que indicar de que tipo de palabras está composta. (1 punto)
3.3. Localice no texto cinco palabras pertencentes ao mesmo campo semántico. (0,5 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
Escolla un dos dous apartados.

4.1. Analice esta viñeta e explique por que existen diferentes actitudes na aprendizaxe segundo as linguas e cal é o papel dos neofalantes na normalización da lingua galega. *Extensión aproximada: 250 palabras. ( (2,5 puntos)

Socio imaxe

4.2. A partir desta transcrición do Arquivo do Galego Oral, xustifique o bloque dialectal que lle corresponde e identifique os trazos que lle permiten caracterizalo como tal. Ademais, localice como mínimo catro formas non estándares e diga a que tipo pertencen. *Extensión aprox.: 250 palabras. (2,5 puntos)

O Liseo falábame a min o..., en paz estea o..., o abuelo; i-el claro, como eramos novios, pos il quiría que..., que non morrese na guerra, que viñese pa casarse cumigo e dixo, dixo: “Pos eu voume, eu voume pra que veña o Ghesús.” E díxenll'eu: “Non vaias, Liseo, non vaias que o que está de Dios á casa ha de vire. Tu non, non vaias.” E dixo: “Si, si, si que me marcho, si que me marcho” E marchouse vuluntario. E logo despois, a aviación, pois, matouno. Viñan ca xente, e... sacábanos por elí e matábanos nos camiños e nas devesas. Ás noites viñan… ¡boeno! ¡O abuelo das Fontes cantas veces lle deu pan!: “Tomai, tomai o pan e marchaivos.”

PREGUNTA 5. Educación literaria
5. Contextualice o texto na época literaria correspondente e explique a relevancia da narrativa infantil e xuvenil no sistema literario galego; cite como mínimo outros dous narradores con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

R. Foi Ana, que ten alma de bruxa pero tamén alma de humana, quen deu coa clave que necesitabamos. Lembro ben a tarde en que me formulou a cuestión decisiva: “¿E por que ten que haber unha contradicción entre as dúas cousas? Quizais se pode ser bruxo e estar plenamente integrado entre os humanos”.

P. E foi entón cando decidiron que…

R. Efectivamente. A contradicción só se podía resolver cun cambio de rumbo imaxinativo. O oficio de bruxo estaba nun total desprestixio. Vostede cre que se pode andar, na época de televisión e dos ordenadores, con coceduras de sapo e ungüentos de cogomelo velenoso? Iso fai lembrar un pasado que a xente desexa esquecer. ¡Había que enmascarar a bruxería coas aparencias que á sociedade lle gustaban! ¡Adaptarse ós novos tempos, non deixar escapar o tren da modernidade! Así foi como os dous fixemos un máster na School of Big Business e, de seguido, abrimos o nos primeiro despacho.

Agustín Fernández Paz. Contos por palabras. 2002

PREGUNTA 6. Educación literaria

6. Analice as características máis representativas deste poema. Contextualíceo historicamente e indique outras dúas voces poéticas da mesma época, con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

En soneto de sons que soan sendo
a melodia do que eu son na eséncia
inconsciente de ser, unha preséncia
sen máis sentido que soar sabendo,

a monodia do viver entendo,
fluindo como o son, en transcendéncia,
improvisado ritual, auséncia
no eco que a memória vai perdendo.

Número e canto, necesária via
por que ascendo as escadas, se afastasen
a razón da intuición que o ritmo cria,

e transgrido a palabra, se soasen
outras voces que o sentido ouviria
cando os sons da sua música calasen

Luísa Villalta, Música reservada (1991).


XUÑO 2024

CONVOCATORIA ORDINARIA CRITERIOS DE AVALIACIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II (Cód. 02)

PREGUNTA 1. Comprensión do texto

1.1. Indique o tema do texto en dúas liñas como máximo. (0,5 puntos)

1.1. Tema do texto: valórase que o alumnado sexa quen de captar a esencia da temática do texto como máximo en dúas liñas. O Samaín, o Día de Todos os Santos e o Halloween, formas culturais (e transculturais) de lembrar a morte.

1.2. Elabore un breve resumo coa información máis relevante do texto. (1 punto)

Comentario das tres celebracións e citadas, procedencia e diferente significación para a sociedade galega.

1.3. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras: recolleitas, crenza, xurdiu, caveiras. Non son válidas as respostas só con sinónimos. (1 punto [0.25 por palabra ben definida])

Recolleitas: Conxunto de produtos do campo, ou dun produto en particular, que se apaña ao chegar a época, polo xeral unha vez ao ano.

Crenza: Idea que alguén ten acerca de algunha cuestión, principalmente de tipo relixioso

Xurdiu: Empezou a existir ou a ser advertido.

Caveiras: Esqueletos da cabeza.

PREGUNTA 2. Produción textual

Poden enfocalo de diferentes maneiras: a evolución das celebracións relixiosas, a importación de modelos culturais, a importancia da tradición.…

Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto.

