ogalego.eu
Antón Riveiro Coello, amigo de ogalego.eu
Desvíos
Ortografía
 
Foto: Antón Riveiro Coello, escritor galego amigo de ogalego.eu

ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

NOMES GALEGOS PARA A CHUVIA E O CHOVER


Moito debe chover en Galicia para que o galego teña 110 palabras para chuvia, 38 para chover e ditos, refráns etc.


1. CHUVIA FINA E MIÚDA
Como chove miudiño, como miudiño chove Rosalía de Castro
Estes versos son dos máis recitados en galego. E para a chuvia miúda e fina temos nada menos ca estas palabras:

1-babuña 2-babuxa 3-barballa 4-barbaña 5-barbañeiro 6-barbuña 7-barbuza 8-barrallo 9-barrufa 10-barrufo 11-barruñeira 12-barruzada 13-barruzo 14-bátega 15-borralla 16-borrallada 17-boubizo 18-breca 19-chuviñada 20-chuviñeira 21-chuvisca 22-chuviscada 23-froallo 24-garúa 25-lapiñeira 26-lapiñada 27-lapiñeira 28-marmaña 29-marmuñeira 30-mera 31-mexadeira 32-mexaparvos 33-milura 34-mormazada 35-morriña 36-morriñada 37-orballada 38-orballeira 39-orballiscada 40-orballo 41-parruma 42-parrumada 43-patiñeira 44-patumeira 45-poalla 46-poallada 47-poallo 48-poalleira 49-salseiro 50-zarapallada 51-zarzallo
52-Nas veigas do río Asma en Chantada unha seca-fría é un pequeno torbón que cae moi raras veces co aire norte ou sarandón e que non chega case nin a mollar a terra pero, iso si, é moi frío (Benigno González, Vilaguillulfe)


2. CHUVIA FORTE
Mexan por nós e temos que dicir que chove
Castelao

Para indicar unha chuvia forte temos:

1-arroiada 2-ballón 3-balloada 4-basto 5-batagazo 6-bátega 7-batagón 8-bategada 9-brea 10-cairo 11-calistro carauxada 12-cebra 13-cebrina 14-cebrisca 15-chaparrada 16-chuvascada 17-chuvasco 18-chuvieira 19-chuviñeira 20-cifra 21-ciobra 22-coriscada 23-corisco 24-decembra 25-diluvio 26-dioiva 27-dioivo 28- idoiro 29- raxo 30-torba 31-torbada 32-torboada 33-torbón 34-treboada 35-trebón 36-treixada 37-xistra 38-zarracina


3. CHUVIA CON AIRE FORTE
Chove en Santiago, meu doce amor
Federico García Lorca

Para a chuvia con moito aire temos :

1-brea 2-cebrina 3-cebrisca 4-chuvascada 5-chuvasco 6-cifra 7-cimbra (cae torcida) 8-ciobra 9-coriscada 10-corisco 11-zarracina


4.CHUVIA CON NÉBOA
Aran os bois e chove
... Xosé María Díaz Castro

Para a chuvia mesturada coa néboa:

1-barruzo 2-breca 3-meleada 4-melura 5-molura 6-mera 4-salseiro


5. CHUVIA CON NEVE-XEO
Que chove despois de chover, don Gregorio
... Manuel Rivas

Cando a chuvia vén mesturada con neve e xeo:

1- auganeve 2-calistro 3-cebrina 4-cebrisca 5-coriscada 6-corisco 7-escarabana 8-nevada 9-nevarada 10-nevareira 11-nevarío 12-nevisca 13-nevarisca 14-pedrazo 15-salabreada 16-sarabiada 17-torba 18-xistra


6. CHUVIA CON RAIOS E TRONOS
Chove para que eu soñe... Uxío Novoneyra

Cando a chuvia vén con raios e tronos:

1- treboada 2-torboada 3-torbón 4-trebón


7. TODOS OS NOME DA CHUVIA
...aferrará connosco unha vela de chuvascos ... Manuel Antonio
E velaquí todos os substantivos que o galego ten para a chuvia:

1.  auganeve: chuvia mesturada con neve

2. arroiada: choiva forte e intensa

3.  babuña: chuvia miúda e pouco intensa

4.  babuxa: chuvia miúda e pouco intensa

5.  ballón: tromba de auga forte e intensa

6.  balloada: chuvia intensa que se prolonga varios días seguidos, : chuvia repentina, intensa e curta

