ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Maio de 2018


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
- A redacción supón o 50% da cualificación final da proba.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 70 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)


TEXTO 1

O xogo da guerra

Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata: "Vai". […] Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei:
‒ Zalo...! […]
Cando apareceu, de seguida me dei conta de que viña de durmir a sesta. Díxome: "Que pasa!?" Eu díxenlle: "O Rata agárdate no río. Cazou unha bolboreta moi bonita". […]
Saímos correndo. Cando chegamos, o Rata estaba bañándose no río. Ao nos ver, saíu. Mirou o Zalo con cara de atravesado e díxolle: "Ola, queres a bolboreta?". O Zalo volveuse cara a min como preguntando. A verdade, eu non quería. O Rata asubiou e entre todos botáronse ao Zalo. Espírono e atárono a un amieiro. […] Quixen fuxir ou tirarme ao río, pero o Rata miroume así, como mira el, e collín o vimbio. ‒"Veña". Díxenlle que non. ‒"Mira Rafael, que te imos atar a ti". ‒"Non". ‒"Mira Rafael, que non me enchas". ‒"Mira Rafael..." Pola voz souben que me ía dicir o da miña nai. Agarrei o vimbio e funme cara ao Zalo. Eu non quería, ben o sabe Deus. E deille no pescozo. Os outros berraron: "Máis!" E eu non vía. Daba. […] Eu non quería, digo a verdade. Díxenllo a aquel señor, pero non me fixeron caso. Tamén lle dixen que fora por sortes, que me tocara a min. Pero non me escoitou. Faloume do inferno e entón calei.
Agora estou neste colexio. Aquí levo un ano. É primavera e non podo saír. Ao mellor saio para xuño. Onte leváronme á sala de castigos. Din que non se pode andar sós, que hai que xogar. […] Polo día collo moscas e gárdoas nunha caixa de mistos. Pola noite meto as moscas na pileta e ábrolle á billa, pouquiño a pouco, paseniño. As moscas soben, foxen pola pileta enriba, pero eu doulles para abaixo cunha palliña e afogan. É a guerra. […]
Para xullo din que saio. O Rata, ao mellor, pensa que me esquecín. Estache bo. Estache bo. Heino arranxar ben arranxado. El ha pensar que somos amigos. Estache bo. Ai, Rata! “Vés ao río?” El vén, que lle gusta moito. “Xogamos aos submarinos?” El xoga, que lle gusta moito xogar aos submarinos. Primeiro paso eu. Paso dúas ou tres veces. Despois que pase el. Eu escarránchome e el pasa por debaixo da auga entre as miñas pernas. E así dúas ou tres veces, para que se confíe. Pouquiño a pouco. Paseniño. E entón, hala, cando pase, pecho as pernas e queda preso polo pescozo. Pouquiño a pouco. Paseñino. Como as moscas da pileta.

CASARES, Carlos. “O xogo da guerra”, Vento ferido. 1967. (Adaptación).

1. Quen é o narrador do texto 1?

A Carlos Casares. Correcto?

B O Rata. Correcto?

C Un narrador en 1ª persoa. Correcto?

D Un narrador en 3ª persoa. Correcto?

2. Cal é o tema deste relato?

A A violencia entre os adolescentes. Correcto?

B O mal desenvolvemento da xustiza. Correcto?

C A vinganza é un pracer amargo. Correcto?

D A historia do Zalo e do Rafael. Correcto?

3.Que figura literaria está presente no último parágrafo do texto?

A Comparación ou símil. Correcto?

B Aliteración. Correcto?

C Interrogación retórica. Correcto?

D Metáfora. Correcto?

4.Sinale entre as seguintes opcións a que contén un infinitivo, un xerundio e un participio.

A Botaron, preguntando, ir. Correcto?

B Dicir, correndo, atravesado. Correcto?

C Vimbio, ver, morto. Correcto?

D Ir, tocara, arranxado. Correcto?

5.Indique a secuencia correcta de antónimos do termo “orixinais”.