Valórase:
a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido. Debe mostrar un equilibrio entre ser demasiado previsible (sen presenza de clixés, estereotipos, lugares comúns), e mostrar “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.
b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións.
c) O adecuado emprego dos signos de puntuación.
d) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
e) Uso pertinente de diversidade de conectores.

2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 puntos.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan demasiada afectación, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).

Marcar e penalizar: coloquialismos, palabras comodín, repeticións...

Tamén se penalizarán cuestións de presentación e formato, como non subliñar os títulos das obras.

2. Corrección lingüística. 0,75 puntos.

Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta.

Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua

3.1. Indique se os catro infinitivos indicados en letra grosa poden ser conxugados e explique por que; en caso positivo, escriba a oración resultante. (1 punto: 0,4 se están ben indicados + 0,4 se están ben explicados + 0,2 pola oración resultante correcta)

Só pode conxugarse o segundo: “os defuntos visitaban as igrexas e as súas casas para comeren cos seus familiares”. Ten o mesmo suxeito ca o verbo principal, pero está separado e introducido por unha preposición.

Acabar por + inf. considérase perífrase (terminativa), e por tanto non se pode conxugar. Os dous últimos non teñen suxeito. No que respecta a queimar, darase por boa se non o flexionan (nalgunha das persoas con desinencia específica).

3.2. “Na actualidade en Galicia tampouco se celebra o Samaín, senón o Día de Todos os Santos”. Indique a categoría gramatical da palabra subliñada e constrúa dúas oracións máis con ela. Ademais, outras dúas coa secuencia se non, da cal tamén ten que indicar de que tipo de palabras está composta. (1 punto: 0,2 ptos (por cada categoría ben expresada) x3 + 0,1 x 4)
Nesa oración, senón é conxunción (adversativa).
En se non, se é conxunción. Habitualmente é condicional (“se non o fago, non vou”). Tamén pode ser completiva: “preguntoume se non ía vir”. Os dous exemplos poden ser de calquera tipo.

3.3. Localice no texto cinco palabras pertencentes ao mesmo campo semántico (0,5 ptos.)
• Medidas de tempo: inverno, días, ano, horas, verán, mes, novembro, século, outubro.
• Morte: defuntos, morte, espíritos, cemiterios, Samaín.
• Festas: festa, celebración, Samaín, Defuntos, magosto, Halloween.
• Xentilicios: anglosaxón, celta, irlandés, americano, gaélico.
• Relixión: cristianismo, santos, igrexa, ritos, crenzas.

Pregunta 4. Lingua e sociedade

4.1. Analice esta viñeta e explique por que existen diferente actitude na aprendizaxe segundo as linguas e cal é o papel dos neofalantes na normalización da lingua galega. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Socio imaxe

Análise da viñeta (0,5 ptos): a partir da conversa entre as dúas rapazas da viñeta, o alumnado pode facer un comentario sobre o pretexto da rapaza castelán falante para non falar en galego e a resposta da outra moza, que pon de manifesto a incoherencia do argumento, derivada dos prexuízos lingüísticos.

As diferentes actitudes na aprendizaxe das linguas deriva do prestixio de cada unha delas: é diferente ante as linguas hexemónicas e ante as minorizadas. A vontade de aprender unha lingua estranxeira, coma o inglés, supera os reparos a falalo mal (o que ocorre sempre nos procesos de aprendizaxe lingüística). O mantemento dos prexuízos lingüísticos redunda na consideración de inferioridade da lingua galega por unha parte da poboación e no avance da substitución lingüística. Identifícase o prestixio co número de falantes, isto é, úsase de facto un criterio cuantitativo, non cualitativo. A sobrevaloración destas linguas conduce a desprestixiar por contraposición o galego.

A inseguridade sociolingüística de moitos mozos demostra, por unha parte, o papel do sistema educativo, incapaz de conseguir desterrar prexuízos antigos, e, por outro, que a lingua aprendida en espazos alleos ao núcleo familiar non garante o seu uso. Tamén reflicte o temor da xente nova a ser etiquetada dunha determinada maneira (política ou socialmente).

Os neofalantes e o seu papel na normalización lingüística (interpretación, 1 punto).

Calquera proceso de normalización ten como un dos seus principais obxectivos aumentar o número de falantes (amais de ampliar os ámbitos de uso). Unha das maneiras de facelo é que persoas que teñen o castelán como única ou predominante na familia e na socialización primaria se instalen parcial ou totalmente no galego ao longo da súa vida: os neofalantes. En Galicia a súa porcentaxe é aínda reducida a nivel cuantitativo, pero teñen grande importancia desde o punto de vista cualitativo e do prestixio lingüístico. Dada a mingua continua de falantes de lingua galega e a conseguinte aceleración do proceso de substitución lingüística, a figura do neofalante é primordial para asegurar o mantemento do galego como lingua do país.

