ogalego.eu - ogalego.gal

Paco Ledo
Foto de Paco Ledo, escritor, labrego e amigo de ogalego.eu
ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

PREGUNTAS DE SEMÁNTICA NOS ÚLTIMOS EXAMES DE SELECTIVIDADE EN LINGUA GALEGA E LITERATURA


Proposta da comisión CIUG para 2022-2023

3.2. Indique dúas palabras da familia léxica de “clima” e outras dúas pertencentes ao seu campo semántico.
Poden aparecer no texto ou non. (1 punto)

Proposta nosa:

-Climático, climatoloxía, climatizar

-Mediterráneo, atlántico, húmido


Xullo 2022

3.3. Indique catro palabras que pertenzan ao mesmo campo semántico que panadaría e cal é o hiperónimo correspondente. (0,5 puntos)

Proposta da comisión:

3.3. (0,5 puntos). 0,1 cada palabra correcta (se non está na variedade estándar, non se contabiliza) + 0,1 polo hiperónimo. Non teñen que aparecer no texto.


Xuño 2021

2.3. Localice no texto tres palabras pertencentes ao mesmo campo semántico. Indique se aparece tamén o seu hiperónimo e, de non ser así, propoña un. (0,5 puntos)

TEXTO: A perfección non existía.
De quen era a culpa de que ela non fose perfecta?
Non obstante, os seus seguidores non tiñan por que sabelo, Bieito sempre llo dicía. O que comezara como unha simple diversión había sete anos, colgando fotos súas nas redes co modeliño que levar tal ou cal día, agora era un traballo profesional pagado con centos e mesmo miles de euros por imaxe subida, se o patrocinador era potente. Nunca tivera as cifras moi claras; esas cousas sempre as levara el. O único que sabía era que ía case polo medio millón de seguidores.Colleu o móbil do estante e mergullouse na nata artificial, tapando os puntos estratéxicos do corpo. Aquí vese demasiado, aquí demasiado pouco. Así. Estirou o brazo e sorriu de xeito suxerinte. Había moito tempo que non se fotografaba polo simple pracer de facelo,sempre dirixida polas profesionais que controlaba Bieito. Fotógrafa, perruqueira, maquilladora… Había que darlle unha imaxe máis sofisticada ao blog, dicía el.
Puxo a cámara interna. As imperfeccións non tiñan importancia se ninguén sabía delas. Se medio millón de persoas dicían que eras perfecta, tanto tiña como te vises ti.
Sacou a foto e subiuna ao blog de inmediato. Seguramente algún diría que o fixera para anunciar a máscara de pestanas que provocaba a súa sensual caída de pálpebras, ou a pasta dentífrica branqueadora que facía que a perfecta dentadura reflectise a luz do flash. Mellor que pensasen iso que o que realmente se agochaba detrás: que deixara de ter control sobre a súa propia vida e que aquela pequena falcatruada lle lembraba que aínda podía facer algunha que outra cousa sen pedir permiso.

Proposta da comisión: 2.3. (0,5 puntos).

As catro palabras teñen que estar correctamente escritas segundo o galego normativo (do contrario, non se contabilizarán).

0,25 por localizar as tres palabras do mesmo campo semántico (se só pon dúas: 0,1).

0,25 polo hiperónimo, adecuado ao campo semántico escollido.

Por exemplo: fotógrafa, perruqueira, maquilladora.

Hiperónimo: profesionais da imaxe.


Xullo 2020

4.1. Escolla unha palabra do texto de Marcos Pérez que poida funcionar como hiperónimo e propoña tres posibles hipónimos pertencentes ao seu campo semántico. (1 punto)

TEXTO: A axencia Arela Comunicación Sostible decidiu lanzar unha selección de pequenas tendas galegas que realizan vendas online. É un xeito de competir co black friday e, en xeral, coa dura competencia que exerce o gran comercio. Unha forma, tamén, de dar a coñecer a produción de calidade elaborada por profesionais locais, e de facilitar o contacto co consumidor final. Pensado, ademais, nas compras de Nadal e Reis.
Cos pés na Terra e os produtos na nube é o nome da páxina, que aparece dividida en seccións: agasallos, alimentación, artesanía, beleza, decoración, libros, mascotas, nenas e nenos, xardín, xogos... A web inclúe polo de agora un cento de tendas, pero continúa en actualización, incorporando novos comercios e produtos.
Dende Arela destacan que "as compras online e as tendas en liña forman parte do noso día a día como consumidores" e que na actualidade "os xigantes do comercio online captan a maior parte das compras na rede e os usuarios deixamos de comprar nas nosas tendas de proximidade porque consideramos que é máis rápido e fácil comprar en Amazon, AliExpress…".
"Queremos amosar que hai alternativas", din, subliñando que en Galicia hai empresas "que están traballando moi duro para ter visibilidade, con ideas moi boas e con produtos de gran calidade". E engade que "compartir esta listaxe de tendas en liña galegas, comprar e recomendar os seus produtos, tamén é defender o comercio local", pois "existe un tecido moi importante de pequenos e medianos e-commerce distribuídos por toda a xeografía galega, creando postos de traballo e contribuíndo ao futuro de lugares pequenos”.

