ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Setembro de 2018


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

O dereito ao voto das persoas con discapacidade intelectual

O Tribunal Constitucional vén de avalar que as persoas con discapacidade intelectual non poidan votar. E fíxoo ao rexeitar a admisión a trámite dun recurso de amparo presentado por un matrimonio galego, que reclamaba que á súa filla se lle restablecese o dereito a voto. A maioría dos tres maxistrados acordou esta inadmisión aínda que houbo un voto particular en contra da decisión que lamenta que o alto tribunal perdese a oportunidade de resolver un asunto que afecta a milleiros de persoas en Galicia e no Estado. A familia xa anunciou que acudirá a Estrasburgo.
A resolución do Constitucional, adiantada pola Cadena SER, xorde do caso de Mara, unha moza galega de vinte anos para quen seus pais solicitaron unha incapacitación parcial, pero respectándolle os seus dereitos personalísimos, entre eles o dereito a voto. Hai xa máis de dous anos un xulgado de Compostela emitiu unha sentenza na que, entre outros detalles, privaba a moza do dereito ao sufraxio activo. Fundamentara o maxistrado o seu veto ao sufraxio nun exame sobre coñecemento político, aínda que a Fiscalía considerara que fora respondido acertadamente tendo en conta a idade da moza. Ante tal decisión, a familia recorreu á Audiencia Provincial da Coruña, que ratificaba o ditado en marzo de 2015, ao igual que o Tribunal Supremo, nun ditame de hai nove meses. Este último, malia que a Fiscalía amosara o seu rexeitamento solicitando que se lle facilitase á muller o apoio
necesario e se lle permitise votar, tal e como establece a Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Praza Pública. 28-12-2016.

1. Logo de ler o texto 1 escolla a opción correcta.

A O ditame do Tribunal Supremo ratificou o informe da Fiscalía. Correcto?

B A familia de Mara aceptou con resignación a sentenza. Correcto?

C En 2016 un xulgado de Compostela non permitiu exercer a Mara o seu dereito ao voto. Correcto?

D O Tribunal Constitucional impide que unha moza galega con discapacidade intelectual poida votar. Correcto?

2. O Tribunal Constitucional non admitiu o recurso presentado pola familia de Mara...

A por unanimidade dos seus membros. Correcto?

B co voto en contra dun dos seus membros. Correcto?

C co voto en contra da Fiscalía. Correcto?

D coa abstención dun dos seus membros. Correcto?

3. Que un xulgado de Compostela emitise unha sentenza na que “privaba a moza do dereito ao sufraxio activo” (subliñado no texto), significa:

A Que lle está prohibido votar. Correcto?

B Que pode votar alguén no seu nome. Correcto?

C Que non se pode presentar como candidata ás eleccións. Correcto?

D Que pode votar, sempre que sexa maior de idade. Correcto?

4. O texto 1 é:

A Un relato. Correcto?

B Unha noticia. Correcto?

C Un artigo de opinión. Correcto?

D Un texto publicitario. Correcto?

5. Constitucional (liña 1) é unha palabra:

A Simple. Correcto?

B Composta. Correcto?

C Derivada. Correcto?

D Parasintética. Correcto?

6. Na secuencia “A maioría dos tres maxistrados acordou esta inadmisión” (azul no texto), o sintagma esta inadmisión desempeña a función de:

A Complemento circunstancial. Correcto?

B Complemento axente. Correcto?

C Complemento directo. Correcto?

D Atributo. Correcto?

7. Os substantivos capacidade e incapacidade son:

A Antónimos. Correcto?

B Homónimos. Correcto?

C Sinónimos. Correcto?

D Eufemismos. Correcto?

8. A palabra vén (liña 1) posúe acento gráfico porque:

A é unha palabra monosílaba e todas as palabras monosílabas levan acento gráfico en galego. Correcto?

B é unha palabra que acaba en -n. Correcto?

C pertence ao presente de indicativo do verbo ver. Correcto?

D é un caso de acentuación diacrítica. Correcto?

9. Coñecemento (en vermello no texto) é un substantivo:

A Concreto. Correcto?

B Abstracto. Correcto?

C Propio. Correcto?

D Colectivo. Correcto?

10. Galicia, Estrasburgo, A Coruña e Compostela son:

A Antropónimos. Correcto?

B Topónimos. Correcto?

C Hidrónimos. Correcto?

D Xentilicios. Correcto?



