Anxo González Guerra//Vitoria Ogando Valcárcel catedráticos de galego xubilados

Lingua Galega e Literatura. 2º Bach. Educación literaria, ABAU, tema 3. A prosa do primeiro terzo do XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo).

Esta etapa (1916 - 1936) é a Época Nós, comeza coas Irmandades da Fala e remata coa guerra civil.
Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas (o Cenáculo Ourensán) teñen unha primeira etapa de inadaptados e Castelao provén do agrarismo. Todos eles son políglotas, cultos, universitarios e participan en todas as actividades galeguistas: Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista... Eles son os creadores da moderna narrativa galega, introdutores das correntes europeas do momento e iniciadores do ensaio en galego.

1. A contribución de Ramón Otero Pedrayo foi fundamental no cultivo e modernización da narrativa e xira ao redor da Galiza contemporánea. Podemos clasificala en:
a) Novelas realistas: Os camiños da vida. Ambientadas na Galiza rural do s. XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural.
b) Novelas culturalistas: Arredor de si. Narran a evolución da conciencia galeguista na súa época. Son novelas sen acción, ideolóxicas, case máis próximas ao ensaio que á narrativa. 
Temas recorrentes na narrativa de Otero
* A tradición: sabedoría acumulada polas sucesivas xeracións ao longo de séculos, conforma a cultura espiritual dun pobo.
* A fidalguía: inventa unha fidalguía ideal, irreal, consciente do seu papel na sociedade galega.
* A paisaxe: dotada de vida, goberna a vida do home.
2.  Castelao cultivou múltiples campos sempre defendendo Galiza e os que sofren. A súa técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
-A 1ª obra narrativa foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, visión sintética da realidade social, narrativa de ultratumba.
-Cousas son 45 relatos moi curtos que combinan o texto coas ilustracións: humor, denuncia dunha realidade inxusta.
-Os dous de sempre. Son os dous tipos humanos fundamentais: o emprendedor e o conformista, Pedro e Rañolas, contrapostos desde a súa infancia á madurez.
-Retrincos. Cinco relatos pseudoautobiográficos (O segredo, O inglés, O retrato, Peito de Lobo e Sabela).
3. Vicente Risco cultivou tamén a narrativa. O porco de pé: feroz sátira antiburguesa con gran carga humorística. É fundamentalmente ensaísta.
4. Rafael Dieste (Xeración do 25). Dos arquivos do trasno: son contos de temática variada que xiran ao redor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Moitos destes relatos figuran na maioría das escolmas da narrativa galega.
Estes autores foron tamén os impulsores do ensaio e a investigación en galego, en torno ao Seminario de Estudos Galegos.
-Vicente Risco coa Teoría do Nacionalismo Galego, que servirá de guía dos nacionalistas antes da II República.
-Castelao publica en Buenos Aires Sempre en Galiza onde elabora unha nova teoría do nacionalismo. Converteuse na biblia do galeguismo despois da guerra civil.
-Otero Pedrayo dedicouse fundamentalmente aos estudos xeográficos e históricos, entre os que podemos destacar Ensayo histórico sobre la cultura gallega.
Nesta fecunda etapa da nosa cultura hai que facer mención tamén ao labor desenvolvido no xornalismo, no que todos colaboraron desde A Nosa Terra ata a Revista Nós.
(491 palabras)


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.


Versión máis longa (814 palabras) máis axeitada para unha redacción esquemática:

Esta etapa –especialmente de 1916 e 1936- é coñecida como a Época Nós pola importancia que estes autores terán na cultura galega.
Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas (o Cenáculo Ourensán) teñen unha primeira etapa de inadaptados e só a partir de 1918 centran a súa atención en Galicia. Castelao en cambio provén do agrarismo. Todos eles son políglotas, cultos, universitarios e participan en todas as actividades galeguistas: Irmandades da Fala, Seminario de Estudos Galegos, Partido Galeguista... Eles son os creadores da moderna narrativa galega, introdutores das correntes europeas do momento e iniciadores do ensaio en galego.

1. A contribución de Ramón Otero Pedrayo foi fundamental no cultivo e modernización da narrativa longa e xira ao redor da Galiza contemporánea. Podemos clasificala en:
a) Novelas realistas: Ambientadas na Galiza rural do s. XIX, narran o proceso de decadencia da fidalguía e os cambios que experimenta a sociedade rural. Destaca Os camiños da vida (1928): novela longa en tres partes que relata a historia de dúas familias fidalgas ourensás. 
b) Novelas culturalistas: narran a evolución da conciencia galeguista na súa época. Son novelas sen acción, ideolóxicas, case máis próximas ao ensaio que á narrativa. A máis representativa é Arredor de si (1930), cuxo protagonista, Adrián Solovio, é un trasunto do propio Otero e a súa incorporación ao galeguismo.
Apartadas da súa temática habitual están Fra Vernero e A romeiría de Xelmirez .
A xeito de conclusión podemos dicir que hai tres temas recorrentes na narrativa de Otero
* A tradición: sabedoría acumulada polas sucesivas xeracións ao longo de séculos, conforma a cultura espiritual dun pobo,
* A fidalguía: Otero non lle perdoa a súa deserción da aldea e do galeguismo, mentres os comerciantes foráneos se fan coa dirección da sociedade. Inventa unha fidalguía ideal, irreal, consciente do seu papel na sociedade galega.
* A paisaxe: dotada de vida, goberna a vida do home.
O seu estilo, persoal e barroco, levou a Carballo Calero a definilo como un cesto de cereixas.