Marcos Pérez Pena. Praza. 26/11/2019 (adaptación).

Proposta da comisión: 4.1. (1 punto)
O hiperónimo: 0,25.
Cada un dos hipónimos propostos: 0,25.
Exemplos de posibles hiperónimos: os que se recollen no texto como exemplos das distintas seccións nas que aparece dividida a páxina web: agasallos, alimentacion, artesanía, beleza, decoración, mascotas, xogos… Pero pode ser outro, sempre e cando apareza no texto. Os hipónimos non teñen que aparecer no texto.


Setembro 2020

4.1. Localice no texto dúas palabras que pertenzan a un mesmo campo semántico. Indique o seu hiperónimo e engada dous termos máis dese mesmo campo. (1 punto)

TEXTO: Sempre quixo ser bailarina de ballet, pero acabou de funcionaria de prisións. Non é que sufrise unha lesión ou que tivese a pelve estreita, ou que a distancia entre o xeonllo e a empeña lle impedise impulsarse e voar no escenario. A dicir verdade, o ballet dábaselle ben. Se cadra, mesmo podería bailar en calquera compañía do mundo se quixese, pero non quixo. Un día empezou a darlle preguiza e pouco despois parou de bailar. Nin sequera foi por nihilismo adolescente ou como acto de rebelión. Como diría ela moito tempo despois, foi só que lle pasaron as ganas. E tampouco sentiu que fose ningún drama parar. Sinxelamente, púxose a ser outra cousa.

É raro que alguén pense seriamente en ser funcionaria de prisións. As nenas, cando lles preguntas que queren ser de maiores, non van por aí contestando alegremente “funcionaria de prisións!”, e alardeando de vocación carceraria. No fondo, a ela educárona para ser algo fermoso, e por iso quixo ser bailarina durante tantos anos de infancia. Pero algo se torceu no inmenso aburrimento de tardes de ensaio ao ritmo de corcheas dun piano de estudio.

Segundo a súa nai, estaba predestinada á beleza. Nos días de arrolos e plans, de desexos de futuro e de proxectos posíbeis para unha familia que aínda ía tardar moito en peitear cabelos brancos, os pais decidiron predestinar a Laura.

Foi arredor dos once anos e Laura non sabe por que lle pasou. Simplemente puxo as zapatillas con puntas, os quentadores de la por riba, o xersei fino de punto gris e o cabelo nun moño, mirouse no espello e pensou que aquelas trazas eran as máis aburridas do mundo. Pero aínda tivo que soportar anos de pasos de barra, de escordaduras nos pés, de comidas a base de leituga e de vídeos de Nureyev con bailarinas rusas que danzaban con cara de non sufrir xamais e que gozaban da sorte infinita de saber que o ballet clásico estaba pensado para a constitución física de mulleres que non eran latinas. Nin naqueles días nin despois entendeu Laura como a súa nai podía asumir tan alegremente que ela debía sufrir coa beleza como finalidade.

(Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, adaptación)

Proposta da comisión: 4.1. (1 punto) -

Dúas palabras do mesmo campo semántico (que teñen que estar no texto): 0,25. Se só puxesen unha: 0,1.

- Hiperónimo: 0,25.

- Dous termos máis dese campo semántico: 0,25 por cada un.

Nesta pregunta, tanto no caso do hiperónimo como no dos termos que teñen que engadir, é obrigatorio o uso do galego normativo (en caso contrario, non se contabilizarán e daranse por incorrectas).

Exs.:

0,25
0,25
0,25
0,25
pelve e xeonllo corpo humano brazo perna
quentadores e xersei roupa pantalón camisa

Xuño 2018

5. Procura no texto dez termos que pertenzan ao campo semántico da construción e o urbanismo. [1 punto]

TEXTO: É pequena e vermella, os chanzos da escaleira da entrada son estreitos de máis, e as fiestras tan pequenas que mesmo parece que estean a conter a respiración. Hai sitios onde se ven os ladrillos, e a porta da entrada deu tanto de si que hai que puxar con forza para pasar. Non temos xardín na parte de diante, só catro olmos pequeniños que plantou o concello na beirarrúa. Na parte de atrás hai un garaxe para o coche que aínda non temos e un terreo pequeno que aínda semella máis pequeno polos dous edificios que ten aos lados. O que si hai na casa son escaleiras, pero son as escaleiras correntes do vestíbulo, e só temos un cuarto de baño. Todo o mundo ten que compartir cuarto: mamá con papá, Carlos con Kiki e eu con Nenny.
Unha vez cando viviamos en Loomis, pasou ao meu carón unha das monxas do meu colexio e viume xogando na rúa. A lavandaría que había debaixo da casa tiña táboas nas fiestras porque roubaran había dous días, e o dono pintara na madeira: SI, ESTÁ ABERTO, para non perder clientes.
Onde vives, preguntou?
Aí, dixen sinalando o terceiro andar.
Vives ?
Aí. Tiven que mirar para onde ela sinalaba: o terceiro andar, a pintura desprendida, os listóns de madeira que papá cravara nas xanelas para que non caésemos. Vives ? Díxoo dun xeito que me fixo sentir como se non valese nada. . Vivía . Asentín coa cabeza.
Nese momento deime conta de que tiña que ter unha casa, unha casa de verdade, que puidese sinalar. Pero esta non o é. A casa de Mango Street non o é. E só de momento, di mamá. Só unha tempada, di papá. Pero eu xa sei como son estas cousas.