TEXTO 2

Silvina Bailarina

Xulia é o nome da miña nai e sempre me pareceu precioso porque sabe a verán e a vacacións. Precisamente, a primeira vez que me viu a miña nai estabamos de vacacións, alá como polo cuarto mes de embarazo.
Fixéronme unha fotomicrografía (unha foto moi, moi, moi pequerrechiña) e descubriron que eu viña cun cromosoma de máis.
—Ten trisomía do par 21— dixeron os médicos algo serios.
Papi e mami, ao principio, preocupáronse, pero rapidamente se informaron ben do que significaba aquilo e prepararon todo para recibirme como merecía.
E fixérono realmente ben porque a miña chegada foi tan soada que aínda segue na casa a algarabía. Flores, risas, abrazos e agasallos… Avós, avoas, tíos, tías, curmáns, curmás… amigos, mascotas, veciños e veciñas…Todos esperándome!
Dende entón teño tanto amor e cariño ao meu arredor que ás veces parece que non me vai caber dentro e, para que non me caia por todas partes, repártoo en cada coreografía. Coa axuda do meu profe vou mellorando os pasos cada día. Agora estamos traballando a flexibilidade, as estiradas e a relaxación. Di que os meus músculos están sempre relaxados e que para chegar a dominar a danza:
—É imprescindible mellorar e fortalecer a túa complexión, Silvina.
E vaia fastío, porque as táboas de exercicios son tan custosas...

Contos que contaxian ilusión. Fundación ONCE

11. O termo que mellor resume a actitude final dos pais de Silvina é:

A Tristura. Correcto?

B Aceptación. Correcto?

C Incerteza. Correcto?

D Abraio. Correcto?

12. Cando naceu a protagonista:

A A nai estaba de vacacións. Correcto?

B Fixéronlle unha fotografía. Correcto?

C A súa complexión muscular era moi feble. Correcto?

D A familia celebrouno con alegría. Correcto?

13. Que recurso está presente na expresión “a miña chegada foi tan soada que aínda segue na casa a algarabía” (en azul no texto)?

A Hipérbole. Correcto?

B Anáfora. Correcto?

C Paradoxo. Correcto?

D Personificación. Correcto?

14. Este relato é narrado:

A En primeira persoa. Correcto?

B En segunda persoa. Correcto?

C En terceira persoa. Correcto?

D Por unha testemuña dos feitos. Correcto?

15. O substantivo algarabía (vermello no texto) é sinónimo de:

A Tranquilidade. Correcto?

B Agasallo. Correcto?

C Barullo. Correcto?

D Preocupación. Correcto?

16. Identifique a serie correcta de autores considerados como as figuras fundamentais do Rexurdimento da literatura en lingua galega no século XIX:

A Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Vicente Risco. Correcto?

B Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Correcto?

C Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Afonso Castelao. Correcto?

D Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Ramón Cabanillas. Correcto?

17. A palabra “cuarto” (en verde no texto) é:

A Un pronome. Correcto?

B Un substantivo. Correcto?

C Un numeral cardinal. Correcto?

D Un numeral ordinal. Correcto?

18. Caia (subliñado no texto) é unha forma verbal que pertence ao:

A Presente de indicativo. Correcto?

B Presente de subxuntivo. Correcto?

C Pospretérito ou Condicional. Correcto?

D Imperativo. Correcto?

19. Sinale cal das seguintes series de palabras forma unha familia léxica:

A Avós, tías, curmáns, veciñas. Correcto?

B Papi, mami, profe, foto. Correcto?

C Relaxación, relaxados, relaxar, relaxante. Correcto?

D Merecía, algarabía, coreografía, tía. Correcto?

20. Escolla a opción ortograficamente correcta:

A Fácilmente, diccionario, marabilla, ombro. Correcto?

B Facilmente, diccionario, maravilla, hombro. Correcto?

C Facilmente, dicionario, marabilla, ombro. Correcto?

D Fácilmente, dicionario, maravilla, hombro. Correcto?


3. Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)

Vostede é familiar dunha persoa con discapacidade intelectual e está a participar nunha campaña de concienciación para que a estas persoas se lles permita votar. Redacte unha carta dirixida ao seu alcalde ou alcaldesa para que o Concello apoie a iniciativa e permita utilizar as instalacións municipais na celebración dun festival divulgativo. No texto, que terá unha extensión de 200 palabras, deberá:
-Presentarse e expoñer a súa situación persoal.
-Explicar en que consiste a campaña e describir a actividade que se pretende realizar.
-Solicitar o apoio do Concello para a celebración do festival.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com