ogalego.eu 
Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro 2021


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta restará 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontarán puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcular a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

O galego máis "normativo" fálase no concello da Lama

A crenza popular do galego normativo como un código inventado e distanciado da fala real das persoas é un dos falsos mitos que arrodean a nosa lingua, que sufriu un proceso normativizador bastante serodio en relación ás linguas próximas (español e portugués), que se fixaron a comezos da Idade Moderna. O investigador do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e membro do Instituto da Lingua Galega Xulio Sousa vén de publicar un estudo na prestixiosa revista Languages que pretende mostrar como a variedade estándar contén as formas empregadas nas distintas variedades do galego dos anos 70.
Considerando os tres bloques lingüísticos nos que tradicionalmente se dividen as variacións da lingua, os resultados mostran que as localidades cun galego máis semellante á variedade estándar están nas zonas de confluencia dos bloques central e occidental, aínda que tamén se atopan concellos con alto grao de parecido no interior norte do país. Concretamente, o concello da Lama (Pontevedra) é o lugar no que a fala se parece máis ao estándar, cun 82,09 % de semellanza. Pola contra, as maiores diferenzas atopáronse na localidade leonesa de Pombriego, que só se asemella nun 34,29 % ao galego normativo.
Sousa sinala o "maior peso demográfico e de produción literaria do bloque occidental" para xustificar o fenómeno. Así mesmo, insiste en que, por termo medio, as porcentaxes de semellanza roldan o 75 %, polo que hai unha proximidade evidente.
As conclusións xorden dunha análise dialectométrica de 167 localidades de Galicia, Asturias, León e Zamora. Os datos empregados proceden do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), elaborado polo ILG a partir de datos do galego falado en áreas rurais a finais dos anos 70, cando aínda non existía unha variedade estándar, que foron tamén fonte para a elaboración da norma.
Na maioría das linguas europeas, cuxo estándar leva séculos asentado, é habitual o estudo da influencia da normativa sobre os dialectos. Porén, no caso do galego, é posíbel estudar tamén o impacto das variedades na creación do estándar. Este debe entenderse como “composicional", concibido coma símbolo de identificación e vehículo de comunicación común na escrita e rexistros de maior formalidade, mais nunca para substituír as variantes que o conformaron.

Fonte

1. Segundo o texto, o galego normativo:

A Está creado a partir das variedades dialectais. Correcto?

B É unha variedade afastada da lingua oral. Correcto?

C É unha modalidade idiomática artificial. Correcto?

D Está fixado desde comezos da Idade Moderna. Correcto?

2. No concello da Lama (Pontevedra) fálase o galego:

A Máis semellante ao literario. Correcto?

B Máis semellante ao culto. Correcto?

C Máis semellante ao normativo. Correcto?

D Máis semellante ao enxebre. Correcto?

3. Cal é a idea principal que transmite o texto?

A O maior peso demográfico e literario sitúase no bloque oriental de Galicia. Correcto?

B Os datos do ALGa demostran que nos anos 70 xa había unha variedade estándar. Correcto?

C A existencia de dous bloques lingüísticos retardou o proceso normativizador do galego. Correcto?

D O galego estándar foi creado a partir das variedades dialectais. Correcto?

4. Que tópico con relación ao idioma galego é refutado no texto?

A Que sufriu un proceso normativizador bastante serodio. Correcto?

B Que o seu estándar é unha invención allea á lingua popular. Correcto?

C Que é un idioma falado exclusivamente en Galicia. Correcto?

D Que non se pode estudar a pegada dos dialectos no estándar. Correcto?

5. O seseo e a gheada son dous trazos dialectais do galego. Onde conviven ambos fenómenos?

A No bloque oriental. Correcto?

B No bloque occidental. Correcto?

C No bloque central. Correcto?

D En diferentes áreas dos tres bloques. Correcto?

6. Que se entende por variedade estándar dunha lingua?

A A forma codificada dunha lingua utilizada como modelo por unha comunidade da fala. Correcto?

B A modalidade lingüística que utiliza de maneira perfecta a morfosintaxe e o léxico. Correcto?

C A que empregan os falantes na vida cotiá para comunicarse cos amigos e a familia. Correcto?

D A que se constituíu co tempo como unha unidade identificada polos propios falantes. Correcto?

7. A diglosia é unha situación sociolingüística que se dá:

A Nun territorio onde coexisten dúas linguas oficiais. Correcto?

B Nas persoas que coñecen dúas linguas sen chegaren a ter competencia en ningunha. Correcto?

C Nunha comunidade que substitúe a lingua autóctona en favor doutra. Correcto?

D Nunha comunidade que usa dúas linguas distintas para funcións sociais diferentes. Correcto?

8. “Xorden” (liña 18) pertence ao presente de indicativo de verbo xurdir. As outras persoas dese tempo son:

A Xordo, xordes, xorde, xordimos, xordides. Correcto?

B Xordo, xurdes, xurde, xurdimos, xurdides. Correcto?

C Xurdo, xordes, xorde, xurdimos, xurdides. Correcto?

D Xordo, xurdes, xurde, xurdimos, xurdides. Correcto?

9. A forma “porén”, que aparece na liña 23, é:

A Unha conxunción equivalente a “a menos que”, “agás que”, “salvo que”. Correcto?

B Un adverbio do mesmo tipo que “alén”, “lonxe”, “detrás”. Correcto?

C Unha conxunción equivalente a “con todo”, “non obstante”, “mentres que”. Correcto?

D Unha preposición como “por”, “para”, “perante”. Correcto?

10. Indique cal das seguintes series constitúe unha familia léxica:

A Lingua, idioma, dialecto, fala. Correcto?

B Regra, norma, código, lei. Correcto?

C Normativizar, normalizar, estandarizar, formalizar. Correcto?

D Lingua, linguaxe, lingüístico, bilingüe. Correcto?

O home, os animais e a duración da vida

Cando Deus fixo o mundo, daquela creou os animais. Creou o burro e díxolle:
—Vas ser burro, vas traballar de sol a sol cos homes ata que te rebenten, e vas vivir cincuenta anos.
E díxolle o burro:
—Señor! Cincuenta anos son moitos! Con vinte xa me chega!
—Está ben, pois concedido. Vinte.
Entón creou o can e díxolle:
—Vaste chamar can, vas comer as sobras que che dean na casa…Vas ter conta da casa e vas vivir trinta anos.
E díxolle:
—Señor, trinta anos para estar de can, e comer as sobras todos os días! Dáme quince!
—Vale, concedido. Quince.
E despois creou o mono e díxolle:
—Vas ser mono, vas andar de rama en rama, a facer rir os homes. Vas andar a facer pallasadas por aí. Vaste chamar mono e vas vivir trinta anos.
—E para facer o parvo non me chegan quince anos tamén?
—Pois quince anos.
Entón despois creou o home, e díxolle:
—Vas ser o home, o único animal racional sobre a Terra. Vas mandar en todos os animais, e vas vivir vinte anos.
—Señor, vinte anos para ser o único animal racional sobre a Terra é moi pouco tempo! É mellor que me deas máis; por exemplo, os trinta que non quixo o burro, os quince que non quixo o can e os quince que non quixo o mono.
—Pois concedido.
Por iso o home vive vinte anos como home, vivindo, gozando, de festa en festa... Despois pasa a vivir trinta anos coma un burro, a traballar coma un burro… Despois ao pasar os trinta anos, os fillos vánselle da casa e queda de can, a ter conta da casa e alí de can... ao que lle dean. E despois pasa… ao final da súa vida, ao choio do mono, a saltar de casa en casa…

Pepe “O Caramuxo”, Moaña, 2010.

11. Cantas voces diferentes se escoitan no discurso?

A Seis, incluíndo a voz narrativa. Correcto?

B Unha, sempre a do narrador. Correcto?