2.  Castelao foi unha personalidade polifacética, que cultivou múltiples campos sempre defendendo Galiza e todos aqueles que sofren. A súa técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
-A 1ª obra narrativa foi Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), visión sintética da realidade social, na que sae particularmente maltratada a figura do cacique.
-Cousas son relatos moi curtos que Alonso Montero considera un novo xénero narrativo porque combinan perfectamente o texto coas ilustracións. Son 45 relatos nos que aparecen as constantes do autor: humor, denuncia dunha realidade inxusta e posicionamento ao lado dos máis débiles.
-Os dous de sempre (1934). Tanto o título como o debuxo da portada (un paxaro e un sapo) fan referencia aos dous tipos humanos fundamentais: o emprendedor e o conformista. Narra as peripecias vitais e as ambicións de Pedro e Rañolas, contrapostos desde a súa infancia á madurez. Cada capítulo leva unha ilustración do propio autor.
-Retrincos (1934) Cinco relatos sobre cinco momentos pseudoautobiográficos (O segredo, O inglés, O retrato, Peito de Lobo e Sabela). Con estas tres obras Castelao converteuse xa nun dos clásicos da narrativa en galego.

3.- Vicente Risco cultivou tamén a narrativa (O porco de pé, feroz sátira antiburguesa con gran carga humorística) pero é fundamentalmente ensaísta.

4. Rafael Dieste, pertencente á Xeración do 25 escribiu Dos arquivos do trasno (1926), colección de contos de temática variada que xiran ao redor da psicoloxía e das experiencias extraordinarias da xente galega. Vinculados a Cousas porque neles se conta só o esencial, sen elementos superfluos, hai lirismo e humorismo, mais o sentimento non é tan fondo como en Castelao. Moitos destes relatos figuran na maioría das escolmas da narrativa galega, por exemplo Sobre da morte de Bieito, no que se relatan os pensamentos de alguén que acompaña un cadáver nun enterro.

Todos estes autores (e outros moitos) foron tamén os impulsores do ensaio e a investigación en galego, en torno ao Seminario de Estudos Galegos, grupo nacido na Universidade de Santiago.
-Vicente Risco publicou no 1920 Teoría do Nacionalismo Galego, que servirá de guía dos nacionalistas antes da II República.
-Afastado este das ideas nacionalistas, Castelao publica en Buenos Aires Sempre en Galiza (1944) onde partindo de ideas propias e alleas elabora unha nova teoría do nacionalismo, comenta a actuación da República... Converteuse na biblia do galeguismo despois da guerra civil. Ademais do ensaio político, Castelao escribiu tamén multidude de ensaios no terreo artístico: As cruces de pedra na Galiza, As cruces de pedra na Bretaña...
-Pola súa parte Otero Pedrayo dedicouse fundamentalmente aos estudos xeográficos e históricos, entre os que podemos destacar Ensayo histórico sobre la cultura gallega (1933).
Nesta fecunda etapa da nosa cultura hai que facer mención tamén ao labor desenvolvido no xornalismo, no que todos colaboraron desde A Nosa Terra ata a Revista Nós, pasando por El Pueblo Gallego e outros moitos.

 


Non se considerarán correctas as respostas que consistan nunha mera listaxe de autores e obras. Valorarase o tratamento, no tema escollido, dos seguintes elementos:
• Información sobre o contexto: acontecementos históricos, grupos, influencias, iniciativas, tendencias, etc.
• Información acerca dos principais autores/as dun período ou corrente. Esta non só debe facer referencia ás obras máis importantes senón tamén aos trazos que caracterizan cada un dos autores/as.
• Información acerca do que un grupo, autor/a ou época supuxeron na historia da literatura galega.

Como extensión orientativa podemos establecer unhas 400 palabras, aproximadamente. Cómpre non obstante ter en conta que neste caso a extensión pode ser moi variable dependendo de que o alumnado opte por unha redacción máis desenvolvida ou máis esquemática.

2005-2017
Licenza Creative Commons
ogalego.eu/ogalego.gal ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.