4.2. A partir desta transcrición do Arquivo do Galego Oral, xustifique o bloque dialectal que lle corresponde e identifique os trazos que lle permiten caracterizalo como tal. Ademais, localice dúas formas non estándares e diga a que tipo pertencen. *Extensión aprox.: 250 palabras. (2,5 puntos)

O Liseo falábame a min o..., en paz estea o..., o abuelo; i-el claro, como eramos novios, pos il quiría que..., que non morrese na guerra, que viñese pa casarse cumigo e dixo, dixo: “Pos eu voume, eu voume pra que veñ'o Ghesús.” E díxenll'eu: “Non vaias, Liseo, non vaias que o que está de Dios á casa ha de vire. Tu non, non vaias.” E dixo: “Si, si, si que me marcho, si que me marcho” E marchouse vuluntario. E logo despois, a aviación, pois, matouno. Viñan ca xente, e... sacábanos por elí e matábanos nos camiños e nas devesas. Ás noites viñan… ¡boeno! ¡O abuelo das Fontes cantas veces lle deu pan!: “Tomai, tomai o pan e marchaivos.”

Identificación do bloque: zona central (0,75 ptos.).
• Trazos dialectais (0,75 ptos.): tu, il, tomai, eramos.
• Coloquialismos (alteracións do vocalismo átono, encontros vocálicos) (0,5 ptos.): quiría, pa, cumigo, pos, pra, pa, vire, vuluntario, ca (coa), elí, i-el.
• Castelanismos (0,5 ptos.): abuelo, novios, Ghesús, boeno.

Observacións:
• Non hai gheada (guerra, cumigo e algo). A palabra Ghesus está escrita con (gh), segundo a convención empregada no texto, para expresar a pronuncia do castelanismo, non como (x), senón como (h). Non se penalizará se se explica como gheada.
• En i-el, a vogal do pronome ábrese por contacto coa conxunción. É un trazo fonético propio desta área, pero que pode aparecer esporadicamente noutras. Non implica que a forma do pronome sexa el (o guión indica o encontro vocálico).
• Non se penalizará se non chegan ás 250 palabras pero contestan correctamente as preguntas.

PREGUNTA 5. Educación literaria

Contextualice o texto na época literaria correspondente [1 punto] e explique a relevancia da narrativa infantil e xuvenil no sistema literario galego [1 punto]; cite como mínimo outros dous narradores con cadansúa obra [0,5 ptos.]. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Este texto de Agustín Fernández Paz pertence a Contos por palabras, considerado un clásico contemporáneo da literatura infantil e xuvenil galega. Publicouse a principios do século XXI, cando se deu o asentamento definitivo da literatura en lingua galega para os primeiros lectores. Entre os factores que posibilitaron este asentamento, que se datan xa na década de 1980, poden citarse condicións políticas (a fin da ditadura, chegada da democracia), educativas (a entrada da lingua galega no ensino, que demanda creacións literarias para este sector do público), coas consecuencias derivadas para a cultura en xeral: a aparición de editoriais especializadas que prestaron máis atención á materialidade 5 dos libros (Kalandraka, OQO, etc.), o labor de asociacións relacionadas co libro (Gálix) e o alento dos galardóns literarios (Premio Merlín, Lazarillo, etc.).

A narrativa xuvenil sobresae por explorar unha ampla variedade de liñas formais e temáticas apegadas ás preocupacións, conflitos e situacións cotiás do lector mozo, situándose moitas das súas obras na fronteira da literatura de adultos. A relevancia desta narrativa non se limita ao valor estético dunha serie de textos, nos que se estableceu un diálogo entre o propio e o universal, senón que salienta tamén por abrir itinerarios para formar lectores en lingua galega.

Outras das voces máis singulares da narrativa son as dos compañeiros de xeración de Fernández Paz como Xabier P. Docampo (A casa da luz, 2002), Fina Casalderrey (A Pomba e o Degolado, 2007) e Marilar Aleixandre (A cabeza de Medusa, 2008). A estes nomes poden sumarse os de Ledicia Costas (Unha estrela no vento, 2000), Xosé Miranda (Pel de lobo, 2002), Manuel Lourenzo González (Irmán do vento, 2003), María Reimóndez (Usha, 2006), An Alfaya (A sombra descalza, 2006), Rosa Aneiros (Ás de bolboretas, 2009), Francisco Castro (Chamádeme Simbad, 2009), Marcos Calveiro (O pintor do sombreiro de malvas, 2010). [O alumnado ten que citar dúas como mínimo; aquí indícanse algúns outros para exemplificar]

Aínda que no enunciado non se pregunta especificamente polo texto, pódese avaliar positivamente se o fan (a adaptación paródica dunha materia tradicional coma a bruxería ós tempos modernos).

PREGUNTA 6. Educación literaria

Analice as características mais representativas deste poema. Contextualíceo historicamente e indique outras duas voces poéticas da mesma época, con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Contido do poema, tipo de composición, métrica, rima e figuras retóricas (1,25 ptos.)

Neste poema obsérvase a reflexión de carácter existencial, a introspección e a fugacidade das vivencias. O uso da P1 (ascendo v. 10) subliña o subxectivismo. O paralelismo establecido entre a música-poesía e a existencia reflíctese no léxico empregado: sons, soan, soar, melodía, monodia, canto, ritmo, eco, voces, ouviría, música - soneto (referencia metapoética), palabra – o que eu son na esencia inconsciente de ser, viver, a memória. Apréciase unha busca do sentido último das cousas, máis alá incluso das palabras (último terceto).

