ogalego.eu 
Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Formación Profesional
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro 2022


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta restará 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontarán puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcular a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

Contaminación á velocidade do plástico: 57 millóns de bolsas por hora

Cada ano prodúcense 300 millóns de toneladas de residuos plásticos no mundo. Delas, o 9% recíclase, o 12% incinérase e o 79 % restante vai aos vertedoiros ou acaba na natureza, segundo estima a Organización de Nacións Unidas (ONU). Isto sucede, en parte, debido a un gran paradoxo: abúsase dun material practicamente indestrutible para fabricar obxectos de usar e tirar. O 50 % de todo o plástico que se produce está deseñado para que o usemos unha soa vez e o tiremos ao lixo. E as cifras desa produción son abafadoras: cada hora cómpranse 60 millóns de botellas de plástico e, cada ano, 500.000 millóns de bolsas.
Pero non só utilizamos este material de forma non sustentable; ademais, outorgámoslle unha vida moi curta. Canto se tarda en beber e tirar unha botella de auga? E en eliminar os cubertos e pratos de plástico que adquirimos para unha comida no campo? O uso medio do plástico oscila entre uns poucos minutos e algunhas horas. Nada en comparación cos centos de anos que este material tarda en desaparecer do noso planeta.
Así, o plástico alagou metaforicamente a nosa vida e literalmente o noso planeta: cada ano acaban na natureza 100 millóns de toneladas como consecuencia da súa mala xestión. Os mares e océanos son os máis prexudicados, pois a eles chega unha décima parte deste lixo (uns 10 millóns de toneladas), que atrapa e mata a preto de 100.000 animais mariños cada ano. Aínda que as illas de plástico que xurdiron no Pacífico constitúen quizais a imaxe máis coñecida e alarmante deste problema, o Mediterráneo tampouco se libra. España ten unha gran responsabilidade niso, pois constitúe o segundo país que máis plástico verte a este mar (126 toneladas diarias), só por detrás de Turquía (144 toneladas), segundo o informe “Unha trampa de plástico”, da organización WWF.
Por sorte, a sociedade non estivo nunca tan concienciada como nos últimos anos, e tanto cidadáns como empresas están a se achegar a unha forma de consumir e producir máis respectuosa co medio ambiente.
A concienciación é o primeiro paso, pero non serve de nada sen accións concretas e prácticas. Para 2050, a ONU alerta de que a cantidade de plásticos nos océanos podería superar á de peixes se continúan as tendencias actuais.
Todos somos responsables de reducir o impacto que este material ten na nosa contorna, desde as empresas produtoras, as que o comercializan, os usuarios que o compran e, por suposto, os gobernos que regulan sobre o seu uso. Para logralo, “non basta con recoller e retirar os plásticos que chegan ao mar, hai que evitar que cheguen”, asegura Alba García, responsable da campaña de plásticos de Greenpeace España. A experta defende a importancia de ir á orixe do problema: reducir a cantidade de plástico que se pon en circulación para, despois, apostar pola reutilización.
Os cidadáns podemos exercer o noso poder como consumidores rexeitando as alternativas menos sustentables e mandar así unha mensaxe aos produtores para que busquen opcións máis respectuosas co noso planeta. Como compradores, podemos optar por produtos non empaquetados ou con menos embalaxe, buscar envases reutilizables ou rexeitar utensilios de plástico na comida e bebida para levar.

Fonte ligazón

1. Que significado ten a expresión “O plástico alagou metaforicamente as nosas vidas”?

A A nosa vida está inundada de plásticos. Correcto?
B O plástico satisfixo as nosas necesidades. Correcto?
C O plástico deunos motivos de satisfacción. Correcto?
D O uso do plástico eloxiou a nosa vaidade. Correcto?

2. Segundo o texto 1, cal é a afirmación correcta?

A Hai máis plástico ca peixes nos océanos. Correcto?
B O plástico mata preto dun millón de animais mariños cada ano. Correcto?
C O plástico dura centos de anos. Correcto?
D O plástico é sustentable. Correcto?

3. Que paradoxo se produce no uso do plástico?

A Que só se recicla o 9 % de todo o plástico que se produce. Correcto?
B Que abusamos dun material indestrutible para fabricar obxectos de usar e tirar. Correcto?
C Que o 90 % do plástico que se produce está deseñado para usar unha soa vez. Correcto?
D Que cada ano prodúcense 300 millóns de toneladas de residuos plásticos no mundo. Correcto?

4. Que podemos facer os consumidores para reducir a cantidade de plástico?

A Optar por envases non reutilizables. Correcto?
B Optar por produtos empaquetados. Correcto?
C Rexeitar as alternativas que prexudiquen o medio. Correcto?
D Rexeitar as alternativas sustentables e os produtos non empaquetados. Correcto?

5. Que significado ten a palabra abafadoras (en vermello no texto)?

A Incontables. Correcto?
B Ínfimas. Correcto?
C Asfixiantes. Correcto?
D Insuperables. Correcto?

6. Por que leva acento gráfico a palabra plástico?

A Porque é unha palabra grave rematada en vogal. Correcto?
B Porque é unha palabra esdrúxula. Correcto?
C Porque é unha palabra sobreesdrúxula. Correcto?
D Porque é unha palabra aguda rematada en vogal. Correcto?

7. Indique cal das seguintes series é correcta:

A Obxectos, respectuosa, indestrutible, condutor. Correcto?
B Producto, ficción, respeto, condución. Correcto?
C Contacto, factura, producto, edicto. Correcto?
D Producto, victoria, pacto, reacción. Correcto?

8. Indique cal das seguintes palabras é sinónima de curta (en vermello no texto).

A Breve. Correcto?
B Corta. Correcto?
C Longa. Correcto?
D Larga. Correcto?

