ogalego.eu 
Anxo González Guerra
//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Xunta de Galicia
Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Probas de graduado en educación secundaria
Maio de 2013


Histórico de probas desde 2011 en ogalego.eu


1. Proba de lingua galega
1.1 Formato da proba
Formato
-A proba consta de 20 cuestións tipo test e unha redacción.
-As cuestións teñen catro posibles respostas das que soamente unha é correcta.
Puntuación
- Un punto por cuestión correctamente contestada.
- Cada resposta incorrecta resta 0,25 puntos.
- As respostas en branco non descontan puntuación.
Duración
- Este exercicio terá unha duración máxima de 45 minutos.


Anotar o número de respostas correctas, erradas ou sen responder para calcularr a puntuación (de 0 a 20)

Para comprobar as respostas (Correcto?) debe estar activado no navegador JavaScript (ordenador, móbil, tableta...)



Texto 1

Loado sexa Deus porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora envellecer neste gran reino que chamamos Galicia; neste gran reino do Fisterra que vai dende os montes ata o mar, onde brillan os pés do vento; a este país dos dez mil ríos, do vello camiño das peregrinacións, a este país dos mil vales, a este país fermoso e eternamente verde. Patria querida, a terra do senso bardesiano: as patrias son a terra e os mortos. Grazas a Deus por este reino. Loado sexa Deus tamén por darme o don da nosa fala. Por me ensinar a dicir rula e bidueira, e dorna e ponte e fonte. E entón, eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono da rula, e da bidueira e da dorna e da ponte e da fonte. As miñas invencións e as miñas maxias teñen non obstante un senso máis fondo, por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é aúnica posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase, e ao lado da patria terreal, da patria que son a terra e os mortos, hai esta outra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivera dando herba á Terra Nosa, podería dicir na miña lápida: “Aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

CUNQUEIRO, Álvaro. Discurso pronunciado con ocasión da súa investidura como doutor honoris causa pola Universidade de
Santiago de Compostela.

Cuestión sobre o texto anterior:

1. Cal é o tema do texto 1?
A O eloxio de Galicia e a súa lingua. Correcto?

B A limitación da lingua galega ao ámbito rural. Correcto?

C A indiferenza entre o uso dunha lingua ou outra. Correcto?

2. Que vontade expresa o autor do texto 1?
A A de escribir para conseguir obras de calidade. Correcto?

B A de escribir para manter a identidade do país. Correcto?

C A de escribir para lograr o recoñecemento do público. Correcto?

3. O texto 1 está escrito...
A Desde a perspectiva dun home novo. Correcto?

B Desde a perspectiva dun home que entra na vellez. Correcto?

C Desde a perspectiva dun escritor obxectivo. Correcto?

4. No texto 1 os termos “riba” e “baixo” (en vermello no texto) son:
A Sinónimos. Correcto?

B Parónimos. Correcto?

C Antónimos. Correcto?

5. A expresión “dando herba á Terra Nosa” (en vermello no texto), no texto 1, quere dicir:
A Enterrado. Correcto?

B Esquecido. Correcto?

C Agardado. Correcto?

6. O conxunto formado polos termos nacer, medrar, envellecer forman:
A Un campo semántico. Correcto?

B Unha serie de sinónimos. Correcto?

C Unha familia léxica. Correcto?

7. Sinale a serie correcta:
A O ponte, o cume, a legume. Correcto?

B A ponte, a cume, a legume. Correcto?

C A ponte, o cume, o legume. Correcto?

8. País, eternamente e verde son, respectivamente:
A Substantivo, demostrativo, adxectivo. Correcto?

B Adxectivo, adverbio, substantivo. Correcto?

C Substantivo, adverbio, adxectivo. Correcto?

9. Cando se acentúa “máis”?
A Cando é conxunción adversativa. Correcto?

B Cando é adverbio de cantidade. Correcto?

C Resulta incorrecto acentuala. Correcto?

10. Sinale a serie correcta:
A Posibilidade, amabilidade, movilidade, rendibilidade. Correcto?

B Posibilidade, amavilidade, movilidade, rendibilidade. Correcto?

C Posibilidade, amabilidade, mobilidade, rendibilidade. Correcto?

