ogalego.eu - ogalego.gal
Anxo González Guerra // Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

SEMÁNTICA

A semántica estuda o significado das palabras.
Unidades:

O conxunto de palabras que teñen un ou máis semas comúns e algún oposto ou diferenciador forman un campo semántico. Ex: campo semántico dos asentos: cadeira, banco, banqueta, sofá, escano, tallo. Semas: obxecto para se sentar as persoas, con respaldo, para unha persoa, con brazos, con patas, baixo...
A organización dos campos semánticos non ten por que ser permanente no tempo e universal en todas as linguas.

denotación móstranos os semas que configuran a palabra sen ter en conta o contexto, é o significado obxectivo. Pola contra, a connotación ten en conta o contexto e fai referencia aos elementos subxectivos. Ex: formiga -denotación: o bicho // connotación: traballador/a)

Non sempre se corresponde un significante cun significado, hai diferentes relacións entre as unidades semánticas que favorecen a comunicación:

1.- A antonimia: oposición de significados, relación de incompatibilidade.
1.1.- Complementarios ou privativos: exclúense un ao outro, non admiten graduación, comparación. Ex: esquerda-dereita.
1.2.- Antónimos graduais: non se exclúen totalmente, hai graos intermedios. Ex: frío-quente.
1.3.- Inversos ou recíprocos: son dous aspectos dunha mesma relación ou concepto, a presenza dun supón a existencia do outro. Ex: avoa/neta, vender/comprar.
Pola súa formación poden ser léxicos (palabras diferentes: xenro/sogro) ou gramaticais (mediante prefixos: feliz/infeliz).

2.- A sinonimia: un mesmo significado ten varios significantes (varias palabras significan o mesmo).
Os sinónimos perfectos son moi escasos, sempre hai matices de uso, afectivos, etc. Ex: dentista/estomatólogo son o mesmo pero unha é moito máis culta. Outros exemplos: ledicia/alegría, falador/falangueiro, perna/pata...

3.- A polisemia: un significante ten varios significados.
É beneficiosa para a lingua xa que reduce o número de palabras para memorizar.
As principais causas de polisemia son:
- A linguaxe figurada: ollo (parte da cabeza-oco dunha ponte), cabeza (parte do corpo/guía, dirixente).
- A especialización nun medio social: fondo (profundidade/investimento), operación (a matemática/a cirúrxica).
- Os cambios de aplicación: niño (cama dos paxaros/cama de delincuentes).

4.- A homonimia: sincronicamente -no momento- é un significante con varios significados, mais diacronicamente -na historia das palabras- son tamén diferentes significantes (e así figuran nos dicionarios).
4.1.- Homonimia absoluta: río (eu río/canle de auga), cal (o das paredes/canle).
4.2.- Homonimia parcial:
-Homófonos (non homógrafos): pronúncianse igual pero escríbense de xeito diferente: abano (para dar aire)- habano (de Cuba); balor (mofo) - valor (valentía).
-Homógrafos: escríbense igual e tamén se pronuncian do mesmo xeito (homófonos): queixo (parte da cabez) - queixo (o feito de leite).
A homonimia pode ser provocada pola evolución fonética converxente ou polos préstamos doutras linguas.

5.- As relacións de inclusión ou xerarquía:
5.1.- Hiponimia: é a relación de significado entre un termo máis específico (subordinado) e outro máis xeral: can-animal, caravel-flor, león-mamífero   (hipónimo-hiperónimo)
5.2.- Hiperonimia: é a relación de significado entre un termo máis xeral e outro máis específico: mamífero-gato (hiperónimo-hipónimo).
5.3.- Cohiponimia: é a relación entre hipónimos dun mesmo hiperónimo: can/gato (en relación a mamíferos).

6.- Os cambios semánticos: mudanzas de significado. As causas son variadas:

ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com