A seguir, preséntase en esquema algunhas das características retóricas do poema, para que sirva de guía de avaliación, aínda que se espera do alumnado (tanto nesta pregunta coma na 4 e na 5) unha resposta breve, pero redactada, non contestada de xeito esquemático.

Soneto: estrutura métrica (ABBA ABBA CDC DCD). Arte maior: 11 sílabas cada verso (hendecasílabos). Rima consonante.
Figuras retóricas: Aliteración: “en soneto de sons que soan sendo” (v. 1), encabalgamentos: “esencia / inconsciente de ser” (vv. 2-3), “ausencia / no eco” (vv. 7-8), paronomasia: son (verbo ser) / son (s.m.), situados no mesmo verso dos cuartetos (o segundo), oxímoron, personificación: “os sons… calasen” (v. 12).
Contextualización histórica e cita de dúas voces poéticas con cadansúa obra (1,25 ptos.)

Luísa Villalta foi unha escritora que cultivou diversos xéneros: poesía, teatro, narrativa, ensaio e prosa xornalística. Destaca sobre todo pola súa poesía, na cal se reflicte a influencia da música, pois era violinista de formación, antes de dedicarse á docencia. Dedicóuselle o Día das letras galegas de 2024.

Aínda que non se pode falar de grupos cohesivos, posto que as voces poéticas da última década do século XX son moi diversas, si se poden citar certas características comúns. Son persoas novas que xa tiveron ocasión de estudar galego, fronte ó autodidactismo das xeracións anteriores. Moitos son de orixe urbana e reflicten novas vivencias acordes cos problemas e as condicións da súa época, pois están a experimentar un enorme cambio económico, sociolóxico e cultural. Producen textos rupturistas e experimentalistas (xa desde finais da década de 1980, como os colectivos Rompente e Rontsetlz). Nalgúns autores continúa o culturalismo dos anos anteriores e, en xeral, maniféstase interese polo feminismo, o antimilitarismo o ecoloxismo ou o homoerotismo.

Algunhas voces poéticas da mesma época [o alumnado só ten que citar dúas; aquí indícanse máis para exemplificar]: Ana Romaní (Últimas mareas, 1994), Chus Pato (Heloísa, 1991, Fascinio, 1995…), Yolanda Castaño (Elevar as pálpebras, 1995), Olga Novo (Nós nús, 1997), Lupe Gómez (Pornografía, 1996), Xela Arias (Tigres coma cabalos, 1990, Darío a diario, 1996), Antón Reixa (Viva Galicia Beibe, 1994), Lois Pereiro (Poesía última de amor e enfermidade, 1995, Poemas para unha loia, 1997), Rontsetlz, Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, 1994), Antón Lopo (Manual de masoquistas, 1991, Libro dos amados, 1996).

A corrección lingüística

Amais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto á 2. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Todos se marcarán con tinta vermella. Poderán ser:

- Moi graves: Desconto 0’2 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel morfolóxico e sintáctico, por exemplo o uso de tempos compostos ou a incorrecta colocación dos clíticos. Tamén se considerarán faltas moi graves outro tipo de erros sintácticos, como por exemplo os anacolutos. Márcanse cun rectángulo:

- Graves: Desconto 0’1 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel léxico, por exemplo o emprego de formas como *silla, *hasta ou *random… Tamén se considerará falta grave a incorrecta acentuación diacrítica. Márcanse cun óvalo:

- Leves: Desconto 0’05 puntos cada un. Solucións ortográficas contrarias ao estándar vixente (b/v, h, *ourense), acentuación non diacrítica, contraccións, etc. Cada dous erros deste tipo descontan, polo tanto, unha décima (0,1). Márcanse con subliñado vermello.

Unha palabra escrita incorrectamente de forma reiterada só se contabilizará unha vez. Isto non é aplicable á incorrecta colocación dos pronomes, ao emprego de tempos compostos nin á acentuación diacrítica.


XULLO 2024

O exame consta de 6 preguntas de 2,5 puntos cada unha, das que poderá responder un MÁXIMO DE 4, combinadas como queira. Se responde máis preguntas das permitidas, só se corrixirán as CATRO primeiras respondidas.