Sandra Cisneros, A casa de Mango Street (trad. Alicia Meléndez Sousa, 2018)

Proposta da comisión:

Pregunta 5: 1 punto. Outorgaranse 0.10 puntos por cada termo.

A nosa proposta:

chanzo, escaleira, fiestra, ladrillo, xardín, beirarrúa, garaxe, edificio, cuarto de baño, casa, andar, xanela...


Xuño 2017

5. Identifica no texto cinco palabras pertencentes ao mesmo campo semántico, das cales unha debe ser o seu hiperónimo (identifícaa como tal) e as catro restantes hipónimos seus. [1 punto]

TEXTO: O gastrónomo estaba francamente anoxado. Pediu a conta para marchar canto antes. Co enfado, comezaba a revolvérselle o estómago. Naquel restaurante eran uns simples traficantes de comida e iso el non o soportaba. El, Cordón de Ouro da Gastronomía Hispánica. Pedira un dos pratos máis delicados, lacón con grelos e nata feitos na súa propia xelatina, recheos con pasas gratinadas e servidos con culi de perdiz aromatizado de lombarda e castañas do Courel, e estaba francamente mal preparado. Pareceulle especialmente reprobable o exceso de cocción nas patacas, pero tamén lle desagradou o desproporcionado das gornicións. E, por se fose pouco, discutíranllo. A el, que era Pano de Ouro da Escola de Hostalaría de Bordeaux. Así que pagou e saíu do local. O enfado alteráralle o sangue e sentía incómoda a dixestión. Por veces odiaba a súa profesión. Meteuse no coche para afastarse de alí canto antes. Pero polo camiño foise sentindo peor. O enfado provocáballe náuseas. Cada vez que se lembraba do intolerable exceso de cocción das patacas sentía a molestia da comida a fedellarlle no ventre. Coa rabia, estaba empezando a descompoñerse. De súpeto, non puido aguantar máis. Quixo parar o coche para saír, pero non lle deu tempo. Cando se deu conta xa o vomitara todo sobre o volante. Poucas cousas hai máis duras que a vida dun gastrónomo.

Fran Alonso, en Dorna 27 (2001)

Proposta da Comisión:

Pregunta 5(1 punto) Outórganse 0’20 puntos por cada palabra axeitadamente identificada, unha como hiperónimo e catro como hipónimos. Deberán ser necesariamente palabras do texto.

A nosa proposta:

-Hiperónimo: comida

-Hipónimos: lacón, nata, grelos, xelatina, pediz, patacas...


Setembro 2017

5. Explica os conceptos de polisemia e homonimia empregando como exemplo as palabras figura e polo (Coñécese antes calquera figura mediocre e incluso tóxica para a formación do individuo // o eminente científico galego Ángel Carracedo acaba de recibir o premio nacional polo seu determinante labor desenvolto ao redor da investigación xenética) respectivamente. Indica unha palabra homófona de valor (Cultívase o valor da simple aparencia física predeterminado por un canon homoxéneo máis do que a capacidade intelectual) e explica en que consiste a relación de homofonía entre elas. [1 punto]

Proposta da comisión:

Pregunta 5 (1 punto). Avalíase o coñecemento dos conceptos de polisemia, homonimia e homofonía e a súa axeitada exemplificación a partir das palabras propostas. Asígnanse 0’40 puntos á polisemia; 0’30 puntos á homonimia; e 0’30 puntos á homofonía.

A nosa proposta:

Polisemia: un único significante adquiriu, ao longo de varias etapas evolutivas da lingua, distintas significacións que, dalgún xeito, están emparentadas. Así figura pode ser forma, aspecto, mais tamén persoa destacada ou famosa.

Homonimia: é a identidade fráfica ou fónica de dúas palabras que teñen sentido e étimo diferentes. Así polo (contracción de por+o) e polo (cría dunha ave) teñen a mesma pronuncia pero non teñen nada que ver.

valor (valentía) e balor (mofo) aínda sendo palabras diferentes teñen a mesma pronuncia, son homófonos pero non homógrafos xa que teñen v e b.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.