ogalego.eu 
Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Formación Profesional
Probas de graduado en educación secundaria
Maio 2023


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta restará 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontarán puntuación.
- A puntuación máxima do ámbito son 100 puntos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcular a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

O Sergas reforza o persoal para facer probas do coronavirus, con Galicia aínda sen afectados pola doenza

O número de afectados polo coronavirus segue a medrar en todo o planeta, e tamén no Estado español. Na tarde deste luns a cifra de casos detectados en España roldaba os 120, segundo a información oficial do Ministerio de Sanidade. Este luns rexistráronse ademais os dous primeiros casos en Portugal. En calquera caso, en España non houbo polo momento ningunha morte pola enfermidade e dos 120 enfermos totais, só revisten certa gravidade entre 5 e 10.

Galicia é unha das tres comunidades autónomas (xunto con Murcia e Aragón) nas que aínda non se detectou ningún positivo. Madrid, con 32 casos, é a zona máis afectada, seguida da Comunidade Valenciana con 15, e Cataluña, Andalucía e Euskadi con 12.

As persoas que sospeiten terse contaxiado co virus deben chamar por teléfono aos números habilitados, para que persoal médico acuda ao seu domicilio a realizar probas.

Este luns a Xunta reuniu a Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e decidiu reforzar con 60 novos profesionais o persoal destinado a recoller mostras de coronavirus a domicilio, os equipos técnicos para realizar as probas en microbioloxía e os traballadores para a atención telefónica do 061.

Ademais, hai uns días a Consellería de Sanidade puxo a disposición da poboación o teléfono 902 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número, pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns ao respecto. Sanidade subliña que tamén está dispoñible o 061 para persoas con sintomatoloxía (febre, tose, sensación de falta de aire) e que volvesen de zona de risco ou tivesen contacto con alguén que estivese nalgún deses lugares. Polo de agora recibíronse 656 chamadas.

O SERGAS estableceu un protocolo específico para as persoas que sospeiten terse contaxiado co coronavirus. Sinala que é importante que se contacte por vía telefónica con servizos sanitarios para que un equipo, formado por persoal de enfermería e persoal auxiliar, poida recoller mostras para analizar no seu domicilio, evitando en caso de infección a propagación do virus. Polo tanto, pide que se evite ir en primeiro lugar a un hospital ou centro de saúde.

Ademais, recoméndase lavar as mans con frecuencia con auga e xabón cando menos durante 20 segundos e despois do contacto con secrecións respiratorias; así mesmo, tapar a boca e o nariz ao tusir ou esbirrar cun pano desbotable ou co interior do cóbado.

Así mesmo, están a aplicarse numerosas medidas de prevención para evitar no posible a propagación da enfermidade entre uns e outros países. Por exemplo, a cerimonia anual do Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, que debía celebrarse este mércores en Bruxelas coa participación de varios rexedores galegos e da Conselleira de Medio Ambiente, foi suspendida por indicación da Comisión Europea.


Marcos Perez Pena, Praza.gal, 2 de marzo de 2020

1. Cal é a segunda zona máis afectada polo coronavirus en España?

A A Comunidade de Madrid. Correcto?

B Cataluña. Correcto?

C A Comunidade Valenciana. Correcto?

D Euskadi. Correcto?

2. Segundo o texto, para evitar o contaxio recoméndase...

A tapar a boca e o nariz cun pano de usar e tirar ou co interior do cóbado ao espirrar. Correcto?

B tapar a boca e o nariz cun pano de usar e tirar despois de tusir. Correcto?

C lavar as mans cada 20 segundos despois do contacto con secrecións respiratorias. Correcto?

D tapar a boca e o nariz para non entrar en contacto con secrecións respiratorias. Correcto?

3. A cerimonia anual do Pacto dos Alcaldes polo clima e a Enerxía suspendeuse...

A para propiciar a propagación da enfermidade. Correcto?

B por indicación da Consellería de Medio Ambiente. Correcto?

C para previr o contaxio. Correcto?

D por indicación da Consellería de Medio Ambiente e da Comisión Europea. Correcto?

4. Que deben facer as persoas que sospeiten estar contaxiadas?

A Chamar por teléfono aos servizos sanitarios para que o persoal autorizado acuda ao seu domicilio para recoller unha mostra. Correcto?

