XEMER
De gemere, xemer, do latín ao galego, listo para ser usado. E en ambos os dous termos cun mesmo significado. Nin sequera se deu ningún cambio na conxugación verbal. Mantense xemer en segunda, rematado –er. Polo tanto, como noutros moitos verbos que no idioma galego seguen en segunda e que en castelán baixaron a terceira. Sen maior exhaustivididade cá dunha simple mostra, o mesmo ocorre en todos os múltiples derivados por prefixación de correr e romper: concorrer, decorre, discorrer, escorrer, incorrer, ocorrer, percorrer, socorrer, transcorrer, corromper, interromper, irromper ou prorromper. E igualmente noutras formas verbais como ferver, render, rexer, verter e outras máis. Como xemer. Do mesmo xeito acontece no idioma portugués, gemer, significante en harmonía con resultados como gemere no italiano ou geme no romanés.
O certo é que xemer xemer, o que se di xemer é o que fan algúns animais. As baleas azuis, por exemplo, son quen de xemeren de tal xeito que producen sons, xemidos, que poden chegar a se oír a unha distancia de cento sesenta quilómetros. Claro que as baleas azuis son os meirandes animais que habitan na terra. Outros, cativos coma nós, por máis que non deixamos de xemer ás veces nin nos oen nin nos escoitan.
Para comer un só este anaco de lacoeira de porco cómpre xemer
Verba seguinte: XENXIVA // Verba anterior: XEITO // TODAS AS VERBAS
2005-2024 |