TEXTO

Ultimamente fálase decote do campo baleirado. O 84,4% da nosa poboación vive en núcleos urbanos, mentres que o turismo rural e de natureza non deixan de medrar. Non son quen de obviar que estes dous feitos falan entre si.
Existe unha enorme desconexión emocional coa natureza nese 84,4% por cento de persoas urbanas que, ademais, é moi semellante en todas as sociedades occidentalizadas. A narrativa presenta tan só dous escenarios tópicos na hora de “contar” o campo: o romántico e o catastrofista.
O campo romántico é o que sae nos anuncios de perfumes ou moda e o das ofertas turísticas. Trátase de espazos “limpos”, onde a chuvia ou a neve vense só desde unha xanela cunha cunca quente nas mans, á calor dunha perfecta cheminea que non guinda faíscas nin mancha o chan coa súa cinza. Non hai cheiros nin insectos que piquen nin lama nin soles abafantes. Si, arrecendos de primavera, praias de augas de cristal (por suposto, con temperaturas ideais para mergullar o corpo humano), lecer, saúde e exercicio. É a natureza de Branca de Neve cando os paxariños e outros animais a axudan a facer a cama. É unha habitación-burbulla de turismo rural onde durmir baixo un teito de plástico transparente para ver as estrelas sen que o orballo nos amole.
O campo catastrófico é o que se presenta cando xa non falamos de visitalo, senón de habitalo. Nesta versión, a narrativa dá media volta e insiste nos cheiros, o frío, o esforzo físico, a sucidade, os perigos, o illamento. É un ambiente hostil e duro, onde o corpo se resente, envellécese antes e trabállase de sol a sol.

Llerena Perozo Porteiro, Praza Pública, 27.11.2023

PREGUNTA 1. Comprensión do texto.

1.1. Indique o tema do texto en dúas liñas como máximo. (0,5 puntos)
1.2. Elabore un breve resumo coas súas ideas principais. (1 punto)
1.3. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras: decote, guinda, faíscas, abafantes. (1 punto) Non son válidas as respostas só con sinónimos.

PREGUNTA 2. Produción textual

2. Redacte un texto en que describa a súa opinión sobre o campo, a partir das consideracións da autora. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua

3.1.. Examine os catro infinitivos en letra grosa no texto e explique se é posible conxugalos. En caso afirmativo, reescriba o texto coa forma flexionada correspondente. (1 punto)
3.2. Tendo en conta a palabra illamento, constrúa derivados co sufixo -mento a partir de verbos das segunda e terceira conxugación (dous de cada unha delas) e explique o significado que o sufixo achega ás palabras creadas con el. (0,75 puntos)
3.3.Non hai cheiros” Explique se as grafías subliñadas representan fonemas distintos e localice no texto catro palabras (en total) nas que aparezan os mesmos sons. (0,75 puntos)

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade
Escolla un dos dous apartados.

4.1. A partir da campaña #aquítaménsefala, reflexiona sobre as medidas de normalización lingüística: son necesarias? Para que serven? Exemplifica o teu comentario concretamente no eido do deporte. (Extensión aprox. 250 palabras). (2,5 puntos)

imaxe

imaxe

4.2. A partir desta transcrición do Arquivo do Galego Oral, xustifique o bloque dialectal que lle corresponde e identifique os trazos que lle permiten caracterizalo como tal (catro como mínimo). Ademais, diferencie os trazos de lingua que revelan a diversidade dialectal dos que se corresponden con sociolectos ou rexistros. (Extensión aprox.: 250 palabras). (2,5 puntos)

Vouche contar muitas cousas que... vosoutros non sabedes nada das cousas de ante. E todo vai esquencendo. Si, porque vosoutros non queredes saber namais cás cousas modernas. Cousas dos vellos non queredes saber nada. Antes, mira, facíamos o pan na casa. Fiábamo-la la. Facíanse sempre as filloas, que ahora xa se vai perdendo: de quitado tu, teus irmaos tanto lles ten comelas como non comelas, a teu pai xa non lle gustan. Eu non sei, vanse perdendo as tradiciós i-as cousas que eso é unha cousa que non se cre. I-a min gustábame que non se perdera a costumbre da casa. ...

Cando se tendía o pan, pos cortábase un cachín com'on bolo e botábase elí nunha taza ou nunha cazola.

PREGUNTA 5. Educación literaria
5. Contextualice o texto de Castelao na época literaria correspondente e sinale a importancia desta obra na evolución do teatro galego. Ademais, identifique e explique dúas características do seu estilo apoiándose no propio fragmento. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

literatura

PREGUNTA 6. Educación literaria

6. Contextualice este poema na época correspondente e analice as súas características máis representativas. Engada o nome doutras dúas voces poéticas representativas desta época con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

DO COUREL A COMPOSTELA
Os que así nos tein
Só tein noso os nosos nomes no censo,
Que hasta o noso suor sin alento pérdese na terra.

GALICIA, será a miña xeneración quen te salve?
¿Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?
Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!

Uxío Novoneyra, Elexías do Courel (1966).


CRITERIOS DE AVALIACIÓN LINGUA GALEGA E LITERATURA II (Cód. 02)

PREGUNTA 1. Comprensión do texto.

1.1. Indique o tema do texto en dúas liñas como máximo. (0,5 puntos)

Tema do texto: valórase que o alumnado sexa quen de captar a esencia da temática do texto como máximo en dúas liñas.

Distintas visións urbanas do campo nunha época en que este está a despoboarse.
1.2. Elabore un breve resumo coas súas ideas principais. (1 punto)

1.3. Explique o significado que teñen no texto as seguintes palabras: decote, guinda, faíscas, abafantes. (1 punto) Non son válidas as respostas só con sinónimos.
-decote: adv. de modo continuo, todos os días. Sin.: acotío, a diario, decotío.
-guinda: v.t. Lanza [algo ou alguén] a certa distancia ou ao chan. Sin.: (ar)rebola, ceiba, lanza.
-faíscas: s.f. Partículas con lume ou xa reducida a cinsa que salta dun corpo que arde. Sin.: moxena, muxica.
-abafantes: adx. Asfixiantes, que dificultan a respiración, que causan afogo ou sufoco. Sin.: Atafegantes, sufocantes.

