ogalego.eu - ogalego.gal

Xosé Abilleira
Foto de Xosé Abilleira, escritor, profesor e amigo de ogalego.eu
ogalego.eu // ogalego.gal son  Vitoria Ogando Valcárcel e Anxo González Guerra, catedráticos de L. e Lit. Galega xubilados

PREGUNTAS DE MORFOLOXÍA NOS ÚLTIMOS EXAMES DE SELECTIVIDADE EN LINGUA GALEGA E LITERATURA


Xuño 2022

3.1. Sinale a que clase de palabra pertence cada unha das que conforman o seguinte enunciado do texto: “Dezanove anos despois, teño a sensación de que a memoria da catástrofe foi borrada”. (1 punto)

Proposta da comisión:

Cada palabra mal identificada, resta 0,10. Polo tanto, 10 palabras mal implican unha puntuación de 0 neste apartado. Dezanove: Determinante numeral (é necesario indicar determinante) / anos: substantivo / despois: adverbio / teño: verbo / a: artigo (determinado) / sensación: substantivo / de: preposición / que: conxunción / a: artigo (determinado) / memoria: substantivo / da: contracción de preposición + artigo (se non indican as palabras que conforman a contracción, descóntase por cada unha delas) / catástrofe: substantivo / foi: verbo / borrada: participio (“foi borrada” tamén se pode identificar como perífrase ou forma verbal en voz pasiva).


Xullo 2022

3.2. Sinale a que clase de palabra (categoría gramatical) pertence cada unha das que conforman o seguinte enunciado do texto: A Mónica non a acoitelaron por ser afábel, ou quizás si.

Proposta da comisión:

(1 punto) - 0,1 cada palabra mal identificada. Son 11 en total. Polo tanto, se só teñen unha ben, é un 0.

A (preposición) / Mónica (nome) / non (adverbio de negación) / a (pronome persoal) / acoitelaron (verbo) / por (preposición) / ser (verbo) / afábel (adxectivo) / ou (conxunción disxuntiva) / quizás (adverbio de dúbida) / si (adverbio de afirmación).


Xullo 2021

2.1. No texto aparecen catro infinitivos subiñados. Indique cal deles está conxugado e por que. Sinale tamén se os outros tres se poden conxugar ou non e explique os motivos. (1 punto)

TEXTO: Pero... non estabamos confinados? Non era este o intre soñado para relaxarnos, estar coa parella, cos fillos e fillas, con nós mesmos, para dedicarnos en definitiva a todo aquilo que non podemos facer habitualmente? Por que utilizamos a mesma escala de valores da plusvalía para referírmonos a algo tan incuantificábel como a liberdade humana?... Aquí se agocha, para min, un dos maiores logros do capitalismo como sistema: cando temos tempo de sobra, tempo libre, tempo sen ataduras, non sabemos que facer con el... Pero tamén os adultos necesitamos momentos de desconexión mental que nos permitan limpar o lixo que acumulan as nosas cabeciñas e dar paso a todas esas ideas que, nalgún momento, poden transformarse en coñecemento...

Proposta da comisión:

2.1. (1 punto).
0,25 cada infinitivo ben analizado. Só puntuamos se xustifican a resposta (non abonda con contestar se si se poden conxugar ou non).
- Referírmonos: Está conxugado para explicitar o suxeito. Aínda que o suxeito do infinitivo coincide co do verbo principal (forma verbal conxugada), os dous verbos están a bastante distancia e o infinitivo vai precedido de preposición.
- Relaxarnos: Podería conxugarse, para indicar o suxeito, xa que non coincide co do verbo principal (era) e ademais vai precedido de preposición (para). Relaxármonos.
- Facer: Non se pode conxugar porque o suxeito do infinitivo é o mesmo que o do verbo principal (forma verbal conxugada), e o principal antecede ao infinitivo: non sabemos (nós) que facer (nós).
- Transfomarse: Non se pode conxugar porque forma parte dunha perífrase e poder é un verbo modal.


Xullo 2020

4.2. Indique a clase de palabra das catro formas que subliñadas no texto. Copie en cada caso a oración na que están incluídas. (1 punto)

TEXTO: A axencia Arela Comunicación Sostible decidiu lanzar unha selección de pequenas tendas galegas que realizan vendas online. É un xeito de competir co black friday e, en xeral, coa dura competencia que exerce o gran comercio. Unha forma, tamén, de dar a coñecer a produción de calidade elaborada por profesionais locais, e de facilitar o contacto co consumidor final. Pensado, ademais, nas compras de Nadal e Reis.
Cos pés na Terra e os produtos na nube é o nome da páxina, que aparece dividida en seccións: agasallos, alimentación, artesanía, beleza, decoración, libros, mascotas, nenas e nenos, xardín, xogos... A web inclúe polo de agora un cento de tendas, pero continúa en actualización, incorporando novos comercios e produtos.
Dende Arela destacan que "as compras online e as tendas en liña forman parte do noso día a día como consumidores" e que na actualidade "os xigantes do comercio online captan a maior parte das compras na rede e os usuarios deixamos de comprar nas nosas tendas de proximidade porque consideramos que é máis rápido e fácil comprar en Amazon, AliExpress…".
"Queremos amosar que hai alternativas", din, subliñando que en Galicia hai empresas "que están traballando moi duro para ter visibilidade, con ideas moi boas e con produtos de gran calidade". E engade que "compartir esta listaxe de tendas en liña galegas, comprar e recomendar os seus produtos, tamén é defender o comercio local", pois "existe un tecido moi importante de pequenos e medianos e-commerce distribuídos por toda a xeografía galega, creando postos de traballo e contribuíndo ao futuro de lugares pequenos”.

