ogalego.eu // ogalego.gal son Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados |
1. Guía de nomes galegos, RAG, 2022. 1500 nomes.
2. Ana, María, Marta... Manuel, Antonio, Francisco... son nomes galegos de sempre, a Galipedia ten unha listaxe cos nomes de homes e mulleres galegos: Wikipedia, nomes femininos - Wkipedia, nomes masculinos
3. Tamén hai listaxes de nomes galegos en Apego // A Mesa pola Normalización Lingüística // Lingua.gal
4. E o máis completo é o libro dirixido por Xesús Ferro Ruibal: Diccionario dos nomes galegos.
a- Heitor, Heladio, Helena, Heliodoro, Hilda, Hugo, escríbense con H inicial.
b- Santiago, Iago, Tiago, Xacobe, Xaime, Xácome… todo son o mesmo. Iacob era o apóstolo de Cristo e del temos:
-Iago, derivado de Iacob. En 2019, segundo o INE, en España hai 7.061 (idade media: 15,6 anos) e 7.880 Yago (idade media: 12,6 anos).
-Santiago: ao poñerlle diante o Santo temos Sant-Iago ou Santíago. En 2019, segundo o INE, en España hai 111.083 (47,3 anos de media).
-Tiago: se dividimos como San-Tiago, temos o máis usado en Portugal e Brasil, Tiago. En 2019, segundo o INE, en España hai 1.314 (10,7 anos de media).
-Xacobe: do mesmo Iacob escrito en latín Iacobus temos Xacobe (castelán Jacobo, francés Jacques, inglés Jacob). Así o Camiño de Santiago tamén é Camiño Xacobeo, Jacobusland era a Terra de Santiago. En 2019, segundo o INE, en España hai 210 (17,9 anos de media). E máis culto: Xacob,o nome Iacob tamén é do outro personaxe anterior da Biblia, no Libro Xénese. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
-Xaime: O Iacobus tamén se escribiu Iacomus que dá lugar a Xaime se leva o acento na 2ª sílaba -Iacómus- (castelán Jaime, italiano Giacomo, francés antigo James, inglés James -cos diminutivos Jim e Jimmy-, catalán Jaume. En 2019, segundo o INE, en España hai 103 (30,8 anos de media).
-Xácome: se o Iacomus o pronunciamos exdrúxulo -Iácomus-, temos Xácome. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
c-Outros nomes.
Ádega ou Águeda vén do grego aghaté ( boa). Castelán: Ágata ou Gadea (lémbrese La Jura de Santa Gadea, en El Cid). A tía Ádega é un personaxe de Os dous de sempre de Castelao. En 2019, segundo o INE, en España hai 9.871 (55,3 anos de media) Águedas; De Ádega non hai datos..
Airas, este nome masculino de orixe incerta foi moi común na época medieval. Airas Nunes de Santiago foi un crego e trobador do século XIII. En 2019, segundo o INE, en España hai 40 (10,8 anos de media).
Aldán, nome masculino que provén dun topónimo do Morrazo. Está relacionado cos nomes Aldo/Alda, que significaban crecido, medrado. Ex. de Aldán. En 2019, segundo o INE, en España hai 110 (9,1 anos de media).
Aloia é o nome de muller collido dun monte próximo a Tui, hai que di que ese é o Monte Medulio no que os galegos resistiron aos romanos. En 2019, segundo o INE, en España hai 107 (12 anos de media).
Anadía, este nome de muller ten a orixe nunha localidade portuguesa: Anadia, que significa auga nativa, auga orixinal. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Andeiro, nome derivado de Emeterio, que significa materno. Español Emeterio, portugués Hemetério, catalán Emeteri ou Medir. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Antela, diminutivo de Anta (dolmen, pedrafita) era o nome da lagoa da Limia, na que estaba sepultada a cidade de Antioquía. En 2019, segundo o INE, en España hai 32 (13,6 anos de media).
Antía, nome de orixe grega: tirada, sacada das flores. En 2019, segundo o INE, en España hai 5.228 (14,2 anos de media).