B Acudir ao hospital ou centro de saúde en canto noten que teñen febre, tose ou sensación de falta de aire. Correcto?

C Acudir a un centro para que os equipos técnicos lle realicen as probas en microbioloxía. Correcto?

D Chamar por teléfono ao seu médico de cabeceira para que veña visitalo ao domicilio. Correcto?

5. A palabra virus (En azul no texto), ademais do significado que presenta no texto, tamén fai referencia a un programa que infecta calquera dispositivo informático. Que relación gardan entre si as dúas palabras?

A Homonimia Correcto?

B Hiperonimia Correcto?

C Sinonimia Correcto?

D Polisemia Correcto?

6. Por que non levan acento gráfico as formas ademais (en verde no texto) e despois (en verde no texto)?

A Porque son agudas rematadas en -s. Correcto?

B Porque rematan en ditongo decrecente seguido de -s. Correcto?

C Porque son graves rematadas en -s. Correcto?

D Porque teñen un hiato. Correcto?

7. Na oración O número de afectados polo coronavirus segue a medrar, ¿que é a secuencia subliñada?

A Unha perífrase aspectual perfectiva. Correcto?

B Unha perífrase modal de obrigación. Correcto?

C Unha perífrase aspectual imperfectiva. Correcto?

D Unha perífrase modal de probabilidade. Correcto?

8. Se poñemos en feminino a oración Pódense resolver todas as dúbidas dos cidadáns, ¿cal das seguintes opcións é a correcta?

A Pódense resolver todas as dúbidas das cidadás. Correcto?

B Pódense resolver todas as dúbidas das cidadáns. Correcto?

C Pódense resolver todas as dúbidas das cidadanas. Correcto?

D Pódense resolver todas as dúbidas das cidadas. Correcto?

9. No texto aparecen os substantivos persoal (en vermello no texto) e persoas (en vermello no texto). Outras palabras da mesma familia léxica son...

A persoaxe, personificación e personalizar. Correcto?

B persoaxe, personificación e persoalización. Correcto?

C personaxe, personificación e personalizar. Correcto?

D personaxe, personificación e persoalización. Correcto?

10. Indique cal das seguintes palabras é antónima de medrar (liña 1).

A Disminuír Correcto?

B Diminuír Correcto?

C Aumentar Correcto?

D Crecer Correcto?

Texto 2

LUCAS. EXERCICIOS

Agora cústame moito erguerme do sofá. Trágame o sofá, porque é vello e brando, e despois cústame moito saír de alí. Pero ultimamente adoita estar Marcos, e primeiro érguese el e despois axúdame a min. E despois dime que o sofá ten que estar morto de fame para tragar unha cousa tan amarga coma min.

A Marcos míroo con envexa. A verdade é que todo o que miro agora míroo con envexa. A Sergei Stakhanov tamén, e aos escaladores, e aos nenos que caen polas escaleiras. E empézaseme a ocorrer que se Deus empezase a xogar a quitarlle anos á xente e me quitase cincuenta ou sesenta anos, o primeiro que faría sería coller a bicicleta. Sería coller a bicicleta para ir a Irlanda a andar na herba que é coma un colchón de herba. Iso parece na televisión. Tamén podería ir a Praga ou a Belgrado ou a calquera cidade que sae nos telexornais, porque o tráfico parece máis modesto que aquí. E Rosa estaría viva, claro, e eu colleríaa pola cintura para bailar ata acorar. Algún valse e algún tango. Os pulmóns aguantaríannos unha hora máis ou menos. Despois iriamos ao cuarto, e Rosa non me diría que non, despois de estar tantos anos morta. Teñen que ser bonitos os cuartos dos hoteis de Praga. E pegaríansenos as sabas á suor do baile. E fariamos un pouco máis de suor de novo.

Tamén a Matías lle gustaban moito as rapazas. Todas. Pero non tiña sorte. Marga marchoulle cun de fóra. Marga era un vicio de rapaza. Todos queriamos un pouco a Marga, pero só paseaba con Matías. Matías era o que lle ulía os perfumes dende máis cerca. Ata que marchou co holandés. Era un holandés que tiña os pés minúsculos. Matías morreu sen casar, con centos de ansias. Tomás si. Tomás casou. Pero casou frouxo. E aínda está casado, se non morreu.