PREGUNTA 2. Produción textual

2. Redacte un texto en que describa a súa opinión sobre o campo, a partir das consideracións da autora. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Poden enfocalo de diferentes maneiras: visión idílica ou negativa do campo, con argumentación e toma de postura, crítica á visión da autora…
Valórase a capacidade para producir un texto argumentativo coherente, ben estruturado, adecuado á situación comunicativa e correcto ortográfica e gramaticalmente. Os 2,5 puntos desagregaranse do seguinte xeito:

1. Construción textual (contido e estrutura). Coherencia. 1 punto.

Valórase:
a) A adecuada selección da información, coa presenza da información pertinente e necesaria para que o texto sexa cabalmente comprendido. Debe mostrar un equilibrio entre ser demasiado previsible (sen presenza de clixés, estereotipos, lugares comúns), e mostrar “orixinalidade gratuíta”. Débense evitar as paráfrases do texto.
b) A coherencia discursiva: a sucesión de enunciados do texto debe presentar asemade continuidade temática e progresión informativa, así como non introducir contradicións.
c) O adecuado emprego dos signos de puntuación.
d) A organización da información e a súa división clara en parágrafos (exemplo: introdución, desenvolvemento, conclusións).
e) Uso pertinente de diversidade de conectores.

2. Adecuación léxico-gramatical e cohesión. 0,75 puntos.

Valórase a capacidade de construción de textos adecuados á situación (formal) en que estes se producen. Requírese un apropiado manexo dos rexistros da lingua, tanto nas escollas lexicais como no emprego das construcións gramaticais. Deben evitarse tanto os trazos propios da oralidade (coloquialismos) e dos textos espontáneos e non planificados, como os que amosan demasiada afectación, así como as palabras comodín. Bo manexo dos recursos cohesivos, tanto gramaticais como léxicos, é dicir, evitar as repeticións mediante o emprego dos procedementos de cohesión (gramaticais e léxico-semánticos).

Marcar e penalizar: coloquialismos, palabras comodín, repeticións...

Tamén se penalizarán cuestións de presentación e formato, como non subliñar os títulos das obras.

2. Corrección lingüística. 0,75 puntos.

Débense aplicar os mesmos criterios que na valoración lingüística xeral.

Observación: No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación de acordo cos criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta.

Non se considerarán os textos (ou partes deles) que carezan da necesaria pertinencia con relación ao tema proposto.

PREGUNTA 3. Funcionamento da lingua

3.1.. Examine os catro infinitivos en letra grosa no texto e explique se é posible conxugalos. En caso afirmativo, reescriba o texto coa forma flexionada correspondente. (1 punto: 0,4 se están ben indicados + 0,4 se están ben explicados + 0,2 se constrúen ben a oración cos dous últimos verbos)

-Medrar: non, forma parte dunha perífrase.
-Obviar: non, é P1.
-Durmir, ver: o axente non está determinado, pero admite P4 (durmirmos, vermos). Utilízase a P4 en varios lugares do texto: “da nosa poboación”, “xa non falamos de visitalo”. A oración resultante sería: “É unha habitación-burbulla de turismo rural onde durmirmos baixo un teito de plástico transparente para vermos as estrelas sen que o orballo nos amole”

3.2. Tendo en conta a palabra illamento, constrúa derivados co sufixo -mento a partir de verbos das segunda e terceira conxugación (dous de cada unha delas) e explique o significado que o sufixo achega ás palabras creadas con el. (0,75 puntos)

-mento. Morfema derivativo. Forma substantivos a partir de verbos. Indica a acción e o efecto do expresado polo verbo. [0,35 ptos.]
- Algúns exemplos: CII: crecemento, desenvolvemento. CIII: recibimento, cumprimento. [0’1x2 + 0’1x2]

3.3.Non hai cheiros” Explique se as grafías subliñadas representan fonemas distintos e localice no texto catro palabras (en total) nas que aparezan os mesmos sons. (0,75 puntos)

-“Non hai cheiros”: o primeiro é un n alveolar e o segundo, velar. Son fonemas distintos porque teñen trazos distintivos, o que implica que pode comportar cambio de significado nas palabras que os porten. [0,35 ptos.]

Palabras con n velar: dunha/Unha, mans, vive en núcleos, desconexión emocional, non guinda, nin mancha, chan coa, nin insectos, axudan a, sen que, un ambiente. En posición implosiva os fonemas nasais están neutralizados en /N/ e realízanse segundo o contexto, pero o máis frecuente é a realización velar. Esta é a normal ante vogal (non sendo en contextos como non o quero, que aquí non aparecen).

