Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Lingua e sociedade, ABAU, tema 2. Historia da normativización: a construción da variedade estándar. Interferencias e desviacións da norma.

A existencia dunha variedade estándar -usada nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear a dispersión. O galego tardou en contar cunha variedade estándar: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario (normativización lingüística).
A nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindible para a súa normalización social- ata o s. XIX, co Rexurdimento. Neste longo proceso hai catro etapas:
a) Ata fins do s. XIX.  Utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
b) Ata 1936. Os autores inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán.
c) Ata comezos de 1980. Simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos) e aposta pola ortografía inspirada no castelán.
d)  Ata hoxe. En 1982 a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, son a norma culta oficial vixente na actualidade. Nos últimos anos as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta.

Chamámoslles desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos). As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil; son os castelanismos no galego: a maioría son de tipo léxico.

(254 palabras)


Agárdase do alumnado unha resposta concisa e asemade completa, acorde coa puntuación que se lle concede á pregunta e co tempo do que se dispón para o exame. Sería desexable unha extensión aproximada dunhas 200 ou 250 palabras. Ao se tratar dunha extensión breve para unha pregunta deste tipo, valorarase a capacidade para seleccionar e presentar a información máis relevante sobre o tema escollido, así como para evitar divagacións e xeneralidades.


Versión máis longa (675 palabras), máis adecuada para unha redacción esquemática:

Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar -a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas- contribúe a frear esa dispersión.
O galego, lingua de reis e dos cancioneiros medievais, tardou en contar cunha variedade estándar, o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas romances fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, convertida só na lingua oral do pobo, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa –imprescindíbel para a súa normalización social- ata o s. XIX, cos autores do Rexurdimento.
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
a) Galego popularizante (ata fins do s. XIX: Rosalía, Curros...). Non existe realmente unha intención normativizadora (Pondal foi o único autor consciente da súa necesidade), utilizan o galego oral no seu rexistro popular (o que se conservara), cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
b) Galego enxebrizante (ata 1936: Irmandades da Fala...). Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista, que marque distancias co castelán. As características máis salientábeis son:
- Busca dun galego supradialectal, non o dunha zona concreta.
- Eliminación de castelanismos, moi abundantes na fala
- O portugués é de algunha maneira o seu modelo de lingua culta na escrita.
c) Galego protoestándar (ata fins dos anos 1970: autores de Galaxia). Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego. Caracterízase sobre todo pola simplificación ortográfica (eliminación de apóstrofos, guións, acentos graves e cincunflexos) e pola ortografía inspirada no castelán.
d) Galego estándar (ata a actualidade). O mellor coñecemento lingüístico (grazas ás investigacións e estudos universitarios) axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións que aparecían nas etapas anteriores. En 1982 a RAG (Real Academia Galega) e o ILG (Instituto da Lingua Galega) aprobaron as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, levemente reformadas en 2003, son a norma culta oficial vixente na actualidade
A oficialización dunha norma culta e estándar provocou en moitos falantes ao principio un certo rexeitamento ao consideraren a lingua da TVG, da Radio Galega e de outros medios como unha especie de "galego inventado, de laboratorio" co que non se sentían identificados. Mais toda lingua moderna ha de ter a súa norma culta que se usa nos rexistros máis formais, como o galego non a tiña polo seu uso unicamente oral foi necesario creala.
Nos últimos anos as ferramentas informáticas e a Internet supuxeron un importante avance na implantación da norma culta: correctores de lingua e dicionarios para procesadores de texto, navegadores, sistemas operativos (Android, Windows, Linux); tradutores automáticos, webs especializadas; cursos en liña; etc.
Sempre existiu unha corrente partidaria de que o galego retome as súas orixes uníndose en maior ou menor medida ao actual portugués, o reintegracionismo ou lusismo: AGLP, AGAL.

As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil. Aparecen en todos os planos da lingua. Algúns exemplos:

  • No plano fónico: Redución do sistema vocálico de 7 vogais a 5, eliminando a oposición entre semiabertas e semipechadas.
  • No plano morfolóxico: cambio de xénero de determinados substantivos (*o ponte, *a sangue), seguindo a norma castelá, confusión dos pronomes TE/CHE, uso de tempos verbais compostos.
  • No plano sintáctico: incorrecta colocación dos pronomes átonos.
  • No plano léxico é onde máis abundan e responden a diferentes motivacións: prevalencia da palabra coincidente co castelán (comprar por mercar), restrición do significado, adoptando a palabra castelá para a realidade de maior prestixio (billa / *grifo), substitución da forma galega pola castelá (*arcilla por arxila, *tenedor por garfo...)

Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos).


2005-2017
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.