VERBAS

Por Espiñeira

XEXÚN

O xexún, ou o xaxún, consiste na abstinencia de alimento durante certo tempo. As principais relixións monoteístas incorporaron como un dos seus ritos o xaxún. Como tal, a abstinencia témola presente na coresma para os cristiáns, no yom kipur para os xudeus e no ramadán para os musulmáns. Ademais, noutras crenzas como o confucianismo, o budismo ou o taoísmo tamén se xaxúa. En todas as prácticas do xexún faise unha renuncia ao pracer da comida cun sentido purificador e como vieiro ascético cara á espiritualidade. En realidade, para practicamente todos os humanos e demais animais o xaxún é un feito tan común e cotián que, cando dura pouco tempo, nin nos decatamos de que se produce. Entre comidas, con pretensións relixiosas ou sen elas, o que facemos é xexún.

O xaxún, laico ou místico, vén xa de moi lonxe. Os romanos dicían ieiunus en latín clásico. E como termo dun pobo tan conquistador chegou ao léxico portugués como jejum, ao catalán como dejú, ao italiano como dijiuno, ao provenzal como jejuni ou ao francés como jeûn. Por riba, unha forma verbal latina ieiunare deixounos a nosa xaxuar, así como a do provenzal jejunar ou a déjeuner do francés.

O significado contrario ao de xaxuar, que se pode expresar mediante prefixación coa partícula des-, como no binomio facer/desfacer, vén a ser o que contén o verbo do español desayunar ‘saír do xaxún’; a mesma derivación que tiña xa o termo disieiuniare no latín e que despois produciu outros vocábulos como o francés dîner ou o inglés dinner. Non lonxe deste mesmo campo semántico achamos a nosa propia forma xantar, equivalente á do portugués jantar.  Ambas as dúas mantéñense ben próximas e parellas á fonte etimolóxica do latín ientare.

Resulta paradóxico que sendo o xexún unha experiencia baseada na privación de comida –sexa por crenza relixiosa, sexa simplemente por facer a dixestión- chegase a ter un nome semellante a este xexún unha parte do intestino delgado onde se produce boa parte da dixestión da comida. O xexuno. Que fai o xexuno no xexún? Supostamente, cando o xexuno traballa é cando non hai xexún, cando hai que facer a dixestión da comida. O certo é que non só fomos nós os únicos en lle pór nome tan aparentemente pouco axeitado. O noso xexuno ten, dende logo, unha clara equivalencia morfolóxica co jejuno portugués, co yeyuno español e así con outros cognados doutros idiomas. Segundo parece, outorgáronselle nomes como xexuno, jejuno ou yeyuno polo feito de que normalmente esta parte do intestino aparece baleiro nas diseccións.

Así e todo, hai moitos xeitos de facermos xexún, algúns verdadeiramente orixinais. Por exemplo, non facer só abstinencia de comida, senón facer xexún de CO2, un xexún de consumidor-contaminador. O ecoxexún. Os bispos da igrexa anglicana teñen chamado aos seus fieis a faceren xexún de CO2 durante o tempo da coresma. Non só menos xantar, senón tamén menos tecnoloxía e menos contaminación. Son bispos con conciencia ecolóxica, ecobispos, que ter teñen o seu intestino co seu propio xexuno, coma calquera de nós, aínda que os anglicanos han de chamalo en inglés, jejunum.

xexun

Empanada e xabaril para rematar un xexún


Verba seguinte: XIRINGA // Verba anterior: XEO // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2019
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com