9. A forma verbal xurdiron é a 3ª persoa de plural do pretérito perfecto de indicativo do verbo xurdir. Cal é a forma do mesmo verbo en presente?

A Xurden. Correcto?
B Xorden. Correcto?
C Xurdirán. Correcto?
D Xurdían. Correcto?

10. A oración “Abúsase dun material practicamente indestrutible para fabricar obxectos de usar e tirar”:

A Ten un suxeito elíptico. Correcto?
B Ten un suxeito expreso. Correcto?
C É reflexiva. Correcto?
D É impersoal. Correcto?

Texto 2

A Lagoa da Serpe de Pena Trevinca

A Lagoa da Serpe está na Serra de Pena Trevinca, no concello da Veiga (Ourense). Dise que alí vive unha enorme serpe que nas noites de lúa chea se transfigura nunha fermosa moza que pide a canto mozo pase por alí que a desencante.
Está especialmente fermosa nos amenceres do día de San Xoán, acomodada sobre a rocha a carón da lagoa, peiteando o pelo da cor do acibeche. Mentres se peitea aparenta triste e cavilosa, pois agarda o valente mozo que a veña desencantar.
Xa o intentou hai moitos anos un rapaz da aldea de Xares, pero fracasou. A moza encantada explicoulle como tiña que facer:
Ven de mañá cedo, ao raiar do sol, e verasme na outra beira en figura de serpe. Non teñas medo, cruzarei a nado a achegareime a ti, e cando me aproxime coa boca aberta cúspeme dentro dela.
Lembroulle que se o facía tal e como lle dixera, que casarían e que tiña haberes para vivir regaladamente.
Chegou a hora e todo pasou tal e como dixera a moza encantada; vaia, case todo, pois o mozo ao ver a enorme serpe que se lle puxo diante tomou medo e fuxiu coma un covarde.
Hai outra versión, en cambio, que di que intentou o desencantamento un mozo do lugar de Ponte, e que o fixo ben, e que casaron e xa non se pode ver a moza por alí.
De calquera maneira, a Lagoa da Serpe segue sendo moi perigosa. Dise que quen bebe daquela auga, morre, e se nos metemos dentro dela xa non hai maneira de saír.

Fonte da ligazón

11. De que cor é o pelo da moza?

A Louro. Correcto?
B Roxo. Correcto?
C Dourado. Correcto?
D Negro. Correcto?

12. Cando se transforma a serpe en fermosa doncela?

A No abrente do día de San Xoán e nas noites de lúa chea.
B Nas noites de lúa chea e no luscofusco do día de San Xoán.
C Nas noites en que non hai lúa chea e na noite de San Xoán.
D Á tardiña, nos días de lúa chea e na noite de San Xoán

13. A moza encantada mandou vir o rapaz:

A Pola noite. Correcto?
B Cando amencese. Correcto?
C Cando se puxese o sol. Correcto?
D Pola tarde. Correcto?

14. A moza prometeulle ao mozo que, se a desencantaba:

A Non volvería aparecer por alí. Correcto?
B Non volvería estar triste e cavilosa. Correcto?
C Poderían vivir moi ben, pois tiña moitas posesións. Correcto?
D Podería vivir moi ben cos regalos que lle faría. Correcto?

15. Indica en cal das seguintes series hai unha palabra que non pertence ao mesmo campo semántico.

A Amencer, alborada, albor, aurora. Correcto?
B Luscofusco, anoitecer, noitiña, lusquefusque. Correcto?
C Amañecer, amencer, abrente, luzada do día. Correcto?
D Amencer, luscofusco, alba, alborada. Correcto?

16. A vogal e da palabra ven (en vermello no texto):

A É unha vogal media aberta. Correcto?
B É unha vogal aberta. Correcto?
C É unha vogal pechada. Correcto?
D É unha vogal media pechada. Correcto?

17. Na oración “Mentres se peitea aparenta triste e cavilosa” a palabra subliñada é:

A Un pronome de interese. Correcto?
B Un pronome de solidariedade. Correcto?
C Un pronome persoal átono reflexivo. Correcto?
D Un pronome persoal tónico de 3ª persoa. Correcto?

18. A forma verbal subliñada encúspeme dentro dela (en vermello no texto)”:

A É a segunda persoa de singular do imperativo do verbo cuspir. Correcto?
B É a terceira persoa de singular do presente de indicativo do verbo cuspir. Correcto?
C É a terceira persoal de singular do futuro de indicativo do verbo cuspir. Correcto?
D É a terceira persoal de singular do pretérito perfecto (pretérito) de indicativo do verbo cuspir. Correcto?

19. Que clase de palabra é vaia (en vermello no texto)?

A Un adverbio. Correcto?
B Unha interxección. Correcto?
C Un verbo. Correcto?
D Unha conxunción. Correcto?

20. O texto que acaba de ler é:

A Un texto poético. Correcto?
B Un texto dramático. Correcto?
C Unha novela. Correcto?
D Unha lenda. Correcto?

1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)

Cada vez son máis as persoas que se preocupan por adquirir uns hábitos de consumo responsable. Imaxine que vostede é unha desas persoas, pero ten un compañeiro que non o é, polo que decidiu enviarlle un correo electrónico para tentar que cambie a súa actitude. Redacte un correo electrónico dirixido ao seu compañeiro tratando os seguintes aspectos:
• Convídeo a levar un estilo de vida sustentable.
• Expóñalle as principais consecuencias de non coidar o planeta.
• Déalle unha serie de consellos para animalo a ser máis respectuoso co medio.

Extensión máxima: 200 palabras.



ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com