Hoxe fixo un calmuzo malo. Sufrín un pouco, pero creo que aguanto mellor que de novo. Coñécese que nos afixemos á calor. Xa non somos coma viquingos. Sobre todo porque os viquingos non mollan os pantalóns. Eu non os mollei hoxe. Non lle dixen nada a María. Cando arrefriou o líquido estiven ben a gusto. Por iso non lle dixen nada. Cambiei de calzóns cando saíu á rúa. Pero creo que os puxen mal. Creo que metín as dúas pernas polo mesmo furado. Agora sinto unha presión bastante antinatural na entreperna.

Non me gusta o puré.

Unai Elorriaga, Un tranvía cara a SP, 2002

11. Quen é o protagonista deste fragmento?

A Un home de 50 anos. Correcto?

B Un mozo chamado Lucas. Correcto?

C Un home vello. Correcto?

D Un mozo chamado Unai. Correcto?

12. Indique cal das seguintes afirmacións se pode deducir do texto 2.

A A parella do protagonista chamábase María. Correcto?

B Tomás morreu sen casar. Correcto?

C Rosa marchou cun holandés. Correcto?

D Matías era o noivo de Marga. Correcto?

13. Escolla a afirmación correcta.

A O protagonista cambiou os calzóns cando saíu á rúa. Correcto?

B O protagonista ten os calzóns furados. Correcto?

C O protagonista mexou nos calzóns. Correcto?

D O protagonista puxo ben os calzóns. Correcto?

14. Que imaxina o protagonista do texto 2 que faría se fose máis novo?

A Pediríalle a Rosa de bailar e esta non se atrevería a dicirlle que non. Correcto?

B Bailaría con Rosa e faría o amor con ela. Correcto?

C Collería o coche e iría a calquera das cidades que saen nos telexornais. Correcto?

D Iría a Italia en bicicleta e camiñaría sobre a herba. Correcto?

15. Que tipo de narrador aparece no texto 2?

A Un narrador omnisciente. Correcto?

B Un narrador testemuña. Correcto?

C Un narrador obxectivo. Correcto?

D Un narrador protagonista. Correcto?

16. Cal das seguintes palabras é antónima da palabra arrefriou (subliñado no texto)?

A Queceu. Correcto?

B Arrefeceu. Correcto?

C Constipou. Correcto?

D Acatarrou. Correcto?

17. As palabras Irlanda (en verde no texto) e holandés (en verde no texto) son...

A un xentilicio e un topónimo, respectivamente. Correcto?

B un topónimo e un xentilicio, respectivamente. Correcto?

C un antropónimo e un topónimo, respectivamente. Correcto?

D un topónimo e un antropónimo, respectivamente. Correcto?

18. A palabra calmuzo (en vermello no texto) significa...

A ausencia de ruído, axitación, movemento, nun lugar. Correcto?

B calor ou aire quente que produce sufocación. Correcto?

C sensación de repouso. Correcto?

D tempo frío e húmido. Correcto?

19. Na oración Trágame o sofá, ¿que función sintáctica realiza o sofá?

A Complemento indirecto. Correcto?

B Complemento directo. Correcto?

C Complemento circunstancial de lugar. Correcto?

D Suxeito. Correcto?

20. No texto 2 aparecen varias palabras que levan acento diacrítico. Indique cal das seguintes series é correcta:

A Vós, só, présa, cómpre. Correcto?

B É, máis, él, á. Correcto?

C Mín, é, pé, óso. Correcto?

D Fóra, tí, vén, pór. Correcto?

Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)

Vostede ten un familiar que leva agardando varios meses para ser operado. Como a súa doenza lle impide realizar as actividades básicas da vida diaria, decide reclamar.
Redacte unha reclamación, de 200 palabras aproximadamente, dirixida ao Servizo de Atención ao Paciente do hospital. Nela debe:
- Expoñer os motivos da súa reclamación.
- Explicar os contratempos ou trastornos que lle produce a doenza ao seu familiar.
- Solicitar que sexa atendida a súa petición.
Extensión máxima: 200 palabras.



ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com