Ares / Aras: nome galego de home abundante na Idade Media. Coincide co nome da ría coruñesa e ten o significado de río. En 2019, segundo o INE, en España hai 1.297 mulleres (11,8 anos de media) e 1.057 homes (6,6 anos) chamados Ares, case todos en Cataluña. Aras: segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Artai foi o fillo máis vello do primeiro poboador de Galicia, Brigo. En 2019, segundo o INE, en España hai 241 (7,4 anos).
Auria, do latín: que é de ouro. Tamén era o alcume de Venus e nome antigo de Ourense. Portugués, castelán, inglés e francés: Áurea. En 2019, segundo o INE, en España hai 216 (38,9 anos de media).
Baia ou Olalla, do grego Eulalia: a que fala ben. Portugués, castelán, inglés, francés e alemán: Eulalia. En Santa Baia é o mesmo que Santalla, nome de varias parroquias galegas. En 2019, segundo o INE, en España hai 2.998 (30,2 anos de media) Olallas. Baia: segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Bieito, do latín Benedictus: bendito, bendicido. Portugués Bento, castelán Benito, francés Benôit, inglés Bennet. O San Bieito de Lérez é protagonista dunha famosa cantiga. En 2019, segundo o INE, en España hai 88 (23,3 anos).
Brais, do latín Blasius, que era o nome dunhas familias romanas. Portugués Brás, castelán Blas, italiano Biagio. Dito: polo san brais dúas horas máis (3 de febreiro, xa medraron os días). En 2019, segundo o INE, en España hai 5.994 (14,3 anos de media).
Breixo, do latín Verissimus: o que sempre di a verdade. Portugués Veríssimo, castelán Verísimo. En 2019, segundo o INE, en España hai 720 (11,5 anos de media).
Breogán. Nome celta que ten que ver con xente que vive nun castro, nun alto. É un mítico rei celta protagonista do himno galego. Véxase a historia de Breogán. En 2019, segundo o INE, en España hai 537 (16 anos de media).
Catuxa. Tradicionalmente era unha forma de lles chamar ás Catalinas ou Catarinas. Pode usarse como nome tamén. En 2019, segundo o INE, en España hai 194 (22,6 anos de media).
Cebreiro colle o nome da localidade que está no Camiño de Santiago ao entrar en Galicia. O nome ten que ver con cervos. Leva o nome María do Cebreiro, unha poeta galega. Tamén hai unha bonita lenda sobre un milagre no Cebreiro. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Celtia, nome derivado da palabra celta. Celtia era o nome que Eduardo Pondal lle daba a Galicia. En 2019, segundo o INE, en España hai 168 (11,3 anos de media) e 311 Zeltia (18,8 anos).
Cibrán ou Cibrao. Vén do latín Cyprianus: relacionado con Chipre ou coa deusa Cipris (Venus). Castelán Cebrián/Cipriano, inglés Cyprian. Dito: o San Cibrán acaba o verán (porque o santo é en setembro). En 2019, segundo o INE, en España hai 151 Cibrán (16,3 anos de media).
Comba. Vén do latín Columba: pomba. O noso Santa Comba é o catalán Santa Coloma. Dito: pola Santa Comba xaneiro asoma (a festa é o 31 de nadal). Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Cristal. Este nome feminino vén do grego Kristallos: xeo, cristal. A Virxe do Cristal de Vilanova dos Infantes é a virxe máis pequeniña, moi querida nas terras de Celanova e cantada por Curros Enríquez. En 2019, segundo o INE, en España hai 158 (20,1 anos de media).
Denís e Denisa. Veñen do francés Denis e este do grego e latín Dionysius: o fillo de Deus. Foron moi usados na época medieval. Tamén como Dinis (un grande rei e poeta portugués). Francés e inglés Denis, castelán Dionisio. En 2019, segundo o INE, en España hai 4.121 homes (19,1 anos de media) e 150 (27,3 de media) mulleres co nome Denís. E 524 mulleres (20,3 de media) co nome Denisa.