A Diferente, copia, insólito, raro. Correcto?

B Vulgar, copia, ordinario, derivado. Correcto?

C Prototipo, novo, inédito, patrón. Correcto?

D Normal, mostra, singular, curioso. Correcto?

6. Escolla a opción na que todos os seus termos pertencen ao campo léxico de “guerra”.

A Soldado, inimigo, arma, atacar. Correcto?

B Amor, estratexia, arma, ferir. Correcto?

C Fusil, campo de batalla, conciliación, aliado. Correcto?

D Ferir, aliados, inimigos, luz. Correcto?

7. Por que razón a forma verbal “vés” (en vermello no texto) leva un acento gráfico?

A É un erro. Non se pode acentuar porque os monosílabos non se acentúan. Correcto?

B Porque é un signo diacrítico que indica que esta forma verbal pertence ao verbo vir. Correcto?

C Porque é un signo diacrítico que identifica esta forma como propia do verbo ver. Correcto?

D Porque a 2ª persoa do pretérito de indicativo sempre leva acento gráfico. Correcto?

8. Que función sintáctica desenvolve o sintagma “o Zalo” na secuencia “Mirou o Zalo con cara de atravesado” (en verde no texto)?

A Atributo. Correcto?

B Suxeito. Correcto?

C Complemento directo. Correcto?

D Complemento indirecto. Correcto?

9. Cal é o significado da palabra “alias”?

A Alcume ou sobrenome. Correcto?

B Avantar. Correcto?

C Aliarse a persoas ou a países para desenvolver proxectos comúns. Correcto?

D Amalgamar, fundir. Correcto?

10. Sinale a opción que relaciona correctamente o período da literatura galega co seu século.

A Idade Media: século XVI. Correcto?

B Séculos Escuros: séculos XIV e XV. Correcto?

C Ilustración: século XVII. Correcto?

D Rexurdimento: século XIX. Correcto?



TEXTO 2

Oito ricos posúen no mundo o mesmo patrimonio que 3.600 millóns de persoas

O 1% da poboación ten máis riqueza que o resto de habitantes do planeta, máis de 7.000 millóns de persoas. A cifra figura no informe elaborado por Oxfam Intermón, que chama a procurar unha solución perante un escenario que non é que sexa só “extremo e inxusto” mais tamén é “insostible”. Só 8 persoas posúen o mesmo patrimonio que aproximadamente 3.600 millóns en todo o mundo, denúnciase en ‘Unha economía para o 99%’.
Esta ONG afirma que, nos vindeiros 20 anos, 500 persoas acumularán unha suma de diñeiro superior ao PIB da India, que ten 1.300 millóns de persoas. Os ingresos do 10% máis pobre da poboación mundial aumentaron en menos de 3 euros ao ano entre 1988 e 2011 mentres que “os do 1%” máis rico incrementáronse 182 veces. Varias investigacións realizadas por Oxfam revelan que, nos últimos 25 anos, o 1 por cento máis rico da poboación percibiu máis ingresos que o 50 por cento máis pobre da poboación en todo o seu conxunto. Nesa mesma liña, o documento recolle que mentres que nestes anos o salario dos traballadores apenas aumentou si que o fixo o salario de presidentes executivos e altos cargos de empresas e corporacións.
"Ningunha sociedade pode manter un incremento semellante da desigualdade. De feito, non existen exemplos na historia da humanidade nos que a riqueza estivese tan concentrada sen que nalgún momento aparecesen as forcas", advertiu o millonario e empresario Nick Hanauer.
No que atinxe a España, a fortuna de 3 persoas equivale á riqueza do 30% máis pobre. España deixa de ingresar por volta de 1.550 millóns de euros como resultado da actividade canalizada a través dos 15 paraísos fiscais "máis agresivos".

Fonte do texto (Adaptación).

11. Cal é o tema que desenvolve o texto 2?

A O 1% da poboación acumula máis riqueza que o resto de habitantes do planeta. Correcto?

