XEO
Os efectos do desxeo afectan dun xeito irreversible a toda a humanidade, a todo o planeta, por enteiro. Son consecuencias de orde ecolóxica e asemade de orde económica.
O xeo provén como termo do latín gelu. O xeo, como elemento, da auga conxelada. Naturalmente, do mesmo xeo saíron logo xeado e xear. Achamos noutras linguas significantes semellantes, por exemplo, en catalá gelar, en provenzal gelar, a forma romanesa geler ou a éuscaro jela.
Ademais, o adxectivo galego xélido garda harmonía formal co castelán gélido, co catalán geliu ou mesmo co inglés gelid. Nalgúns outros casos, estas concordancias formais desfixéronse, derretéronse como se derrete o xeo. Iso é o que ocorreu, por exemplo, na lingua inglesa con jell e jelly ‘marmelada’ ou na lingua alemá con gelee ‘xelatina’.
Na lingua galega, o xeo e o xel poden ter algo que veren entre si? A primeira vista, pode semellar que moi pouco, máis ben nada. Cada cousa no seu sitio, non se vaia tomar unha pola outra, non convén as confundir. Agora ben, os camiños das linguas non son inescrutables e se nos internamos neles acaban por revelarnos unha lea de termos que de primeiras semellarían soltos e afastados. Hai unha substancia que se adoita empregar na fabricación dos xelados e da xelea. Esa substancia coñécese co nome de xelatina. Para gustos hai sabores, pero tanto os xeados coma a xelea son larpeiradas. A xelea prepárase mediante a cocción de froitas con azucre. Ao arrefriar vólvese sólida; por iso na fonte etimolóxica, na lingua francesa, chámaselle gelée. Doutra beira, o nome da xelatina chegou a nós por vía do termo italiano gelatina – á vez remoto empréstito do francés gélatine-, construído sobre a forma do participio do verbo gelare, gelata. Ao contarmos co substantivo, xelatina, axiña se puido facer un adxectivo, xelatinoso. E sobre a base deste xelatinoso veu a formarse un composto, o hidrato xelatinoso. Obviamente esta é unha expresión que resulta longa de máis para os tempos que corren e choca coa economía da linguaxe. Por iso o hidrato xelatinoso acabou sintetizando nunha soa voz, hidroxel. Aínda así, da abreviación hidroxel foi desagregado despois un dos elementos: o xel. Xa que logo, na cadea de transformación e síntese lingüística seguiuse unha orde minimalista: hidrato xelatinoso > hidroxel > xel.
Terra ben xeada
Verba seguinte: XEXÚN // Verba anterior: XENXIVA // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |