ogalego.eu 
Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro de 2020


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcular a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

O ioga que nos ensinan en Occidente converteuse nunha fábrica de narcisistas

Xa hai bastantes anos que facer ioga é visto como imprescindible se queres ser percibido polos demais como unha persoa espiritual e, asemade, preocupada polo seu físico. Algo así como o ximnasio das persoas ás que lles dan preguiza/noxo as máquinas do ximnasio. É por iso que “postear” stories da túa sesión de ioga en Instagram ou paseares cos teus leggings e a túa esteira dálle un plus ao teu rollito guay, urbano, espiritual, healthy, conectado co mundo. Pero tamén hai moitísimas persoas que grazas á súa práctica atoparon un xeito de aliviar o seu estrés, mellorar o seu estado físico e abrírense a unha filosofía que compense un pouco o materialismo da sociedade occidental.

O problema está en que, polo visto, tanto uns coma outros están botando a perder toda a filosofía por detrás desta práctica milenaria. Segundo un estudo da Universidade de Southampton, os practicantes asiduos de ioga en Occidente (non se referían a budistas estritos) adoitan experimentar un forte reforzamento do ego e a autoestima e, mesmo, tendencias narcisistas. Para iso avaliaron a progresión de 93 estudantes durante 15 semanas de práctica confirmando que moitos deles respondían aos tests sobre autoestima dunha forma próxima ao narcisismo nas 24 horas seguintes acada sesión de ioga. En efecto, en lugar de combater o “eu ilusorio” e buscar a unidade coa divindade que pregoan as filosofías que empregan o ioga (budismo e hinduísmo) provoca nos seus practicantes un aumento bastante heavy do ego.

Un segundo estudo levado a cabo con 162 practicantes de meditación recrutados a través de Facebook concluíu dun xeito idéntico. “Nin o ioga nin a meditación aquietan o ego, senón que o aumentan”, afirmaron os investigadores achacando este curioso efecto a que, debido ao efecto beneficioso do exercicio e técnicas do ioga, se producía unha notable elevación do benestar que, inevitablemente, levaba a un aumento da autoestima e autopercepción dos seus practicantes que non podían evitar compararse con aquelas persoas da súa contorna (ou do propio grupo de ioga) que non optaban por coidar o seu corpo e mente ou que, ao seu xuízo, non eran tan eficientes coma eles.

Esta evidente contradición na que incorren os participantes occidentais de ioga foi descrita polo mestre tibetano Chögyam Trungpa que o bautizou como “materialismo espiritual”. É dicir, a práctica destas técnicas sen a profundidade ética, filosófica e relixiosa que a sosteñen non produce o efecto desexado (disolver o ego) senón que, precisamente, o reforza dando aos seus practicantes unha falsa sensación de superación do ilusorio cando, en realidade, penetran nel de xeito máis intenso. Significa isto que os practicantes de ioga deberían deixar de practicalo? Non. O certo é que segue sendo unha práctica moi positiva, e tampouco se trata de que “todxs” alcancemos a “budeidade” nesta vida, pero o ideal sería dotala de toda a súa esencia, é dicir, profundar nos seus aspectos máis filosóficos e espirituais na medida en que cada un sexa capaz.

Porque o ioga é moito máis que un exercicio físico ou algo “instagrameable”, e é unha mágoa que aínda non o teñamos interiorizado. Iso si, no noso contexto occidental sempre será mellor sentir que se che pon un corpo varudo e sexy, coa autoestima polas nubes, que sentíreste unha merda e apoltronarte no sofá.

Fonte (tradución)

D Un texto expositivo.

1. Segundo o texto, o ioga percíbese basicamente como unha práctica esencial para persoas:

A Interesadas na súa imaxe e cun certo idealismo. Correcto?

B Que unicamente queren evitar o ximnasio. Correcto?

C Que utilizan arreo as redes sociais. Correcto?

D Preocupadas só en mellorar o seu físico. Correcto?

2. O efecto que o ioga e a meditación producen nos practicantes occidentais cabe cualificalo como:

A Irracional, pois vulnera calquera orde ou método. Correcto?

B Paradoxal, pois é contrario ao cabalmente previsible. Correcto?

C Absurdo, pois non ten ningún sentido. Correcto?

D Previsible, pois está dentro do normal. Correcto?

3. Cal é a idea que mellor sintetiza a conclusión á que chega o texto?

A O ioga, con todo, é recomendable tamén en Occidente. Correcto?

B O practicante occidental entende ben a filosofía do ioga. Correcto?

C O practicante occidental do ioga nunca obtén o resultado pretendido. Correcto?

D O ioga que se practica en Occidente baséase no “materialismo espiritual”. Correcto?

4. A palabra “budeidade”, que aparece en vermello no texto, significa:

A Iluminación e sabedoría propias de Buda. Correcto?

B Constitución e aparencia propias de Buda. Correcto?

C Posición estática sedente propia de Buda. Correcto?

D Renuncia desdeñosa do mundo propia de Buda. Correcto?

5. O artigo que acaba de ler é, segundo a intención comunicativa, un exemplo de texto:

A Narrativo. Correcto?

B Persuasivo. Correcto?

C Expositivo. Correcto?

D Instrutivo. Correcto?

6. A forma “asemade”, que aparece subliñada, é:

A Un adxectivo cualificativo que significa “semellante, parecido”. Correcto?

B Unha conxunción que significa “non obstante, así a todo”. Correcto?

C Unha preposición que significa “a pesar de, malia”. Correcto?

D Un adverbio que significa “ao mesmo tempo, simultaneamente”. Correcto?

7. As palabras stories e leggings, healthy e heavy (en verde) son:

A Tecnicismos por seren termos específicos. Correcto?

B Anglicismos por procederen do inglés. Correcto?

C Cultismos por entraren recentemente. Correcto?

D Modismos por seren intraducibles. Correcto?

8. Os vocábulos “autoestima” e “narcisistas” (azul no texto) son:

A Dúas palabras parasintéticas. Correcto?

B Dúas palabras compostas. Correcto?

C Dúas palabras derivadas. Correcto?

D Dúas palabras simples. Correcto?

9. As formas “sentíreste” e “apoltronarte” (vermello subliñado) son dous infinitivos:

A En forma persoal os dous. Correcto?

B En forma non persoal os dous. Correcto?

C En forma persoal e en forma non persoal, respectivamente. Correcto?

D En forma non persoal e en forma persoal, respectivamente. Correcto?

10. Na secuencia “[as persoas] ás que lles dan preguiza/noxo as máquinas do ximnasio” (verde subliñado):

A O suxeito do verbo dar é “as máquinas do ximnasio”. Correcto?

B O suxeito do verbo dar é “as persoas”. Correcto?

C O verbo dar ten un suxeito elíptico en 3ª persoa do plural. Correcto?

D O suxeito do verbo dar é “preguiza/noxo”. Correcto?

 

TEXTO 2

Areas movedizas

Advírtenme outra vez do perigo.
Que teña coidado ao saír de noite,
que non estrague ese lindo vestido
ao que lle din un futuro por diante.
Repiten en conxunto o mesmo rito,
poñen cara e acenos protectores,
ton de voz fondamente preocupado.
Contesto axiña, actriz esaxerada:
Non vou ser tan parva, xa sabedes.
Non quero ser a bonequiña rota.
Pero no fondo non estou tan segura.
Pero no fondo hai augas que se enturban.
Xusto , a un milímetro do medo.
Xusto , entre os adverbios de dúbida
que penduran das perchas do meu cuarto.


Carlos Negro, Penúltimas tendencias, 2014.

11. Os sete primeiros versos encerran unha advertencia familiar que denota unha actitude:

A Apoucada ou pusilánime. Correcto?

B Posesiva. Correcto?

C Autoritaria. Correcto?

D Prudente e preocupada. Correcto?

12. Como se mostra emocionalmente a moza que pon voz ao poema?

A Arrogante. Correcto?

B Insegura pero decidida. Correcto?

C Nerviosa pero esaxerada. Correcto?

D Fachendosa. Correcto?

13. A expresión “bonequiña rota” (subliñada no texto) refírese a unha persoa:

A Manipuladora que se dedica a amolar. Correcto?

B Prosmeira que estraga a diversión. Correcto?

C Inocente que foi ferida e rexeitada. Correcto?

D Agoirenta, que trae a mala sorte. Correcto?

14. Cos dous últimos versos do poema ponse de manifesto:

A A indecisión por se saír ou non para satisfacer aos seus. Correcto?

B O arrepentimento por aparentar seguridade diante dos seus. Correcto?

C A vacilación para escoller o modelo despois do que lle acaban de dicir. Correcto?

D A incomodidade polos consellos que acaba de recibir. Correcto?

15. Sinale cal é a periodización na que adoita dividirse a literatura galega anterior ao século XX:

A Idade Media - Século de Ouro - Séculos Escuros - Rexurdimento. Correcto?

B Idade Antiga - Idade Media - Séculos Escuros - Rexurdimento. Correcto?

C Idade Media - Séculos Escuros - Prerrexurdimento - Rexurdimento. Correcto?

D Séculos Escuros - Prerrexurdimento - Rexurdimento - Posrrexurdimento. Correcto?

16. Nos versos 3 e 4 aparece unha figura retórica. Que nome recibe?

A Anáfora. Correcto?

B Símil. Correcto?

C Hipérbole. Correcto?

D Metonimia. Correcto?

17. Por que leva acento a palabra “aí” (vermello)?

A Para indicar que hai un ditongo. Correcto?

B Para indicar que hai un hiato. Correcto?

C Porque é unha palabra grave rematada en ditongo decrecente. Correcto?

D Porque é unha palabra aguda rematada en ditongo decrecente. Correcto?

18. A palabra “acenos”, en azul, significa:

A Conxunto das pezas do vestiario que usa unha persoa. Correcto?

B Aparellos que cobren a cara para protexela. Correcto?

C Palabras ou ditos axeitados para expresar algo. Correcto?

D Movementos ou sinais para expresar algo sen palabras. Correcto?

19. En que tempo está conxugado a forma verbal “advirten”, no verso 1?

A Presente de subxuntivo. Correcto?

B Pretérito imperfecto de indicativo. Correcto?

C Imperativo presente. Correcto?

D Presente de indicativo. Correcto?

20. Cal das seguintes series está formada exclusivamente por adverbios de dúbida?

A Talvez - acaso - quizais - seica. Correcto?

B Abofé - tamén - xaora - certamente. Correcto?

C Amodo - asemade - devagar - adrede. Correcto?

D Sequera - nin - tampouco - non. Correcto?

1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)

A partir do tema que se aborda no texto 2, Areas movedizas, vostede debe escribirlle a unha persoa de confianza un correo electrónico onde lle relate algunha anécdota sucedida nunha saída nocturna. Extensión máxima: 200 palabras.
Debe abordar os seguintes aspectos:
• Saúdo amigable
• Exposición do motivo do correo
• Narración dos feitos acontecidos
• Despedida
Valorarase a corrección ortográfica, gramatical e formal, así como a adecuación do contido ao tema proposto e o uso do vocabulario apropiado.



ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com