Texto 2

“Cando o taberneiro rematou de ler aquela nova inquedante —un neno suicidárase pegándose un tiro na sen dereita— falou o vagabundo descoñecido que acababa de xantar moi pobremente nun curruncho da tasca mariñeira, e dixo: —Eu sei a historia dese neno.
Pronunciou a palabra neno dun xeito moi particular. Así foi que os catro bebedores de augardente, os cinco de albariño e o taberneiro calaron e escoitaron con xesto inquiridor e atento.
—Eu xa sei a historia dese neno– repetiu o vagabundo. E, tras dunha solemne e ben medida pausa, encomezou:
—Alá polo mil oitocentos trinta, unha beata que despois morreu de medo, viu saír do camposanto florido e recendente da súa aldea a un vello moi vello en coiro. Aquel vello era un recén nacido. Antes de saír do ventre da terra nai escollera el mesmo ese xeito de nacenza. “¡Canto mellor ir de vello para mozo que de mozo para vello!”, pensou sendo espírito puro. A Noso Señor chocoulle a idea. Por que non face-la proba? Así foi que, co seu consentimento, formouse no seo da terra un esqueleto. E despois, con carne de verme, fíxose a carne do home. E na carne do home aformigou a caloriña do sangue. E como todo estaba listo, a terra nai pariu. Pariu un vello en coiro.
De como despois o vello topou roupa e mantenza é cousa de moita risa. Chegou ás portas da cidade e como aínda non sabía falar, os ministros, despois de lle botaren unha capa enriba, levárono a diante do xuíz coma se tivesen sido testemuñas: “Aquí lle traemos a este pobre vello que perdeu a fala coa tunda que lle deron uns ladróns mal entrañados. Nin roupa lle deixaron”.
O xuíz deu ordes e o vello foi levado a un hospital. Cando saíu, xa ben vestido e mantido, dicíanlle as monxiñas: “Vai feito un mozo. Ata
parece que perdeu anos”.
Daquela xa aprendera a falar algo e fíxose esmoleiro. Así andou moitas terras. Alá en Lourdes estivo dúas veces, da segunda tan amozado que, os que o coñeceran da primeira, coidaron que fora milagre da Virxe.
Cando adquiriu experiencia de abondo pensou que o mellor era manter secreta aquela estraña condición que o facía máis mozo cantos máis anos corresen. Así, non o sabendo ninguén — non sendo un ou dous amigos fieis— podería vivir mellor a súa verdadeira vida. Traballou de vello e fíxose rico para folgar de mozo. Dos cincuenta ós quince anos a súa vida foi a máis feliz que se pode imaxinar. Cada día gustaba máis ás mozas e andou enleado con moitas e coas máis bonitas. E ata disque unha princesa… Pero diso non estou certo.
Cando chegou a neno encomezou a vida a se lle ensarillar. Dáballe medo a sorpresa con que o vían entrar tan ceibe nas tendas a mercar lambetadas e xoguetes. Algún rateiro de viseira calada teno seguido ó longo de moitas rúas tortas. E algunha vez ten comido as súas lambetadas a tremer de anguria, coas bágoas nos ollos e o almibre nos beizos. A derradeira vez que o topei —tiña el oito anos— andaba moi triste. ¡Pesaban, ademais, tanto no seu espírito de neno os recordos da súa vellez! (...)”.

DIESTE, Rafael “O neno suicida” Dos arquivos do trasno.

Cuestións sobre o segundo texto:

11. Que conta o texto 2?
A Unha traxectoria á inversa do ciclo vital e as súas consecuencias. Correcto?

B Unha experiencia de vellez e a súa repercusión na vida. Correcto?

C A importancia da infancia e as súas consecuencias. Correcto?

12. Neste texto narrativo, o narrador está:
A En terceira persoa. Correcto?

B En primeira persoa. Correcto?

C En segunda persoa. Correcto?

13. Este relato (“O neno suicida”) ten unha estrutura circular. Por que?
A Porque non ten ningún final. Correcto?

B Porque o comezo remite ao final. Correcto?

C Porque o relato ten moito diálogo. Correcto?

14. Rafael Dieste sitúase cronoloxicamente na etapa das vangardas. A que século pertence?
A Ao século XIX. Correcto?

B Ao século XIV. Correcto?

C Ao século XX. Correcto?

15. Que significa o verbo ensarillar (en vermello no texto)?
A Enredar, enlear. Meterse nun asunto do que é difícil saír. Correcto?

B Avanzar, progresar. Evolucionar cara á saída dunha situación. Correcto?

C Saltar, esquivar. Evitar situacións que traian complicacións. Correcto?

16. A palabra camposanto (en vermello no texto) é, en canto á súa forma:
A Simple. Correcto?

B Derivada. Correcto?

C Composta. Correcto?

17. O termo daquela (en vermello no texto) é:
A Un adverbio de tempo. Correcto?

B Un substantivo común. Correcto?

C Un pronome persoal. Correcto?

18. Na oración Falou o vagabundo descoñecido, cal é a función sintáctica de “o vagabundo descoñecido” (en vermello no texto)?
A Obxecto directo. Correcto?

B Suxeito. Correcto?

C Complemento circunstancial. Correcto?

19. Sinale a serie correctamente acentuada:
A Saír, rúas, acabóu , pensei. Correcto?

B Sair, rúas, acabou, penséi. Correcto?

C Saír, rúas, acabou, pensei. Correcto?

20. No texto aparece a palabra secreta (en vermello). Que diferenza hai entre secreto/a e segredo?
A Secreto/a é un adxectivo; segredo, un substantivo. Correcto?

B Secreto/a é un xentilicio; segredo, un substantivo. Correcto?

C Secreto/a é un adverbio; segredo, un adxectivo. Correcto?


1.3 Exercicio de redacción en lingua galega (10 puntos). O tema facilitouse no momento do exame.


ogalego.eu
Índice de Exercicios de lingua galega
Pseudónimos galegos
2005-2024
Anxo González GuerraVitoria Ogando Valcárcel
Suxestións: ogalego@galicia.com