7. barballa: chuvia miúda e pouco intensa

8.  barbaña: chuvia miúda e pouco intensa

9. barbañeiro: chuvia miúda e pouco intensa

10.  barbuña: chuvia miúda e pouco intensa

11.  barbuza: chuvia miúda e pouco intensa

12.  barrallo: chuvia miúda e pouco intensa

13. barrufa: chuvia miúda e pouco intensa

14. barrufo: chuvia miúda e pouco intensa

15. barruñeira: chuvia miúda e pouco intensa

16. barruzada: chuvia fina e persistente

17. barruzo: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa

18. basto: chuvia repentina, intensa e curta

19. batagazo: chuvia repentina, intensa e curta

20. batagón: chuvia repentina, intensa e curta

21. bátega: chuvia repentina, intensa e curta

22. bategada: tromba de auga forte e intensa, : chuvia repentina, intensa e curta

23. borralla: chuvia miúda e pouco intensa

24. borrallada: chuvia miúda e pouco intensa

25. boubizo: chuvia miúda e pouco intensa

26. brea: chuvia forte e con vento

27. breca: chuvia miúda e pouco intensa, mesturada con néboa

28. cairo: chuvia forte e, normalmente, de duracion breve

29. calistro: trebón de auga fría con vento ou neve miúda

30. caruxada: Chuvia miúda e pouco intensa

31. cebra: chuvia repentina, intensa e curta  .. acompañada de vento

32. cebrina: temporal de chuvia e neve con vento forte

33. cebrisca: temporal de chuvia e neve con vento forte. Sarabiada forte

34. chaparrada: choiva forte e intensa, tromba de auga forte e intensa, chuvia repentina, intensa e curta

35. chaparrazo: choiva forte e intensa, tromba de auga forte e intensa, chuvia repentina, intensa e curta

36. choiva: precipitación en forma de pingas, chuvia

37. chuiva: variante dialectal de chuvia

38. chuva: variante dialectal de chuvia

39. chuvascada: precipitación intensa e abundante, acompañada case sempre de vento forte

40. chuvasco: precipitación intensa e abundante, acompañada case sempre de vento forte