Duarte e Eduarda. Do anglosaxón Eadweard: o gardián dos bens. Inglés Edward, castelán Eduardo. En 2019, segundo o INE, en España hai 237 (21 anos de media) e 2.224 Eduardas (66,8 anos de media).
Ero. Do xermánico Hairu: espada. Moi abundante na Idade Media. A lenda de San Ero de Armenteira e o paxaro xa está nas Cantigas de Santa María. Portugués Ero. En 2019, segundo o INE, en España hai 81 (21 anos de media).
Eusenda. Do xermánico Adosinda, forte no combate. Foi moi usado na Idade Media: romance de dona Eusenda. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Exeria: nome latino: a que move. Exeria foi unha dama que peregrinou a Palestina no século IV. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Faro. Este nome de muller vén do grego Pharos, nome de monte. A Nosa Señora do Faro (entre Lalín e Chantada) é un dos grandes santuarios de Galicia. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Fiz e Felisa. Do latín Feliz/Felices: fructífero, favorito dos deuses ou contento. En castelán, francés e inglés Félix. En 2019, segundo o INE, en España hai 85 (15 anos de media) e 28.080 (71,5 anos) Felisas.
Grial. Nome de muller de orixe descoñecido. O Grial era o cáliz onde se recolleu o sangue de Cristo e deu lugar a toda a literatura arredor da busca do Santo Grial. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Hadrián e Hadriana. Do latín Hadrianus, nome de familias romanas. Castelán Adriano, francés Hadrien/Adrien, inglés: Adrian. Hadrián era un fillo de Rosalía de Castro. En 2019, segundo o INE, en España hai 91 (18,3 anos de media), 150.123 Adrián (18,4 anos) e 40.354 Adriana (18,3 anos).
Irea (tamén Erea), do grego Eirene, deusa da paz. Castelán Irene, portugués Iria (con acento no 2º i, non confundir con Íria). En 2019, segundo o INE, en España hai 174 (10,9 anos de media).
Iria, nome de orixe descoñecida, ten que ver co nome de lugar Iria (Iria Flavia, Padrón). En 2019, segundo o INE, en España hai 11.545 (15,8 anos de media).
Irimia é nome dun lugar, o pedregal onde nacen as primeiras augas do Miño. En 2019, segundo o INE, en España hai 27 (16,5 anos de media).
Lopo e Lupa, do latín lupus: bobo. Foi moi usado na época medieval (castelán Lope). A Raíña Lupa está relacionada coa lenda do apóstolo Santiago chegando a Galicia. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Lúa, ten que ver co satélite, é nome romano: bela, luminosa e influente coma a Lúa. En 2019, segundo o INE, en España hai 1.518 (10,2 anos de media).
Mencía, é de orixe descoñecida. Foi utilizado no século XVI e XVII por damas nobres. En 2019, segundo o INE, en España hai 2.290 (9,6 anos de media).
Minia, vén do latín Minia. Pode ter que ver, non se sabe moi ben, con minium, o óxido de ferro ou de chumbo. É famosa a Santa Minia de Brión. En 2019, segundo o INE, en España hai 182 (40,2 anos de media).
Noa. Nome hebreo: repouso ou nome dunha cidade romana. En 2019, segundo o INE, en España hai 26.869 (6 anos de media) mulleres e 67 homes (9,2 anos).
Paio. Vén do grego, a través do latín Pelagius: mariño, pertencente ao mar. Nos tempos medievais tamén se dicía Pai. Castelán Pelayo. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Paulo, do latín Paulus: miúdo, pequeno. Castelán Pablo, inglés Paul, frrancés Paul, catalán Pau. En 2019, segundo o INE, en España hai 478 (29,9 anos de media).
Reis. Vén do latín Latina Reges: reis. Evoca a adoración dos Reis Magos. Castelán Reyes. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Roi. Palabra xermánica: famoso, glorioso. Foi moi usado no tempo medieval, tamén como Rui. Castelán Rodrigo, inglés Roderick. En 2019, segundo o INE, en España hai 2.136 (14 anos de media).
