VERBAS

Por Espiñeira

XENXIVA (Enxiva)

Din os especialistas que unha boa hixiene bucodental constitúe o mellor xeito de previr a aparición de problemas estomatolóxicos que poden causar a medio e longo prazo graves danos de saúde. Se non coidamos nós mesmos acotío a boca ou se non facemos revisións periódicas, como decote recomendan os especialistas, as doenzas poden chegar a se facer irreversibles.

Entre outros órganos, para unha axeitada hixiene bucal cómpre atender con especiais coidados a lingua, o principal órgano do gusto. Na lingua está o gusto. Logo, se a lingua se bota a perder, perderemos o gusto. Coidar a lingua propia na nosa propia lingua é dicirmos xenxiva, do mesmo xeito ca outros coidan as súas ao diciren gengiva en portugués, gingiva en italiano, geniva en catalán, gengiva en provenzal, gencive en francés, ou ao usaren gingie en romanés. As linguas hai que as coidar ben e hai que usalas acotío. Se non se fai un bo uso e de xeito permanente, poden xurdir infeccións de tipo xinxival gingival na lingua inglesa-, que mesmo poden rematar por causar xenxivite gingivites por boca dos ingleses-.

As revisións periódicas dos especialistas son tamén esenciais, pois encárganse da previsión e da limpeza profesional. Así e todo, cada un de nós ten que se facer responsable acotío da propia hixiene. Coidemos a lingua propia para ter bo gusto.

xenxivas

Os dentes asentan nas xenxivas


Verba seguinte: XEO // Verba anterior: XEMER // TODAS AS VERBAS


ogalego.eu
Preparación ABAU
Léxico (exercicios)
2005-2024
Letras de cantigas galegas
Suxestións: ogalego@galicia.com