41. chuvia: precipitación en forma de pingas, choiva

42. chuvieira: chuvia forte e intensa, tromba de auga forte e intensa

43. chuviñada: chuvia miúda e pouco intensa

44 chuviñeira:  chuvia repentina, intensa e curta

45. chuvisca: chuvia miúda e pouco intensa

46. chuviscada: chuvia miúda e pouco intensa

47. cifra: chuvia forte e con vent

48. cimbra: chuvia que cae torcida con vento

49. ciobra: chuvia forte e con vento

50. coriscada: trebón de auga fría con vento ou neve miúda

51. corisco: trebón de auga fría con vento ou neve miúda

52. decembra: chuvia forte e prolongada habitual en decembro

53. diluvio: chuvia moi  abundante e intensa

54. dioiva: chuvia moi  abundante e intensa

55. dioivo: chuvia moi  abundante e intensa

56. escarabana: auga moi fría con sarabia

57. froallo: chuvia miúda e pouco intensa

58. garúa: chuvia feble

59. idoiro: choiva forte

60. lapiñada: chuvia miúda e pouco intensa

61. lapiñeira: chuvia miúda e pouco intensa

62. marceada: tempo con claros e chuvias propio de marzo

63. marmaña: chuvia miúda e pouco intensa

64. marmuñeira: chuvia miúda e pouco intenssa

65. meleada: chuvia mesturada con néboa

66. melura: chuvia mesturada con néboa

67. molura: chuvia mesturada con néboa

68. mera: chuvia moi fina que se desprende da néboa mesta

69. mexadeira: chuvia feble

70. mexaparvos: chuvia feble

71. milura: chuvia feble

72. mormazada: chuvia fina de orballo

73. morriña: chuvia miúda e persistente

74. morriñada: chuvia miúda e persistente

75. nevada: chuvia en forma de neve

76. nevarada: chuvia en forma de neve

77. nevareira: chuvia en forma de neve

78. nevarío: chuvia en forma de neve

79. nevisca: chuvia mesturada con neve

80. nevarisca: chuvia mesturada con neve

81. orballada: chuvia miúda e de pouca duración

82. orballeira: chuvia miúda e de pouca duración

83. orballiscada: orballo moi fino, que case non chove nada

84. orballo: chuvia fina e persistente

85. parruma: chuvia miúda e pouco intensa

86. parrumada: chuvia miúda e pouco intensa

87. patiñeira: chuvia fina e persistente

88. patumeira: chuvia fina e persistente

89. pedrazo: chuvia en forma de xeo

90. poalla: chuvia miúda e pouco intensa

91. poallada: chuvia miúda e pouco intensa

92. poalleira: chuvia miúda e pouco intensa

93. poallo: chuvia miúda e pouco intensa

94. raxo: golpe de chuvia

95. salabreada: chuvia mesturada con xeo

96. salseiro: pingas de auga que producen unha néboa mesta provocada polo vento na superficie do mar

97. saraibada: chuvia con xeo

98. seca-fría: un pequeno torbón que cae moi raras veces co aire norte ou sarandón e que non chega case nin a mollar a terra pero, iso si, é moi frío

99. torba: auga de chuvia mesturada con neve fina

100. torbada: tromba de auga forte e intensa, tormenta

101. torboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta

102. torbón: tromba de auga forte e intensa, tormenta

103. treboada: tromba de auga forte e intensa, tormenta

104. trebón: tromba de auga forte e intensa, tormenta

105. treixada: chuvia abundante

106. xistra: chuvia e neve con vento moi frío, chuvia forte

107. zarapallada: chuvia miúda e pouco intensa

108. zarracina: chuvia abundante con moito vento

109. zarzallo: chuvia miúda e pouco intensa
110. Seca-fría: pequeno torbón que cae moi raras veces co aire norte ou sarandón e que non chega case a mollar a terra mais é moi frío


8. VERBOS -CHOVER
O paxaro cando chove mete o rabo na silveira...
Popular

E os verbos utilizados para indicar como chove:

1.  aballoar: chover a ballón

2. arroiar: chover forte e intenso

3.  baballar: caer chuvia miúda, fina

4.  babuñar: caer chuvia miúda, fina

5.  babuxar: caer chuvia miúda, fina

6.  barbañar: caer chuvia miúda, fina

7.  barbuñar: caer chuvia miúda, fina

8.  barbuzar: caer chuvia miúda, fina

9.  barrallar: caer chuvia miúda, fina

10.   barrufar: caer chuvia miúda, fina

11. barruñar: caer chuvia miúda, fina e persistente

12. barruzar: caer chuvia miúda, fina

13. bategar: chover de xeito repentino e intenso por pouco tempo

14. Boubizar: orballar

15. brecar: caer chuvia miúda, fina

16. cebriscar: caer neve miúda con moito vento

17. Chorrear: chover forte e intenso

18. Chover: caer auga das nubes en forma de pingas

19. Chuviñar: caer chuvia miúda, fina

20. Chuviscar: caer chuvia miúda, fina

21. Cifrar: soar o vento e chover forte

22. Coriscar: chover con frío ou caer neve miúda

23. Decembrar: chover forte e seguido, típico de decembro

24. Diluviar: chover moito e seguido

25. Esmorriñar: caer chuvia miúda, fina

26. Froallar: caer chuvia miúda, fina

27. Lapiñar: caer chuvia miúda, fina

28. Marcear: facer un tempo de marzo con claros e chuvias

29. Marmañar: caer chuvia miúda, fina

30. Merar: desprenderse unha chuvia moi fina da néboa mesta

31. Meruxar: chover miudiño

32. Merdear: chover fino pero xa mollando

33. Orballar: caer chuvia miúda, fina

34. Orballiscar: orballar moi suave

35. Patiñar: caer chuvia miúda, fina

36. Poallar: caer chuvia miúda, fina

37. Xistrar: caer auga moi fría con neve

38. Zarzallar: caer chuvia miúda, fina


9. ADXECTIVOS RELACIONADOS COA CHUVIA
Cando chove non te mollas, cando fai sol non te queimas..
. Popular
E os adxectivos que teñen que ver coa forma de chover:

