ogalego.eu 
Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional
Probas de graduado en educación secundaria
Maio 2022


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta restará 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontarán puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcular a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

Observatorio da Publicidade

Que é o Observatorio da Publicidade?

O instrumento posto á disposición da cidadanía a través do que a Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista dependente do Servizo Galego de Igualdade recibe as denuncias en relación con anuncios ou campañas publicitarias realizadas en Galicia e consideradas sexistas; analiza e estuda os contidos denunciados en relación coa imaxe das mulleres e o seu tratamento e constitúe un foro de comunicación entre a administración e a sociedade.
O labor da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista céntrase exclusivamente na publicidade que se difunda a través de soportes publicitarios e os medios de comunicación que teñan a súa sede principal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Que podemos considerar publicidade sexista?

A publicidade que atente contra a dignidade da persoa ou vulnere os valores e dereitos recoñecidos na Constitución, especialmente aqueles aos que se refiren os seus artigos 18 e 20, número 4.
Entenderanse incluídos na previsión anterior os anuncios que presenten as mulleres de forma vexatoria, ben utilizando particular e directamente o seu corpo ou partes do mesmo como simple obxecto desvinculado do produto que se pretende promover, ben a súa imaxe asociada a comportamentos estereotipados que vulneren os fundamentos do noso ordenamento, promovendo a xeración da violencia á que se refire a Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Que se fai cando se presenta unha denuncia?

Analizarase o contido do obxecto da denuncia en relación coa normativa vixente de aplicación e se este presenta as mulleres de forma vexatoria, deseguido:
 No caso de que a publicidade sexa de ámbito non autonómico, remítese a denuncia ao órgano estatal competente do Ministerio de Igualdade.
 De tratarse de publicidade de ámbito autonómico, a través da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista realízanse os contactos necesarios para a súa retirada con anunciantes e medios nos que se publica, ofrecendo criterios alternativos para eliminar o sexismo das mensaxes.

Como se pode facer a denuncia?

Cubrindo o formulario de denuncia de publicidade sexista e enviándoo por correo electrónico ao enderezo igualdade@xunta.es ou por fax ao 981 957 690.
Tamén existe a posibilidade de facela a través do Teléfono da Muller 900 400 273, un servizo totalmente gratuíto e anónimo que funciona durante as 24 horas do día e con cobertura para toda a comunidade autónoma.

Fonte ligazón

1. Segundo o texto 1, que anuncios se consideran sexistas?
A Os que denigran a imaxe da muller asociándoa a estereotipos. Correcto?
B Os que non utilizan a imaxe da muller para promover un produto. Correcto?
C Os que utilizan a imaxe da muller para promover un produto. Correcto?
D Os que non atentan contra a dignidade da persoa. Correcto?

2. Segundo o texto 1, o labor da Comisión Asesora de Publicidade Non Sexista...
A difúndese a través de soportes publicitarios da Comunidade Autónoma de Galicia. Correcto?
B céntrase na publicidade que se propaga en soportes publicitarios e nos medios con sede na Comunidade Autónoma de Galicia. Correcto?
C céntrase nos medios de comunicación de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia. Correcto?
D difúndese a través de soportes publicitarios e dos medios de comunicación que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia. Correcto?

3. Segundo o texto 1, unha das funcións do Observatorio da Publicidade é ...
A denunciar os anuncios que empreguen imaxes de mulleres. Correcto?
B analizar a imaxe das mulleres para comunicarllo á Administración de Galicia. Correcto?
C denunciar a violencia de xénero e obrigar a retirar os anuncios sexistas. Correcto?
D recibir as denuncias relacionadas con anuncios sexistas en Galicia. Correcto?

4. Segundo o texto 1, que fai o Observatorio da Publicidade cando se presenta unha denuncia?
A Retírase a mensaxe sexista dos medios en que se publica. Correcto?
B Se a publicidade é de ámbito autonómico, remítese ao Ministerio de Igualdade. Correcto?
C Ofréceselles aos medios en que se publica outras opcións para eliminar a mensaxe sexista. Correcto?
D Se a publicidade é de ámbito non autonómico, remítese á Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. Correcto?

5. Indique cal é o significado da expresión comportamentos estereotipados (verde no texto):
A Maneiras de actuar peculiares, pouco comúns. Correcto?
B Maneiras de actuar que presentan algunha anomalía, atípicas. Correcto?
C Maneiras de actuar que se repiten sempre coa mesma forma fixa, sen variación. Correcto?
D Maneiras de actuar finxidas, que aparentan algo que non son. Correcto?

6. Que tipo de texto é o texto 1 desde o punto de vista do contido?
A Narrativo. Correcto?
B Descritivo. Correcto?
C Argumentativo. Correcto?
D Informativo. Correcto?

7. A palabra incluídos (subliñada no texto) leva acento gráfico...
A porque é unha palabra grave acabada en -s. Correcto?
B porque cómpre marcar o hiato. Correcto?
C porque contén un ditongo decrecente. Correcto?
D porque contén un ditongo crecente. Correcto?