Considérase válida se indican que é velar o -n en posición implosiva. [0’1x2]

Palabras con n alveolar: nese, na, narrativa…[0’1x2]

PREGUNTA 4. Lingua e sociedade

4.1. A partir da campaña #aquítaménsefala, reflexiona sobre as medidas de normalización lingüística: son necesarias? Para que serven? Exemplifica o teu comentario concretamente no eido do deporte. (Extensión aprox. 250 palabras). (2,5 puntos)

imaxe

A normalización ten como obxectivo a reversión das dinámicas de substitución lingüística: converter o galego como lingua de uso preferente da maior parte do país, en todos os ámbitos, situacións e relacións sociais. Para iso sérvese de moi variadas medidas (a instalación da lingua nas institucións, nos medios de comunicación, no sistema educativo…). E tamén campañas sectoriais.

O comentario pode enfocarse de varias formas:
• Situación da lingua: por que é necesaria unha política lingüística.
• Políticas lingüísticas deseñadas polas administracións en diversos ámbitos.
• Obstáculos: os prexuízos lingüísticos, a perda da cadea de transmisión interxeracional, ausencia dunha planificación lingüística por parte do goberno con obxectivos claros e explicados con precisión…
• Experiencias que coñezan de normalización (como #aquítaménsefala)

A normalización e o deporte: no exemplo móstrase o ámbito do fútbol, pero poden comentar calquera outro que coñezan, partindo da súa experiencia como usuarios ou como deportistas (os topónimos nos nomes dos clubs de fútbol, o idioma que se emprega na megafonía, o que utilizan os adestradores cos deportistas, o que os deportistas usan nos medios de comunicación…).

4.2. A partir desta transcrición do Arquivo do Galego Oral, xustifique o bloque dialectal que lle corresponde e identifique os trazos que lle permiten caracterizalo como tal (catro como mínimo). Ademais, diferencie os trazos de lingua que revelan a diversidade dialectal dos que se corresponden con sociolectos ou rexistros. (Extensión aprox.: 250 palabras). (2,5 puntos)

Vouche contar muitas cousas que... vosoutros non sabedes nada das cousas de ante. E todo vai esquencendo. Si, porque vosoutros non queredes saber namais cás cousas modernas. Cousas dos vellos non queredes saber nada. Antes, mira, facíamos o pan na casa. Fiábamo-la la. Facíanse sempre as filloas, que ahora xa se vai perdendo: de quitado tu, teus irmaos tanto lles ten comelas como non comelas, a teu pai xa non lle gustan. Eu non sei, vanse perdendo as tradiciós i-as cousas que eso é unha cousa que non se cre. I-a min gustábame que non se perdera a costumbre da casa. ...

Cando se tendía o pan, pos cortábase un cachín com'on bolo e botábase elí nunha taza ou nunha cazola.

Identificación do bloque: zona central: os máis distintivos son irmaos, la (s.f., lat. -ANA) e tradiciós [se fose oriental sería montois] (0,75 ptos.).

• Outros trazos dialectais (0,75 ptos.): muitas, vosoutros, fiábamos, tu, lles, eso, cachín (lat. -INU) [este é do oriental, pero tamén de falas do leste de Lugo].
• Coloquialismos (alteracións do vocalismo átono, encontros vocálicos) (0,5 ptos.): namais, i-as, i-a, com’on, elí.
• Castelanismos (0,5 ptos.): ahora, a costumbre.

Observacións:
• Non se penalizará se non chegan ás 250 palabras pero contestan correctamente as preguntas.

PREGUNTA 5. Educación literaria

5. Contextualice o texto de Castelao na época literaria correspondente e sinale a importancia desta obra na evolución do teatro galego. Ademais, identifique e explique dúas características do seu estilo apoiándose no propio fragmento. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Contextualización (1,5 ptos.)
• Grupo Nós (Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Castelao, Losada Diéguez), orixinado no cenáculo ourensán a partir de 1917, incorporado ás Irmandades da Fala: Galicia como proxecto, vinculada directamente a Europa.
• Evolución desde o evasionismo esteticista ó compromiso nacionalista, explicada nos autorretratos de Cuevillas (“Dos nosos tempos”, 1920), Otero (Arredor de si, 1930), Risco (“Nós, os inadaptados”, 1933).
• Ampla formación intelectual e espírito aberto e innovador. Tocaron todos os xéneros e disciplinas.
• Revista Nós (1920-1936). Obxectivo: universalización da cultura galega.
• Seminario de Estudos Galegos (1923): estudos etnográficos, xeográficos, históricos, prehistóricos, artísticos…

O teatro galego na época
• Na inmediata posguerra o teatro foi cultivado na diáspora, con dous tipos de propostas:
- Unha máis costumista e enxebrista, que evocaba a terra distante e pretendía manter a identidade galega (o idioma, os valores propios), baseada no sentimentalismo
- Outra con enfoques dramáticos innovadores: Castelao, Seoane e Blanco Amor (Farsas para títeres, 1953). Procuraba dotar as obras de validez universal, formulando aspectos non exclusivos do pobo galego, seguindo o espírito de Nós.
• Con esta obra de Castelao (Os vellos…), estreada en Bos Aires en 1941, culmina o camiño de renovación estética do teatro galego que no primeiro terzo do s. XX iniciaran as Irmandadas e o grupo Nós.
• Concepción da obra dramática como un espectáculo integral en que se combinan texto, escenografía, música e danza. Foi o propio Castelao quen se ocupou da escenografía, luces, vestiario e máscaras.