1.    babuxado: terreo humedecido pola chuvia fina

2.    babuxento: tempo húmido no que chove moito

3.    barrucento: tempo húmido no que chove moito

4.    barralloso: dise do tempo en que cae chuvia miúda

5.    barrucento: tempo húmido no que chove moito

6.    chuviñento: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia

7.    chuviñoso: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia

8.    chuvioso: dise do tempo en que chove moito ou ameaza chuvia

9.    corisqueiro: dise do tempo no que chove con frío ou cae neve miúda

10. corisquento: dise do tempo no que chove con frío ou cae neve miúda

11. froalleiro: dise do tempo non que cae chuvia miúda seguido

12. froallento: dise do tempo non que cae chuvia miúda seguido

13. morriñenta: dise da chuvia miúda e persistente

14. orballento: dese do tempo no que cae unha chuvia fina e persistente

15. orballisqueiro: dise do tempo no que orballa frecuentemente

16. poallento: dise do tempo no que cae chuvia fina e miúda


10. FRASES FEITAS: CHOVER MOITO
Cando chove moito entra alguén e di: non sei se choverá/parece que chove/igual chove/vai chover...

E as frases feitas para indicar que chove moito:

1.    chover a arroiar

2.    chover a ballón

3.    chover a cachón

4.    chover a caldeiradas

5.    chover a canados

6.    chover a ceo aberto

7.    chover a chapuzos

8.    chover coma quen a envorca

9.    chover ás cuncas

10. chover a Deus dala

11. chover a Deus dar

12. chover a esmadrazar

13. chover a manta

14. chover a mares

15. chover a varrer

16. chover a xerros

17. chover ás canadas

18. chover o mar chovido

19. chove que arrepía

20. chove que mete medo


11. DITOS - CHOVER
E choverá papá, choverá Pachín...
Dito popular

E os ditos sobre o chover:

1.  chover sobre mollado: sucede algo malo despois de outra cousa mala xa acontecida

2.  chova que neve!: pase o que pase

3.  chóvelle na cabeza: está tolo

4.  coma quen ve chover: non facer caso, deixalo pasar

5.  nunca choveu que non escampase: todo ten remedio

6.  por min que chova!: tanto me ten

7.  xa choveu!: hai moito tempo

8. chóvelle no fallado: ten problemas mentais

9.  unhas pingan e outras mollan: todo é o mesmo



12. REFRÁNS - CHOVER
Sentar a ver chover...
Deporte tradicional galeg
o
Xesús Ferro Ruibal no seu Refraneiro Galego Básico recolle entre outros estes refráns sobre o chover:

1.    A mera de san Xoán leva o viño e mailo pan: as néboas e orballos de finais de xuño son prexudiciais para as viñas e os cereaiss

2. As escarabanas de marzo e as augas de abril valen máis ca o carro de David: son moi boas para a terra

2.    Abril  para ser abril ten que vir con augas mil

3.    Abril augas mil, se non é no comezo ó medio ou á fin: sempre ha chover moito en abril

4.    Abril frío e mollado enche o celeiro e farta o gado: moi boas colleitas

5.    Abril quente e mollado carga o carro e engorda o gado: moi boas colleitas

6.    Ano de chuvias, poucas madrugas: queda un na cama, non madruga

7.    Auga de maio trae boa ano/pan para todo o ano: moi beneficiosa

8.    Auga de mediodía, auga de todo o día: choverá todo o día

9.    Auga de trebón nunha parte dá e noutra non: como vén forte nuns sitios estraga e noutros é beneficiosa

10. Auga de xaneiro, cada pinga vale diñeiro: en xaneiro pouca auga vale moito

11. Auga en febreiro mellor ca en xaneiro

12. Auga miúda, vendaval que dura: moitas veces a chuvia fina acabará en forte vendaval

13. Auga/chuvia de febreiro fai palleiro: boa para os cereais

14. Auga/chuvia mañanceira non é duradeira: cando chove moi cedo non dura

15. Brétemas no alto, chuvias no baixo: na cima do monte néboa e no val chuvia

16. Cando chove e fai vento, pecha a porta e estate dentro

17. Cando chove e vai sol, alegre está o pastor: medran os pastos

18. Cando chove e vai sol, é tempo de requeixón: moito leite de vaca

19. Cando chove moito, ha de escampar logo: pronto deixará de chover

20. Cando chove o domingo antes da misa, toda a semana vai de risa: a xente da parroquia acudía o domingo á misa ben vestida, por iso o dito