8. Que significa a palabra deseguido (subliñada no texto)?
A A continuación. Correcto?
B Decote. Correcto?
C En calquera caso. Correcto?
D Neste caso. Correcto?

9. Cal das seguintes series é incorrecta?
A A paisaxe, a arte, a paréntese, a imaxe. Correcto?
B O costume, a peaxe, a mensaxe, a imaxe. Correcto?
C A labor, a viaxe, a suor, o imaxe. Correcto?
D O cume, a dor, a imaxe, o sangue. Correcto?

10. Indique cal é a función sintáctica do fragmento (en vermello no texto) “Os anuncios que presenten as mulleres de forma vexatoria”.
A Suxeito. Correcto?
B Complemento axente. Correcto?
C Complemento directo. Correcto?
D Complemento indirecto. Correcto?

Texto 2

Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances. A obriña duraría dez minutos nada máis.

LANCE PRIMEIRO
Érguese o pano e aparece unha corte aldeá. Enriba do estrume hai unha vaca morta. Ao redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío e enxoitan os ollos coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza. O pranto debe ter unha graza choqueira, para que estoupen de risa os do patio de butacas.
E cando se farten de rir os señoritos baixará o pano.

LANCE SEGUNDO
Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito señorío. Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa de neve. Ao seu redor chora unha fidalgona e dúas fidalguiñas novas. Todas elas fan o pranto e enxoitan as bágoas con paniños de encaixe. Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto.
E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi amodiño.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Cousas, 1926.

11. En que lugar se sitúa a acción do primeiro lance do texto 2?
A Na aldea, nun lugar cerrado onde se garda o gando. Correcto?
B Na aldea, nunha estrada onde hai unha vaca morta. Correcto?
C Nunha residencia da nobreza. Correcto?
D Nun patio de butacas. Correcto?

12. Segundo o texto 2, por que rin os do patio de butacas?
A Porque a morte dunha cadela non é para tanto. Correcto?
B Porque a morte dunha vaca non é para tanto. Correcto?
C Porque se alegran de que os labregos sufrisen unha gran desgraza. Correcto?
D Porque os labregos son uns paifocos. Correcto?

13. Como é o lugar en que se desenvolve o segundo lance do texto 2?
A Está moi ben adornado. Correcto?
B Hai moitos señoritos. Correcto?
C É un galiñeiro. Correcto?
D É un patio de butacas. Correcto?

14. As personaxes do segundo lance do texto 2 son ...
A tres mulleres que traballan nunha casa rica. Correcto?
B tres mulleres de clase alta. Correcto?
C tres mulleres de clase baixa. Correcto?
D tres mulleres de clase alta e uns labregos. Correcto?

15. As palabras vella, velliña e avellentada...
A son compostas. Correcto?
B son parasintéticas. Correcto?
C son do mesmo campo semántico. Correcto?
D son da mesma familia léxica. Correcto?

16. Cal dos seguintes termos é sinónimo de paifoco?
A Tolo. Correcto?
B Listo. Correcto?
C Fermoso. Correcto?
D Pailán. Correcto?

17. Cal é o significado de estrume (en vermello no texto)?
A Herbas medicinais para o gando. Correcto?
B Vexetación propia do monte que se aproveita para estrar a corte. Correcto?
C Tarima máis elevada ca o chan sobre a que se coloca algo ou alguén. Correcto?
D Cama incómoda, pobre e en mal estado. Correcto?

18. Como é a vogal “e” de pés (en verde no texto)?
A Unha vogal pechada. Correcto?
B Unha vogal media pechada. Correcto?
C Unha vogal aberta. Correcto?
D Unha vogal media aberta. Correcto?

19. Que recurso literario aparece na oración “A cadela morta semellará unha folerpa de neve” (subliñado no texto)?
A Símil. Correcto?
B Metáfora. Correcto?
C Personificación. Correcto?
D Hipérbato. Correcto?

20. Cal das seguintes obras pertence a Castelao?
A A Esmorga. Correcto?
B Os camiños da vida. Correcto?
C Os dous de sempre. Correcto?
D A lus do candil. Correcto?

1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)

Segundo a UNESCO a igualdade de xénero defínese como a igualdade de dereitos, responsabilidades e oportunidades das mulleres e os homes, e as nenas e os nenos. A igualdade non quere dicir que homes e mulleres sexan o mesmo, senón que os dereitos, as responsabilidades e as oportunidades non poden depender do sexo.
Vostede acaba de ler isto nun xornal e decide enviar unha carta ao director expresando a súa opinión sobre este tema.
Redacte un texto, de 200 palabras aproximadamente, en que debe tratar os seguintes aspectos:
• Expoña se considera que hai (ou non) igualdade real entre homes e mulleres na actualidade.
• Sinale os cambios que, con respecto a este tema, se produciron na sociedade.
• Indique se hai algún aspecto que habería que mellorar
Extensión máxima: 200 palabras.



ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com