Sabela. Palabra hebrea (variante de Isabel): o deus Baal é saúde. Inglés: Elisabeth, Betty, Bessie, Lizzi. En 2019, segundo o INE, en España hai 3.309 (15 anos de media).
Saleta. O nome vén de Salette, localidade francesa onde se creu que aparecera a Virxe a dous pastores en 1846. En 2019, segundo o INE, en España hai 208 (36,7 anos de media).
Sarela. Nome celta, nome dun río de Compostela. É un diminutivo de Sar (tamén río): corrente de auga. En 2019, segundo o INE, en España hai 72 (11,7 anos de media).
Tamara. Nome antigo relacionado co hebreo thamar: palmeira. En 2019, segundo o INE, en España hai 33.037 (28,2 anos de media).
Tania: é un diminutivo do nome ruso Tatiana, aínda que semelle de orixe galega. En 2019, segundo o INE, en España hai 27.653 (25,3 anos de media).
Tegra. Da palabra grega thekla: marabillosa, gloria de Deus. Na Guarda está o Monte de Santa Tegra. Segundo o INE, en 2019 non hai datos do nome.
Tristán. Nome celta: ruído ou mensaxeiro. Tristán e Isolda son nomes literarios famosos. Tristán García é un personaxe dun conto de Álvaro Cunqueiro. En 2019, segundo o INE, en España hai 1.413 (13,2 anos de media).
Uxía e Uxío. Do grego Eughenia: a ben nacida, nobre. Castelán Eugenio, inglés Eugene. En 2019, segundo o INE, en España hai 4.446 (11,8 anos de media) Uxía e 329 Uxío (18,7 anos).
Xandra e Xandre. Do grego: a que torna o/a inimigo/a. Estes nomes son unha variante de Alexandre. En 2019, segundo o INE, en España hai 343 (30,1 anos de media) Xandra e 75 (6,7 anos) Xandre.
Xela e Xelo. Son un diminutivo de Anxela e Ánxelo. En 2019, segundo o INE, en España hai 145 (13,3 anos de media) Xela e 27 (31,7 anos) Xelo.
Xenxo ou Xes. Vén do latín Genesius: natalicio. Castelán Ginés, francés Genès. En 2019, segundo o INE, en España hai 88 (16,5 anos de media) Xenxo e 39 (7,3 anos) Xes.
Xiana e Xián. Palabra latina: referido ao xentilicio da familia Iulia, dedicada a Xúpiter. Castelán Juliana/Julián, inglés Juliana/Julian. En 2019, segundo o INE, en España hai 1.481 (10,3 anos de media) Xianas. Xián hai 956 (9,6 de media) homes e 49 (27,6 de media) mulleres.
Xoel. Vén do hebreo: Iavé é Deus. Castelán, inglés e francés Joel. En 2019, segundo o INE, en España hai 1.636 (8,1 anos de media).
Aldara, Alexandra, Ánxela/Anxos, Berenguela, Branca, Caetana, Candea, Carme / Carmiña, Dores, Eira, Graza, Icía, Iolanda, Ledicia, María, Mariña, Martiña, Maruxa, Milagres, Navia, Neves, Peregrina, Rexina, Rute, Tareixa, Vitoria, Xacinta, Xema, Xenebra, Xoana, Xonxa.
Afonso, Alberte, Aleixo, Alexandre, André, Antón / Antonio. Anxo / Ánxelo, Artur, Benxamín, Brandán, Brate, Cidre, Cristovo, Eliseu, Estevo, Farruco / Fuco, Fernán, Filipe, Gael, Galván, Guillerme, Heitor, Lois/Luís, Lourenzo, Martiño, Maxín, Nuno, Serxio, Sidro, Tomé, Vicente/Vicenzo, Xabier, Xoán/Xan, Xesús, Xián, Xil, Xosé, Xurxo.
2005-2022 |