21. Cando non chove en febreiro, nin bo prado nin bo centeo nin bo lameiro

22. Cando o sol madruga, é sinal de chuvia

23. Chova para min abril e maio e para ti todo o ano: cando máis necesarias son as chuvias

24. Chuvia no mar e vento na ría, chuvia para todo o día

25. Chuvia no mes de agosto non é chuvia que é mel e mosto: mellora a colleita de mel e uvas

26. Chuvia por santa Lucía tolle a sardiña: chuvia polo 13 de decembro é mala

27. En marzo auga que non molle o rabo do gato: que chova pouco

28. Moita chuvia en xaneiro, mala anada no cabaceiro: mala colleita

29. Moitas augas en maio traen mal ano: non debe chover moito

30. Nadal mollado e xaneiro ben xeado: que chova en decembro e frío en xaneiro

31. No ano que moito chove o labrego traballa máis que come: é mal ano no campo

32. Se o gato lava a cara, é que venta enchente de auga: cando se lambe moito vai chover

33. Se polo san Xurxo chove de mil cereixas quedan nove: cando chove polo 23 de abril sofren as cereixas novas


13. CHOVER NA FRASEOLOXÍA DE PILAR GUERRA
Nunca chove a gusto de todo
s... Popula
r
En Trasar de Carballo (Lugo) Pilar Guerra recolleu estes ditos sobre a chuvia:
 

·         A mera de San Xoán leva o viño e non deixa o pan: a choiva miúda, néboa mesta de xuño prexudicial para os campos

·         A porca de maio ou no principio ou no cabo, e han parar os bois quince días antes ou despois: en maio ten que haber 15 días de mal tempo

·         A porca de maio vale máis no principio ca no cabo: a chuvia fai máis nos primeiros de maio

·         Manda chover na Habana!: vello dito de admiración

·         Marzo ventoso e abril chuvioso: mellor moito vento en marzo e choiva en abril

·         Non hai sábado sen sol: cando un sábado chove moito, dise a frase

·         Se chove en xaneiro, nin boa meda nin bo palleiro: mala colleita de centeo
Irlle botar un torbón: ir beber algo (case sempre viño)


14.Cando chove e vai sol pode aparecer o Arco da vella

Antes dicíaselles aos cativos que o arco da vella era o xeito que tiñan as nubes de beberen, de colleren dun regato próximo a auga para a chuvia.
-Arco da vella, vaite de aí, que andan os porcos a fozar en ti (Marín)
-Arco da vella ó levante, ei boi pra diante, arco da vella ó poñente, colle os bois e vente (Santiago)

Arco a vella


15.Verbos para cando deixa de chover:

Abocañar, amizar, delampar, descrebar, escrebar, enxeirar, escambrar, escampar, estear, estiñar, estrelampar

Delouro: intervalo de tempo en que non chove
Chove na veiga: dise da persoa que bota cuspe ao falar


16.- Cantiga popular

Se chove deixa chover,
se orballa deixa orballar,
que por mais que chova e chova
de ti non me hei de apartar.

O que navega de noite
ha de tropezar nos penedos
e eu que ando polo dia
tropezo nos teus enredos.

E se chove deixa que chova
e se orballa deixa orballar,
eu ben sei dun abriguiño
onde me ei de ir abrigar


17. E a mellor cidade do mundo para ver chover... Santiago de Compostela

Luz de tebra, Ánxel Vázquez de la Cruz, Xerais, 1010: A cidade recibíanos no primeiro ano cunha degustación de chuvias. A mansa chuvia do chove miudiño de Rosalía, na invernía. A chuvia rala e espallada do comezo do trebón, ou a espasmódica das primaveras equívocas. A chuvia minuciosa ou en altas e ventadas ondadas no Obradoiro, tantas veces rematadas por unha raiola do sol -non sabemos se gabanciosa ou burlona- ao que só lle faltaba o triángulo de Yavhé para lanzar unha proclama. A chuvia olorosa no outono de Santa Susana. A chuvia musical sobre lucernarios e tellados. O orballo como unha inmensa vacúa lambendo amorosamente a cidade enteira. A chuvia que fixo posíbeis as frondosidades das vellas pedras con lidros, mofos, brións, vexetación varia, en contrarréplicas magníficas á arte humana e os seus capiteis barrocos. A cidade da chuvia... (p. 44)


-Extra 1: Radio Galega, 04-04-2013, Galicia por diante, ogalego.eu e a chuvia

-Extra 2: Outra páxina con información de Carlos Carabaña, ou esta de 4gotas

-Extra 3: e para escoitar mentres cae a chuvia, Treixadura, se chove

-Extra 4: "Nunca choveu" by Lydia Botana

-Extra 5 : Chove en Galiza (Díaz Castro), por Pablo Díaz

 

2005-2022