B Ningunha sociedade pode manter un incremento semellante da desigualdade. Correcto?

C Oxfam Intermón afirma que en 20 anos a fortuna dun grupo de 500 persoas superará o PIB da India. Correcto?

D A desigualdade no reparto da riqueza. Correcto?

12. A forma verbal “aumentaron” (azul no texto) pertence ao ................... do verbo aumentar.

A Antepretérito. Correcto?

B Pretérito de indicativo. Correcto?

C Presente de subxuntivo. Correcto?

D Pospretérito. Correcto?

13. Sinale cal é a secuencia correcta de sinónimos para o termo “desigualdade” (en verde no texto).

A Diferenza, discrepancia, contraste, diverxencia. Pregunta anulada e dada como váilida para todos e todas.

B Asimetría, diverxencia, semellanza, discrepancia. Pregunta anulada e dada como váilida para todos e todas.

C Diverxencia, distinción, diversidade, disparidade. Pregunta anulada e dada como váilida para todos e todas.

D Diferenza, diverxencia, distinción, equivalencia. Pregunta anulada e dada como váilida para todos e todas.

14. As palabras do texto “mentres” (vermello no texto) e “apenas” (vermello no texto) son:

A Adverbios. Correcto?

B Preposicións Correcto?

C Conxuncións temporais. Correcto?

D Pronomes relativos. Correcto?

15. A perífrase verbal “houbo caer” indica...

A Valor de futuridade. Correcto?

B Unha acción que estivo a punto de suceder mais non pasou. Correcto?

C Probabilidade. Correcto?

D Obrigatoriedade. Correcto?

16. Identifique o significado correcto da preposición “perante”(subliñada no texto).

A Expresa situación antes de. Correcto?

B Expresa situación diante de, fronte a. Correcto?

C Expresa situación tras de. Correcto?

D Expresa situación ao lado de. Correcto?

17. O substantivo “poboación” está formado mediante un mecanismo de...

A Flexión. Correcto?

B Composición. Correcto?

C Derivación. Correcto?

D Parasíntese. Correcto?

18. Indique que orde de periodización da literatura galega é a correcta.

A Período medieval, Séculos Escuros, Século XIX e Século XX até a actualidade. Correcto?

B Período medieval, Séculos Escuros, Século XIX e Idade Moderna. Correcto?

C Período medieval, Séculos Escuros, Século XIX e Idade Contemporánea. Correcto?

D Período medieval, Séculos Escuros, Etapa Moderna e Etapa Contemporánea até a actualidade. Correcto?

19. Sinale a escrita correcta das seguintes cifras ou díxitos: 540, 1/3, 8º, 22.

A Cincocentos corenta, un terzo, octavo, vinte e dous. Correcto?

B Quiñentos corenta, un terzo, octavo, vintedous. Correcto?

C Cincocentos corenta, un tercio, oitavo, vintedous. Correcto?

D Cincocentos corenta, un terzo, oitavo, vinte e dous. Correcto?

20. Este texto 2 corresponde a unha tipoloxía textual...

A Argumentativa. Correcto?

B Expositiva. Correcto?

C Descritiva. Correcto?

D Prescritiva. Correcto?


Exercicio de redacción en lingua galega (20 puntos)

Imaxe

(Fonte imaxe)

Esta imaxe reflicte unha das múltiples consecuencias que todo conflito bélico causa: a fuxida da poboación civil e a crise de refuxiados. Imaxine as circunstancias nas que se tomou esta fotografía. Escriba un texto de 200 palabras no que debe:
-Describir esta imaxe con todos os detalles posibles: as persoas protagonistas, o espazo…
-Presentar a situación actual á que se enfrontan as persoas refuxiadas por mor do conflito bélico.
-Valorar as expectativas futuras destas persoas obrigadas a fuxir da guerra para salvaren a vida.

Valorarase a corrección ortográfica, gramatical e formal, así como a adecuación do contido ao tema proposto e o uso dun vocabulario apropiado.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com