Análise do fragmento (1 pto.)
• Características: simbolismo e expresionismo (a personificación da morte, nesta escena; uso das caretas) combinados con elementos do humor e da tradición cultural galega.
• Teatro de protagonismo popular; nesta escena, o personaxe do mendicante. Castelao, de orixe vilega (a diferenza doutros membros de Nós, fidalgos) sentiuse sempre próximo ás clases populares, que retratou e interpretou nos seus debuxos. Uso de expresións populares (“¡Que Deus o ampare, meu santo!”, “¡Que me di!”).
• Outros recursos: metáfora (“Levo chumbo derretido no corazón”). Comparación (“máis bonita que os ouros do Perú”).

PREGUNTA 6. Educación literaria

Contextualice este poema na época correspondente e analice as súas características. Engada o nome doutras dúas voces poéticas representativas desta época con cadansúa obra. *Extensión aproximada: 250 palabras. (2,5 puntos)

Contextualización histórica e dúas voces poéticas con cadansúa obra (1,25 ptos.)

Uxío Novoneyra encádrase na Xeración poética dos 50, canda Avilés de Taramancos (O tempo no espello, 1982, Cantos caucanos, 1985), Salvador García-Bodaño (Tempo de Compostela, 1979), Manuel María (Muiñeiro de brétemas, 1950, Terra Chá, 1954), Bernardino Graña (Poema do home que quixo vivir, Profecía do mar, 1966, Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen, 1980), Méndez Ferrín (Con pólvora e magnolias, 1976, Poesía enteira de Heriberto Bens, 1980, O fin dun canto, 1982) e Xohana Torres (Estacións ao mar, 1982, Tempo de ría, 1992), entre outros.

Levaron a cabo unha renovación da linguaxe poética, seguindo correntes vangardistas e rupturistas e continuando coa tradición galega anterior (poesía cívica, celtismo pondaliano, paisaxismo, a influencia de Rosalía…).
Outros trazos:
• existencialismo, visión pesimista e angustiada na Escola da Tebra
• socialrealismo, reivindicación político social, en distintas formas.

Contido do poema, tipo de composición, métrica, rima e figuras retóricas (1’25 ptos.)
• Dúas estrofas con versos de métrica irregular sen rima.
• Contido sociopolítico. Na primeira estrofa denúnciase a opresión dun “eles” indeterminado cara a “nós”, pero é unha posesión superficial, burocrática (“só tein noso os nosos nomes no censo”). Galicia aparece en maiúsculas, focalizando visualmente a atención; remarca a colectividade do pobo, oprimido polo franquismo. Este valor colectivo está reforzado polo uso da P4 (“os tein”, “os nosos nomes”), aínda que a voz do poeta reaparece na segunda estrofa (“Irei”), nun diálogo con Galicia, personificada. Pese ó pesimismo da primeira estrofa, a segunda acaba cunha expresión esperanzada, reforzada pola exclamación. É o tópico literario “Omnia vincit amor”, o amor sempre triunfa.
• Figuras retóricas: aliteración (“só tein noso os nosos nomes no censo”), metonimia (“suor sen alento”, representa o esforzo do pobo traballador), preguntas retóricas (estrofa 2), exclamación (último verso), lítote (“Non, a forza do noso amor non pode ser inutle”).
• Uso da toponimia: Courel, Compostela, puntos concretos que abranguen o país todo, Galicia.

A corrección lingüística

Amais dos contidos de cada pregunta, tamén se terá en conta a corrección lingüística do exame, que se aplicará a todas as preguntas, excepto á 2. Polo tanto, sobre a cualificación global poderase descontar ata un máximo de 2 puntos por erros. Todos se marcarán con tinta vermella. Poderán ser:

- Moi graves: Desconto 0’2 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel morfolóxico e sintáctico, por exemplo o uso de tempos compostos ou a incorrecta colocación dos clíticos. Tamén se considerarán faltas moi graves outro tipo de erros sintácticos, como por exemplo os anacolutos. Márcanse cun rectángulo:

- Graves: Desconto 0’1 puntos cada un. Solucións alleas ao estándar no nivel léxico, por exemplo o emprego de formas como *silla, *hasta ou *random… Tamén se considerará falta grave a incorrecta acentuación diacrítica. Márcanse cun óvalo:

- Leves: Desconto 0’05 puntos cada un. Solucións ortográficas contrarias ao estándar vixente (b/v, h, *ourense), acentuación non diacrítica, contraccións, etc. Cada dous erros deste tipo descontan, polo tanto, unha décima (0,1). Márcanse con subliñado vermello.

Unha palabra escrita incorrectamente de forma reiterada só se contabilizará unha vez. Isto non é aplicable á incorrecta colocación dos pronomes, ao emprego de tempos compostos nin á acentuación diacrítica.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.