Marcos Pérez Pena. Praza. 26/11/2019 (adaptación).

Proposta da comisión:

4.2. (1 punto) Cada “que” analizado correctamente: 0,25. Non se pide a función, polo tanto non se valora. Valorarase que distingan o pronome relativo da conxunción, polo que é necesario que copien parte da oración na que están incluídos, para saber a cal se refiren en cada caso (xa que este ano non están numeradas as liñas do texto). Tamén aceptamos que identifiquen os “que” por orde numérica de aparición no texto ou pola liña na que están. Pero non valoraremos os “que” non identificados.
pequenas tendas galegas que realizan vendas online: pronome relativo.
dura competencia que exerce o gran comercio: pronome relativo.
Dende Arela destacan que “as compras online e as tendas…”: conxunción (subordinada).
Queremos amosar que hai alternativas: conxunción (subordinada).


Xuño 2019

Opción A. 4. Contesta as seguintes preguntas relativas ao uso da preposición a. Xustifica as respostas: [1 punto]

a) aquela muller amaba os gorilas: podería levar preposición a o complemento directo?

b) unha meiga que castigaría a aquel que fixese dano aos gorilas: podería usarse a preposición a nestes dous casos?

Proposta da comisión:

Pregunta 4: 1 punto

Pola resposta correcta e ben xustificada do primeiro exemplo -enunciado (a)-, outórganse 0’40 puntos. Polas correspondentes ás dúas preposicións do enunciado (b), 0'30 puntos cada unha. Se a resposta é acertada pero non xustificada ou está mal xustificada, concederase 0'15 puntos para cada caso. [NB: Non é correcta a introdución da preposición no exemplo do enunciado (a) nin a súa supresión nos dous casos do enunciado (b).]

Opción B. 4.  Comenta as tres formas se que aparecen no texto: indica a que clase e subclase de palabra pertence cada unha delas e o tipo de oración que introducen ou de que forman parte. [1 punto]

a) Non sei se todo o que acabo de describir vos soa

b) exemplo de premonición literaria ou, se se prefire, evidencia autorial

Proposta da comisión:

Pregunta 4: 1 punto

Asígnanse 0'30 puntos ao comentario de cada unha das dúas primeiras formas (se1, se2) e 0'40 ao se3. A puntuación distribúese a partes iguais entre a identificación da (sub)clase de palabra e do tipo de oración.
Se1: conxunción completiva; introduce or. subord. subst. de CD.
Se2: conxunción condicional; introduce or. subord. adv. condicional.
Se3: pronome persoal marcando unha oración impersoal (ou pasiva reflexa).


Setembro 2018

4. Repara nas construcións como todo o que era interesante daquela e de como afectan á infancia [1 punto] e

a) Explica as diferenzas sintácticas e de significado existentes entre unha e outra.

b) Sería posíbel substituír nalgún caso como por coma? Xustifica a resposta.

TEXTO: Aprendía galego nas clases de Francisco Carballo, no xermolo da Asociación de Veciños do Calvario, clandestina, como todo o que era interesante daquela... é por falarnos de cuestións universais, das inxustizas e de como afectan á infancia, das ledicias dun neno por pequenos sucesos, das súas penas nun mundo que ás veces resulta hostil.

Proposta da comisión:

Pregunta 4: 1 punto
Outogaranse 0.25 puntos pola identificación das diferenzas sintácticas (comparativa vs. interrogativa), 0.25 polas de significado (comparación vs. pregunta); 0.25 pola identificación da substitución de como por coma na construción a); e 0.25 pola súa xustificación.


Setembro 2017

4. Que tipo de irregularidade morfolóxica presenta a forma verbal sobes (Agora mesmo sobes ao teu cuarto e remexes no camión de roupa que tes polos catro armarios), explica en que consiste e indica a que formas verbais do verbo subir afecta. Que forma debería usar o pai de Vanesa se empregase o modo imperativo? [1 punto]

5. No texto aparece dúas veces a forma che (eu non che teño a culpa de que alucines coa túa nai // Vouche solucionar o teu problema de vez) con dous valores claramente distintos. Coméntaos explicando por que son diferentes. [1 punto]

Proposta da comisión:

Pregunta 4 (1 punto). Pola identificación da irregularidade morfolóxica (verbo con alternancia vocálica no radical), 0’50 puntos. Pola identificación das formas a que afecta, 0’40 puntos. Pola correcta indicación da forma do imperativo (sube), 0’10.

Pregunta 5 (1 punto). Outórganse 0’50 puntos pola explicación dos valores semántico-pragmáticos que se expresan co uso de cada unha das dúas ocorrencias da forma che propostas. Non se esixe o emprego dunha terminoloxía técnica precisa (e.g., dativo de solidariedade, dativo posesivo), pero si unha explicación clara dos valores que achega o uso do che en cada caso.

2005-2024
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.