C Trece, tantas como raias de diálogo. Correcto?

D Cinco, a de Deus e mais as das catro criaturas. Correcto?

12 .Este relato é un exemplo de:

A Conto literario. Correcto?

B Conto popular. Correcto?

C Lenda mitolóxica. Correcto?

D Lenda tradicional. Correcto?

13. En que rexistro lingüístico está construído o texto?

A Planificado ou formal. Correcto?

B Oral ou falado. Correcto?

C Popular ou vulgar. Correcto?

D Coloquial ou informal. Correcto?

14. Que refrán dos seguintes recolle mellor o sentido do conto?

A De neno, rei; de mozo, capitán; de casado, burro e de vello, can. Correcto?

B Dá Deus ás á formiga para morrer máis axiña. Correcto?

C O que ós vinte non é home e ós corenta non é rico ten algo de burrico. Correcto?

D O can ouvea, o burro ornea e o mono monea. Correcto?

15. A primeira etapa da literatura galega, o período medieval, esténdese:

A Desde o século X ata o século XX. Correcto?

B Desde fins do século XII ata o século XV. Correcto?

C Ao longo dos séculos IV e V. Correcto?

D Desde o século II ata fins do século V. Correcto?

16. Álvaro Cunqueiro, famoso escritor galego do século XX, é o autor entre outros títulos de:

A Á lus do candil, Terra brava, Historias que ninguén cre, Pauto do demo. Correcto?

B A esmorga, Xente ao lonxe, Os biosbardos, Farsas para títeres. Correcto?

C Merlín e Familia, Os outros feirantes, Herba aquí e acolá, As crónicas do sochantre. Correcto?

D Memorias dun neno labrego, Xente no rodicio, Remuíño de sombras, Querido Tomás. Correcto?

17. Cal das seguintes secuencias de numerais é a correcta?

A Oito, octavo, dezaoito, décimo octavo, oitenta, octoxésimo. Correcto?

B Oito, octavo, deceoito, decimoitavo, ochenta, oitoxésimo. Correcto?

C Oito, octavo, dez e oito, décimo oitavo, oitenta, oitoxésimo. Correcto?

D Oito, oitavo, dezaoito, décimo oitavo, oitenta, octoxésimo. Correcto?

18. A perífrase verbal “ir + infinitivo” que aparece reiteradamente no texto (vas ser, vas traballar...):

A Pode ter un valor temporal de pasado ou modal de dúbida. Correcto?

B Pode ter un valor aspectual durativo ou reiterativo. Correcto?

C Pode ter un valor modal de obrigación ou temporal de futuro. Correcto?

D Pode ter un valor modal de posibilidade ou de obrigación. Correcto?

19. Cal das seguintes series está formada exclusivamente por palabras da mesma categoría gramatical que “aí” (liña 15)?

A A, ante, ata, tras. Correcto?

B Acó, alá, acolá, aló. Correcto?

C Isto, iso, aquilo, ese. Correcto?

D Hai, ai, ah, ei. Correcto?

20. Que figura retórica se atopa na expresión “vas traballar... ata que te rebenten” (liña 2)?

A Hipérbole. Correcto?

B Metonimia. Correcto?

C Símil. Correcto?

D Anáfora. Correcto?

1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)

Vostede participa na asociación cultural do seu barrio e encárganlle unha colaboración para o blog de dita entidade sobre a situación actual do galego. Despois de ler o texto 1, O galego máis “normativo” fálase no concello da Lama, decide escribir un texto expositivo para desenvolver o tema “o idioma galego: pasado, presente e futuro”.
Debe abordar os seguintes aspectos:
•Presentar brevemente o tema que vai tratar.
•Desenvolver diferentes aspectos sobre os usos actuais do idioma: por idades, por profesións...
•Comparar a situación actual coa que se vivía en épocas pasadas.
•Chegar a algunha conclusión valorativa de carácter persoal sobre o futuro do galego.
Extensión máxima: 200 palabras.



ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com